A vixilia do bosque G - Manuel Álvarez Torneiro

Page 1

M ANUEL Á LVAREZ T ORNEIRO

A vixilia do bosque

DEIXOU AQUÍ A TARDE VIRADOS, SEN RUÍDO, os seus caldeiros de cobre e unhas brasas, a voluta lentísima dun incenso violeta e unha esfera de cinza: ese esluimento dos días máis anónimos, de espellos excedidos.

Negou a hora do xuízo humano, turbouno como paz lisérxica; quixo, quizais, que nos gañase o soño, que nos vencese cos ollos abertos e a espera rendida. Que nada máis quixésemos por hoxe faltando tanto.

17

AGORA PODO DARCHE AS RECOMENDACIÓNS para atopar a menta da que sempre che falo, a escandalosamente recordada; rememorar o clima familiar dos antigos salóns e o mar, ese espazo aínda crible.

Agora podo, no advento da luz, escribir esta páxina a expensas dun ceo que non é o da miña fe pero doa os paxaros que chían loucamente reprobándonos algo de pronto innominable. Paxaros que se perden nunha apoteose de crepúsculo para voltar de novo á primeira alba da terra.

Agora podo contarche as historias minúsculas do orballo e da formiga, traducir as promesas escritas no muro que ampara as colmeas.

Nada mellor que facer para que sexan menos os desertos, menos a verdade e o berro e menos a lingua grosa do bufón de sempre. Podo enviarche rosas de insomnio, mensaxes de desexo,

18

falar do vento que traspasa os días con agoiros de luns e daquilo que move a teorizar: este aroma é azul pero ninguén o sabe. Aquela ponte é tan só dos amantes que bican na caluga: vinos urxentes, sufocantes, plenos deste mundo… Podo falarche de Chagall en acuarela párvula, do aceite das bestas e dun coitelo en lóstrego; chegar a ti nas mans da fe máis cumprida, hoxe que tantas palabras menten escandalosamente e chove soidade: esa dura intemperie sobre unhas vías mortas que onte eran camiño.

19

ALGUÉN XA NON ESTÁ E NON HAI NOVAS.

O que hoxe enlouquece tivo un día razón.

Hai nos ollos do can unha sabedoría.

E hai turistas que veñen recordar a chuvia.

Hai pegadas detidas baixo a orballada da misericordia e hai seos de pan branco para as fames do mundo.

Hai un disturbio grave en toda véspera.

Negra é a neve que vai quedando ás costas.

E un coitelo é nupcial se ti o anulas e as bágoas son a fertilidade que soñan as estatuas.

Todo é certo este día: as túas novas tan vellas, o senfín do futuro, ese salgueiro que languidece acuoso, en clarescuro.

Aínda dá a luz con dor a primavera.

Alguén xunta moedas

20

para mercar setembros.

Alguén desbalde infancia nese xesto de achegarse aos bazares pensando algo vermello para as penas, música para os meses fríos ou algo inútil ou desclasificado.

Alguén xa non está e, con todo, alenta ou enterra sementes, ou rememora o terror dos que agonizan, o ferro que respira e o fluído que mana do detrito.

O día de mañá é este día: o aprendido atravesando os anos ao longo do tempo.

21

QUE FOI DAQUEL FUTURO?

Non partiu a quimera tan novicia e solar, nin a onda nupcial bateu con todo o soño no muro das arañas e das hidras.

Que foi do que soñamos?

Un diluvio de espadas veu un día probarnos, un calendario de albas de candil agónico, un trebón desquiciado

decidindo de súpeto non ser da primavera, nin da pomba do reino, nin do ardor Albinoni.

Veleno foi a flor no verso dos conformes de luva ensanguentada.

Aquí plantaron millo aqueles homes. As mulleres velaban os mapas invisibles e unha paz que nacía cun perfil de montaña e púrpura de entregas; aqueles que agardaban os trens que non chegaron,

22

os que nunca souberon do nardo do minuto cando se ama.

Cego, xordo e covarde foi o medo, muda, e a berros, a bágoa.

Sobrevoa esta luz tanta memoria: un agosto de cal, olladas líquidas, espírito de Mauser e Astra decisoria, calibre suficiente en parietal esquerdo, na entraña do futuro.

Imaxinade un túmulo de altura acusadora e o grande unxido de prerrogativas; a súa colección de coágulos, o purulento e o erecto señoreando as torres, o bípede expulsado da grandeza, «tanto envorcamento de vestidura en sangue» e a cóbrega griseira, involucrada.

Imaxinade, si, a ollada mística, o aforcado en agosto,

23

ISBN 978-84-19213-51-8

9 7 8 8 4 1 9 2 1 3 5 1 8
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.