Issuu on Google+

Alumnado de 1º de ESO

IES Isaac Díaz Pardo Sada, decembro de 2013.


ÁLBUM DE FOTOS AUTORES: Xosé Anxo Seoane Cao Jorge Larrea Liste María López Quintás Kenya Pérez-Galmán Varela Martín Portela Pardo Lucas Reinlein García Selene Rodríguez Caballero Antonio Salinas Gallego Román Souto Sánchez Uxía Taboada Ricoy Laura González Redondo José Ángel Jarama Díaz Alba López López Alexandra-Florentina Matei Lucía Mayor González Adrián Méndez Casás Sara Mosquera Pérez Arturo Pailos Agilda Noelia Pérez Platas Aroa Seijo Martínez Eduardo Villarejo Martínez Iván Merayo Eyang Alejandro Noel Rial Valiño Lucía Sánchez Fernández Míriam Sánchez Sánchez Helena Seijo Gurdiel Ángela Vázquez Mesías

2


Está ben claro que o obxectivo principal que como profesor de lingua galega e literatura me propoño cada ano é que o alumnado acade a competencia lingüística necesaria para se desenvolver en calquera situación comunicativa empregando a nosa lingua propia, o galego. Para acadar iso, o punto de partida sempre é a expresión oral. É doado de entender que a meirande parte das actividades estean encamiñadas polo tanto a fomentar o galego como lingua cotiá. Acadada unha mínima competencia oral é cando nos debemos enfrontar á expresión escrita. Por outra banda, a referencia aos tempos nos que os nosos maiores tiñan os anos que agora teñen os nosos alumnos e alumnas resulta moi atraente, tanto para os novos como para os non tan vellos. Sempre posibilita a charla cos nosos avós, que en moitos casos están devecendo que algún neto os escoite. Precisamente por estas razóns nace esta actividade que consiste basicamente en seleccionar unha fotografía que teña máis de corenta anos do álbum familiar e falar cos seus protagonistas para despois poder comentar a imaxe escollida. Tan sinxela e tan interesante. Para predicar co exemplo, eu tamén realicei a actividade, aínda que cunha particularidade: eu puiden seleccionar unha imaxe na que eu era o protagonista e na que non tiña a necesidade de falar con ninguén, soamente recordar, xa que un vai tendo os seus anos. Nas páxinas que veñen a seguir está o resultado final. Están ordenadas por grupo e orde alfabética. Estou seguro de que ao alumnado lle resultará moi interesante recoñecer os seus familiares e a nós, os maiores, moi emotivo recordar acontecementos do noso pasado. Saúde e mil primaveras máis.

Xosé Anxo Seoane Cao

3


4


PRIMEIRA COMUÑÓN

O domingo 8 de xuño de 1969, fixen a miña Primeira Comuñón na igrexa de Santa María, en Betanzos, vila na que vivía coa miña familia. Foi un día moi emotivo, sobre todo porque algúns familiares e os meus amigos viñeron á casa a compartir unha merenda farturenta que incluía chocolate e churros. Ademais, conseguín algúns agasallos, como un balón de fútbol e os primeiros libros de lectura. Por suposto que non faltou o xogo de compases, escuadra e cartabón que ía necesitar para 1º de bacharelato. En realidade empezaba a ser xa un homiño, non por facer a Primeira Comuñón, senón porque axiña entraría no instituto, e iso permitiríame poñer por fin pantalón largo. A miña nai está vestida de rigoroso loito xa que había un tempo que morrera a miña avoa paterna, e esas cousas, antes, tiñan moita importancia. Os meus amigos vestían de pantalón curto, por suposto, pero todos moi elegantes, incluso cun pano no peto exterior da chaqueta. O meu irmán, de pantalón largo, porque xa era un mozo de 14 anos e xa estaba no instituto. Por suposto, o meu traxe de "mariñeiro" era prestado; as familias sabían administrar moi ben os seus recursos económicos.

Xosé Anxo Seoane Cao, profesor

5


6


A MATANZA NON É COUSA DE RISA

Cando a miña nai era pequena, de cando en vez ía visitar aos seus avós a Santiago, e tamén ao seu can. Tiñan porcos, galiñas, coellos, unha horta... Era moi divertido xogar coas curmás. Xogaban ás agachadas entre os repolos. O can, Furia, malia ser moi tranquilo, sempre as seguía e delataba. Acariñaban os coellos e os pitiños, aínda que aos porcos non lles deixaban achegarse. Dicían que eran malos e que lles podía trabar. O peor era cando chegaba o tempo da matanza ( o San Martiño). A pesar de que non a deixaban vela, si que podía oír berrar ao porco. Deste tema non quere falar moito, aínda que di que facían os chourizos máis ricos do mundo. O pan facíao a miña bisavoa nun forno de carbón. Sabía moi diferente ao de agora, segundo conta a miña nai. Ademais, este forno quentaba toda a casa e cando arrefriaba moito, ela e as súas curmás poñíanse moi preto do forno e falaban e xogaban para escorrentar a friaxe.

Jorge Larrea Liste, 1ºA

7


8


A MIÑA FAMILIA EN 1957

Esta é unha foto do ano 1957. Nela sae a miña avoa, que agora, por desgraza, xa non está no mundo. Sae vestida de negro e co seu fermoso sorriso. Á súa dereita atópase a miña tía Paula e o meu tío Chelis cando eran cativos, e á súa esquerda está o meu pai con catro anos. Os personaxes da foto aparecen así vestidos, tan elegantes, xa que era domingo, e antes, os domingos eran moi importantes. A imaxe foi sacada na igrexa de Flariz, na provincia de Ourense, un lugar moi querido por toda a miña familia, sobre todo por min e polo meu pai. Aínda que a miña avoa vivía cos seus seis fillos e co seu marido en Ordes, ese día estaban alí porque ían visitar os seus curmáns e tamén a festexar o cumpreanos do meu pai, un día moi especial para el.

María López Quintás, 1ºA

9


10


UN PASEO POR CATRO CAMIÑOS

O 21 de agosto de 1956, a miña avoa Lola (a da dereita) e a súa irmá Rosy (a da esquerda), foron dar un paseo co seu pai por Catro Camiños, na Coruña. Tiñan tres e dous anos respectivamente. Esa mañá soleada aproveitaron o paseo para ir a “Foto Torres” a sacar esta fotografía. Ao saíren do fotógrafo foron á confeitería “Delicias” para levar unhas pastas para a casa.

Kenya Pérez-Galmán Varela, 1ºA

11


12


A ORQUESTRA DO MEU AVÓ

A foto que vos amoso está tirada a comezos dos anos sesenta do pasado século XX. Quero falarvos do meu avó paterno, a quen non coñecín, xa que morreu con cincuenta anos antes de que eu nacese. El tocaba nunha orquestra de Betanzos que se chamaba “Los Rambals”. O seu nome estaba en castelán xa que neses tempos non se podía poñer en galego. Na fotografía está tocando o violín (é o cuarto pola esquerda), aínda que tamén tocaba a trompeta, que era o instrumento que máis dominaba, e por iso moitas orquestras querían que tocase con eles. A súa orquestra viaxaba polo norte de Galicia e tamén polo Bierzo, tocando en verbenas, pasarrúas e tamén en procesións. Antes, as verbenas eran festas moi importantes. Como podedes observar, todos ían moi ben vestidos, xa que nas festas era onde se coñecía a xente doutras vilas. O meu avó pasábao moi ben tocando na orquestra porque todos se levaban moi ben.

Martín Portela Pardo, 1ºA

13


14


UNHA COMIDA FAMILIAR

Esta fotografía fíxose o 25 de xullo de 1972. Aparecen nela: á esquerda, a miña nai, Lurdes; na dereita, a miña tía Cruz; no medio unha curmá súa chamada Inés, e abaixo, a miña tía máis nova, Irene. Correspóndese cunha comida familiar que se fixo na casa dos pais de Inés, na aldea de Doncide, preto de Lugo. Celebrábase o Santiago, o patrón de Galicia. Estas comidas facíanas para que a miña avoa e os seus irmáns non perderan o contacto e para ver os sobriños. O coche no que aparecen apoiados era un Simca 1200 de cor granate; era do meu avó. O que aparece máis atrás era un Seat 600, o coche do pai de Inés.

Lucas Reinlin García, 1ºA

15


16


O MEU AVÓ PATERNO

Este é o meu avó paterno; era albanel. Naqueles tempos estaba de moda levar un pano de man no peto superior da chaqueta. Todos vestían igual. Como ben se ve na fotografía, o meu avó era moi guapo. Fixo o servizo militar no ano 1966 en Basauri, Bilbao. Esta fotografía está feita no ano 1968, nese tempo o meu avó xa tiña moza. Precisamente a foto ten unha dedicatoria para ela, para a que agora é a miña avoa. O 7 de decembro dese mesmo ano, casaron.

Selene Rodríguez Caballero, 1ºA

17


18


A VIAXE A BARCELONA

A foto é de setembro de 1963; foi feita na praza de Santo Domingo en Lugo polo meu bisavó Benito. Nela aparecen os meus avós e os meus tíos maiores que van comezar a viaxe de volta a Barcelona despois das vacacións. Detrás deles podemos ver “o seiscentos”, o coche da época. Como podedes observar, as portas abrían ao revés das actuais e case non había para as maletas, polo que ían na baca. Os coches desa época non tiñan cintos de seguridade e os nenos tampouco tiñan cadeiras especiais. Segundo contan na casa da miña nai, os bebés sempre ían nunha especie de hamaca que o meu avó colgaba do teito do coche. A viaxe a Barcelona duraba dous días, non había autoestradas, e tiñan que facer noite polo camiño nun hotel. Esa viaxe non soamente era dura por si mesma, senón tamén porque deixaban a familia en Galicia.

Antonio Salinas Gallego, 1ºA

19


20


Esta foto data do ano 1933, cando o meu avó, o do centro, tería uns nove anos, estudaba na Academia Rapariz de Ferrol. Tamén aparecen os seus curmáns Carlos e Ricardo Beceiro (Carucho para os amigos). O propietario da dita academia era José Rapariz. Había tamén un mestre, D. Camilo Fernández, que era coñecido polo moito que lles pegaba aos cativos. A miña nai contoume que o libro que estudaban era do tío político do meu avó, Reyes, marido da súa tía Amparo Ricoy. Eu vin o libro e ten moitas materias, entre elas un apartado de Lingua Galega, en realidade un pequeno dicionario galego-español. Xa está moi velliño, pero aínda se poden ver nas fotos as palabras en castelán e ao seu carón en galego. este libriño foi publicado en 1931, na II República. Nese tempo prestóuselle moita atención á educación e foi preciso construír moitas escolas para escolarizar ao millón de nenos que non asistían á escola porque non as había. Ao final, todo rematou xa que no 1936 iniciouse en España a guerra civil.

Uxía Taboada Ricoy, 1ºA

21


22


A PRIMEIRA PRACTICANTE DA MIÑA VILA

Esta é a primeira practicante da miña vila, a nai da profesora de Relixión do CEIP Pedro Barrié de la Maza. Todos a coñecían por Miluca (nome familiar de Emilia). Na fotografía tiña 20 anos. A súa profesión consistía en poñerlle inxeccións á xente que o necesitaba. Vivía en Veigue. Morreu no ano 1979 cando contaba 50 anos de idade. A miña avoa Manolita contoume que a ela nunca lle importaba a hora que era cando a chamaban para poñer inxeccións, e que sempre o facía de balde. A xente de Veigue sempre lle estivo –e aínda o está- moi agradecida polo seu labor.

Román Souto Sánchez, 1ºA

23


24


A PRIMEIRA COMUÑÓN DA MIÑA AVOA

A miña avoa fixo a súa Primeira Comuñón cando tiña sete anos. Foi no ano 1949 na igrexa de San Francisco, en Vigo. Despois foi á súa casa a comer un bisté con patacas, unha comida excepcional para aquela época. Logo foi polas casas dos veciños cun bolsiño para que os que puidesen lle botasen unha moediña. Ese día sentíase como unha raíña co seu vestidiño. Era moi bonito, pero non era dela, senón dunha amiga da súa nai. Tiña as mangas alombadas por enriba e por abaixo máis cinguidas. Tiña uns volantes polo peito e un veo que lle cubría o cabelo e lle facía de diadema.Nas mans, un crucifixo e un misal.

Laura González Redondo, 1ºB

25


26


A HISTORIA DA MIÑA BISAVOA

Esta fotografía foi feita na Arxentina no ano 1925. Nela aparece a miña bisavoa materna. Emigrou á Arxentina para gañar cartos para facer a súa casa. Estivo alí 7 anos. Volveu para España no ano 1932. O meu bisavó foi quen construíu a casa. Casaron ao ano seguinte e tiveron tres fillos; o meu avó sería o segundo. Morreu no ano 1982. Cando vou ao cemiterio rézolle. Alí tamén repousan os restos da miña tataravoa e do meu avó.

José Ángel Jarama Díaz, 1ºB

27


28


A MIÑA NAI Á MIÑA IDADE

A miña nai (na fotografía está á esquerda, en compaña da súa irmá maior, Beatriz) cóntame o que ela facía cando tiña a miña idade e vivía en Monte Alto, na Coruña. Era “un pirucho”, xa que xogaba máis cos nenos que coas nenas. Saía á rúa todas as tardes co seu bocadillo e cando lle chegaba a hora de volver á casa, a súa nai chamábaa dende a fiestra.Cóntame que era moi divertido e que xogaba a moitas cousas distintas: á corda, á goma, ás bólas, ás quedas... Moi poucos nenos tiñan patíns ou bicicletas! Preto da súa casa había unha fábrica abandonada, cun muro moi alto que tiña cristais incrustados no alto para que ninguén entrase. Alí sempre había gatos e cando criaban, todos os amigos e amigas xuntaban os cartos que lles daban os seus pais para a fin de semana para mercar leite e dárllelo ás crías. Tamén baixaban comida das casas nos petos, ás agachadas, para que as nais non os descubrisen e non rifaran con eles. Entre todos axudábanse para escalar os muros e darlles a comida. A miña nai aínda conserva algunha cicatriz desa “aventura”. Unha vez criados, os michos marchaban. Cando de novo había crías, os nenos volvían.

Alba López López, 1ºB

29


30


JOSÉ LÓPEZ LÓPEZ, O MEU BISAVÓ

O meu bisavó naceu en Bos Aires en 1916. Tras a morte do seu pai, a súa nai decidiu volver a Galicia en 1930, data á que se corresponde a primeira fotografía. Nela aparece en compañía da súa nai e do seu irmán maior. En 1936, cando aínda tiña dezanove anos, ingresou voluntario no exército (eran os tempos da II República) e combateu no bando nacional durante a guerra civil española. En 1943 formou parte da División Azul, unha unidade de voluntarios españois que serviu no exército alemán durante a Segunda Guerra Mundial na fronte Oriental contra a Unión Soviética. Xubilouse en 1981. Na actualidade vive en Granada.

Alba López López, 1ºB

31


32


A MIÑA AVOA

Esta é a miña avoa Aurelia María Vaduva cando tiña 35 anos. Naceu en Romanía no ano 1954. Era unha muller moi boa e cariñosa. Cando eramos pequenos contábanos contos, xogaba connosco e contábanos as cousas que facía a miña nai cando era pequena. Queríanos moito e cando a miña nai nos rifaba, era ela quen lle rifaba a miña nai. Co tempo enfermou, pero aínda así ía visitarnos, xogaba connosco e sempre nos facía regalos. Eu queríalle moito.

Alexandra-Florentina Matei, 1ºB

33


34


A MIÑA FAMILIA NUNHA FESTA

Esta fotografía é do ano 1969. Nela saen os meus avós e os seus fillos: a miña tía e o meu pai. Esta imaxe está situada no campo da festa de Pobra de Brollón (Lugo), onde vivían. Eran días de festa nos que a familia se reunía na casa. Xa a media tarde ían ao campo da festa a baila e, a escoitar a orquestra. Os nenos andaban a xogar polo campo e ían ao tiro, ao carrusel e ás “lanchiñas”.

Lucía Mayor González, 1ºB

35


36


A VODA DOS MEUS AVÓS

José Ángel e Dolores casaron na igrexa de San Xoán de Lubre, Bergondo, o 1 de agosto de 1971. O traxe da noiva confeccionouno a súa propia nai, e o do noivo, unha modista moi famosa naqueles tempos. Logo da cerimonia relixiosa desprazáronse a Pontedeume para celebrar o banquete nupcial, nun restaurante chamado “Campolongo”. Despois foron de viaxe de noivos a Ogorrotea, en Bilbao, quince días.

Adrián Méndez Casás, 1ºB

37


38


O MEU AVÓ NO ANO 1965

No ano 1965 inaugurouse no Centro de Capacitación Agraria de Bos, Guísamo, a primeira muxidora automatizada de España. Ao evento asistiron os hoxe reis de España don Juan Carlos e dona Sofía. Na primeira fotografía podemos observar ao meu avó realizando a demostración de funcionamento da dita muxidora nese acto. Máis abaixo, despois de regresar de Suíza, o meu avó aparece subido no tractor e sinalando coa man dereita instruíndo os futuros capataces agrícolas.

Sara Mosquera Pérez, 1ºB

39


40


A VODA DOS MEUS AVÓS

Os meus avós chámanse Rafael e Pilar. Casaron hai 52 anos, concretamente o 21 de outubro de 1961 na igrexa da Candeloria, en Caracas, Venezuela. Ese mesmo día, o meu avó traballou xusto ata a hora da voda, as sete do serán. Despois do casamento convidaron á familia e aos amigos a unha merenda-cea na casa dos pais da miña avoa. O día seguinte marcharon unha fin de semana de “lúa de mel” a Maracaibo.

Arturo Pailos Agilda, 1ºB

41


42


O MEU PAI CON CATRO ANOS

Esta foto sacouse o dezaseis de xuño de 1967. Nela aparecen o meu pai coa súa irmá maior e o seu irmán pequeno. El tiña catro anos; a miña tía Juana, nove, e o meu tío Alberto, catro meses. Aínda non nacera a miña tía Nuria. A foto sacouse en Traspaderne (Burgos); nesa época para sacar unha fotografía había que pedir quenda e, despois, o fotógrafo ía á casa a facela. Polo traballo do meu avó, traballaba nunha empresa de construción de estradas, a familia trasladouse a Asturias. Logo de permanecer alí durante cinco anos, viñeron para Galicia, xa que a empresa na que traballaba o meu avó foi a que construíu a autoestrada Santiago-A Coruña.

Noelia Pérez Platas, 1ºB

43


44


A VODA DOS MEUS PADRIÑOS

Esta é a fotografía da voda do meu tío-avó Camilo Galán Martínez e da súa muller María Couceiro Mosquera. O vestido da noiva confeccionouno a miña avoa. O casamento celebrouse o día 26 de outubro de 1963, un sábado pola mañá. Oficiou o enlace nupcial o crego don Xoán Vilanova, na igrexa de Santa María de Sada. O banquete foi no restaurante “Miramar”. O menú foi sopa, callos e carne; de sobremesa unha torta de 6 pisos. Os agasallos que recibiu o matrimonio foron: mantas, louza, colchas... Asistiron 115 convidados e non foron de lúa de mel. Neste 2013 cumpriron 50 anos de casados.

Aroa Seijo Martínez, 1ºB

45


46


O MEU PAI DE CATIVO

Esta fotografía está sacada no ano 1965 no patio da escola unitaria de Villaveza de Valverde, en Zamora, vila natal do meu pai. O meu pai está situado xusto no centro, na fila de abaixo. Tiña oito anos e cursaba 3º de Educación Primaria.

Eduardo Villarejo Martínez, 1ºB

47


48


O EQUIPO

O meu pai naceu en Castela e León, pero trasladouse á Coruña no ano 1970 por motivos de traballo. Esta fotografía fíxose no ano 1973, cando el tiña 23 anos. Vivía en Arteixo e cuns amigos e algúns veciños formaron un equipo de fútbol de “barrio” para participar en torneos de festas. Pasábano moi ben e ademais practicaban deporte. O meu pai é o cuarto pola esquerda da fila superior.

Iván Merayo Eyang, 1ºC

49


50


A MIÑA NAI

Nesta foto aparece a miña nai en Lanzarote (Canarias) en 1971. Está moi ben vestida, cun lazo branco no cabelo, un vestido de cor morada, medias brancas ata os xeonllos e uns zapatos de “charol” moi elegantes. Neses tempos vestíase dun xeito bastante diferente ao de agora. A miña nai, Yolanda, naceu na Coruña, pero criouse en Lanzarote cos seus catro irmáns.Había pouco tempo que fora Nadal e xa chegaran os Reis Magos de Oriente. Afortunada ela porque lle trouxeran un carriño de bebés e dúas bonecas.

Alejandro Noel Rial Valiño, 1ºC

51


52


Esta é unha fotografía de cando os meus avós casaron o día 11 de xuño de 1967 na igrexa parroquial de Guísamo, concello de Bergondo, lugar onde vivía a noiva, a miña avoa. O seu vestido fixéronllo unhas amigas súas onde ela aprendeu a coser. Despois da cerimonia trasladáronse a “Casa Chiquetero”. O menú incluía callos, carne asada e de sobremesa torta. Aínda que hoxe ese menú parece moi sinxelo, neses tempos era a comida dos días de festa. Tiveron moitos agasallos; entre outros, mantas e un muíño de café.

Lucía Sánchez Fernández, 1ºC

53


54


OS MEUS TÍOS E A MIÑA NAI DE PEQUENOS

Esta foto foi sacada en setembro do ano 1967. Nela aparecen, por orde empezando pola esquerda, en primeiro lugar, a miña tía Milagros; en segundo lugar, o meu tío Suso; en terceiro lugar, o meu tío Juan; en cuarto lugar, a miña nai Soledad, e en último lugar, a miña tía Fina, que xa non está connosco.A señora que está con eles é a miña tía avoa Maruxa, a irmá do meu avó, que en paz descansen os dous. A foto foi sacada en Taibó (Carnoedo), na casa onde vivo eu nestes momentos coa miña irmá, os meus dous tíos e os meus pais. Na foto non aparecen os meus avós nin a miña tía Nieves porque estaban no hospital, xa que acababa de nacer precisamente a miña tía Nieves.

Míriam Sánchez Sánchez, 1ºC

55


56


A MIÑA BISAVOA

A miña bisavoa naceu no ano 1897. A fotografía fíxose cando tiña 30 anos. Vestía un traxe gris, con medias brancas e zapatos pechados negros de época, 1927. Morreu no ano 1982.

Helena Seijo Gurdiel, 1ºC

57


58


A FAMILIA DA MIÑA NAI

Esta fotografía fíxose o 10 de xullo de 1971. Era a festa da San Cristovo, o patrón da parroquia de Mesía, lugar onde vivían os meus bisavós. Na foto aparece a familia ao completo, aí están os meus bisavós cos seus fillos, fillas, xenros, noras, netos e netas. Tamén están a burra e o can chamado “Chilín”. Unha das netas é a miña nai, precisamente a que aparece sentada na burra. Cada vez que miramos esta foto dime que sempre se lembrará dese día porque a sentaron na burra e os ósos do animal cravábanselle nas pernas e fora moito o tempo que tiveran que agardar para que o fotógrafo rematase.

Ángela Vázquez Mesías, 1ºC

59


60


Álbum de fotos