Barba azul e a vella que enganou á morte

Page 1

Barba Azul (adaptación) Había unha vez un home moi rico, aínda máis rico ca tío Gilito. Tiña fermosas casas na cidade e mais no campo, vaixela de ouro e prata, mobles forrados de seda e carrozas de ouro; mais, por desgraza, ese home tiña a barba azul: iso facíao tan feo e tan terrible, que non había muller nin moza que non fuxise de diante del. Unha das súas veciñas tiña dúas fillas moi guapas. El pediulle unha en matrimonio, e deixouna que escollese a que lle quixese dar. Ningunha das dúas o quería e mandábao unha onda a outra, pois non querían casar cun home que tivese a Barba Azul. Pero o que menos lles gustaba era que el xa casara con varias mulleres, e non se sabía que fora delas. Barba Azul, para coñecérense, levounas coa súa nai e tres ou catro das súas mellores amigas, mais algunha xente nova da cidade, a unha das súas casas de campo, onde pasaron oito días enteiros. Todo eran paseos, ir de caza e pesca, bailes e comelladas, festas: non durmían nada, e pasaban toda a noite a facérense bromas; pasárono tan ben que a máis nova deu en pensar que o dono da casa non tiña xa a barba tan azul, e que era un home moi bo. En canto volveron á cidade, celebrouse o voda. Un mes despois Barba Azul díxolle á muller que tiña que facer unha viaxe fóra da cidade, de seis semanas polo menos, por un negocio importante; díxolle que se divertise mentres el non estivese, que convidase ás súas mellores amigas, que as trouxese ao campo se quería e que comese a fartar. Barba Azul: –Aquí tés as chaves de todas as habitacións, as do faiado e as das miñas caixas fortes, onde gardo o ouro, a prata e as pedras preciosas. Estoutra chave pequeniña é a do cuarto de abaixo: abre o que queiras, anda por onde queiras, pero a ese pequeno gabinete, prohíboche terminantemente entrar, e prohíbocho de tal maneira que, se se che ocorre abrilo, podes temer o peor da miña cólera. Ela prometeu cumprir exactamente todo o que acababa de serlle ordenado; e el, despois de darlle un bico, sobe á carroza e marcha de viaxe

1


As veciñas e as amigas non esperaron pola invitación para iren visitala, estaban moi impacientes por ver tódalas riquezas da súa casa, e non foran quen de ir mentres estaba o home, porque Barba Azul dáballes medo. Velaí as tedes agora a percorrer os cuartos, os gabinetes, os roupeiros, cada un máis fermoso e máis rico có anterior. Non daban admirado a cantidade, a variedade e a beleza das tapicerías, os leitos, os sofás, os escritorios, os veladores, as mesas e os espellos. Eran os máis bonitos e os máis magníficos que se viran xamais. Non paraban de esaxerar e de envexar a boa sorte da súa amiga, que, sen embargo, non se divertía nada vendo todas esas riquezas, por culpa das ganas que tiña de ir abrir o gabinete do cuarto de abaixo. Tiña tanta curiosidade, que, sen pensar na descortesía de abandonar a súa compaña, baixou por unha escaleiriña secreta, e con tanta présa que houbo caer de fociños dúas ou tres veces. Cando chegou á porta do gabinete, estivo parada un anaco, matinando na prohibición que lle fixera o seu home, e pensando que podería pasarlle algunha desgraza por ter sido desobediente; mais a tentación era tan forte que non puido resistirse: Meteu, pois, a chaviña na pechadura, e abriu tremendo a porta do gabinete. Ao primeiro non viu nada, porque as fiestras estaban fechadas; de alí a un pouquiño comezou a ver que o chan estaba todo cuberto de sangue callado, e que nese sangue se reflectían os corpos de varias mulleres mortas e atadas ao longo das paredes (eran tódalas mulleres coas que casara Barba Azul e que matara unha detrás de outra). Houbo morrer de medo, e a chave do gabinete, que acababa de quitar da pechadura, caeulle da man. Despois de ter recuperado un pouco os folgos, recolleu a chave, volveu pechar a porta e subiu ao seu cuarto para recuperarse; pero non o daba feito, de tan asustada que estaba. Decatouse de que a chave do gabinete estaba manchada de sangue, lavouna e lavouna, pero por mais que a lavaba non acababa de quedar limpa. Barba Azul volveu da súa viaxe esa mesma noite, e dixo que cando ía polo camiño avisarano de que xa se solucionara o negocio. A súa muller díxolle que estaba moi contenta de que volvese tan axiña. ¡Contenta, si! O día seguinte pediulle as chaves, e ela deullas, pero tremíalle tanto a man que o outro logo adiviñou todo o que pasara. 2


Barba Azul: –¿Por que a chave do gabinete non está coas outras? Muller: –Non sei, debeume quedar enriba da mesa. Barba Azul: –Pois non tardes en devolverma. Despois de varios retrasos, houbo de traer a chave. Barba Azul, cando a viu , díxolle á muller: Barba Azul: –¿Por que ten sangue esta chave? Muller: –Ai, eu non sei nada. Barba Azul: –Ai, ti non sabes nada? Ben cho sei eu; ¡quixeches entrar no gabinete! Pois has entrar, e heite colgar da parede como as demais mulleres que viches alí. Ela pediulle perdón por non o obedecer. Ata unha pedra tería pena dela, de tanto como choraba; pero Barba Azul tiña o corazón máis duro ca un croio. Barba Azul: –Voute matar agora mesmo. Muller: –Xa que vou morrer, déixame un pouquiño de tempo para despedirme da miña irmá. Barba Azul: –Douche medio cuarto de hora, pero nin un segundo máis. Cando quedou soa, chamou á súa irmá e díxolle: Muller: –Irmá Ana, sube, pídocho por favor, ao alto da torre, a ver se veñen dunha vez os meus irmáns; prometéronme que me virían ver hoxe. Se os ves, failles sinais para que se dean présa. A irmá Ana subiu ao alto da torre, e a pobre, chorando, berráballe de cando en vez: Muller: –Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? Ana: –Non vexo máis que o sol brillar e a herba verdear. Mentres tanto Barba Azul, cun gran coitelo na man, berráballe con tódalas súas forzas á súa muller:

3


Barba Azul: –Baixa axiña, ou subirei eu. Muller: –Un momentiño, por favor. Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? Ana: –Non vexo máis que o sol brillar e a herba verdear. Barba Azul: –Baixa dunha vez, ou subirei eu. Muller: –Xa vou. Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? Ana: –Vexo unha gran poeira que vén de cara aquí. Muller: –¿Son os meus irmáns? Ana: –Ai non, miña irmá, é un rabaño de carneiros. Barba Azul: –¿Baixas ou que? Muller: –Un momentiño. Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? Ana: –Vexo dous cabaleiros que veñen cara aquí, mais aínda están ben lonxe... ¡Ai, loado sexa Deus!, son os meus irmáns; fágolles tantos sinais como podo para que se dean présa. Barba Azul púxose a berrar tan forte que toda a casa tremeu. A pobre muller baixou, e foise tirar aos seus pés toda desconsolada e toda espeluxada. Barba Azul: –Non che vai valer de nada, vas morrer. Despois colléndoa cunha man polo cabelo, e levantando o coitelo no aire coa outra, ía cortarlle o pescozo. A pobre virouse cara el, e mirándoo con ollos chorosos, rogoulle que lle dese un momentiño para recompoñerse. Barba Azul: –Non, non, encoméndate a Deus. E erguendo o brazo...

4


Nese intre petaron tan forte na porta que Barba Azul parou en seco: abriron, axiña viron entrar dous cabaleiros que, coa espada na man, foron dereitiños cara a Barba Azul. El coñeceu que eran os irmáns da súa muller, de xeito que fuxiu axiña para poñerse a salvo; mais os dous irmáns perseguírono tan lixeiros que o atraparon antes de que puidese chegar á escaleira. Atravesárono coas espadas, e deixárono por morto. A pobre muller, co susto, estaba case tan morta coma o seu home, e non tiña nin folgos para erguerse e darlle as grazas ós seus irmáns. Como Barba Azul non tiña ningún herdeiro, a súa muller quedou de dona de tódalas súas riquezas. Converteuse nunha muller riquísima! Gastou unha parte para casar a súa irmá Ana cun mozo moi guapo, que a amaba desde había moito tempo; outra parte para comprarlle unha carroza ferrari aos seus dous irmáns; e o resto para casar ela mesma cun home moi guapo e moi bo, que lle fixo esquecer os malos momentos que pasara con Barba Azul. Charles Perrault

5


A vella que enganou á Morte Se cadra é certo, se cadra non, pero había unha vez unha vella moi vella. Era realmente moi pero que moi vella, máis vella co xardineiro que plantou a primeira árbore do mundo. Sen embargo, estaba chea de vida e a idea de morrer non lle gustaba nada de nada. Pasaba o día atafegada na súa casa lavando, limpando, guisando, cosendo, pasando o ferro e quitando o lixo, coma se fose unha ama de casa aínda moza. Pero, un día, a Morte lembrouse da vella e foi a chamar á súa porta. A velliña estaba lavando a roupa e díxolle que xusto nese momento non podía irse. Aínda debía aclarar, torcer, poñer a secar e pasarlle o ferro á súa roupa. Aínda meténdolle presa, pensaba que estaría lista, coma moi cedo, á mañá seguinte; daquela, a Morte sería mellor que volvese un día despois. -Espérame, daquela, mañá á mesma hora –dixo a Morte e escribiu con xiz na porta: “Mañá”. Ao día seguinte, a Morte volveu para levar a vella. -Pero, señora Morte, sen dúbida vostede equivocouse. Mire a porta e verá cal é o día que puxo para vir a buscarme –observou a vella. -Está claro, non si? –engadiu a vella-. Ten que vir mañá, non hoxe. A Morte foise e volveu ao día seguinte. A vella recibiuna cun sorriso e díxolle: -Pero, señora Morte, vostede equivocouse outra vez. Non se lembra que vostede mesma escribiu na porta que viría mañá e non hoxe? E así a historia continuou durante todo o mes. Pero a Morte acabou por cansar. O último día do mes dixo: -Estasme enganando, vella! Mañá virei buscarte por última vez. Acórdate ben! –dixo, e borrou da porta o que ela mesma escribira e foise. A vella, nese intre, deixou de sorrir. Pensou moito porque quería atopar outra maneira de enganar á Morte. Non pegou ollo en toda a noite, pero non chegou a inventar nada. 6


“Escondereime no barriliño do mel –dicía para si mesma a vella–. Seguramente a Morte non me atopará alí dentro!” E agachouse no barriliño do mel deixando fora só o nariz. Pero de súpeto pensou: ”Polo amor de Deus, a Morte é astuta! Atoparame no barriliño do mel e levarame con ela!”. Saíu do barriliño e foi a esconderse nunha cesta chea de plumas de ganso. Pero de súpeto pensou: “Polo amor de Deus, a Morte é astuta! Atoparame tamén na cesta”. No momento en que saía da cesta, a Morte entrou na habitación. Mirou arredor e non viu a vella por ningures. No seu lugar viu unha figura terrible, espantosa, toda cuberta de plumas brancas e cun líquido espeso que esvaraba polo seu corpo. Non podía ser un paxaro, tampouco unha persoa: era, sen dúbida, algo terrible de ver. A Morte asustouse tanto que liscou de alí a cen por hora, fuxiu e nunca máis volveu a buscar á vella. Conto popular húngaro

7


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.