Manifesto Día Mundial do Medio Ambiente

Page 1

MANIFESTO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE cidade de Ourense, 5 de xuño de 2012 Calcinan os montes, queiman os ríos Boas tardes a todos e a todas. Grazas por achegarvos a Praza Maior de Ourense, grazas pola vosa sensibilidade e por darlle voz a quen non a ten, a natureza. 1º Permitídeme darlle as grazas ás persoas que de maneira altruista teñen axudado a Plataforma Ríos Limpos a levar adiante as súas actividades, a limpar un pouco o fedor que a cotió invade aos nosos ecosistemas fluviais. Grazas a todos e a todas as que axudastedes a organizar esta concentración de desagravio e a todos por estar hoxe eiquí. Como ben sabedes o Día Mundial do Medio Ambiente foi establecido no ano 1972 pola ONU, hoxe cúmprense 40 anos. Coa celebración deste día pretendese sensibilizar ao conxunto da sociedade da importancia vital que os ecosistemas teñen para a vida no planeta, para a vida de todos e todas nós e para os nosos herdeiros. Un fin deste día é implementar a acción política motivando ás persoas para que se convirtan en axentes activos do desenvolvemento sustentable e equitativo, fomentar a cooperación para garantir una vida digna en tódolos países e para todos os habitantes deste planeta. Hoxe a maioría dos países organizan actividades en positivo: concertos solidarios, campañas de reciclaxe, plantación de árbores, apadriñamento dun monte, limpeza dun ecosistema…En Ourense como sempre tivemos a costume de andar ao revés pois temos que concentrarnos para denunciar a desfeita, a deixadez, a incompetencia manifesta, o gasto de diñeiro público ao chou en actuacións chamadas “medioambientais”, concentrarnos para decir que xa esta ben, que as cousas poden e deben facerse doutra maneira. Este ano o lema do Día M. do M.A. é “ECONOMÍA VERDE: INCLUETE A TI?” no caso da nosa provincia a maioría dos seus gobernantes (Concellos, Deputación, Xunta de Galicia, Estado), autoexclúense, non se implican e o máis grave coas súas actuacións cotiás afondan aínda máis na desfeita medioambiental da provincia. As cousas pódense facer ben, mal ou ao revés, nesta provincia e no conxunto de Galicia estamos cansos e fartos de que as cousas se fagan ao revés, co doado que é facelas axeitadamente, por que esta teimudez de non ir polo camiño axeitado. Verquidos continuados aos ríos Barbaña, Loña, Miño, Sil, Limia, Támega, Arenteiro, Arnoia, Avia, Encoro das Conchas, Cachamuiña…augas residuais, productos contaminantes e tóxicos botados impunemente con premeditación e alevosía, estragando un recurso imprescindible para a vida na Terra. Nin ben, nin mal, ao revés, depuradoras espalladas por toda a provincia que non funcionan…no Encoro de Cachamuiña a Confederación gastou recentemente 689.000 euros en


axardinar a súa contorna e as augas das que bebe a cidade de Ourense totalmente podres. A estación depuradora do Pereiro de Aguiar (EDAR) rematada fai 2 anos, sen funcionar a día de hoxe (investimento de máis de 600.000 euros máis 240.000 euros de canon de verquido anuais por non sanear as augas do concello???). A Deputación de Ourense ocúrreselle gastar alegremente 804.000 euros nun sistema, din eles que nun “Plan Para Detectar en Tempo Real os Verquidos e Optimización do Funcionamento do Sistema de Depuración das Depuradoras” o sistema non pode funcionar por que nin xiquera os sumidoiros das augas fecais están conectados coas depuradoras. Despois dun investimento de 52 millóns de euros a estación de bombeo do Couto segue sen funcionar agora “en probas” polo que de cando en vez as augas residuais de Ourense van directamente ao Miño sen depurar. O encoro das Conchas contaminado por cianobacterias, con grave risco para saúde humana por culpa de verquidos urbanos, agrícolas, industriais…e os alcaldes da zona negando a evidencia, pondo en risco a saúde dos seus propios veciños??? Hoxe tamén queremos lembrarnos dos nosos montes, só no mes de outubro de 2011 máis de 20.000 hectáreas calcinadas na nosa provincia das 30.000 calcinadas en Galicia, só en Ourense máis de 400 millóns de euros en perdas en escasos 20 días (Xurés, Queixa, Manzaneda, Serra do Larouco, toda a Raia Seca, As Trevincas…) a principios da primaveira outra vez o lume andivo ao chou polos nosos montes, coa perda incluso da vida no Val de Monterrei de Higinio Vivas, despois de tanta desfeita, de tantos estragos…CALADOS, nin concellos, nin Deputación, nin Xunta de Galicia foron quen de facer una proposta, un programa de axudas, aprobar un plan para minimizar os efectos do lume, levar adiante actuacións de restauración e recuperación dos montes queimados, nin un só euro de inversión nas zonas afectadas, claro o Presidente Sr. Feijoo dixo: “AGORA NON TOCA” e os seus fieis servidores CALADIÑOS!!! Nunca en ningunha parte do chamado mundo occidental despois dunha desfeita como a soportada por Ourense polos incendios forestais se produciu unha deixadez e un abandono tan evidente dun territorio (sendo o Presidente e a Conselleira da provincia)??? A sensibilidade co medio, a protección e o coidado que se lle dispensa a natureza son parámetros usados hoxe en día para medir o desenvolvemento dunha sociedade, non é extrano que Ourense ocupe os últimos lugares da UE en desenvolvemento socioeconómico. Estamos cansos do abandono desta provincia, do silencio dos seus representantes, da incapacidade dos responsables políticos por non saber defender os intereses dos seus representados. A Plataforma Ríos Limpos seguirá denunciando os verquidos e aos políticos que incumpren coas súas obrigas. Para rematar. Estamos cansos da desfeita dos nosos ríos e montes QUEREMOS UNS RÍOS LIMPOS DE CONTAMINACIÓN e uns MONTES VIVOS. Queremos que a economía verde nos inclúa a todos e a todas. No país da auga, nesta cidade termal: NUNCA MÁIS VERQUIDOS AOS RÍOS!!! NUNCA MÁIS LUMES FORESTAIS!!! Saúde e terra!!!!! O valor da auga


Aos estudantes de economía, para distinguir os conceptos de valor e prezo, plantéxaselles a seguinte cuestión: Cal é o prezo da auga? E o seu valor? SIN AUGA NON HAI VIDA NA TERRA, mais seguirán preguntando. Antela Penalonga, 5 de xuño de 2012


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.