Boletín xamón e queixo xuño 2015

Page 1

IES DE PONTECESO

Xamón & Queixo

BIBLIOTECA

BREVES PREMIOS CULTURAIS (25/04/2015) Dani Guzmán gaña a Biznaga de Ouro no Festival de Cine de Málaga coa película A cambio de nada. O xurado recoñece a Natalia de Molina e Ernesto Alterio como mellores intérpretes. (18/04/2015) Sen dotación económica e creado en 1956, o Premio Nacional da Crítica, é un dos máis prestixiosos que se concede aos mellores libros de narrativa e poesía publicados en España, tanto en castelán coma en galego, euskera e catalán. Os escritores Andrés Ibáñez e a súa novela Brilla, mar del Edén e Lorenzo Oliván e o seu poemario Nocturno casi foron os galardoados este ano en lingua castelá. En lingua galega, gañou en narrativa Zapatillas Rotas, de Xabier Quiroga e en poesía Celebración de Gonzalo Hermo. (12/04/2015) Os filmes Os fenómenos (4 galardóns) e A Esmorga (6 galardóns) foron os claros gañadores dos Premios Mestre Mateo deste ano. Pola súa banda Serramoura, emitida pola TVG, foi elixida mellor serie do ano. A actriz Fely Manzano foi a homenaxeada esta edición co premio de honra. (22/02/2015) Os filmes Birdman, de Alejandro González Iñárritu e El Gran Hotel Budapest, de Wes Anderson, foron as grandes triunfadoras da 87 edición dos Óscar. O británico Eddie Redmayne alzouse co Óscar ao mellor actor polo seu papel en La teoría del todo e Julianne Moore co Óscar á mellor actriz polo seu papel de profesora enferma de Alzheimer en Siempre Alice. La isla mínima (10 (07/02/2015) galardóns) foi a gran triunfadora na gala dos Premios Goya 2015 nunha gala onde o actor malagueño Antonio Banderas recibiría un Goya honorífico en recoñecemento á súa carreira. (06/01/2015) A 71ª edición do Premio Nadal de Novela recaeu no zamorano José C. Vales pola súa obra Cabaret Biarritz, na que un autor de novelas populares por encargo é enviado a esa vila vascofrancesa para investigar un crime acaecido quince anos atrás. OBITUARIO (02/04/2015) Falece aos 106 anos o cineasta portugués Manoel de Oliveira. (27/02/2015) O actor Leonard Nimroy, coñecido polo seu papel de Mr. Spock na serie Star Trek falece aos 83 anos de idade. (29/01/2015) Falece aos 70 anos de idade a escritora australiana Colleen McCulough, autora da novela El pájaro espino, que foi adaptada para unha serie de televisión con Richard Chamberlain. Ese mesmo día falecía a actriz española Amparo Baró. (07/01/2015) Sete xornalistas e debuxantes do semanario Charlie Hebdo foron asasinados nun atentado. (11/08/2014) O actor Robin Williams, protagonista de El club de los poetas muertos (1989), Señora Doubtfire (1993) ou El indomable Will Hunting (1997) foi atopado morto na súa casa de California.

SANDWICH CULTURAL

XUÑO 2015

XV SEMANA CULTURAL A Semana Cultural no IES de Ponteceso consiste nunha especie de “semana grande” da cultura a todos os niveis: obradoiros realizados por profesores, interesantísimas charlas, concertos, pequenas representacións teatrais, xornadas de portas abertas a outros centros e un longo etcétera de actividades. Ademais neste curso celebramos a edición número quince. Este ano contamos cun abano de actividades moi variado, desde concertos musicais (Not Only Shills, Patxaranga, Gendebeat, Magín Blanco) ata numerosos obradoiros (instrumentos tradicionais, cociña, caligramas, matemáticas máxicas, calceta…) pasando por representacións teatrais (Talía Teatro e Redrum) ou diferentes charlas. Toda unha festa da cultura!!!


TEATRO“CURRICULUM VITAE” DE REDRUM TEATRO Abre os ollos. Esta é a realidade do mundo laboral hoxendía, con moito humor, mais amarga realidade tamén: traballo-lixo, humillación do candidato a un emprego, enchufismo, competitividade, abuso de poder e ineptitude. Con camaleónica axilidade, Mónica García e Guillermo Carbajo – da compañía “Redrum” - intercambian os papeis nesta peza a cinco mans (Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés y José Prieto son os seus guionistas), dirixida por Álex Sampayo nominada nos Premios María Casares de Teatro nas categorías de Mellor Texto e Mellor Música.

CINE PRIDE Esta é a historia de dúas comunidades totalmente diferentes que se unen por unha causa común. Dous universos complexos, o do pobo mineiro galés e o do movemento gay e lesbiano británico de mediados dos 80, converxen e dan lugar a unha galería de personaxes cada cal máis memorable. Escenas que demostran que máis alá das preferencias sexuais o que importa é o que hai debaixo da pel: as persoas. Unha película baseada en feitos reais e que non hai que deixar de ver. Sabe transmitir optimismo e non deixa a ninguén indiferente. Moi grande a súa parte cómica.

LITERATURA

El tío Tungsteno,

Oliver Sacks Oliver Sacks amósanos un percorrido autobiográfico da súa vida no seu libro El tío Tungsteno. Sacks tivo unha infancia difícil, naceu nos comezos da 2ª Guerra Mundial en Inglaterra. Ao tempo que percorremos a súa infancia, moi achegada á ciencia e a química en concreto, percorremos tamén polos avances da química, pola historia da química e moitos dos seus segredos, que o químico precoz Oliver Sacks nos ensina. Un libro divertido e estraño ás veces, para os futuros químicos, o mellor libro. Martiño Rivera 1ºBACH B

A través de la ventana, de Jane Goodall Este libro recolle as investigación levadas a cabo por Jane Goodall. O traballo amosa o comportamento dos chimpancés observados na zona africana de Gombe , e tamén nos ensina as relación entre estes primates e algún dos parecidos que teñen cos humanos. Ángel Blanco 1ºBACH B

El arte de vender mierda, de Fernando Cervera Este libro deberíao ler todo o mundo, xa que explica as mentiras pseudocientíficas ás que estamos sometidos continuamente. O autor quere que a xente comprenda que os pseudocientíficos nos estafan aproveitándose na maioría dos casos da ignorancia, do medo e da desesperación. O obxectivo do autor é que a sociedade diferencie a ciencia da pseudociencia para que non volva ser estafada polo menos a través da ignorancia. Ademais este libro explica pseudociencias como a Orinoterapia, Ozonoterapia, Homeopatía e a Criptozooloxía. Esta última defende a existencia de animais místicos coma o monstruo do Lago Ness, de aí a imaxe. Lorena Martínez 1ºBACH B


DÍA DA MULLER TRABALLADORA A celebración do Día da Muller Traballadora é unha desas actividades nas que se implica máis o noso equipo de biblioteca, sobre todo as integrantes mulleres. Un ano máis unha actividade que xurdiu como unha idea do Plan Valora do instituto corre a cargo de EDNL e o equipo da biblioteca xunto coa inestimable colaboración dun feixe de profesoras e persoal non laboral do centro que sentimos que o feito de darlle relevancia ou visibilidade a mulleres que pasaron pola historia, ás veces de pés de la, é algo máis que un xogo. As mulleres do centro intentan realizar retratos que imitan a esas mulleres escollidas e realizamos unha exposición xunto coas súas interesantísimas biografías. Deste xeito, queremos incidir na importancia do traballo e esforzo que levaron a cabo durante moitos séculos e aínda máis agora na actualidade millóns de mulleres. Esta exposición fotográfica plasma esa perseveranza e tesón. Velaí unha mostra das mulleres homenaxeadas este ano: María Wonenburg, Eulalia de Liáns, María Moliner, …

DÍA DOS NAMORADOS Nesta celebración decidimos O EDNL e a Biblioteca, co gallo da celebración do Día dos Namorados, organizar un Concurso en directo de Relatos curtos de Amor e Desamor. O certame consistiu na creación dun relato breve durante o recreo do mércores 11 de febreiro. A temática da historia tiña que ver co amor ou desamor e a redacción debía ser colectiva, en grupos de dúas a catro persoas. A participación foi alta e aquí tedes os relatos gañadores.

1º PREMIO ESO: Uxía Casal, Ana Sánchez e Laura Rey. 2º ESO B “Estou soa no meu cuarto escuro, revisando os papeis da hipoteca que non podo pagar. Voulle ter que dicir adeus á miña casa, tras a traizón que me fixo o meu amado. Lembro aquel día coma se fose hoxe, cando volvemos da viaxe a París que fixemos xuntos hai dous anos. El díxome que xa non me quería e que marchaba vivir noutro lugar, colgado das súas lembranzas como un koala. Para min el era vital, como o son o fígado e o corazón. Agora mesmo atópome nun labirinto do que non sei saír, só me refuxio no meu querido piano, que é o único que me proporciona no corazón a luz que pode dar un misto e do que axiña me despedirei tamén.”

2º PREMIO ESO: Lara Blanco e María Fariña. 2º ESO A Un saúdo que non volveu “Era unha noite escura de outubro. A escuridade cubría as rúas de París. Laura, seguindo a súa rutina, dirixíase ao bar onde traballaba. Ese día había algo distinto, un home tocaba o piano lixeiramente fronte a unha ventá. A pesar da pouca luz, Laura puido ver a fermosura daquel home, alto e de ollos marróns. Tocaba coma se a vida se lle fose niso. Ela sentía o latexo do seu corazón e as bolboretas no fígado. Cada nota que tocaba aquel home misterioso era unha viaxe que a afastaba dos seus problemas, coma se non existise un hoxe nin un mañá, un labirinto de sensacións acumuladas nesa canción. Laura prende un misto para acender algunhas velas, para poder contemplar os dedos firmes agarimando as teclas…, coas súas pausas e retornos, co seu sentimento. Laura achégase. O home toca as notas cada vez máis graves ata que para en seco para contemplar o brillo que hai tras os ollos de Laura. Pasan os días e Laura pregúntase cómo poderá saír desa hipoteca con só o seu traballo. Está triste, só ten ganas de durmir como os koalas, durmir e esquecelo todo, o seu pasado, o seu presente, esquecer aquela noite en que sen querer se namorara daquel home do piano, aquel home que lle dixo adeus cando ela lle contou o seu escuro pasado naquel bar onde ela traballaba. Contoulle que non só traballaba de camareira e que un día un dos borrachos abusara dela. El sentiu a traizón e decidiu afastarse dela, deixar que superase todo iso e nalgún futuro podería ser que volvese. Cada semana sentaba ela fronte a aquel piano no que bebía para esquecer todas as lembranzas que lle traía aquela noite. Aquela noite que non volvería porque cun adeus se despediu e cun saúdo non volveu.”


DÍA DO LIBRO Nesta edición do Día do Libro organizamos unha serie de eventos para ser presentados ou iniciados nese mesmo día como son: a V Feira de Libros de Ocasión; Exposición de Gravados Literarios (en colaboración co Departamento de Plástica e o Departamento de Lingua Castelá e Literatura) e unha exposición de Libros de Artista (trátase da reutilización de libros vellos para crear un pequena obra de arte. Esta actividade realizouse en colaboración co Departamento de Plástica) A acollida da Feira de Libros de Ocasión foi bastante exitosa. Este ano continuamos coa decisión de baixar o prezo dos libros, coa intención de que a venda aumentase. O resultado final foi de case 180 libros vendidos (un pouco menos que en edicións anteriores); a recadación (105 euros) vaise ingresar nunha ONG que se dedique a proporcionar material escolar e libros aos máis necesitados así como levar a cabo accións solidarias en diferentes ámbitos relacionados coa educación. Temos que agradecer a colaboración do CEIP das Forcadas de Corme que doou unha cantidade significativa de libros para este mercado e tamén a doazón da Libraría Trasgo de Carballo.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS Coa colaboración do EDNL do noso centro, a biblioteca realizou un concurso sobre a figura homenaxeada este ano coas Letras Galegas, Xosé Filgueira Valverde. O concurso consistía nunha dobre proba: busca de información en internet e nos carteis conmemorativos de Xosé Filgueira Valverde. Ademais expuxéronse os carteis enviados pola Consellería de Educación sobre a vida e a obra de Xosé Filgueira Valverde.:

HOMENAXE A VARIOS AUTORES Non está a ser o 2015 un gran ano para as letras. No que levamos de ano faleceron tres grandes escritores.

Eduardo Galeano O 13 de abril finaba no seu Montevideo natal o escritor uruguaio Eduardo Galeano, considerado coma un dos máis grandes autores latinoamericanos. Entre as súas obras máis destacadas podemos atopar Las venas abiertas de América Latina, El libro de los abrazos ou Memoria del fuego.

Terry Pratchett O 12 de marzo falecía o escritor Terry Pratchett. Aínda que non é moi coñecido en España, é o segundo autor británico máis lido (tras J K Rowling, autora de Harry Potter) e o primeiro autor máis roubado nas librarías inglesas. A maioría das súas obras transcorren no Mundodisco, un mundo plano sostido por catro elefantes que á súa vez se apoian na cuncha dunha tartaruga… Neste extravagante espazo conviven unha morte que fala con maiúsculas, meigas moi sabias, magos algo torpes, un corpo de policía coa habilidade de non estar nunca onde está o perigo. E trolls, ananos, mulleres lobo, homes do saco… Todo isto fiado cunha sutil sátira do mundo no que vivimos.

Günter Grass Tamén nos deixaba o 13 de abril o escritor alemán Günter Grass, gañador no ano 1999 do premio Nobel de Literatura e do premio Príncipe de Asturias das Letras. Autor sempre polémico (aínda que sempre se declarou contrario a Hitler recoñeceu a súa pertenza á unidade de elite nazi Waffen-SS) foi tamén un referente moral e político na Alemaña posterior á segunda Guerra Mundial. Entre as súas obras cabe destacar El tambor de hojalata, El gato y el ratón, Años de perro y El rodaballo.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.