Artesáns de Pontedeume

Page 1


LIMIAR Durante o curso 2007/ 2008 desenvolvemos no noso colexio un proxecto, ao longo de todo o ano, sobre os traballos artesanais en Pontedeume. Á proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega a actividade das aulas encheuse de preguntas, investigación, documentos, visitas, saídas ao medio... As nenas e os nenos tomaron contacto directo cos oficios e os traballadores de diferentes sectores que estando tan preto deles eran tan descoñecidos. Partindo dos coñecementos previos xurdiron preguntas que atoparon resposta a partires de observacións directas grazas a representantes de diferentes oficios. As pasteleiras que nos recibiron no seu obradoiro, a palilleira que visitou as nosas aulas, os donos dos invernadoiros de Centroña que nos aprenderon os segredos dos seus cultivos, o pandeireteiro de Andrade, os Canosa, as xentes do mar...A todos eles, moitas grazas! Despois de moitas vicisitudes o Equipo de Biblioteca pensou que o produto final deste proxecto merecía perdurar no tempo nas nosas aulas nas que se valora a curiosidade, a posta en valor do noso e a apertura da escola á contorna. Froito desta reflexión nace este documento que tedes nas vosas mans.


A Pastelaría As nenas e nenos de 1º visitamos a pastelaría Obradoiro para aprender un pouquiño sobre o oficio de pasteleiro. As irmáns Maribel, Bea e Dalila seguiron os pasos da súa nai, Cristina Dopico. Esta pastelaría está especializada en produtos típicos da nosa bisbarra e todo está feito artesanalmente, sen aditivos, conservantes ou colorantes. Os doces máis vendidos son os melindres, os amendoados e a proia. Tamén preparan bola de tona, tarta de mazá, tarta de queixo, biscoitada e manguitos. Ademais dos doces preparan empanadas con diferentes recheos como atún, carne de porco, vieiras... Un produto que nos chamou a atención foi a costrada, unha especie de empanada con varios pisos rechea de diferentes cousas; a receita chegou ata nós grazas a Cristina Dopico, que a recibiu directamente dunha monxa; dise que esta receita vén dos monxes agostiños e data da Idade Media. Pontedeume tamén ten unha tarta típica, moi similar á tarta de Santiago, con améndoas, ovos e azucre por enriba pero é unha gran descoñecida na nosa vila.

Un día calquera para as nosas pasteleiras comeza ás oito da mañá, cando chegan ao seu obradoiro para prepara os produtos máis consumidos e as encargas do día. As súas roupas de traballo son un mandilón e un gorro brancos que necesitan por cuestión de hixiene. Ás 10.00 da mañá a pastelaría xa está arranxada para recibir aos seus clientes, o olor arrecende aammmm. Pola tarde tamén traballan cara o público e á tardiña deixan todo listo e limpo para o día seguinte. Antigamente, os pasteleiros utilizaban sobre todo as súas mans e distintos utensilios sinxelos, como os rolos, as varillas e as culleres para elaborar os seus produtos pero hoxe en día o seu traballo está facilitado por algunhas máquinas, como a amasadora, a batedora e a estiradora de masa, que nun momento estira a masa para as empanadas co grosor que un queira. Os fornos eléctricos industriais tamén fan o traballo máis doado, xa que se pode controlar os tempos de cocción e a temperatura facilmente.


A PastelarĂ­a

Na nosa visita axudamos a preparar melindres

Vimos como se elaboraba unha empanada de atĂşn

O rolo

A estiradora


Bola de proia Imagen de muy mala calidad

Elaboración: . Amasar a fariña con auga quente, sal e levadura. . Engadir os ovos batidos, dúas culleradas de azucre e a metade da manteiga. . Deixar levedar durante tres horas e media. . Estirar a masa no molde, pouco groso, e poñer por riba moito azucre e a manteiga. . Fornear trinta minutos entre 180º e 200º e, ao sacala, botarlle canela e anís Receita da avoa de Sara Allegue González

Ingredientes: . Tres cuartos de quilo de fariña. . Trescentos gramos de manteiga. . Medio quilo de azucre. . Tres ovos. . Canela. . Anís, auga, levadura e sal.


Vocabulario: . . . . . . . . . .

Biscoitada: Bola característica de Pontedeume, feita con ovos, fariña e azucre. Amendoado: Doce feito a base de améndoas moídas, claras de ovo e azucre. Melindres: Rosquillas confeitadas de azucre. Cocadas: Doce feito con coco, claras de ovo e azucre. Costrada: Empanada de varios pisos e sabores. Confeitería, docería ou pastelería: Establecemento onde se venden e elaboran toda clase de doces e confeitos. Confeiteiro/a, doceiro/a ou pasteleiro/a: Persoa que fai ou vende doces. Espátula: Paleta pequena. Pa de forno: Ferramenta composta dun mango e dunha folla de madeira para meter e sacar as bolas do forno. Manopla: Luva para protexerse da calor.

Ditos relacionados coa profesión de pasteleiro: . A ninguén lle amarga un doce. . A gusto dañado, o doce resúltalle amargo. . Iso non cola nin con chocolate.

Amendoados

Melindres


Encaixe de Bolillos HISTORIA DO ENCAIXE DE BOLILLOS: Hai varias lendas sobre a orixe do encaixe, das que destacamos unha antiga que fala dun mozo mariñeiro namorado dunha fermosa rapaza, coa que non podía casar porque eran pobres. Un día, soñando fronte ao mar, viu unha serea que se namorou del e invitouno a ir con ela. O mozo faloulle da súa namorada e a serea compadecéndose deles, regaloulle unha fantástica caracola que cada vez que a súa moza a escoitaba inspirábaa a crear un encaixe e esta dáballos a coñecer ás súas veciñas. Lendas aparte, a orixe do encaixe podería esta na imitación dos entrecruzados das primeiras redes e mallas que os nosos antepasados comezaron a tecer para a pesca ou a captura de animais.

O ENCAIXE DE BOLILLOS EN GALICIA: A chegada do encaixe a Galicia realizouse a través de diversas vías: . Coa chegada dos árabes á península. . Cos pelegríns que facían o Camiño de Santiago. . Nos intercambios comerciais con Europa e Oriente. Por outra parte, sábese que no século XIV o conde Fernando de Andrade marcha para a guerra de Flandes, con moitos nobres galegos e un numeroso exército da comarca de Pontedeume e que á súa volta, estes homes viñeron casados con mulleres que coñecían a técnica do encaixe e trouxeron modelos, mostras e encaixes que ensinaron á xente de Galicia. O oficio de palilleira era un dos máis comúns entre as mulleres das localidades costeiras. Os cartos que se obtiñan coa venda dos encaixes servían para completar a economía de familias campesiñas e mariñeiras. Durante séculos o encaixe galego exportábase a Europa e América, sendo recoñecido como un dos mellores . O historiador Antonio Couceiro Freijomil no seu libro “Historia de Pontedeume e a súa comarca”, escribe: “...A industria do encaixe de palillos practicárona a empezos do século actual (XX). Esta industria, traída de Camariñas, tiña ocupadas a moitas mulleres e constituía un medio de ingresos en moitas casas. A venda non estaba ben organizada: o frecuente era que un señor a viñese a recoller periodicamente polo prezo que el marcaba,”. O encaixe galego é máis coñecido como encaixe de Camariñas porque foi nesta vila onde se empezaron a facer mostras e exposicións que axudaron moito á promoción desta artesanía.


Elementos do encaixe de bolil os Imagen muy mala

. A almofada: É un saco de tea recheo de palla (díxonos a palilleira Fe que a mellor é a de Castela), con dous paus na parte superior. Da metade para abaixo cúbrese cun hule (cuira) ou un material forte, para que os bolillos non rompan a tea. Na parte superior, no centro, colócase a plantilla co debuxo (picado) e os alfinetes cos que se vai marcando o camiño no labor. Tamén se colga a bolsa cos novelos de fío. Teñen formas e medidas diferentes en función do traballo. A máis común é a de Camariñas . O fío: Ata o século XX o fío dos encaixes era o liño, na súa maioría procedente de plantas cultivadas en Galicia. Despois da II Guerra Mundial, o liño foi substituído polo fío de algodón, que viña preparado de fábrica, era maís barato e con mellor feitura. Hoxe en día, estanse a facer ensaios para sementar de novo liño en Galicia co fin de ser empregado nos encaixes. . O picado ou plantilla: É o modelo feito en cartón escuro ou papel fotocopiado onde ven representado o debuxo do encaixe e que serve de guía. Cada liña do debuxo representa a un par de bolillos, se a liña é moi grosa representa unha trenza. Cada cruce de liñas ou cada punto representa o sitio onde hai que poñer o alfinete. Os modelos orixinais gárdanse e algúns hérdanse de nais a fillas ou de mestra a alumna. Moitas veces o debuxo repítese tanto que acaba sendo un costume do lugar onde se fai. . Os palillos ou bolillos: Son os utensilios que se manexan para entrelazar o fío. Están feitos de madeira. Antes eran feitos á man polos homes das palilleiras con madeira de buxo que é a máis resistente. Actualmente fanse con tornos polo que saen máis baratos. Os palillos teñen formas variadas e algúns son verdadeiras obras de arte. . Separadores: Empréganse para suxeitar os bolillos cando o traballo é moi grande.


Como se traballa A técnica consiste no entrecruzado de fíos. Os palillos sempre van por pares e sempre se traballan de catro en catro. Os movementos básicos son: a volta e os cruces. Os puntos básicos son: medio punto ou gasilla e punto enteiro ou punto de lenzo. As partes do encaixe son: o pé, que é o espazo do encaixe que vai cosido á tea; a parte central, que é a ornamentación do encaixe e á beira exterior chámaselle puntilla.

As palilladas

Cantigas populares: Palilleira que palillas no cordón da almohada, dime ti, palilleiriña, a quen te dada palabra. O amor da palilleira non o queiras meu irmán. porque leva todo o día sempre sentada no chan. Eu nacín en Pontedeume unha vila mariñeira onde teño os meus amores cunha nena palilleira.

Tradicionalmente algunhas mulleres da nobreza e das familias ricas palillaban por gusto no seu tempo de lecer pero a gran maioría facíao por necesidade ou para ensinar ás máis novas. As propias palilleiras tíñanse que encargar de buscar ou mercar o material e vender os traballos, que por certo, eran moi mal pagados. A palilleira podía traballar soa na casa dunha delas no que chamaban “as palilladas”. Estas reunións servían como escolar de aprendizaxe do oficio, lugares nos que se comentaban as novidades, cantábase e as mozas recibían as visitas dos seus mozos. Os sábados ou domingos remataban en panderetadas e mesmo bailes. Hoxe as palilladas oron substituídas por asociacións e escolas de artesáns. Aínda que a maioría das palilleiras son mulleres, tamén hai homes aos que lles gusta e relaxa palillar.


Traballo agrícola en invernadoiro Un invernadoiro é unha construción que se pode cambiar de sitio, cunha estrutura metálica cuberta cun material diáfano que permite pasar a luz solar. Ao mesmo tempo a cuberta é resistente para aguantar as inclemencias do tempo. Moi importante é a ventilación para evitar problemas: exceso de humidade, pragas, fungos... Diferentes tipos de invernadoiro: Hai diferentes tipos de invernadoiros segundo o material que se empregue na súa estrutura e a forma que teña: de madeira, aluminio, etc. Poden ter forma de caseta, tipo túnel, laterais rectos e arcos na parte superior... As cubertas tamén varían en función do que se queira cultivar e os materiais empregados na súa construción poden ser de cristal ou vidro, PVC, plástico... En Galicia, dada a latitude e climatoloxía, as cubertas semicirculares son as idóneas para a captación da luz. Principais vantaxes de cultivos e invernadoiros: . Máis precocidade nos cultivos. . Máis calidade nos produtos. . Produción fóra de época. . Control da climatoloxía. . Control da auga. Preparación para o cultivo: Dentro do invernadoiro establécese un sistema de rega á pinga que aforra auga e ao mesmo tempo leva incorporados fertilizantes. Para este sistema de rego empréganse tubarías perforadas que chegan a todo o invernadoiro e van soltando auga pouco a pouco. A preparación da terra consiste no seguinte: . Levantar os tubos de rego. . Mover toda a terra e incorporarlle abono orgánico. . Facer mesas de pouca altura.


Sementes: Obtéñense deixando varias plantas para quitar despois as sementes ou mercándoas nun viveiro. Nun invernadoiro hortícola desta zona as plantas cultivadas son: acelga, apio, berenxena, cabaciño, leituga, tomate, coliflor, col de Bruxelas, remolacha... Transplante: Para facer o transplante hai que esperarlle a cada planta o seu momento: unhas tardan 30 días, outras 40, outras 45 días, etc. dende a sementeira; así a planta estará ben enraizada e non sufrirá co cambio. En calquera caso ningunha planta deberá estar máis de seis semanas nas bandexas. Antes do transplante, a terra ten que estar preparada. Ao medraren, algunhas plantas necesitan titores: tomates, fabas, chícharos... Unha das formas de entitorar nun invernadoiro é mediante cordas que van dende o chan até unhas barras colocadas a media altura. Cando chega o momento da recolección, o agricultor vendo os seus produtos en mercados ou a través de cadeas comerciais. Vocabulario (apeiros utilizados por un agricultor): Fouciño: Legón:

Grade:

Enciño:

Eixada:

Raño:

Arado:

Caínzo:

Labores do agricultor: . Sementar: Plantar a semente na terra para que se reproduza. . Rarear: Arrincar plantas para regular a súa cantidade e se desenvolvan mellor as que quedan. . Sachar: Remover a terra co sacho. . Acoeirar: Arrimar terra ao talo das plantas para que medren con máis vigor. . Entitorar: Suxeitar a planta para que medre dereita. Faise con pau, cordas... . Esmoucar: Quitar as gallas a unha planta. . Recolleita: Labor de recoller os produtos do campo.


A pandeireta e o pandeireteiro A pandeireteira e o pandeireteiro son as persoas que teñen como oficio a construción de pandeiretas. A pandeireta é un instrumento de percusión presente en moitas culturas. Está formado por un aro sobre o que se tensa unha pel, cubrindo un lateral. Suxeito a el hai un conxunto de elementos chamados ferreñas. Adóitase tocar cos dedos, golpeando sobre a pel ou batendo sobre a man. A pandeireta forma parte do folclore europeo dende sempre. En Galicia é un instrumento moi habitual, pola súa facilidade de emprego. O aro fúrase para introducir varios pares de ferreñas de latón ou outros metais, que lle dan o seu son característico. Tocase agarrándoa coa man dereita e manténdoa ergueita verticalmente. Xírase sobre o seu eixe vertical central, facéndoa bater contra a man esquerda (estendida, pechada ou contra os dedos). Tamén se abanea ao aire. Existen ademais outras variantes interpretativas. Emprégase como instrumento de acompañamento, ben en grupos instrumentais, ou para levar o ritmo mentres se canta.

Como se fai unha pandeireta? Córtanse e móllanse as follas de madeira. Colócanse no molde. Fanse os buratos para poñer as ferreñas. Pegámolas con cola de carpinteiro. Ponse o aro e colocámoslle a pel, que se cose e a suxeitamos cunha corda. Ao remate colocaranse as ferreñas.


OS CARPINTEIROS As características especiais da madeira convertírona nun material básico para construír vivendas, mobles, ferramentas, vehículos e outros moitos productos ao longo da historia. De feito , o oficio de carpinteiro é un dos máis antigos da humanidade. Ao principio utilizáronse para facer garrotes e frechas, despois canoas, arados, ferramentas, bancos e cadeiras dunha soa peza, e máis tarde complexos adornos de ebanistería Observouse que cada variedade de madeira tiña unha textura, cor, fragancia e propiedades especiais, e según elas utilizáronse nunhas aplicacións ou noutras. O oficio de carpinteiro era un dos máis estendidos por todas as aldeas. Habíaos especializados coma os fragueiros que construían os carros do país, os ebanistas, artesáns das obras máis finas ou os cubeiros, especialistas das ribeiras productoras do viño. Encargábanse de facer as cubas do viño e pola xeral estes eran traballadores temporais nas zonas vitivinícolas.

Unha especialidade era tamén a do carpinteiro de armar que é o que prepara e coloca a estructura dos pisos e o teitume das casas. O carpinteiro de taller que como o seu nome indica, tiña un sitio fixo. Cubría xeralmente todas as especialidades nunha mesma población e traballaba coas ferramentas propias do oficio. Entre elas, unha peza fundamental era o banco de carpinteiro. Unha mención especial merece o ebanista. Estes traballan no deseño e na elaboración de mobles, xeralmente con maderas de calidade; axustan as pezas con grande precisión, aplicando ao mesmo tempo os seus coñecementos sobre as características e propiedades de cada variedade de madeira. O traballo dos ebanistas conclúe cando o obxecto foi alisado con papel de lixa para eliminar as pegadas que deixasen as ferramentas de corte, e cando lles aplicaron os productos de acabado. Os acabados máis comúns son: ceras, aceites, decolorantes, tapaporos, tintes, lacas barnices...


CARPINTEIROS DE RIBEIRA Unha das especialidades dentro da carpintería, e que en Pontedeume tivo unha moi grande tradición ata hai poucos anos, era a carpintería de ribeira. Este carpinteiro construía embarcacións de todo tipo, tanto para o mar como para o río. Xeralmente estes obradoiros coñecidos Como asteleiros, situábanse a caron do mar e adoitaban estar feitos en pedra e madeira e o carpinteiro soía vivir preto deles, xunto á familia, o que tamén favorecía a transmisión do oficio ós máis novos. Os asteleiros eran, ademais do lugar de traballo, o lugar dende o que se botaba o barco ao mar unha vez rematado. Por iso debía estar situado en zonas ben comunicadas, protexidos do vento e cunha profundidade de auga suficiente para favorecer a súa saída.


AS FERRAMENTAS As pezas, xeralmente, xa chegaban cortadas ao taller, pero se podían acurtar con serras de diferentes usos coma o serrón ou o serrán de punta. A garlopa servía para endereitar a táboa e o garlopín para arrincar as beiras. O cepillo, o rebaixador, o acanalador,…o formón, servían para facer os adornos. Os buratos necesarios na madeira facíanse coa trencha, coa gubia ou co berbiquí. Outras pezas como o sarxento, o martelo, as tenaces, desparafusadores… serven para armar as pezas, cravándoas ou encolándoas. A meirande parte das ferramentas mauais que se utilizan na actualidade sufriron poucos cambios dende a Idade Media. A mellora máis importante é a utilización de aceiro en vez de ferro nas superficies de corte.

Garlopa

Berbequí Formóns

Gubias

Martelo

Cepillo de man

Sarxentos

Serrucho de costela

Tenaces

Serrucho


Zoqueiros Este é un traballo en homenaxe a un oficio artesá que o século XX acaba con el. Na comarca de Eume destacou...”o zoqueiro”. Estamos a falar de Nicolás Varela Amado (Doroña, maio de1910 - Pontedeume, febreiro de 1998). Nel vértese o ser labrego, zoqueiro, tallista e poeta. Ademais de tallista, entre zoca e zoca, publica obras en verso e cheas de humor: . Esquecidos recordos. Historias cotiás en verso. . Argalladas de Farruca. ¡Sálvese que poida!. Os zoqueiros labran as zocas e os zocos nos seus obradoiros, aínda que algúns saen ambulantes ao remate do outono, levando con eles un equipo básico de ferramentas para, ou ben reparar vellas zocas, ou ben vender as feitas, ou ben recoller encargos. A palabra zoca ven do latín soccus: calzado pechado de madeira dunha soa peza. En castelán chámase zueca, en éuscaro, txokolo e en catalán esclop. Zoco: calzado do sola de madeira e empeña de coiro. Ao zoqueiro...Nicolás Varela Amado

Victor G Garabana


COMO EMPEZA?

COMO SE FAI? COMO REMATA?

As zocas fanse de madeira de salgueiro, ameneiro, aínda que correntemente trabállanse de bidueiro, porque é máis levián, seca axiña e a madeira non abre. Cun tronzón (1) faise un taco, primeiro desbástase cun machado (2) no burro de desbastar (3) e, logo, coa anxola (4) dáselle forma.

A continuación métese no burro de excavar ou tamén chamado gastallo (5) con cuñas para que non se mova. Máis tarde coas gubias (6) e o trade (7) empézase o cavamento da zoca.


De seguido, despois de cavar, trabállase no interior coas legras (8) de longo mango que cortan polos dous lados. Quítase do gastallo, e por último, apoiadas nun tallo manexando os bastréns (9), “aféitase”

É costume colocalas un tempo á beira do lume para que sequen máis axiña e, á vez, afúmanse un pouquiño para destacar os debuxos que poidan levar.

ONDE? Espállase o seu uso dende Finlandia até Portugal, pola maior parte de Europa.

Os zocos e zocas eran o calzado que nas terras do noroeste e norte da península, por seren húmidas e enchidas de chuvias e nevaradas, as persoas utilizaban a cotío. As formas e os nomes mudan dun lugar a outro: . En Galicia: zoca, medreña, galocha. . En Asturias: madreña. . En Cantabria: albarca.

Albarcas cántabras


Nicolás Varela Amado O zoqueiro. 1910-1998

Refrán: O zoqueiro foi á misa e non sabía rezar andaba polo altar hai zocos para remendar?

En Europa: . Eslovenia: cokia . Francia: socque, socle, sabor . Inglaterra: sock

Novas curtas: O ameneiro, árbore moi abundante en Galicia de até 20 metros, coñécese tamén por abeneiro ou amieiro. Alberto Geada Val, zoqueiro, ten un riquísimo museo. Pódese ver en www.albertogeada.com Na actualidade ten actividade unha fábrica de madreñas en Ferreira de Valadouro. Forman parte da vestimenta típica de Holanda e Suecia. En Inglaterra os zocos foron utilizados por todas as clases sociais nos séculos XVIII e XIX. A maioría das zocas e zocos son de produción mecánica. A venda actual é como recordo turístico.


OS PESCADORES A pesca é a captura de peixes e outros animais acuáticos útiles para o ser humano. É unha das actividades máis antigas da humanidade. Foi e segue a ser a base da alimentación de moitas vilas costeiras. Ademais de proporcionar alimentos tamén subministra materias primas para diferentes industrias, como a fabricación de fariñas, aceites e fertilizantes. Diferéncianse dous tipos de pesca: de río e de mar, aínda que a actividade pesqueira máis importante dáse neste último medio, que se divide en tres tipos: o Baixura: Próxima á costa, con pequenas embarcacións e nun período non superior a un día. o Altura: Lonxe da costa, con embarcacións de maior calado e técnicas modernas nun período non moi longo. o Gran altura: En alta mar con barcos de gran tonelaxe provistos de cámaras frigoríficas para a conservación da captura. Dura varios meses. ARTES DE PESCA: o Palangre: É un tipo de aparello utilizado na pesca artesanal. Ben sendo unha liña flotante ou pousada no fondo, da que penden anzois de tamaño variable dependendo da captura que pretendamos. o Cerco: Consiste en soltar a rede dende a panga (lancha pequena de gran motor) cercando o banco de peixes. Pechado o fondo da rede culmina a captura. Úsase para o xurel, a cabala, xarola, bocarte, etc. o Almadraba: Consiste nun labirinto de redes situado cerca das costas nos pasos dos atúns. o Pesca con nasa: Estrutura ríxida de metal recuberta de pano de rede. Serve para a pesca de peixes e crustáceos. Consiste en poñer carnaza no interior da estrutura de maneira que cando a presa entra xa non sabe saír. Úsase para o polbo. o Arrastre: Trátase dunha rede lastrada que barre o fondo do mar, capturando todo o que encontra ao seu paso. É unha arte moi daniña para o fondo dos océanos. Úsase para a captura de bacallau, raia, xurelo, etc. o Pesca de curricán: Consiste no arrastre do aparello, ben dende a beira ou dende unha embarcación. Está dirixida a o o

o o

peixes depredadores e tamén se utiliza en lagos e embalses. Curricán de fondo: Consiste no uso dunha liña mestra cun aparello que permite colocar unha segunda liña á profundidade desexada. Pesca ao lanzado: Modalidade de pesca baseada no lanzamento de imitacións de peixes montados con anzois e a súa posterior recollida para atraer o ataque de peixes depredadores. Utilízase tanto en augas doces como salgadas, dende terra ou embarcacións. Pesca con mosca: Utiliza unha cana, un señuelo chamado mosco por imitar a este insecto. Úsase xeralmente en lagos e ríos para a pesca de troitas e peixes de río. Encanizadas: Arte de pesca moi antiga xa utilizada polos árabes na Idade Media. Consiste en formar labirintos circulares con canas e rede onde os peixes entran, pero non saen. É unha arte moi selectiva na que se capturan douradas ou múxeles e tamén magre e linguado aínda que en menor cantidade.


Banco de peixes

Pescador con rede


REFRÁNS: -

Gaivotas no porto, tempo revolto. Onde hai patrón non manda mariñeiro. Polo San Xoán, a sardiña pinga o pan. Por San Miguel, a sardiña non presta ben a ninguén. Lúa deitada, mariñeiro de pé.

ADIVIÑAS - Por un carreiriño moi mal empedrado, ando e non me mollo, e sempre vou mollado (O río). - Largo como un camiño, e torto como un fouciño (O río). Nasas

CURIOSIDADES ¿Traballan moito os pescadores? Si, traballan sen parar; aínda que faga frío ou chova, pescan durante toda a noite. ¿Que fan os homes coas redes ao chegar a porto? Os pescadores comproban as redes. Algunhas veces estiveron tan cargadas de peixes que romperon. Os pescadores han de arranxalas. ¿Por que seguen o barco os paxaros? Ás gaivotas e ás andoriñas gústalles moito o peixe, e seguen o barco para intentar coller algún a través da malla das redes. ¿Para que serve o faro? O seu potente resplandor guía aos barcos no mar pola noite, ou cando hai néboa. ¿Que fan os homes co peixe? Os pescadores selecciónano, lávano, e méteno en caixas con xeo, que baixan á adega para que o peixe non se estropee.

No peirao de Pontedeume


CANTIGAS CANTIGAS: CATRO VELLOS MARIÑEIROS.

UN BARQUIÑO PEQUERRECHIÑO

Catro vellos mariñeiros BIS Todos metidos nun bote Boga, boga mariñeiro Vamos pra Viveiro BIS Xa se ve San Roque.

Había unha vez un barquiño pequechiño que non podía, que non podía que non podía navegar.

Ailaleleo alalalelelo..... Os mariñeiro traballan BIS De noite coa luz da lúa Da gusto velos chegare Pola mañán cedo BIS Cheirando a frescura

Pasaron unha, dúas, tres catro, cinco, seis semanas E aquel barquiño, e aquel barquiño e aquel barquiño navegou.

Ailalelelo ailalaleleo....... Traio sardiña e bocarte BIS Tamén xurelo pequeno Rapaciña de Viveiro

Pedro nos fala do traballo de pescador


REDEIROS: UN TRABALLO DO MAR DENDE A TERRA Definición: Arte de facer e arranxar as redes de pesca. As persoas que se ocupan de reparar, refacer ou armar as redes usadas chámanse atadeiras. Instrumentos: Tesoiras, agullas (segundo o tamaño da malla, así será a agulla) e tacos de madeira para sinalar o ancho da malla. Un paseo pola historia: Antigamente as artes (redes) acostumaban a tinxirse de vermello no “encascador” a través dunha mestura de cáscara de piñeiro machacada e cocida (o mellor tinte é o que se facía coa casca de salgueiro, pero non había dabondo e por iso botan man da casca de piñeiro. Lavaban as redes de algodón nos ríos e as estiraban no peirao a secar. Actualmente son de nailon, co cal evítase esta tarefa. Hai varios tipos: Redes chousas ou de pano chouso, de malla pequena e redes lasas ou de pano laso, de malla grande. Os redeiros cobraban o quiñón como os mariñeiros, hoxe en día teñen un soldo. O seu traballo loita por ter recoñecemento, xa a principios do século XX fixeron unha folga en Moaña (Pontevedra) para que lles subiran o salario de 10 reás a 5 pts. Ao longo do ano, o traballo non é continuo. Nos meses de inverno baixa o labor. As redeiras tamén tiñan un tempo de lecer, unha festa (o butifora), ledicia a esgalla, doces e empanadas e cantigas de amor, maldicer, amigo... “O pedreiro chora a pedra, o carpinteiro a madeira, cada un no seu oficio eu tamén fun atadeira finca a tinta na man finca a tinta na tripa” Tamén había costumes e crenzas relacionadas coas redes. Antes de levalas ao mar recitaban: “Santísimo Sacramento, todo o malo vai par fóra, todo bo veña pra dentro”. Hoxe en día seguen a traballar preto do mar, pero reclaman que esta profesión artesá e mal pagada deixe de estar en precario, que sexa unha alternativa laboral digna. Estase a traballar para acadar unha verdadeira profesionalización. Vocabulario: Lanzadeira: Sinónimo de agulla. Rede pano chouso: De malla pequena. Rede pano laso: De malla grande. Encascador: Cano onde se tinxe a rede. Quiñon: Parte que corresponde nun reparto a cada un.


Investigación: Os redeiros de Pontedeume están preto do noso colexio. Fomos visitalos e vimos como cosían os diferentes tipos de redes. Explicarnos o seu traballo e logo, en clase, discutimos sobre si o facían so os homes, xa que na nosa vila só vimos homes traballando. Logo de mirar libros e xornais decatámonos de que é basicamente un traballo de mulleres. Con todo aproveitamos que o pai dun alumno sabía coser veu con agullas e redes a ensinarnos e fíxonos unha bolsa pequena (fabala) que utilizan os mariscadores para meter as ameixa e berberechos cando están faenando. Dende aquí damos as grazas a Pedro Fernández.

Bibliografia: . Os vellos oficios Xosé Vázquez Pintor Editorial Xerais de Galicia, 1996 . Os oficios Xaquín Lorenzo Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, 2007 . Gamelas y marineros Deputacón Pontevedra, 1987 . Costureras del mar Artigo do xornal “El País” do día


O MARISQUEO Esta é unha das actividades tradicionais en Pontedeume.Elixímola para traballar cos nenos e nenas de 5 anos pola súa proximidade á nosa escola. Proximidade física que nos permite unha observación directa dende o colexio e proximidade afectiva, pois moitos dos nenos e nenas das nosas aulas teñen familiares que traballan na marea. Tentamosd que os nenos e as súas familias foran os protagonistas e eles nos achegaran a realidade do marisqueo as aulas. Temos que agradecerlle a José, o tío de Noa, a Mari, a nai de Noelia e a Ana, a nai de Miguel, a súa entusiasta colaboración, que fixo posible que na nosa escola falárase do marisqueo cun vocabulario preciso e un coñecemento moi significativo. Ana Torrente ten traballado na parte administrativa desta actividade e explicounos todo o proceso: En Pontedeume, a confraría ten un viveiro acoutado para que a ameixa non escape. Alí reprodúcese e logo as mariscadoras e os mariscadores a plantan nas croas (as illas que se ven no medio da ría cando baixa a marea).

José, o mariscador, diante do viveiro amosándonos a rañeira


En Pontedeume ten habido sobre 200 persoas dedicadas ao marisqueo. Hai dous anos eran 75 mulleres e 35 homes e agora hai 17 mulleres e 15 embarcacións (1 ou 2 homes por bote), isto é debido a que deixou de ser unha actividade complementaria da pesca ou da agricultura para ser excluínte, é dicir, agora o que vai mariscar non vai pescar, pois a Xunta non o permite.

Soubemos dos diferentes tipos de moluscos bivalvos que se collen na nosa ría: A ameixa babosa ou macho: ten os sifóns afastados, precisa escuridade e auga moi salgada, prodúcese debaixo da ponte de ferro, no Pozo, cóllena principlamente os homes no marisqueo a flote. Poden coller un máximo de 10 kg/día e págana sobre 15 €. A ameixa fina: ten os sifóns xuntos, é apreciada a de Pontedeume porque dura moito tempo viva fóra da auga. Cóllese na Croa Grande, na Croa Pequena e na Illa do Pirixell (nome que lle dan as mariscadoras á zona que queda en seco preto da ponte da autopista). Poden coller ata 2,5 kg/día e o prezo en lonxa está arredor dos 20 €. A ameixa xapónica: non é propia desta zona pero veu mesturada na semente e agora é a máis abundante, é máis dura e non é tan saborosa, polo que non é tan prezada. Pódense coller ao día ata 5 kg e págana arredor de 7 €. O berberecho: antes había moitísimo. Houbo un tempo no que desapareceu por mor da contaminación e agora volve a producirse, o que reflicte unha mellor limpeza da ría. A mellor zona é O Fabal, preto da ponte de pedra na ribeira de Cabanas.


Hai un dito popular que expresa o gran esforzo do marisqueo: A extracción de ameixas e berberechos no ano 2007 foi de 28888,99 kg. Aprendemos os perigos do marisqueo: Ameixas e berberechos morren pola contaminación do mar, pola abundancia de auga doce (proque chova moito ou ben porque abran as comportas do encoro) e polas altas temperaturas que fan que haxa moitas algas daniñas para os moluscos, a marea roxa... Os furtivos e os turistas tamén danan o traballo dos profesionais. O inimigo natural da ameixa é a estrela de mar, un perigo pequeno ao lado dos anteriores. A nai de Noelia é mariscadora a pé. Falounos do seu traballo metida na auga, sachando no fondo, mirando polo espello e collendo as ameixas co zalabardo. Mide as ameixas coa argola que leva no cinto: as que pasan pola argola devólveas ao mar e as grandes méteas na fabala.

Usamos os aparellos das mariscadoras. O marisqueo a pé é interesante pero duro

“Ameixiñas si, ameixiñas non o que as queira que baixe o riñón”


O tío de Noa, José, marisquea na nosa ría. El faena a flote. Na saída que fixemos, José amosounos os aparellos necesarios: o caiuco, a rañeira e o rizón. Tamén vimos con el as variedades de bivalvos que se colleitan na ría do Eume. Para nós foi unha experiencia moi interesante

Os nenos e nenas de cinco anos aprendemos algunhas lerias e cantigas populares relacionadas co marisqueo: Dentro dunha marisqueira choraba un berberechiño porque a vieira era grande e el era pequeniño. Son mariscadora e sei mariscar recollo marisco na beira do mar


ÍNDICE

Pastelaría. 1º de E. Primaria ……………………………………………………………………………………………….4 Encaixe de bolillos. 2º de E. Primaria ………………………………………………………………………………… 8 Traballo agrícola en invernadoiro. 3º de E. Primaria ………………………………………………………… 11 A pandeireta e o pandeireteiro. 4º de E. Primaria ............................................................... 13 O carpinteiro. 5º de E. Primaria ........................................................................................... 14 Zoqueiros. 6º de E. Primaria ................................................................................................ 17 Pescadores. 4º de E. Infantil ................................................................................................ 21 Redeiros. Un traballo do mar dende a terra. 5º de E. Infantil ............................................... 25 O marisqueo. 6º de E. Infantil .............................................................................................. 27



Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.