Issuu on Google+

OS AMIGOS DO MAR Hai moito tempo, no pobo de Cabana de Bergantiños, vivía unha nena chamada Eva e o seu irmán. Vivían preto dunha praia que tiña un camiño malo polo que a xente non ía a ela. Un día Eva foi a esa praia e atopouse cunha serea chamada María. Fixéronse amigas e nadaban e xogaban xuntas. Eva contoulle que no seu pobo había moitos naufraxios e María confesoulle que era por culpa doutras sereas que cos seus cantos hipnotizaban aos mariñeiros e os barcos íanse contra asa rochas. A María iso non lle gustaba, por iso se viña ela soa para esta praia. Un día o irmán de Eva foi pescar e non regresou. Eva foi correndo á praia, chamou a María e contoulle o que pasara. María saíu en busca del. Atopouse cun barco que estaba rodeado de sereas. Os mariñeiros estaban hipnotizados e ataban a piques de se ir contra as rochas. Entón María viu un cabo que saía do barco. Colleuno e púxose a tirar, levando ao barco ata un lugar seguro lonxe das sereas. O irmán de Eva espertou da hipnose e foise para a casa. Cando o viu chegar, Eva foi correndo moi contenta á praia para darlle as grazas a María. Desde entón, Eva e María son as mellores amigas do mundo. E colorín colorado, este conto xa non está naufragado. Tania, os seus pais Renato e Helena e a súa tía Silvia.


A PRAIA DA LANZADA A serea viaxeira chegou un día á praia da Lanzada. Esta praia está situada nos concellos de Sanxenxo e O Grove. Ten bandeira azul e é unha das máis coñecidas de toda Galicia. Está rodeada de dunas e mide dous quilómetros e medio de lonxitude. A escasos metros atópanse lugares moi interesantes coma: a Torre da Lanzada, o Castro da Lanzada ou a Hermida de Nosa Señora da Lanzada. Nesta praia practícanse deportes coma o surf e o windsurf pois está en mar aberto. E así foi como a serea deste conto coñeceu a Daniel. Daniel era un neno que estaba facendo surf, cando de súpeto esvarou e a táboa bateulle contra unha rocha e rompeu. Daniel estaba mar a dentro, moi lonxe da praia. Pensou que non ía dar chegado. Entón apareceu a serea e axudoulle a chegar a terra. Desde entón, cada vez que a serea viaxeira vai á Lanzada visita a Daniel: fan surf xuntos e comen o mellor marisco do mundo… Que por suposto é o galego. E colorín colorado este conto está surfeado. Óscar e o seu pai, Suso.


A SEREA DE ÉZARO Nos tempos da miña tataravoa, nunha vila mariñeira chamada O Pindo, uns mariñeiros estaban no mar na noite antes de Nadal, cano nas súas redes pescaron unha serea. A serea estaba moi malferida e os mariñeiros

decidiron

regresar

a

terra.

No

porto

de

O

Pindo

desembarcaron á serea ferida. Ata alí achegouse o médico da vila e curoulle as feridas. Os veciños coidaron da serea e mesmo a levaron ás súas casas a cear en Noiteboa. A serea, que se chamaba Ézaro, pasou moito tempo en O Pindo e por alí pasou moita xente a coñecela. A serea foi moi feliz na vila ata o final dos seus días e, en agradecemento a esta vila mariñeira, o día de Nadal, po arte de maxia, abriu a montaña e coas escamas da súa cola formou unha gran fervenza á que os veciños lle puxeron o nome, en honor á serea, de Fervenza de Ézaro. Aínda hoxe se pode visitar esta fermosa fervenza que é a maior fervenza que desemboca no mar de toda Europa. E colorín colorado este conto xa está contado. Montse, a súa irmá Paloma e os seus pais Jeni e Jose.


A SEREA LUCÍA EN COMBARRO Contoume miña avoa que certo día estaba na praia e empezáronse a formar unhas ondas moi fortes das que xurdiu unha fermosa serea chamada Lucía acompañada dun cabaliño de mar. Contoume tamén a miña avoa de Ribadumia que a serea coñecía a vila de Combarro tan ben que non parecía que fora a primeira vez que a visitaba. De feito, alí vivía unha irmá de Lucía á que visitaba con frecuencia. A serea levou ao seu amigo pola beiramar para amosarlle todos os hórreos que hai en Combarro, pois nesa vila mariñeira hai uns trinta mirando ao mar. Son de pedra, aínda que algúns están cubertos de palla. Un pouco máis no interior da vila, o cabaliño de mar alucinaba vendo os balcóns de pedra das casas que nacen sobre un afloramento de granito. Un pouco máis a diante o cabaliño preguntou todo asustado que eran uns pedras nuns pedestais que vía ao lonxe. Lucía díxolle que eran cruceiros e que en Combarro había moitos por toda a vila. De súpeto Lucía púxose moi contenta, pois vira á súa irmá que alí vivía. Fundíronse nunha gran aperta. A serea Lucía e o seu amigo o cabaliño de mar déronlla á irmá de Lucía a mellor nova: esta vez non estaban de visita, ían vivir en Combarro para sempre. E os tres viviron xuntos e felices.

Colorín colorado este conto veu de Combarro. Alejandro e os seus pais, Ana e Jorge.


A SEREA QUE PODÍA ANDAR Hai moitos anos houbo unha serea que empezou a viaxar polo mar descubrindo lugares sensacionais. Nunha das súas viaxes atopouse cunha illa moi fermosa chama A Toxa. Nela viu unha capela feita de cunchas. Quixo ir a vela máis de preto, pero non tiña pernas. Entón coñeceu a un polbo e preguntoulle onde podería conseguir unhas pernas. O polbo non sabía, pero díxolle que lle preguntara ao peixe. A serea preguntoulle ao peixe. Tampouco sabía, pero díxolle que lle preguntara á balea azul. A serea foille preguntar e a balea díxolle que tiña que ir a buscar a perla máxica. A serea buscou e buscou e por fin a atopou. Pediulle un desexo e conseguiu ter pernas. O polbo, que a acompañara todo o tempo tamén conseguiu unhas pernas e xuntos foron á Illa da Toxa. Alí viron moitas cousas: a capela de cunchas, a fabrica de xabón, o balneario, o campo de golf e o Gran Casino. A serea e o polbo fixéronse moi bos amigos e foron felices viaxando xuntos polo mar.

E colorín colorado este conto está paseado. Hugo e o seu pai, Pepe.


A CUNCHA MÁXICA Todo empezou cando estaba a xogar na beiramar co meu amigo Rudolf, o cervo. - Mariña, Mariña! – dixo Rudolf. - Que! – contestei eu, Mariña, que por certo, son unha serea. - Encontrei unha cuncha moi brillante. Abrímola e dentro había dúas perlas, unha negra e outra branca. Descubrimos que unha representaba a bondade e a outra a maldade. O que nós non sabiamos era que detrás das dúas perlas agochábanse tres trolls: Tris, Tras e Tros. Unha noite de treboada, mentres eu durmía, Tris, Tras e Tros entraron na miña casa debaixo do mar e secuestráronme e colleron as dúas perlas. Por sorte Rudolf, que durmía na beira do mar, viunos. Enfadouse tanto que bateu contra eles cos seus cornos e tirounos ao mar. Entón a cuncha abriuse e as gaivotas, que sabías a lenda das dúas perlas, colleron a perla negra e tirárona ao fondo do mar. Desde aquel día os trolls non volveron a aparecer e esta aventura pasou a ser so un recordo. Colorín colorado este conto está troleado. Daniel Rial, a súa curmá Eila, a súa amiga Belén e os seus pais César e Nieves.


O NENO QUE ENCONTROU UNHA SEREA Nos tempos da miña tataravoa un barco encallou na praia de Augas Santas. Pero este era un barco moi especial porque estaba cheo de piratas e tiñan unha serea como prisioneira. A serea conseguiu fuxir e escondeuse nas covas da praia da Augas Santas. Un neno chamado Serxio estaba a pescar e… Pescouna a ela! A serea tiraba con moita forza para escapar e acabou tirando ao neno ao mar. A serea colleuno e levouno ás covas. Cando o neno espertou preguntoulle á serea en que lugar se atopaban. A serea díxolle que estaban na praia Augas Santas, en Ribadeo. Agora tamén a chamaban praia das Catedrais polos arcos enormes e covas que hai nos seus cantís e que so se poden ver cando está a marea baixa. Serxio preguntoulle á serea como estaba naquela praia e ela contoulle que chegara alí prisioneira nun barco pirata. Serxio decidiu axudar á serea e foi onda o seu pai. Xuntos buscaron o barco pirata, pero xa non estaba. Entón colleron o seu barco e levaron á serea á súa casa. Desde entón Serxio visita todos os anos a praia das Catedrais, onde coñeceu á súa amiga a serea.

E colorín colorado este conto está pescado. Mateo e os seus pais, Carina e Serafín.


IRIS EN CAMELLE No ano 1999 había unha serea chamada Iris. Un día perdeuse no mar e seguiu nadando e nadando. Despois dun anaco, Iris asomou a cabeza fóra da auga e viu moitos castelos feitos de pedra. Acercouse un pouco máis para velos mellor e parecéronlle un pouco raros. Alí viu a un neno construíndo máis e preguntoulle como se chamaba. O neno díxolle que se chamaba Pi. Iris díxolle o seu nome, contoulle que estaba perdida e preguntoulle en que lugar estaban. Pi explicoulle díxolle que estaban en Camelle. Explicoulle que el facía castelos porque o seu soño era vivir neles. Iris díxolle que eran moi fermosos, pero que lle parecían un pouco raros. Entón viu que alí ao lado había unha tartaruga. Pi díxolle que se chamaba Cuba e era a súa mascota. Cuba escoitou a Iris contar como se perdera no mar ao saír da escola e díxolle que era unha historia moi triste. A serea Iris desexaba volver á súa terra natal e Cuba, a tartaruga díxolle que a axudaría a atopar a súa casa porque coñecía todo o mar galego. Entón Cuba acompañou a Iris á súa casa e despois volveu con Pi. E colorín colorado este conto xa está atopado. Uxía, a súa nai, María e a súa madriña Cristina.


A PEDRA MÁXICA Hai moitos anos, nas Dunas de Corrubedo, había moitas montañas de area. Para chegar á praia había que gabear polas montañas de area. Ao chegar ao cumio divisábase o mar cunha fermosa paisaxe. Un día iamos paseando meus pais e máis eu e vin que algo brillaba na praia. Agocheime e vin que era unha fermosa pedra rosa atada a un cordón negro. Sorprendida, amoseilla aos meus pais. Miña nai limpouna coa camiseta que levaba e, de súpeto, unha gran luz saíu das augas da praia. Os tres nos quedamos asombrados do que acontecía. Nese intre saíu das augas unha fermosa sereíña cuns cabelos verdes moi longos. Quedamos paralizados. Entón eu empecei a correr cara a auga e a serea díxome: -

Paula, non perdas nunca esa pedriña porque che dará moitas enerxías positivas ao longo da túa vida.

E, de súpeto, a serea desapareceu. Meu pai correu para collerme na auga e eu díxenlle: -

Papá, non te preocupes, isto é un soño!

E colorín colorado este conto xa foi soñado. Paula e os seus pais, Merchi e Juan Ángel.


A SEREA E O MARAVILLOSO MAR Érase unha vez unha serea que vivía moitas aventuras e esta é unha delas: érase unha vez na Torre de Hércules, ao lado dunha praia na que había un parque, había unha serea chamada Laguna que saía do mar á praia polas noites. Laguna tiña unha nave máxica que a levaba por terra, así ela non tiña que arrastrarse pola area, pois as sereas non teñen pernas. Laguna era fermosa, tiña o pelo das cores do Arco da Vella e a súa cola era rosa. Unha noite a Torre de Hércules desapareceu. Laguna preguntouse que pasaría. Entón decidiu ir a preguntarlle á Ponte Máxica, pois ela sabíao todo. Ao chegar, a ponte díxolle: << É so a túa imaxinación… Se

miras con atención verás que si está. Pero como saberás, a Torre de Hércules é o faro romano máis antigo do mundo e por iso se lle avariou a luz. Como non brilla cres que desapareceu>>. Entón a serea Laguna marchou felizmente. Cando se fixo de día achegouse ao faro e arregloulle a luz. Desde entón e aínda hoxe, a Torre de Hércules alumea todas as noites o mar da Coruña advertindo aos barcos do perigo das rochas da costa.

Colorín colorado este conto está alumeado. Laura e o seu pai, Manolo.


A SEREA E AS ILLAS CÍES Contan meus avós unha lenda dunha serea que foi arrastrada polo mar ata a Ría de Vigo. Cansada de vagar polo mundo, a serea quería atopar un lugar tranquilo no que poder vivir. No porto de Vigo viu moita xente que subía a un catamarán destino ás Illas Cíes. Sen pensalo dúas veces, agarrouse ao barco e viaxou ata unha praia na illa chamada praia de Rodas. Parecía o paraíso: a serea estirouse sobre a area branca e fina e bañouse nas augas cristalinas de cor esmeralda. Seguiu investigando por aquela illa tan fermosa ata chegar a un bosque con fermosos pinos e carballos, tamén atopou aves coma o falcón peregrino, rulas, coellos, lontras e serpes. Chegou tamén a unha lagoa no complexo praia-duna-lagoa chamada A Lagoa dos Nenos, onde cansa, quedou durmida. Ao espertar e contemplar o fermosa que era aquela paisaxe, decidiu quedar a vivir alí, nas Illas Cías. E colorín colorado este conto está investigado. Adrián e a súa nai, Rosa.


A SEREA PALILLEIRA Había unha vez unha pequena vila da Costa da Morte chamada Camariñas onde as mulleres se dedicaban a facer encaixes e os homes eran mariñeiros. Nunha noite de Lúa chea apareceu no porto unha serea. Os mariñeiros, que estaban a recoller as súas redes, viron un peixe de moi vivas cores, e cal foi a súa sorpresa ao dárense de conta de que se trataba dunha serea. Os mariñeiros colleron á serea e levárona para un acuario onde había un peixiño de cores ó que tamén tiñan encerrado. Pasaban os días e a serea e o peixiño fixéronse moi amigos da Lúa, que brillaba no ceo tódalas noites. Os tres contábanse as súas penas, pero a serea cada día estaba máis triste porque botaba de menos o seu mar. O mariñeiro que a coidaba tamén se decataba súa tristura e de que non comía nada. Ademais, o mariñeiro empezou a namorarse dela, así que decidiu axudala a ela e máis ao peixiño a saír daquel acuario. A Lúa tamén quixo axudar aos seus amigos, así que esa noite brillou máis ca nunca para que viran ven o camiño. O mariñeiro levou á serea ata o porto para que se puidera marchar. Pero nese momento a serea deuse conta de que xa non se quería ir: namorárase do mariñeiro. Decatáronse de que nunca poderían estar xuntos porque, onde se vira un mariñeiro e unha serea? Nese intre a Lúa díxolles que ela os podería axudar. <<Pódoche dar unhas pernas para que poidas andar coma unha moza, pero xa non poderás volver ao mar>>.


O mariñeiro e a serea miráronse e déronse conta de que iso era o que querían. A súa amiga a Lúa converteuna nunha fermosa palilleira de Camariñas. Desde entón foron moi felices xuntos. A serea facía moitos encaixes e que máis lle gustaba facer eran tapetes do seu fermoso mar. E colorín colorado este conto está palillado. Gabriela, a súa nai Belén e súa madriña Isabel.


ILLAS SISARGAS A serea viaxeira vive no mar de Rianxo, que está situado na Ría de Arousa. Un día que estaba aburrida decidiu ir de viaxe e chegou ata Malpica, en fronte dunhas fermosas illas. A serea non sabía cómo se chamaban esas fermosas illas e decidiu ir a buscar a quen preguntarlle. De repente a serea atopouse cun cangrexo e chamouno: -Señor cangrexo, señor cangrexo!, espere un momentiño. O cangrexo parouse e preguntoulle que quería. -Chámome Catalina. Son unha serea viaxeira e gustaríame saber como se chaman esas illas tan fermosas. -Boas tardes, eu son Xoán o cangrexo. Esas son as Illas Sisargas e son tres illas: a Sisarga Grande, Malante e Sisarga Chica. Alí viven unhas gaivotas chamadas tridactilas, a gaivota escura e moitas outras especies de animais. Entón a serea e o cangrexo foron a visitar as illas e parecéronlles xeniais. E colorín colorado este conto está viaxado. Marta e a súa nai, Cristina.


MURIEL EN CORTEGADA Érase unha vez unha serea chamada Muriel que vivía na illa de Cortegada, situada na desembocadura do río Ulla na Ría de Arousa. Era unha serea moi boa e fermosa. Encantáballe a súa illa e tódolos días paseaba por ela. Un día en mar aberto atopouse cun estraño bicho: un polbo xigante de dez tentáculos. Ao principio Muriel tívolle medo, pero como o polbo era bo preguntoulle o seu nome. O polbo díxolle que se chamaba Chak. Fixéronse amigos e Muriel convidouno a coñecer o seu fogar. Xuntos marcharon á Illas de Cortegada. Alí Muriel amosoulle ao seu novo amigo. Contoulle que Cortegada, xunto con outras illas da ría, forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Muriel levou a Chak ata un antigo mosteiro que hai na illa e beberon da auga do regata que mana a carón deste. Tamén viron as lagoas que se forman no inverno. Despois foron descansar na beiramar da illa, á sombra das árbores e Muriel explicoulle a Chak que Cortegada ten o bosque de loureiro máis grande de toda Europa e ademais tamén ten carballos e pinos. Chak quedou abraiado coa fermosura da illa e decidiu quedar a vivir alí para sempre. E colorín colorado este conto está rematado.

Éder e Rosa


A SEREA E AS HISTORIAS DA BALEA Había unha vez unha serea viaxeira que nunha das súas numerosa viaxes chegou ata Baroña. Alí atopouse cos restos duns castros. Tiña moita curiosidade por coñecer un pouco máis aquel fermoso lugar foille preguntar a unha vella balea que vivía alí. A balea contoulle que hai centos e centos de anos ata alí chegaron uns homes nuns barcos moi raros. Viñan dos mares do Norte. Desembarcaron en Baroña e alí comezaron a construír as súas casas. Eran circulares e estaban todas xuntiñas. Esta xente alimentábase de mariscos das rochas e de pequenos peixes, pero pronto comezaron a criar animais e a plantar trigo e cebada co que facían pan. A serea quedou marabillada coa historia que a vella balea lle acababa de contar e decidiu quedarse a vivir alí, na Ría de Muros, na compaña da balea. Durante os días que seguiron a serea e a balea pasaron moito tempo xuntas contando historias sobre aqueles homes que viñeran do Norte. E colorín colorado este conto está castrexado. Alejandra, o seu pai Alejandro e súa madriña Cristina.


ALADA SALVA ÁS BALEAS O 1 de febreiro de 1981, Alada, a serea viaxeira, e os seus amigos o golfiño Lucas e a sardiña Sabela chegaron á costa de Io, no concello de Cangas. Querían visitar o faro de Cabo Home, cando, de súpeto, atoparon unha balea ferida con un arpón cravado. Mentres a curaban, a balea, que se chamaba Sara, contoulles que en Cangas había barcos que cazaban baleas. Sara levounos a ver a praia de Barra, pero estaba chea de graxa de balea que saía das fábricas. Alada tiña que axudar a Sara e tamén ás praias de Io. Falou co alcalde para buscar unha solución. En 1985 Alada, coa axuda do alcalde conseguiu que aprobaran unha lei que impedía a caza de baleas. Desde entón, todos os anos Alada regresa a Io e vai ver a Danza de San Roque, que se celebra no famoso cruceiro de Io. E colorín colorado este conto está cazado. Santi e a súa nai, Gemma.


A VIAXE DA SERA O inverno pasado o fareiro do faro de Cabo Ortegal viu unha serea nadando cara a Ría de Ortigueira. A serea parouse a falar cos mariñeiros que traballaban pescando cerca da ría. Cando chegaron ao porto de Cariño contáronlle a todos o que viran, contaban que a serea era moi fermosa e o seu pelo era largo e dourado coma o Sol e levaba unha pequena coroa. A serea díxolles que viña da Ría de Arousa e se dirixía a Fisterra a encontrarse cao súa irmá. Tamén lles contou que o seu pai, o rei, as mandara a investigar quen e como facían para que houbera tanta contaminación nos mares. O rei estaba enfadado e ía escarmentar a quen atopase a tirar lixo ao mar, o seu fogar. Os mariñeiros dixéronlle á serea que os gobernos das persoas facían reciclaxe e que poñían depuradoras e a serea contestoulles que non era suficiente. Os mariñeiros fixeron correr a voz para que non volvera pasar. Desde entón as sereas vixían todos os días e o rei deulle escarmento a máis de un. Así que se algunha vez saídes ao mar, pensade que hai ollos mirando o que facedes. E colorín colorado este conto xa non está contaminado. Ádam e os seus pais, Margarita e Andrés.


ILLA DE ONS Hai moitos anos nunha illa chamada Illa de Ons, había unhas pedras moi perigosas, que non deixaban pasar aos barcos. Un día de tormenta un barco quería chegar á illa e non puido porque chocou contra as rochas e o barco afundiuse. Algúns mariñeiros conseguiron chegar á illa nadando. Unha serea que se atopaba na illa axudoulles deulles roupa seca e leite quente. Despois fixeron unha festa para celebrar que todos estaban ben. E colorín colorado este conto está rematado. Egoitz e a súa nai, Nagore.


A SEREA DO FARO Hai moito tempo, en Fisterra, no océano Atlántico, había un faro no que vivía unha serea. Era loura, a súa cola era cristalina e tiña unha voz encantadora. Pero a serea non tiña amigos, estaba sola. Un día coñeceu a un mariñeiro e fixéronse amigos. A serea contoulle a súa historia. Contoulle que vivía co seu pai, Neptuno, o rei dos mares, e desterráraa á fin do mundo por non obedecelo. A serea nadou e nadou ata que chegou a un faro, O de Fisterra e gustoulle tanto que quedou alí. O mariñeiro escoitouna cantar e quedou prendado dela. Tódolos días ía polos pasadizos do faro para encontrarse con ela. Falaban de moitas cousas. Un día chegou Neptuno e díxolle á serea que volvera con el á casa. Pero a serea díxolle: _ Non! Quedareime no faro de Fisterra para sempre. O mariñeiro e a serea foron amigos para sempre. E colorín colorado este conto está cantado. Daniel Túñez e a súa nai, Berta.


contos de sereas