Page 1

RELATORIO DE

MANUEL MARÍA

FERNÁNDEZ TEIXEIRO

NO IES RAMÓN OTERO PEDRAYO DA CORUÑA. 25/05/2001 XOSÉ SEOANE ( Meigh@llo.com)

O pasado 25 de abril, día no que tamén se conmemoraba o 27º aniversario da revolución dos caraveis en Portugal que poñía fin á ditadura fascista máis vella de Europa, Manuel María, o poeta da Terra Chá, visitou o noso instituto e faloulles aos nosos alumnos e alumnas de cuarto de eso sobre don Ramón Otero Pedrayo. Era o primeiro acto que desenvolviamos no centro para lembrar ao patriarca das Letras Galegas no vixésimo quinto cabodano do seu pasamento.

Begoña Valdés fixo unha emotiva presentación na que encadeou os títulos máis significativos da súa obra poética e as lembranzas da traxectoria vital intachábel dun dos persoeiros vivos máis respectados da nosa cultura.

Naceu na Terra Chá galega; alá naquela tribo que ten catro ríos: o Pai Miño, o río Ladra, o río Pequeno e o pequeniño regato do Cepelo, que non por pequeno desmereceu unha homenaxe do Manuel e moitas reseñas nos seus libros. Ninguén lle esixiu nunca ningunha proba documental do seu amor á terra, porque todas elas están na súa poesía. Nos seus documentos personais, libro publicado no 1970, defínese: "Eu son Manuel María, labrego con algo de poeta, por eso gardo as ialbas no fondo dos meus ollos e ando de vagar o meu carniño e pídolles ás cousas súa tenrura e ós homes pídolles verdade".


Ás veces, os seus soños de neno estiveron presos na gaiola, pero pronto souberon o camiño das rúas do vento ceibe, comparando as viaxes e vagancias do mago das palabras das súas historias, Manuel de Paderna. Andando a terra foi quen de levar os seus versos dende a Terra Chá da nenez ás feiras e romaxes dun país de minifundios chamado Galiza, navegando polo Mar Maior daquelas cancións do lusco ao fusco que souberon construír unha patria nun tempo de paz e de ledicia. O Manuel escribiu miles de poemas nos que a palabra se enche de vida: poemas á paisaxe do Outono, poemas de amor a unha labarada estremecida, á compañeira da súa vida, poemas de amor á terra sempre, aínda que as ribeiras fosen, escuras. Tamén foi quen de morrer a cada intre no ano 1952, en plena posguerra, despois de ser un muiñeiro de brétemas cando tiña só 20 anos. Pero o Manuel tamén soubo encher o teatro de ledicia e fantasía, e nel aparecen, por exemplo, personaxes como o Barriga Verde ou unha espiña de toxo moi espelida chamada Berenguela. As súas prosas e contos escríbense en cuarto crecente, cando o mar vai polo río, ou andando a terra, falando coa xente e comparando con eles os ontes do silencio e o amor a Galiza como fixera no seu tempo Ramón Otero Pedrayo, a quen o Manuel coñeceu tan ben como agora vos contará. Seguro que Otero Pedrayo se sentiría moi honrado hoxe se te puidese escoitar. Presentación de Begoña Valdés.

Coa súa humildade característica presentóusenos do seguinte xeito: “ Eu son un galego da aldea que ten algo de poeta. Eu son un galego normalizado nun país que necesita unha lei de normalización cultural. Non somos moi normais porque o que é normal xa non necesita normalización de ningún tipo”. Antes de principiar a súa charla sobre don Ramón Otero Pedrayo (co don sempre diante) manifestoulles aos presentes a súa defensa a ultranza da lingua propia de Galicia: “O idioma é o que nos define como pobo, o que nos fai estar dun xeito persoal e orixinal no mundo, con personalidade propia, e non ser un número máis dun rabaño superior. O idioma galego, que se desdobrou no portugués e que creou na idade media unha das líricas máis importantes do mundo xuntamente coa provenzal, é no que está escrita a nosa verdadeira cultura e os nosos traballos e os nosos días”. Lembrouse das palabras mencionadas por Castelao cando este se refería ao absurdo do derrubamento do Pórtico da Gloria e de que aínda é máis bárbaro aquel que consente a desaparición dun idioma. “Esta herdanza que nós recibimos é un depósito que as xeracións anteriores nos fixeron e que nós debemos personalizar e agrandar. Non seriamos moi cabais, nin fieis á nosa historia, ao noso país e sobre todo


aos galegos que veñan despois nosa de consentilo. Nós non temos dereito de privar do idioma propio aos galegos que nos precedan e deixalos dominados, ou colonizados, ou domesticados, en moitos casos, noutro idioma. Isto non quere dicir que nós esteamos contra outras linguas ou culturas. Canta máis variedade haxa máis rico será o ser humano, pero o defender o propio non supón atacar o alleo.” Subliñou o espertar de Galicia no século XIX e os logros acadados no eido da poesía por figuras como Rosalía, Curros e Pondal. Recordou os “Mártires de Carral”, os provincialistas fusilados no 1846. Lembrou a figura de Faraldo, Brañas, Murguía (rexionalista e teórico do proceso de recuperación da conciencia galega, ademais de compañeiro de Rosalía de Castro) e destacou a importancia do lugués Aureliano Pereira, verdadeiro paladín do rexionalismo federal. Esta herdanza do século XIX é a que fai posíbel, a partir das Irmandades da Fala (1916) e da Asemblea de Lugo, a aparición do Nacionalismo galego. A prosa non chega a ter logros ata a chegada da Xeración Nós. Este grupo do que Otero é figura principalísima ten unha serie de características: -

-

-

No ano 1920 crean a revista Nós que dirixe en Ourense Vicente Risco. Esta xeración está formada fundamentalmente por Viqueira, Lousada Diéguez, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Castelao e, dentro do mundo da poesía, Cabanillas e algún outro. Queren facer un centro de Galicia. Facer dun arrabalde, que era Galicia, un centro. Práctica do bilingüismo; fan a súa obra en galego loitando tamén contra o idioma imposto e que se consideraba de cultura que era o castelán. A defensa de Galicia a ultranza. Baseada como característica esencial o seu idioma. Todos eles teñen acceso a estudios universitarios; todos teñen o que se chamaba unha carreira maior. Proceden da fidalguía (Otero e Lousada) e os outros da pequena ou gran burguesía. O seu forte catolicismo. Non queren conflitos coa igrexa e mesmo intentan galeguizala. Todos eles son defensores dun republicanismo liberal e federal.

Don Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense no 1888 na mesma casa na que nacera Vicente Risco. É fillo único do matrimonio de don Enrique Otero, médico liberal e dona Eladia Pedrayo Ansoar. Estuda no instituto e ten como profesor a don Marcelo Macías, catedrático de retórica e poética. No ano 1905 examínase en Compostela para empezar a carreira de Leis e de Filosofía e Letras. Do 1905 ao 1912 vai a estudar a Madrid onde coñece a don Primitivo Rodríguez Sanxurxo que o introduce no ambiente intelectual da cidade. No 1913 coñece a Lousada Diéguez que era catedrático de Filosofía do instituto de Ourense, quen o converte ao galeguismo. No ano 1918 ingresa nas Irmandades da Fala e no 19 gaña a cátedra de xeografía do instituto de Burgos, no que permanece pouco tempo e chega a trasladarse a Santander , onde coñece á que sería a súa muller, dona Josefina Bustamante. No 1921 pide o traslado a Ourense e alí permanece ata 1950 que gaña a cátedra de xeografía da universidade de Santiago de Compostela. No 1929 ingresa na Real Academia Galega e no 1935 é o presidente do Seminario de Estudios Galegos. No 1937 é dado de baixa como catedrático, é un represariado da Guerra Civil.


“Don Ramón, que fora deputado galeguista nas Cortes da República, defendeu que había que pagarlle ao clero e tivo unha felicitación colectiva dos bispos españois, que cando veu o ano 36 paráronlle posibelmente o golpe que contra el dirixiu o franquismo, que seguramente era de maiores consecuencias.” En 1946 fai a súa primeira viaxe a América. En 1948 repóñeno na súa cátedra e no ano 49 celébrase o centenario do nacemento de Valentín Lamas Carvajal. En Ourense descubríronlle unha estatua nos xardíns do Posío e foi don Ramón Otero Pedrayo o encargado de facerlle un discurso, e fíxollo en galego. O Gobernador Militar en resposta mandoulle á banda de música que tocara o himno español; Otero, calou e cando a banda rematou, este continuou a falar en galego. Dise que foi o primeiro discurso en galego nun acto público despois da Guerra Civil.

No 1950 acada a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago que exercerá ata o 1958, ano no que se xubila. Entrar na análise da obra de Otero Pedrayo é un labor moi difícil. Foi en 1925 cando iniciou a súa creación literaria ao publicar o relato “Pantelas, home libre”. Cultivou con grande mestría todos os xéneros literarios. Entre as súas novelas menciona “Os camiños da vida” (1928), verdadeira historia da sociedade galega rural no século XIX, e “Arredor de si” (1930), na que retrata a conversión dos homes do grupo Nós ao galeguismo. Destaca Manuel María na obra de don Ramón o tratamento que este fai da paisaxe. Foi o que mellor describiu a nosa paisaxe, dotándoa de personalidade propia. Son tres os factores que a conforman: o cósmico, o biolóxico e o humano. É realmente a paisaxe quen goberna a vida do home; non se trata simplemente do escenario onde este interactúa, senón que é quen configura ata a súa propia psicoloxía. No seu “Ensaio histórico sobre a cultura galega” (1939) presenta unha síntese do desenvolvemento histórico e cultural de Galicia dende os tempos prehistóricos ata


os comezos do século XX. Dinos Manuel María que non existe aínda ningunha guía de Galicia que supere a de don Ramón Otero. “A lagarada” (1929), “O desengano do prioiro” (1952, “Noite compostelá” (1973), son os títulos dalgunhas das súas obras dramáticas. Aínda está por facer o estudo da súa obra poética. Obra que está espallada en xornais, revistas, escolmas poéticas e no libro de 1958 “Bocarribeira”. Don Ramón non lle daba demasiada importancia aos seus poemas, facíao máis coma divertimento que coma canle de expresión, mais son considerábeis os seus valores estéticos. Cando morreu, os cinco bispos galegos concelebraron misa na súa honra na catedral de Ourense e o bispo de Ourense, que non se significaba pola súa defensa do noso idioma, misou en galego. Un dos momentos máis agardados foi aquel no que Manuel María esmiuzou unha chea de anécdotas compartidas con don Ramón; son esas cousas que non veñen nos libros e que só temos acceso a elas escoitándoas da boca de quen as viviu. Lembra unha vez que don Ramón Otero Pedrayo foi a Lugo para dar un pregón en Semana Santa. El sempre viaxaba en autobús de liña e as vésperas, así que me encargaron a min, que daquela estaba eu na cidade, que o acompañase a dar unha volta pola cidade. A don Ramón sempre lle gustaba ir ver a catedral e na catedral, e mais por eses tempos, había varias misas e ata que se remataba unha misa non se me movía do sitio. Na época en que don Ramón estaba de catedrático en Compostela, Uxío Novoneyra (o poeta do Caurel) e Manuel María (o poeta da Terra Chá) estaban recomendados a un coronel, que era de Ourense, e déranlles un pase para entrar e saír no cuartel cando lles parecese (estaban ambos facendo o servizo militar). O asombroso de don Ramón é que non usaba reloxo. Estaba no café e ía todos os sábados no Castromil a Ourense. Estabamos no “Español”, que está na rúa do Vilar, miraba así, aínda que estivese o día nubrado, e dicía: faltan cinco minutos para saír o auto de liña. E efectivamente, iamos con don Ramón e faltaban cinco minutos. Aquilo era asombroso, sobre todo para a hora de entrar en clase. Nesta época de Santiago, na que vivía no desaparecido Hotel España, que estaba na rúa Nova, foi na que máis convivín con el. Dona Fita, a súa muller, que estaba con el, tivo que ir coidar á nai de don Ramón, dona Eladia, que estaba un pouco enferma e don Ramón díxome (trataba a todo o mundo de vostede): fágame a caridade de comer comigo estes días porque non teño con quen falar xa que Fita ten que ir a Ourense. E alí estiven comendo vinteún días seguidos. El comía sempre á unha e media e coñecía as cousas de Galicia xa non de pobo a pobo senón de casa a casa e case de galego a galego. Gustáballe moito a pescada con chícharos. Naqueles anos sempre protestaba moito: dende que os barcos levan conxeladores non se pode comer unha boa pescada. Era un profesor de aprobado xeral. El dicíalle aos amigos que se tiñamos algún alumno del que non llo recomendaramos que el o aprobaba. Moitas das anécdotas que se contan del neste sentido non son certas aínda que moitas outras si que o poderían ser. Contan nunha ocasión que examinando a unha rapaza (el cando examinaba por libre sempre lles preguntaba aos rapaces de onde eran e preguntáballes algunha cousa do seu pobo) preguntoulle de onde era. Como era de Verín, preguntoulle o


nome do río da súa vila. A rapaza nin idea e entón don Ramón para axudala díxolle que o Tá.... o Tá.... Entón dixo a rapaza: ¡Xa sei, o Támesis! Don Ramón díxolle: Mira muller, o Támesis non pasa por Verín, pero merecía pasar; o que pasa por Verín é o Támega.

Destacou a súa xenerosidade. No café, todo o grupo do café, nas tertulias do Español ou do Derby, que estaban dez ou doce; estando don Ramón, ninguén pagaba café. Leunos tamén algunhas cartas de don Ramón,por exemplo, esa na que lles daba as grazas aos amigos de Lugo polo telegrama que estes lle puxeran co gallo da súa xubilación. “Meu querido e admirado poeta: xa sabe o engado e preguiza da campía, non sabe das soidades e lembranzas dos vellos. Houbo tamén viaxes, desconcerto nos papeis... todo iso non desculpa a miña demora en responder aquel emocionante telegrama dunha constelación senlleira de amigos co gallo da miña xubilación. Como vostede é bo lugués e bo amigo, a vostede prégolle que lles faga chegar as miñas respostas ás casas dos amigos pois ignoro as direccións. Nestas palabras vai para vostede o meu agradecido sentir...” Otero Pedrayo, dende a súa xubilación, botaba moito de menos as súas clases, xa que el era no fondo un gran falador. “...estou desexando vernos de novo en Compostela como nos tempos de hai pouco que semellan vellos cando eu podía falar cada mañá dende a cadeira...” Cando convidaba aos amigos achegáballes cartas con encabezamentos máis ou menos así:


“Teñen vostedes que facer o sacrificio de pasar connosco uns días naquela querida casa...” El de quen era moi amigo era do Cardeal D. Fernando Quiroga e os venres ía sempre a xantar con el. No café sempre comentaba que viña de comer de casa do cardeal. Nós diciámoslle que alí o terían tratado ben, ¡eh!; na casa do cardeal cómese ben. El contestaba: “non crean, en Palacio os venres é vixilia en lembranza da morte de Cristo”. Iso quere dicir que se come de vixilia e a el o que lle gustaba eran as carnes, e o viño tinto e o tostado. Comentounos tamén Manuel María que don Ramón escribía sempre á man e practicamente non revisaba os seus manuscritos. Iso unido á rara caligrafía que tiña facía moi dificultosa a edición da súa obra. Cando se facía unha revista polos anos cincuenta e tantos en Lugo, “Vida Gallega”, e que se imprimía aquí na Coruña na imprenta Roel, don Ramón colaboraba e eu ás veces tamén. Os editores da revista pasábanme os orixinais de Otero Pedrayo e por iso coñecín bastante ben a súa letra. El escribía todo seguido, non tachaba e nunca engadía nada. Tiña unha letra bastante complicada e por exemplo, cando nós abrimos unha librería en Monforte, “Xistral”, eu imprimín unha peciña de teatro “O auto do mariñeiro” e mandeilla e en contestación el escribiu outra obriña de teatro que ma mandou tamén sen tachar e sen nada “O fidalgo e a noite” (sairá agora nos cadernos da escola dramática), que é unha peza preciosa, é unha despedida dun fidalgo dun pazo; aquilo semella a despedida de don Ramón da vida, do pazo e de todo. E coas cartas igual. De vez en cando caíanche por alí unhas comas... Por iso as obras de don Ramón para ir á imprenta, como era bastante difícil, porque el non sabía escribir á máquina, el non usaba nin máquina de escribir, nin usaba reloxo, entón había que pasarlle á máquina os orixinais. Así se explica esa puntuación tan anárquica que hai. Segundo quen lle pasara os orixinais así hai esa frase longa que parece o Miño, chea de meandros, de voltas e reviravoltas e abarrocada e hai, ás veces, ese punto e seguido e partidas as oracións; é dicir, que nas primeiras edicións das obras de Otero Pedrayo a puntuación non segue norma ningunha e é moi desigual, e eu creo que por esta razón. El escribía todo seguido e despois poñíalle así unhas floriñas a iso... Destacou tamén as súas colaboracións. Colaborou en todo o que lle pedían, en todos os xornais, revistas, moitísimo en América. Debeu escribir máis de cen prólogos. Calquera que lle pedira, en programas de festas, nos centros galegos... Cando escribía “O Parladoiro” no xornal compostelán “La Noche“, había alí un caixista que si entendía a súa letra. Cando este señor morreu, houbo problemas, incluso deixou de publicar aqueles parladoiros durante algunha temporada porque os caixistas dificilmente entendían aquela letra tan enrevesada, así como a de Cabanillas era unha cousa, unha letra bonitísima, parecía case unha letra de imprenta. E nestas que axiña se nos pasou o tempo. Era hora de rematar. Begoña debía levalo de volta para a súa casa na cidade vella, el coma don Ramón, tamén é home de xantar á unha e media. Moitas Grazas, Manuel María.

Manuel María fala de Otero Pedrayo  

Relatorio de Manuel María sobre Otero Pedrayo e a Xeración Nós. IES Ramón Otero Pedrayo, A Coruña. Maio de 2001.

Manuel María fala de Otero Pedrayo  

Relatorio de Manuel María sobre Otero Pedrayo e a Xeración Nós. IES Ramón Otero Pedrayo, A Coruña. Maio de 2001.

Advertisement