Issuu on Google+

RETRATOS

A MOCIDADE SADENSE

ALUMNADO DE 1ยบ DE BACHARELATO QUE SOBREVIVIU ร FIN DO MUNDO NO 2012


RETRATOS A MOCIDADE SADENSE REPRESENTADA POR UN GRUPO DE ALUMNAS E ALUMNOS DE 1º DE BACHARALETO DO IES ISAAC DÍAZ PARDO

Adrián Alonso Daniela Castellucci Daniel Cid Alexandra Ferreira Jacobo Fiaño Cristina García Pablo Gómez Eduardo Núñez Adrián Paz Paloma Piot César Rega Johan Rodríguez Willian Silva Miguel Tenreiro Joan Ander Tomé

Sada, 23 de decembro de 2012


Resultaron moi interesantes os retratos que este grupo de mozos e mozas presentaron na clase de lingua. Servíronlle ao profesor para comprobar a competencia escrita e tamén para coñecelos un pouco mellor. Sempre debemos ter presentes as características e peculiaridades do alumnado á hora de planificar as nosas clases. Adoitamos ler a cotío informacións nos medios de comunicación de masas que nos retratan a mocidade actual como persoas pouco comprometidas coa sociedade na que viven, inconstantes, pouco esforzadas, sen interese polo seu futuro e soamente preocupados pola festa. E pode que sexa así, que haxa unha masa máis ou menos aparvada que necesite sentirse integrado na mediocridade. Pero xunto con ela, hai outra moito máis numerosa, aínda que por veces silenciosa, que estudan, que axudan solidariamente aos seus veciños, compañeiros, amigos. Mozas e mozos que practican deporte, que tocan algún instrumento musical e que incluso gozan coa lectura dun relato. Nas páxinas que veñen a seguir, destacamos algúns parágrafos destes seus retratos para concluír que, en xeral, a mocidade é máis sa do que pensamos.


ASÍ SE DESCRIBEN ELES


Rapaz moreno, alto, delgado, con cabelo castaño (a pesar de que a xente diga que son rubio) e ollos verdes. Todo o mundo di que posúo moitos trazos da miña familia materna, e por iso asócianme coa cidade herculina, pero eu síntome un sadense de “pura raza”.

…………

Penso que son bo xa que non as vou armando por aí e axudo na casa; o único que me falla un pouco son os estudos, pero todo se pode amañar.

…………

Considérome unha persoa alegre, simpática, algo tímida e, nestes últimos anos, moi pouco traballadora.

…………

Entre as miñas afeccións encóntrase a música, pois xa de pequeniño tiven interese por ela. Meus pais dinme que cando tiña dous anos escoitaba todo tipo de música e que aprendía todas as cancións de memoria; a rianxeira foi a primeira que aprendín e que xa cantaruxaba incluso antes de saber falar.

…………


Vivo con miña nai, con meu pai e meus irmáns. Miña nai ten xenio, somos moitos e temos que ser un pouquiño organizados. Estou encantado no IES de Sada que por bo ata ten o nome dun galego maxistral. Procuro sacar o bacharelato e teño as miñas inquietudes cara ao futuro, pero vou a modiño, con tento, un pouco pola miña timidez e polo respecto que teño de non dar abarcado o nivel que preciso.

…………

Actualmente estou cursando primeiro de bacharelato en ciencias; este trimestre estame custando un pouco, mais espero recuperarme e aprobar todas as materias. Gustaríame ser enxeñeiro aeronáutico, aínda que sei que é unha carreira moi complicada. Tería que ir estudar a Madrid, Valencia ou Barcelona. A miña principal meta para os dous próximos anos é sacar as mellores notas posibles, aprobar a selectividade para poder elixir a mellor universidade.

…………

Sempre tiven afección polos animais, sobre todo cos periquitos, uns paxaros tropicais, pero sempre se me escapaban ou morrían, e por iso cansei deles; agora teño un can san que me é fiel.

…………


No ámbito psicolóxico teño que destacar que son un rapaz bastante impaciente, porque quero que as cousas sexan no momento e non me gusta esperar. Son amigable e social, xa que me relaciono coa xente sen problemas. Confidente, nunca contei ningún segredo, nin falta que fai. Habilidoso, porque teño bastante facilidade para facer algunhas cousas. Áxil e cunha enerxía inesgotable, como di a profesora de bioloxía, as miñas mitocondrias están a xerar enerxía todo o tempo porque sempre me estou a mover. O que máis me preocupa é pasalo ben e gozar do momento. Non me considero para nada pesimista; creo que son un rapaz alegre e feliz.

…………

Encántame vestir con cores escuras e roupa máis ben folgada que cinguida. Gústanme moito as gorras e os meus pés non saben o que é poñer uns zapatos, xa que sempre ando con tenis ou deportivas.

…………

Penso que son unha persoa de ideas liberais, como a maioría dos meus amigos e os meus pais, e intento reflexionar as miñas decisións antes de tomalas. Algúns compañeiros póñenme unha fama de persoa moi intelixente, que eu non comparto. Baséanse nas miñas notas, moi boas durante a ESO, e eu dígolles que non son debidas a ser listo ou deixar de selo, senón que se debe ao traballo constante e a centrase á hora de estudar. Son unha persoa moi esixente comigo mesmo e son competitivo. Cambiaría de min o feito


de tensionarme con moita facilidade e , ás veces, ser moi orgulloso.

…………

Tamén son moi tímido, aínda que cando xa coñezo a xente son moi tranquilo e gústame facer bromas cos meus amigos. Tamén son moi vergonzoso, respectuoso, agradable. O único que eu creo que teño mal é que son moi calado, case non falo con ninguén.

…………

Son unha persoa moi competitiva, todo o que fago quero que estea ben feito e se é posible que sexa o mellor, cousa que por veces me trae problemas, porque me pico con facilidade. Ás veces son algo lacazán porque me dá moita preguiza facer as tarefas. A última cousa característica miña e que a moita xente lle chama a atención é que estou orgulloso de ser de onde son, e de vivir onde vivo; penso que nese tema teño moita sorte.


ASÍ SE DESCRIBEN ELAS


Pelo longo, liso é castaño; ollos grandes e adormecidos dunha cor parecida ao marrón. Desde que cheguei de América latina non parei de medrar, tanto no alto como no ancho, ben se nota. Teño as mans grandes e pesadas, características dunha nena que nunca parou quieta. Teño varias cicatrices froito das miñas travesuras. Herdei as pernas de futbolista do meu pai e a mesma falta de estilo ao camiñar. Da miña nai saquei o sorriso alegre, doado de conseguir, e uns beizos carnosos da mesma color que o rubor das súas meixelas.

…………

Nacín o 30 de maio de 1996 en Sada, e sempre vivín aquí. A miña familia tamén é galega, aínda que meu pai naceu e viviu durante moito tempo en Uruguai, xa que meu avó foi un dos milleiros de persoas que emigraron dende Galicia cara a Sudamérica no século pasado. Son unha persoa de estatura media, delgada e algo morena. O meu pelo é largo, rizo e castaño escuro. Os meus ollos tamén son castaños. Alegre, bastante tranquila, algo tímida e sempre procuro ser amable. Porén, tamén son bastante preguiceira, desordenada e sobre todo, moi despistada. A pesar destes pequenos defectos, sempre procuro levar á casa os mellores resultados académicos que poida conseguir, non só polas esixencias dos meus pais, senón porque me gustaría poder estudar Arquitectura ou Enxeñería Civil nunha boa universidade. As miñas principais afeccións son: escoitar música, ir á praia, ir de compras e ler. Gústame sobre todo a música


clásica, o pop, o indie e o jazz. En canto aos libros, os meus favoritos son os de Agatha Christie. A miña praia favorita é a de Perbes, á que acostumo ir no verán. No futuro gustaríame ir a vivir a outro país como Inglaterra, Estados Unidos ou Australia, xa que me parece moi interesante e enriquecedor vivir noutro lugar cunha cultura, idioma e costumes diferentes.

…………

Vivo en Soñeiro dende hai doce anos, pero nacín en Carballo. O lugar no que vivo non é significativo, pois miña nai é de Viveiro e meu pai de Bruxelas. Vivimos alí porque é un sitio tranquilo. Gústame ir de compras e todo o que teña relación coa moda, aínda que simplemente por hobby. Non son fanática de seguir tendencias, nin tampouco de ignoralas completamente, se me gusta o que está de moda, lévoo, se non, non. Gústame o meu estilo de vestir, pois é variado e pouco monótono. Levo roupa dende deportiva ata formal. Acostumo levar o pelo solto, poucas veces mo aliso, dáme pereza normalmente, aínda que me gusta como me queda. Encántame facer deporte. Creo que non sería capaz de vivir sen el. Actualmente, e dende hai oito anos, practico patinaxe artística e compito a nivel nacional. Non teño uns méritos impresionantes polo momento, pois competindo sempre me poño moi nerviosa, aínda que creo que esta tempada vai ser moi boa para min. Respecto aos meus estudos, gústanme as materias relacionadas co ámbito científico técnico, as matemáticas sobre todo. Gustaríame estudar enxeñaría informática. Tamén me


gustan os idiomas e encantaríame saber falar e escribir inglés perfectamente, aínda que para dominalo sería necesario un plan integral de inmersión.

…………

Os meus pais elixiron o meu nome polo recordo dunha muller que vivía no seu mesmo edificio cando levaban os primeiros anos de casados. Din que foi sempre moi boa con eles. Puxéronme o seu nome como unha demostración do seu aprecio cara a ela. Eu nunca a coñecín. Nacín na Coruña e dende moi pequena viaxei moito: Canarias, Cádiz…, pola culpa do traballo do meu pai. Unha vez instalados definitivamente en Sada, máis ou menos aos 5 anos, xa non volvín a trasladarme. Teño 16 anos e son a pequena da familia, pódese dicir que tamén a máis malcriada, pero aínda así lévome moi ben coa miña irmá. Son unha moza feitiña; a miña estatura está un pouco por debaixo do normal, pero gústame iso de ser baixiña. Son de pel branca, moi branca, teño o pelo castaño e ondulado ou rizo, dependendo do día. Os ollos escuros e un pouco achicados pero con pestanas moi longas. O nariz pequeniño e a boca tamén, pero os meus dentes son grandes, Sinto que son unha persoa, ou moi optimista ou moi pesimista, non coñezo os puntos medios. Son berrona pero graciosa, intento ser amable con todas as persoas, pero cando non sinto aprecio ningún por unha persoa nótaseme moito. Sempre intento dicir as cousas á cara e non mentir.

…………


Teño o pelo e os ollos de cor marrón. Podería dicirse que teño o corpo dunha nena de quince anos, xa que son delgada e algo baixiña. Utilizo lentes a causa da miña miopía, levo brincos nas orellas e un “piercing” no beizo. Levo sempre o mesmo peiteado: rastas. Son unha persoa moi independente (cousa que me gusta); sempre teño que ter a razón, o cal faime testalana, e con iso egoísta coa xente do meu arredor. Impulsiva nos meus actos, polo que a causa disto meto a pata moitas veces. Non me gusta que me digan o que teño que facer. Tamén son un desastre coa limpeza e a orde. É toda unha misión manter as miñas cousas en orde. Por outra parte son cariñosa, aberta e amiga dos meus amigos. Unha das cousas que non me gusta da miña carcasa é o meu nariz, porque é grande. Non teño moita forza, pero compénsame o nervio. Encántame comer, e sobre todo se é a comida do meu pai, que cociña mellor que a miña nai.


RETRATOS