Viaxe literaria ao Courel

Page 1

Poesテュa e paisaxe ao redor da figura de Uxテュo Novoneyra SAテ好A A O COUREL 26-28 MAIO 2010 CLUB DE LECTURA E MQS. DA BIBLIOTECA DO IES PEDRAS RUBIAS (SALCEDA DE CASELAS)


DIARIO DE VIAXE BUNGALOWS-CAMPING SEOANE DO COUREL GRUPO DE 28 ALUMNAS, 9 ALUMNOS, 2 PROFESORAS E 1 PROFESOR= 40 - 26 MÉRCORES Saímos de Salceda arredor das 4h e chegamos a O Courel sobre as 7h. Tempo chuvioso e brétemas. Cambio de plans. Subida dende o camping á esquerda ata Esperante, atravesando a aldea e os soutos cara arriba, coa intención de chegar aos SEQUEIROS DE MOSTAZ, para despois baixar polo río. Pero as nosas ansias iniciais quedaron a medio camiño ante o cansancio da maioría, ante a hora tardía e ante a choiva que empezaba a caer.

“Chove pra que eu soñe…” Serviunos esta camiñata para empezar o noso contacto cos signos convencionais indicadores de rotas e co seu significado, para aprender a guiarse no monte, ademais de aprender que hai que respectar tanto a flora como a fauna e deixar o traxecto que imos facendo sen máis pegada que as dos nosos pasos. Quedamos para cear no agradable comedor do camping. A noite foi de “troula” para moitos, que ás 7h da mañá xa estaban petando nas portas, pois de tanto comer barriñas enerxéticas tiñan tanta enerxía algúns que non eran quen de durmir. - 27 XOVES Almorzamos forte ás 9’30h para saír ás 10’30h e subir ata o Alto do Couto coas intención de ocupar boa parte do día en baixar a DEVESA DA ROGUEIRA, non sen antes andar os cumios tesos morados de uces, brancos e amarelos de xestas e piornos, envoltos a esa hora en brétemas baixas e ameazadoras nubes, que decidiron por nós que non chovese en todo o día. No fondo das nosas mentes non podemos deixar de evocar os versos certeiros e naturais de Novoneyra que nos fixeron achegarnos a estas terras e que lle confiren un valor engadido:

“Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí síntese ben o pouco que é un home… ” As árbores que nos acompañan a esta altura son as bidueiras, acivros, abeleiras, rebolas, …entretivémonos tratando de coñecelas e distinguilas polas características das súas follas e polo tronco. O camiño lévanos ata a Fonte do Cervo, de augas calcarias e ferruxinosas, manando a dúas bandas na mesma fonte, onde se xera a humidade que crea a devesa cara abaixo das avas dispostas en anfiteatro do Pico do Formigueiros a 1650 m. de altitude.


Facemos un alto para iniciar a homenaxe a Uxío Novoneyra recitando os poemas que tan ben describen e senten estes lugares, e que ditos aquí cobran unha forza especial. Seguimos o percorrido cruzando a Louseira dos Carrís, vella canteira abandonada, para deixar de repente a boscaxe e saír a ceo aberto subindo por unha pista forestal que nos leva ata o alto da Campa da Lucenza, case a 1600m. onde ás 2’30h paramos para xantar ben cansos, dispoñéndonos agochados tras as matogueiras que nos amparan do aire fresco da altura. Un grupo bastante numeroso, case 30 persoas, decidimos baixar ata a Lagoa da Lucenza de orixe glaciar, a 1450m. de altitude. Unha vez máis – como é a tónica da rota – non achamos sinais indicativas e tivemos que orientarnos por lóxica e por instinto. É fermosísima a paisaxe de tonalidades verdosas, moradas, amarelas, brancas que envolven os picos e as vellas e desgastadas lomas destes impresionantes dominios. Despois dunha empinada baixada entre as uceiras que case ocultaban o camiño, divisamos ao lonxe a lagoa, que parecera que xogase a ocultarse de nós, misteriosa, enigmática, suspendidas na superficie das súas augas un sen fin de floreciñas brancas… A ledicia polo achado foi colectiva. Despois de disfrutar á súa beira da contemplación dun lugar único, chegou a hora de voltar, xa que nos esperaba unha durísima subida de 1 km, e medio, para atoparnos cos nosos compañeiros, que descansaban cada un ao seu xeito. Eran as 4’30h cando emprendimos a baixada dende a Campa, volvendo sobre os nosos pasos e adentrándonos outra vez na parte alta da devesa, dende onde, nun desenfreado descenso entre o griterío de mozos e mozas que esbaraban, caían, buscaban paos para facilitar a baixada, ou aferrábanse a bidueiros, abeleiras, teixos, carballos, rebolos ou freixos,…avanzamos e avanzamos entre o bosque sombrío e encantado. Fixemos un receso no camiño para descansar e para seguir recitando os versos de Uxío Novoneyra alusivos a esta paraxe incomparable. Pode decirse que nunha hora e media descendimos 800 m. ata a parte baixa da Devesa da Rogueira, onde os soutos de castiñeiros eran agora os que dominaban salpicando os prados de fina e verde herba fresca adornada de flores silvestres de diversas cores. Cara a baixo, cara abaixo… sobre as 7’30h fomos quen de chegar a Aula da Natureza en Moreda, onde tiña que recollernos o bus, pero con tan mala sorte que tivemos que andar máis de 4kms. aínda para chegar ao cruce da Ferrería Nova, onde nos esperaba o bus, xa que era de tal calibre (10m.) que o conductor tiña medo de quedar atrancado nalgunha difícil curva. Ceamos como nunca todo o que nos puxeron sobre a mesa. Cansos, ben cansos, doridas as pernas e os cadrís, mais felices e contentos, …tanto que aínda houbo xoventude que andou a corretear ata as tantas da noite de bungalow en bungalow… - 28 VENRES Ás 9’30h. xa estabamos a almorzar, recollimos todo e subimos ao bus para chegar ás 11h á Ferrería Nova, dalí partimos outra vez cara a PARADA, a aldea do noso poeta. No inicio do camiño falamos da formación das montañas vellas, das avas de solleira e de avesía, con vexetación ben diferenciada, mediterránea e atlántica segundo estea máis ou menos exposta ao sol esa ladeira do monte.


Seguimos a información dos paneis explicativos sobre as ferrerías que houbo no Courel durante anos e que hoxendía permanecen pechadas. Volvimos ao camiño, había par de kms. por asfalto ata coller a senda que sube, a través dun souto máxicoo de vellos castiñeiros, ata a aldea de Parada, onde coñecimos a casa do poeta. Alí lemos os poemas máis intimistas para culminar a nosa particular, directa e vívida homenaxe. Visitamos a escola vella e ruamos por aquí e por acolá entre as casas, falando cos seus moradores. A volta foi rápida e sen dificultades, aínda que houbo quen buscou atallos imposibles, que resultaron máis cansados que andar a senda trazada. Entre risas, xogos, entre flores e fotografías, entre conversas, entre o achegamento de uns e outros, agora todos máis coñecidos. Chegamos sobre as 3h a xantar cunha fame neghra, descansamos ata as 5h e volvimos, disfrutando aínda da paisaxe que iamos deixando atrás tras os cristais, subindo e baixando, xirando e xirando, ata chegar ao noso destino actual ás 9h da tardiña, cunha sensación de días aproveitados a tope, ben vividos e cheos de boas experiencias; destacando unha actitude moi positiva en todo momento por parte de todo o grupo dos 40. O Comité de Biblioteca agradece a todas/os a súa participación, e quere facelo adicándovos a “pincheira” das palabras que xogan na boca do poeta do Courel:

“No bicarelo do bico do brelo canta o paxariño. No mesmiño bicarelo do bico do brelo.”

En Salceda de Caselas, a finais de maio de 2010


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.