Paz Andrade.-Letras Galegas 2012

Page 1

A dinamización da cultura Canda a isto, aposta por unha modernización da cultura, atendendo ao progreso económico e industrial do país e apunta a necesidade de apostar pola investigación científica. “O esforzo cultural de Galicia ten que ser reorientado e intensificado en consonancia coas novas condicións nas que a vida humana se desenvolve”, sinala, “este cambio nos fins da cultura reclama a adaptación ás novas esixencias, comezando desde a eduación e seguindo co ensino superior”. A transformación cultural debe, segundo el “salvar os valores humanos, defendéndoos contra a ameaza dunha nova e universal escravitude” de carácter economicista. Nesa mesma liña, Paz Andrade apunta a necesidade de integrar o esforzo empresarial e o cultural. Salienta neste sentido o exemplo das “colonias de emigrados fundadores de escolas, ou o risco dalgún individual benefactor cara á rexión, a aldea ou a cidade onde viviu”, ao tempo que deplora a ausencia doutras formas de mecenado “máis custosas ou especializadas”, que “apenas se produciron entre nós”. Estamos, sen dúbida nengunha, ante un home cun pensamento complexo encol da nosa realidade, que de certo ha dar para moitos debates e análises ao longo do vindeiro ano. Como se pode comprobar, moitas das cuestións que trata continúan, a día de hoxe, de plena actualidade e en moitos casos seguen a ser arelas pendentes de concreción. É de agardar este Día das Letras axude a coñecermos mellor e a valorar a visión integral sobre o país de Valentín Paz Andrade.


Elites e pobo Dentro desa necesidade de integrar a cultura está tamén o chamamento que fai este multifacético home a evitar a creación dunha cultura de elites no noso país. Ao seu ver, a creación, especialmente a literaria foise afastando do sentir popular xa algo antes de 1936 e a tendencia acentuouse despois. “Non poden descoñecerse as circunstancias extraculturais que desarticularon as institución de maior influxo, seccionaron as traxectorias e disiparon os palns. Nin o efecto dos mesmos imponderables, restrinxindo a comunicación entre as `elites´ e o pobo”, explica a falar dos efectos perniciosos do Franquismo na situación. No entanto, avoga por unha alta cultura que coexista coa acultura poplular: “sen a segunda, por moita calidade que a primeira conquiste será pura especulación” e non “unha contribución viva ao despregue das potencias receptivas e creativas que latexan na alma innumerable do pobo”. Seixas, pola súa banda incide, a seguir a visión de Paz Andrade, en que “isto supón sempre un desafío. Semella claro que mesmo a alta cultura debe estar refrendada polo pobo. Podemos pensar por exemplo en Manolo Rivas, que pode estar apoiado polos críticos pero ten tamén o apoio popular. Paz Andrade debe pensar nesa necesidade de refrendo, en que cómpre facer unha alta cultura coa que o pobo se identifique, pero sen caer na trampa de facer só cultura popular”.


Potencial cultural “Pensa que o que define un pobo é a súa cultura, pero ao tempo óllaa como un valor económico”, insiste Seixas. En Galicia como

tarea Paz Andrade declárase firme defensor da idea da cultura como “concepto dinámico” e un “proceso” que é “resultado o esforzo colectivo, acumulado no tempo e sobre unha terra determinados”. Fica claro na obra tamén a súa idea do feito diferencial galego, que atribúe a estarmos no recanto da Península menos tocado pola invasión árabe do ano 711, sen entrar a analizar se iso foi positivo ou negativo. Canda a isto, valora a importancia de Santiago e do fenómeno das peregrinacións como configurador da nosa cultura. “Coa invención do mito, Galicia encheu a historia medieval de Europa. E sostívoo, en constante esplendor, durante outros oito séculos, ata o XVII”. Con isto, reivindica a inserción de Galicia na “civilización cristiano-occidental”, e salienta unha “potencia vital dos galegos” e unha condición de “raza exuberante” que vencella á tendencia migratoria do noso pobo. A incidir na visión dunha cultura integrada cos sectores produtivos e mais na sociedade, Paz Andrade remata a súa reflexión sobre cultura chamando á necesidade de aproveitar o seu potencial para “tomar o home como materia e como espírito” e facer o esforzo para “desenvolver nel as potencias latentes”. É dicir, sitúa a cultura no primeiro termo dos esforzos de recuperación do país, a sinalar que “todos os problemas relativos á existencia galega e dos medios nos que se desenvolve, deben nutrir en primeiro termo a actividade cultural”. Como exemplo desta potencia cultural do país, o autor fai unha enumeración do grande número de creadores que deu Galicia ao longo da súa historia, así como na importancia da produción cultural no exilio.


Tempos duros “Supoño que a súa visión desde os seus comezos en A

Nosa Terra e no xornal Galicia iría evoluindo, pero en Galicia como tarea xa é un pensamento maduro” que máis ou menos mantería ata o final dos seus días, lembra Seixas. O investigador insiste en que hai que situar este multifacético home nun contexto histórico que o marcou sobremaneira. “É unha figura que vén do Partido Galeguista, moi vencellado a Castelao. Alguén que se presentou ás eleccións e non conseguiu saír e que logo ve como os seus compañeiros son asasinados ou represaliados”, lembra. Esta situación definiu en boa medida os eixes de acción de Paz Andrade. “É consciente de vivir no Franquismo con todo o que tiña de limitador. Entón tenta defender a cultura no que pode, e especialmente procura recuperar boa parte do que se desfixera en 1936. Aí está a fundación de Galaxia e o contacto co exilio. Tocáronslle tempos moi ingratos”, explica este investigador.


Galego, castelán e identidade A súa consciencia internacional non diminúe, no entanto, a súa aposta polo galego como signo identitario do país. “A conservación e cultivo do idioma propio é un imperativo ligado á vida e á economía dos habitantes de Galicia, tanto como á súa cultura e a súa historia”, salienta, apuntando que “un trato xeneroso cara ao galego nunca implicaría mingua para a difusión do castelán. Este risco no podería producirse hoxe. Ao contrario, trátase de incrementar a convivencia en proveito común", escribe. E é que Andrade non renega do potencial do dominio do castelán en Galicia, e mesmo chega a afirmar que a nivel literario o noso país está a dar grandes figuras para a lingua de Cervantes. Segundo el, de ningún territorio “obtivo España, en calquera momento histórico, tantos valores cimeiros e substanciais para o enriquecemento do idioma como os que Galicia lle ofertou neste período. Que, sincronicamente, é o de maior culto ao idioma propio”.


Internacionalización e Lusofonía “Incide moito na posibilidade de internacionalizar a nosa cultura através da lingua común con Portugal e Brasil”, lembra Seixas. E é que a defensa da unidade lingüística do galego e o portugués é un eixe do seu pensamento, que mesmo se verificou na súa práctica habitual. “Mantivo unha ortografía algo libre no sentido de que non escribía enteiramente en portugués pero tampouco empregaba as normas que aprobaran os seus compañeiros da editorial Galaxia. En todo caso os seus libros teñen un sabor claro a galego máis que a portugués”, explica Seixas. “Non sei se o facía como un xeito de transición ao portugués”, lembra. O apartado dedicado á lingua de Galicia como tarea é, na súa maior parte, unha acumulación de alegatos salientando o carácter internacional do galego e a chamar a atención do potencial que supón falar a mesma lingua que o Brasil, país que xa reclamaba como “futura potencia mundial”.


Avogado, escritor, activista político Data de Nacemento: 23 de abril de 1898 (19 de abril de 1987) Lugar de Nacemento: Lérez (Pontevedra) Currículum: Estudiou Bacharelato en Pontevedra. Posteriormente estudiou Dereito en Santiago. Ó remata-los seus estudios dirixe o diario 'Galicia', no que tamén colaboran Castelao, Risco, Maside e Vilar Ponte. En 1924 Valentín é condenado a un mes de cárcere polo carácter dos seus artigos. En 1931 foi candidato a Deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes. Despois do alzamento militar contra a República é desterrado a Verín e a Serra de Queixa. Posteriormente é confinado a Villanueva de la Serena (Extremadura). En 1939 casou con Pilar Rodríguez de Prada. En 1942 empezou a dirixi-la revista Industrias Pesqueras e en 1950 viaxou a Bos Aires invitado polo Centro Galego. En 1964 foi nomeado membro da Real Academia Galega co discurso titulado A Galeguidade na obra de Guimaraes Rosa. Despois da morte de Franco, formou parte da 'Comisión dos 10' da oposición democrática (con Cañellas, Felipe González, Tierno Galván, etc). En 1977 foi elexido Senador por Pontevedra, dentro da Candidatura Democrática Galega. Obras realizadas: Valentín Paz Andrade publicou numerosos artigos periodísticos. Como xurista amosou a súa preocupación pola realidade socio-económica de Galicia en obras como Pranto matricial, Galicia como tarea, Sementeira do vento, La marginación de Galicia, El capital como factor del desarrollo de Galicia, El sistema económico de la pesca en Galicia, Producción y fluctuación de las pesquerías, Los derechos sobre el espacio marítimo. A súa personalidade polifacética levouno tamén a publicar algunhas obras de poesía como Pranto matricial (1954), Sementeira do vento (1968), Cen chaves na sombra (1979) e ensaios como La Anunciación de Valle Inclán (1967), Transferencias etnológicas de Galicia en el Brasil Ulterior (1976), e A galecidade na obra de Guimaraes Rosa (1978). Paz Andrade amosa tamén a súa preocupación política en obras como O modelo federal para a constitución do Estado galego y Testimuñas e prespectivas de homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (1978). Ademais publicou a biografía máis importante que existe sobre Castelao titulada Castelao na luz e na sombra (1982).





Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.