A cociña de Toto Murube

Page 1

JOSÉ A. RAMÍREZ LOZANO

PABLO OTERO

A cociña de

MURUBE



A letra con polo entra

Toto Murube sempre estaba nunha nube. Toto era un mendigo ambicioso que soñaba con ser cociñeiro algún día e elaborar os mellores pratos. Facíaselle auga na boca cando miraba as tortas nos escaparates e cheiraba o fume picante das cociñas dos bares. Toto pasaba o verán na rúa, á sombra dunha acacia en flor. E o inverno, baixo os soportais do Banco do Negocio, toda a noite a durmir nunha caixa de cartón enorme, igual ca un frigorífico. –Toto, a túa vida está na aldea –dicíanlle os outros mendigos–. Marcha de volta a Medina, Toto. Aquí has de conxelarte. Toto era de Medina del Puerto, unha aldea da serra. A Toto xa non lle quedaba frío no corpo. O seu pai fora carboeiro, e Toto pasara na serra todo o frío da súa vida. 7


–Toto, marcha de volta. –Que non –respondíalles con rabia–. Eu, a Medina, xamais. A ver se entendes dunha vez: quero ser cociñeiro en Madrid. –Cociñeiro? Ti? Se non sabes nin ler. Como te vas amañar para faceres unha sopa de letras? Iso era verdade. Toto nunca fora á escola de pequeno e agora non o admitían en ningún curso de cociña por iso: por analfabeto. Así que pasaba o día pola rúa cun gorro vello de cociñeiro que lle regalara don Pablo Sanz, dono do restaurante Los Gallos. Don Pablo Sanz era o home máis informado do mundo: lía seis xornais cada día mentres os camareiros servían as mesas. Cando pechaban, don Pablo sempre lle daba a Toto un anaco de polo ou un filete de peixe espada envolvido nun papel de periódico que acababa de ler. Toto agarrábao coas mans sucias e as letras das noticias pegábanselle ao filete, cheo de aceite. De xeito que Toto non paraba de comer letras todos os días. E tantas e tantas letras foron as que tragou coa peituga de polo e o peixe espada que acabou facendo a dixestión do abecedario. E mesmo o alimentou. Aos poucos meses, Toto decatouse de que podía ler sen esforzo, e entón acudiu a don Pablo. –Don Pablo, sabe vostede que xa sei ler? –Ler? Ti? –estrañouse o dono de Los Gallos–. Seica fuches á escola nocturna, rapaz? 8


–Non, foi cousa dos xornais, as letras dos xornais que vostede me daba co polo, que as fun papando, e coñécese que me alimentaron. –Non o podo crer. A ver, le aquí. Don Pablo púxolle un xornal diante. Toto apuntou co índice sobre a liña e comezou a ler. –«Hoxe chegaron ás praias das Canarias dúas pateras con máis de sesenta e dous inmigrantes subsaharianos, dous deles rapaces...» Don Pablo quedou asombrado e a partir daquela mesma noite meteuno a traballar de pinche na cociña do bar.

9



Escritor de receitas

Ao principio a cociña entusiasmouno. Por fin podía comer quente. E amasar as croquetas coas propias mans. E empanar as peitugas. E enrolar os flamenquines de queixo, co que lle gustaban. –Toto, dúas de luras! –Metíalle présa Periquín o camareiro. –Marchando. –E pasáballas. E pouco despois, Periquín outra vez. –Toto, dúas de gambas con allo! E outra: –Peituguiña á prancha, unha! E outra: –Neno, media de croquetiñas! E así un día e outro día. Ata que se fartou. Aquelas receitas aborrecíano. Eran as receitas de sempre, feitas a correr e sen gusto. Toto soñaba con receitas novas, receitas coma as dos 11


grandes cociñeiros que vira na tele. Máis, aínda máis. Toto quería facer receitas máxicas e creativas que mudasen a vida tan tediosa dos restaurantes de todo Madrid. –Marcho –dixo quitando de repente o mandil e o gorro. –Como que marchas? –Levantou os ollos do xornal don Pablo–. E logo, meu, que vas facer sen traballo? –Vou escribir. –Vas escribir? Cata que de escribir non se come, Toto. –Vou escribir receitas de cociña –respondeulle todo convencido. Entón don Pablo cerrou o xornal e quedou a mirar para el pensativo. –Mira, como es un rapaz espelido –díxolle–, vouche dar outra oportunidade. Tráeme un par desas receitas túas. Se temos éxito con elas, douche parte no negocio do bar. Que che parece? –Hei de traerllas. Prométollo.

12



Toto Murube non tivo sorte na vida; de condición humilde, non puido estudar, nin sequera aprendeu a ler. Quizais por iso Toto Murube era un mendigo máis a vagar pola gran cidade. Algunhas noites, mentres durmía no chan do caixeiro dun banco, Toto Murube soñaba que a súa sorte cambiaría e que chegaría a comer o mundo. Que inxenuo, verdade?

Aínda que… ás veces, a realidade supera ata os mesmos soños.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.