Copia de calendario para sementar

Page 1

SOMOS AGRICULTORES, COIDAMOS A TERRRA Calendario para sementar Informaci贸n recollida a dona Manuela Garc铆a Dobarro natural de Vilar, Soutolongo, de 83 anos, que toda a vida tivo unha horta.


OS TOMATES

CANDO SE SEMENTAN? Os tomates seméntanse no mes de febreiro. Serven para transplantar en maio. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? É mellor sementalos no minguante porque así as plantas dan moitos máis tomates. CANDO SE RECOLLEN? O tomates recóllense nos meses de agosto e setembro, segundo vaian madurando.


AS FABAS

CANDO SE SEMENTAN? As fabas seméntanse canda o millo, no mes de maio.Non se transplantan.

EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Deben sementarse no minguante porque así as plantas botan moitas cornellas e as fabas son máis grandes. CANDO SE RECOLLEN? As fabas recóllense no mes de setembro, algunhas coa cornella verde para comelas en verde e outras coa cornella seca para gardar e ir comendo ao longo do ano e tamén para deixar para a semente.


OS CHÍCHAROS

CANDO SE SEMENTAN? Xa se poden sementar no mes de xaneiro, tamén se botan en febreiro, marzo e abril. Non se transplantan. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Hai que botalos no minguante porque así teñen moitas máis cornellas e os chícharos son máis grandes. CANDO SE RECOLLEN? Os que se sementan en xaneiro xa veñen a principios de xullo. Os que se botan en febreiro, marzo e abril valen para recoller en agosto e setembro.Os que se deixan secar, valen para a semente.


OS FEIXÓNS

CANDO SE SEMENTAN? Os primeiros seméntanse a principios de abril.Tamén se poden botar en maio ou en xuño. Non se tansplantan. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? A Lúa debe estar no minguante porque así as vaíñas son máis grandes e moito máis abundantes.

CANDO SE RECOLLEN? Os que se sementan cedo, en abril, veñen polo 25 de xullo. Os que se botan en maio valen para recoller en agosto (polo 15 máis ou menos). Por último, os que se sementan en xuño, cóllense en setembro.Os que se deixan secar, poden gardarse para sementar.


OS PEMENTOS

CANDO SE SEMENTAN? Seméntanse no mes de febreiro e transplántanse en maio. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? É conveniente sementalos no minguante, xa que así as plantas dan moitos máis pementos. CANDO SE RECOLLEN? Empezan a recollerse a finais de xullo ata finais de setembro, segundo vaian valendo. Aos que están ben maduros, pódeselle coller a semente, poñela a secar e gardala para sementar.


AS CABAZAS

CANDO SE SEMENTAN? As cabazas seméntanse durante os meses de abril e maio. Mellores son as que se botan en abril. Non se transplantan. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Pódense sementar en calquera fase da Lúa. CANDO SE RECOLLEN? Débense recoller no mes de outubro, antes de que comece a xear, para que se conserven mellor. Pódeselle recoller a semente, poñela a secar e gardala para sementar.


AS LEITUGAS

CANDO SE SEMENTAN? Xa se empezan a sementar no mes de xaneiro e séguense sementando durante todos os meses ata agosto incluído. As que se botan en xaneiro e febreiro valen para transplantar en abril. As que se sementan en marzo, abril maio, xuño, xullo e agosto, como vai máis calor, medran máis e veñen axiña para transplantar. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? É conveniente sementalas no minguante para que non espiguen. Ademais, se se botan no minguante cerran mellor. Se van no crecente, son abertas e espigan máis. CANDO SE RECOLLEN? Despois de transplantalas, se vén bo tempo, tardan máis ou menos un mes en valer para recollelas. Para gardarlles a semente, hai que deixalas espigar, e, cando a semente está madura e seca , recóllese.


A COLIFLOR E O BRÓCOLI

CANDO SE SEMENTAN? Seméntanse en febreiro, marzo, abril e maio. Pódense transplantar ao cabo de tres meses, aproximadamente, despois de sementalas. Tamén se poden rarear e deixalas no porral. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? É mellor sementalas no minguante para que non espiguen.

CANDO SE RECOLLEN? Recóllense en agosto, setembro e outubro, segundo vaian valendo.


AS CENORIAS

CANDO SE SEMENTAN? Seméntanse nos meses de marzo, abril, maio e xuño. Non se transplantan, déixanse no porral e pódense rarear. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? É conveniente sementalas no minguante porque así non espigan e son mellores. CANDO SE RECOLLEN? Recóllense en xullo, agosto, setembro e outubro, dependendo do mes no que se sementaron.


OS PORROS

CANDO SE SEMENTAN? Seméntanse nos meses de febreiro, marzo, abril e maio. Pódense transplantar ou rarealos e deixalos no porral. Valen para transplantar aproximadamente ao cabo de tres meses de sementalos. Así, por exemplo, os que se botaron en febreiro transplántanse en maio. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Ao que enche a Lúa xa se poden botar e, mellor aínda, no minguante para que non espiguen. CANDO SE RECOLLEN? Vanse recollendo ao longo do ano cando se queira, pois consérvanse moi ben e aguantan ben o frío e as xeadas.


OS TIRABEQUES

CANDO SE SEMENTAN? Os primeiros seméntanse en xaneiro. Tamén se poden botar en febreiro, en marzo e en abril. Non se transplantan. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA Hai que sementalos no minguante porque así botan moitas máis vaíñas e máis grandes. CANDO SE RECOLLEN? Os que se botan en xaneiro veñen a principios de xullo.Os que se sementan nos meses seguintes, recóllense a finais de xullo, en agosto e en setembro. Os que se deixan madurar, valen para gardar para a semente, deben ter as cornellas ben secas.


A REMOLACHA DE MESA

CANDO SE SEMENTA? Seméntase nos meses de marzo, abril e maio. Pódese transplantar ou rareala e deixala no porral. Vale para transplantala, aproximadamente, ao cabo de dous meses de sementala. Así, a que se bota en marzo, transplántase en maio; a de abril, en xuño; a de maio, en xullo. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Ao que enche a Lúa xa se pode botar e, mellor aínda, no minguante para que non espigue. CANDO SE RECOLLE? Recóllese en xullo , agosto e setembro, segundo o mes no que se sementou e ao que vaia valendo.


AS CABACIÑAS

CANDO SE SEMENTAN? Seméntase nos meses de marzo e abril. Pódense transplantar ou rarealas e deixalas no porral. Valen para transplantar xa en maio. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Dá o mesmo a fase na que se atopa a Lúa para sementalas. CANDO SE RECOLLEN? Recóllense en xullo e agosto segundo o mes no que se sementaron e ao que vaian valendo. Pódeselle recoller a semente, poñela a secar e gardala para sementar.


AS COLES

CANDO SE SEMENTAN?

As coles seméntanse no mes de setembro, para transplantalas no mes de febreiro. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Mellor sementalas no minguante, para que non espiguen. CANDO SE RECOLLEN?

Xa se comezan a coller ao cabo de dous meses de transplantalas e dan verdura aproximadamente durante un ano,ata que espigan.Ás que espigan, pódeselle recoller a semente cando estea ben madura e seca.


AS PATACAS

CANDO SE SEMENTAN?

As patacas de cedo seméntanse no mes de febreiro. As patacas de tarde seméntanse a últimos de abril ou primeiros de maio. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Deben sementarse no minguante porque así granan máis e son máis grandes, xa que non botan tanta rama. CANDO SE RECOLLEN?

As de cedo arríncanse a primeiros de xullo e as de tarde arríncanse a primeiros de setembro.


OS REPOLOS

CANDO SE SEMENTAN? Os repolos seméntanse no mes de setembro para transplantalos en febreiro. Tamén poden sementarse en febreiro para transplantalos en xuño. Tamén se poden botar en maio e transplantalos en agosto. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Mellor é sementalos no minguante, para que non espiguen. CANDO SE RECOLLEN? Valen para coller ao cabo de dous meses de transplantalos e dan verdura durante uns dez meses aproximadamente, porque logo espigan. Aos que espigan, pódeselle recoller a semente.


OS ALLOS E CEBOLAS

CANDO SE SEMENTAN?

Os allos e cebolas seméntanse a mediados de decembro. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA?

No minguante ou decrecente, porque así non espigan e ademais os allos teñen as cabezas e dentes máis grandes e as cebolas tamén son mellores ao sementalas no minguante. CANDO SE RECOLLEN?

Os allos recóllense a finais de xuño e as cebolas en agosto.


O TRIGO

CANDO SE SEMENTA?

O trigo seméntase en abril. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA?

Mellor é sementalo cando enche a Lúa, porque así ten mellor espiga e os grans son máis gordos. CANDO SE RECOLLE?

Recóllese en agosto, cando está maduro e seco.


O MILLO

CANDO SE SEMENTA?

O millo seméntase a últimos de abril ou primeiros de maio. EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA?

É mellor sementalo no minguante, porque así médralle menos a palla e ten a espiga máis baixa e tamén lle medra máis a espiga. Se se sementa no crecente da Lúa médralle moito a palla e a espiga vale menos e ademais está moi alta e é máis malo de escarochar ou esfollar. CANDO SE RECOLLE? Recóllese unha vez que está maduro e seco, a finais de outubro ou principios de novembro.


OS NABOS

CANDO SE SEMENTAN? Os nabos xa se comezan a sementar a últimos de agosto ata mediados de setembro. Para nabizas son mellores os que se botan en agosto, pero para grelos son mellores os de mediados de setembro. Cando se sementen a terra ten que estar moi húmida.

EN QUE FASE DEBE ESTAR A LÚA? Dá igual a fase na que se atopa a Lúa á hora de sementalos.

CANDO SE RECOLLEN? As nabizas xa valen para coller ao cabo dun mes ou mes e medio de sementar os nabos e os grelos comezan a collerse a mediados de xaneiro (os de cedo) ata abril (os de tarde). Aos que espigan, pódeselle coller a semente cando estea ben seca e madura. Vilatuxe, xaneiro de 2014.



Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.