Issuu on Google+


A Torre de Hércules é o faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento. A data de inicio da súa construción remóntase a finais do século I d. de C.


A denominación de “Torre de Hércules” débese á lenda de Hércules como fundador da cidade da Coruña. Hércules enfróntase ao xigante Xerión, opresor da poboación. Trala morte do xigante, Hércules manda construír unha torre onde enterra a cabeza do seu inimigo.


No manuscrito irlandés “Leabhar Ghabhàla”, ou “Libro das invasións”, escrito en gaélico cara o ano 1100, Breogán era considerado rei de España, constructor da cidade de Brigantia e da torre que nela existe, a Tor Breoghaim,


O ilustrado coruñés José Cornide Saavedra reproduciu en 1792 as diferentes formas da Torre ao longo dos séculos.

Século II d. de C.

A Torre con rampla arredor

Século XVIII, antes da reforma de 1790

Estado actual, despois da reforma de 1790


Na actualidade o faro ĂŠ un edificio de planta cadrada de 11,40 m de lado por 53 m de altura, logo da reforma realizada por orde de Carlos III.


Todos os visitantes acoden nun peregrinar relixioso e devoto á Torre, pero poucos descobren a fermosura dos seus arredores e, moito menos, o parque escultórico que se espalla aos seus pés.


-Esta torre hai mil anos que a fixeron os fenicios. -Tamén hai algúns indicios de que é obra dos romanos. -Sodes na historia profanos e en sentenciar moi lixeiros, pois nin foron os primeiros nin os segundos, ¡aposto! -Tíranos da duda, Agosto; Di ¿quen foron? -¡Os canteiros!

Francisco Añón.

O FARO

Primeira man amiga que o emigrante estreita, foguete debecente nas festas da galerna.

O teu ollar espalla nos ronseis que abriron moitas proas, como arados, no mouro alfoz das augas barbordantes a semente prolífica dos astros.

O mar reza as súas foulas como rosarios brancos carón da túa cruz de luz inmóbil na noite axeonllado.

Encol da noite aboian arelantes as túas mans de náufrago e es muíño de lúa encol da terra movido polos ventos afiados.

Pano da derradeira despedida Lazariño dos barcos. Árbore decote orfa de ponlas e paxaros.

Luar aventureiro e navegante, funámbulo na corda do horizonte, masteleiro xigante do silencio, misa de luz diante do mar insomne…

Que como Cristo vas encol das augas estendendo os teus brazos, mirando pola vida dos que dormen, na cruz da escuridade, dependurando.

Es ruleta onde o patrón xoga o ouro da súa vida e arpón cravado no lombo da montaña fuxitiva.

Luís Amado Carballo.


¡Ouh!, meiga cibdá da Cruña, cibdá da torre herculina, de xeneracións recordo máis fortes que as de hoxe en día; Cibdá que por sobre os mares ergues a cabeza altiva, cal onte nas túas murallas o brazo de María Pita: ¿Que tes nese teu recinto, que tes prós que te visitan, que coñecerte non poden sen que deixarte non sintan? M. Curros Enríquez

faro faro

faro

faro

faro

Os brazos tocos d´o Faro chaman as áas d´afora A hora d´algunha banda presínte-se que vai indo Pero n-o faro decote outro fracaso decata Coma si o mañán morrera hai n-a noite un xeito raro E o agoiro d´agora camiña infindamente a se alongare

faro

faro faro … faro …

faro

Manuel Antonio


O Altar

Polígono de Durmideiras

1 Menhires, Manolo Paz

2 Hércules na nave dos Argonautas, Gonzalo Viana

3 Copa do Sol, José Galán

Punta Herminia

Agra de San Amaro

4 Caracola, Moncho Amigo

5 Portas, Paco Leiro

7 Gardiáns” Soledad Penalta

8 Ara Solis Silverio Rivas

6 Rosa dos ventos, Correa Corredoira

Cidade Deportiva da Torre

Punta Rabadeira

PARQUE DA TORRE

10 Ártabros Arturo Andrade

11 Guitarra Pablo Serrano

9 Menhir pentacefálico Ramón Miranda

12 Combate entre Hércules e Xerión Tim Behrens e Xosé Espona

Praia das Lagoas ou Cala dos Piratas 13 Caronte, Ramón Conde

14 Breogán,Xosé Cid


Caronte, Ramón Conde

Esta escultura realizada en bronce representa a Caronte, na mitoloxía grega o barqueiro do Hades, o encargado de guiar as sombras errantes dos defuntos dunha banda a outra do río Aqueronte. É moi curiosa a representación tan voluptuosa que fai o artista, xa que tradicionalmente Caronte é representado por un vello fraco e con anteface; ademais maldicía a todos os gordos. O último dos doce traballos de Hércules foi capturar a Cerbero, o can do Hades, un monstro de tres cabezas con cola de serpe que impedía saír aos mortos do inframundo, ou entrar nel aos vivos. Caronte axudou a Hércules a cruzar o río Aqueronte na súa barca.


Breogán, Xosé Cid Esta escultura granítica de catro metros de altura e catro toneladas de peso representa a Breogán, o lendario caudillo celta a quen se lle atribúe a construción da Tor Breoghán e a fundación da cidade de Brigantia.


Gardiáns, Soledad Penalta. Simbolizan as tres cabezas do xigante Xerión que derrotou Hércules. Os seus trazos faciais son mínimos; non teñen ollos, o cal é moi significativo ao se tratar de gardiáns.


Espiñento, Enrique Saavedra Esta obra estaba ata hai pouco pendurada nun dos cantís do contorno da Torre (A Furna do Touciño) por cables de arame e semellaba estar suspendida sobre as ondas que baten bravamente nas penas da costa, tanto que dende hai uns anos, logo dunha grande tempestade, a orixinal fusión entre raspa de sardiña e estrutura de barco invertida, permanece desaparecida. As barcas, sexan de pedra, madeira ou calquera outro material, sempre estarán presentes na tradición dos pobos mariñeiros, pobos que necesitan da guía do faro para atopar o seu refuxio materno…


Rosa dos ventos, Xabier Correa

Representa a unión dos sete pobos celtas: Galiza está representada por unha vieira. Eire, simbolizada polo trevo, en homenaxe a San Patricio, cristianizador de Irlanda. Alba, o cardo, símbolo da fidelidade escocesa. Manin, a Illa de Man simbolizada coas tres pernas. Cymru, o País de Gales, simbolizado cunha serpe alada. Kernow, Cornualles, simbolizado por un cáliz. Breiz, un tríscele moi peculiar, simboliza á Bretaña. Aínda que non é celta, inclúese tamén Tarsis, a cidade mítica dos tartesos nas beiras do Guadalquivir, gobernada polo rei Xerión. De aí o símbolo da caveira.


Menhir pentacefálico, Ramón Miranda

As cinco faces simbolizan as sucesivas xeracións de pobos que habitaron estas terras. Os ártabros eran os que habitaban os castros de Elviña, Nostián, Os Castros… Constituían unha tribo celta que se estendía dende o Barbanza ata a Serra Faladoira.


Ara Solis, Silverio Rivas

Unha grande e monumental porta de pedra situada sobre un camiño.

Conforme nos imos achegando á porta, imos descubrindo o mar e o horizonte.

As portas simbolizan a entrada a unha nova dimensión; atrás deixamos o pasado

A porta, o altar solar, podémola atravesar pola mañá, de oeste a leste, e veremos o amencer. Polo serán, de leste a oeste, o solpor.


Hidra, Fidel Goás Conforme subimos cara á Torre, á man esquerda, está situada esta orixinal ensamblaxe de sete cubos graníticos en perfecto equilibrio e harmonía que simbolizan a hidra de Lerna, o monstro acuático mitolóxico con forma de serpe que Hércules matou nunha das súas doce tarefas.

Hércules na nave dos Argonautas, Gonzalo Viana Recorda a tradición das barcas de pedra vinculadas ás lendas galegas, como a da Virxe da Barca de Muxía, ou a de Iria Flavia, na que chegaron os restos do apóstolo Santiago. Hércules chega a Brigantia na nave dos míticos Argonautas, os heroes aqueos que capitaneados por Jasón conquistaron o vélaro de ouro (lenda grega do 250 a. C.). Hércules aparece axeonllado na barca de pedra. A proa está perfectamente aliñada coa Torre. A popa, de costas a San Amaro.


Caracola Moncho Amigo

Realizada en aceiro cortĂŠn e formada por aros que van aumentando progresivamente ata conseguir constituĂ­rse coma unha caracola mariĂąa que recolle e amplifica o son do mar.


A Copa do Sol, José Galán A Copa que Hércules lle pediu prestada ao Sol para viaxar a Eritea e roubarlle os bois a Xerión e así cumprir co seu décimo traballo. A escultura, realizada en aceiro cortén, tamén semella ser a quilla dunha embarcación.


A Guitarra, do escultor xa falecido Pablo Serrano, recorda a estadía do mozo Pablo Picasso na cidade da Coruña, lugar onde iniciou a súa actividade artística como alumno da antiga Escola de Artes e Oficios, na que o seu pai era profesor.


Carlos III, Pablo Serrano Foi este rei quen propiciou a última reforma da Torre. Constitúese no verdadeiro garda do faro, xusto aos seus pés.


A Torre conta cunhas novas portas. TrĂĄtase de portas-esculturas realizadas en bronce polo artista Paco Leiro. Nelas represĂŠntanse en altorrelevos diversas escenas inspiradas nas lendas sobre o Faro.


Combate entre Hércules e Xerión. Tim Behrens e Xosé Espona. Logo de tres días intensos de combate, Hércules derrotou o xigante de tres corpos e seis brazos. Enterrou o seu corpo e construíu a Torre.

Ártabros, Arturo Andrade Este grupo escultórico fai referencia aos antigos poboadores celtas desta bisbarra. Ao pé da torre semellan estar en animada conversa. Os tres personaxes: a muller, o mariñeiro e o guerreiro, expresan as ilusións, desexos e esforzos dun vello pobo combativo.


Familia de menhires, Manolo Paz Grupo escultórico composto por doce “pedras fitas” que representan polos seus tamaños os distintos membros dunha familia. Os menhires teñen unha situación estratéxica; a cada un deles realizóuselle unha abertura pola que se pode observar o mar, a Torre, o solpor…


Esta edificación inspirada na arquitectura mozárabe non forma parte do parque escultórico de Hércules, malia estar situada no contorno da Torre. Construíuse no ano 1936 para dar sepultura aos musulmáns falecidos na guerra civil. Nos anos sesenta, trasladáronse os restos óseos ao cemiterio civil de San Amaro. No ano 2006 inaugurouse a Casa da Palabra. Nas súas parede s figuran referencias da historia da cidade escritas en moitas linguas diferentes.

Cemiterio dos mouros / Casa da palabra


Constitúese o conxunto coma un monumental paredón que nos lembra tamén a construción dos monumentos funerarios megalíticos, ou como dixo o seu autor (Isaac Díaz Pardo) será coma un crómlech. Está realizado con 21 grandes bloques graníticos de distintos tamaños procedentes de Cambados, algúns deles con manchas vermellas, que simbolizan o sangue deitado polos fusilados na valente e digna defensa dos seus ideais de liberdade. Os linteis centrais teñen dúas inscricións que gravou o escultor Escudero: INMOLADOS DESTES CAMPOS FRONTE AO MAR TENEBROSO POR AMAR CAUSAS XUSTAS PRESENTES NA LEMBRANZA DO POVO E DO SEU CONCELLO DA CORUÑA. Foi inaugurado o 14 de abril de 2001, no setenta aniversario da proclamación da II República. Nas grandes laxes verticais da esquerda segundo se mira, están gravados dous textos, dous poemas moi significativos. Un, de García Lorca; outro, de Uxío Carré Alvarellos. Os dous, vítimas dos paseos falanxistas. Tamén se atopa unha fotografía dos fusilamentos, roubada por un soldado, sentinela do cárcere, que facía garda na garita.


En 1944, Luís Seoane publicou en Bos Aires un álbum con 49 debuxos titulado Homenaje a la Torre de Hércules. Aparece a Torre, ergueita, pequena, amozada…, nun recuncho da primeira lámina.

O 7 de xuño de 2009, a Torre de Hércules foi declarada Patrimonio da Humanidade.


Carteis de promoción turística da cidade da Coruña: A Torre de Hércules sempre presente.


A Coruña convértese cada mes de agosto na capital mundial da banda deseñada. Nos carteis de Viñetas desde o Atlántico sempre debe aparecer a Torre de Hércules.


Urkiola, Mar Exeo, Prestige… A Torre de Hércules sofre en carne propia todas as traxedias de lume, fume e chapapote que cada certo tempo asolagan as nosas costas e os nosos corazóns. O berro NUNCA MÁIS aínda retumba nas paredes milenarias do FARO.


Hércules era fillo de Zeus e de Alcmena. Hera, esposa lexítima de Zeus, deusa do matrimonio, non perdoou a infidelidade de Zeus e en vinganza enviou a mesma noite do seu nacemento, dúas serpes para acabar coa vida do acabado de nacer. Pero Hércules coa súa singular forza estrangulounas. Co paso dos anos contraeu matrimonio coa princesa Megara, coa que tivo tres fillos. Pero Hera, que non esquecía o engano do seu marido, fixo pasar a Hércules por un estado de loucura no que matou a súa dona e os seus fillos. Cando volveu en si e viu o que fixera quixo suicidarse, mais o oráculo de Delfos permitiulle saldar a súa falta converténdoo en servo do seu medio irmán Euristeo, rei de Micenas e de Tirinto. En complot con Hera, Euristeo home débil de carácter, tivo medo a que Hércules o destronara e impúxolle o desafío de enfrontarse a doce probas: Os Doce Traballos de Hércules, co fin de que morrese nalgún deles.


I. O león de Nemea Hércules matou a fera que vomitaba lume e fume. Como non lle puido quitar o pelexo coas súas armas, serviuse das propias gadoupas do animal. Coa súa pel fixo unha coiraza e coas súas fauces un casco.

II. A hidra de Lerna As nove cabezas desta hidra xigantesca rexenerábanse cando eran cortadas. Hércules, ao tempo que as cortaba, cauterizábaas con lume e así evitaba que se rexenerasen; logo, dunha tallada cortoulle a cabeza central e botouna no lume.

III. A cerva de Cerinia Polos montes de Cerinia vivía unha cerva, con cornos de ouro e patas de bronce. Hércules debía collela viva. Perseguiuna durante un ano por todos os confíns da terra ata que conseguiu atrapala, despois de ferila nunha pata.

IV. O xabaril de Erimanto Era unha besta descomunal que devastaba a rexión. Cazouno correndo tras el por unha chaira nevada ata que conseguiu a súa extenuación. Levoullo vivo a Euristeo, quen asustado se agachou nunha ánfora.


V. As cortes de Augías Augías, rei da Élide, tiña tres mil bois en cortes que nunca se limparan. Hércules debía limpalos nun só día. Para iso desviou o curso dos ríos Alfeo e Peneo, coa fin de que as súas augas arrastraran o esterco.

VI. As aves do lago Estínfalo Unha nube de aves antropófagas co peteiro, as ás e as gadoupas de ferro. Hércules facendo soar dous címbalos que lle entregara Vulcano logrou facelas fuxir, debido ao grande estrondo provocado, e incluso abater a moitas delas.

VII. O touro de Creta Hércules tivo que capturar e domar o touro de gran beleza que Poseidón lle regalara ao rei Minos de Creta. Poseidón cando se sentiu enganado por Minos fixo que o touro toleara e devastara a illa. Despois que Hércules lle entrega o touro ao seu tío Euristeo, este soltouno de novo.

VIII. Os cabalos de Diomedes Diomedes, fillo de Ares, rei da Tracia, posuía uns cabalos feros e vigorosos; tan feros que comían incluso carne humana. Hércules o primeiro que fixo foi matar ao propio Diomedes e botárllelo de comida aos cabalos que, unha vez saciados puideron ser doadamente collidos. Logo deste traballo, Hércules embarcou con Jasón e os argonautas en busca do vélaro de ouro.


IX. O cinto de Hipólita Euristeo quería o cinto da amazona Hipólita como regalo para a súa filla. As amazonas habitaban a rexión do Ponto e formaban un numeroso pobo; dos seus fillos soamente criaban as mulleres. Hércules foi vencendo unha a unha a todas as mulleres e colleu prisioneira á capitá do exército. Entón Hipólita entregoulle o cinto como rescate.

X. O xigante Xerión En Gádira vivía Xerión, xigante de dous corpos e tres cabezas, seis brazos e seis pernas, que era dono dunha manada de fermosos bois, gardados por outro xigante e un can bicéfalo. Hércules mata o pastor e despois a Xerión. Máis tarde conduce os bois cara a Tirinto.

XI. As mazás das Hespérides Con motivo das vodas de Zeus e Hera, Gea plantou na costa occidental do Océano un xardín con mazás de ouro. Catro doncelas, chamadas Hespérides, coidábano coa axuda dun dragón de cen cabezas (Ladón). Hércules obriga ao vello home de mar, Nereo, a que lle indique o camiño. Para chegar ao Atlántico abriu o estreito entre Europa e África (Columnas de Hércules). Para roubar as mazás chegou a un pacto con Atlante, a quen lle sostivo a bola do mundo mentres este ía roubalas.

XII. O can Cérbero O can dos Infernos era un monstro de tres cabezas das que manaba unha repugnante baba; tiña cola de dragón da que saían formas de serpes. Hércules descendeu ao Inferno e sen máis axuda que as súas mans colleuno polo pescozo e logrou reducilo.


O mar, teu veciño e amigo, imparable, incontable. O mar, xa veu a morte de Hércules, pero a súa torre segue forte e confiante. Pola súa existencia, fixéronte a ti, para vixiar os teus confins e guiar os perdidos na túa infinidade.

Hércules, xunto cos deuses, está orgulloso de saber, que como brillou a súa lenda, brilla hoxe a luz do faro. O mar, mudo testigo das túas fazañas e derrotas, incluso cando te abandonaron os homes, o teu amigo o mar, estaba alí para consolarte e coa súa beleza facerche comprender que o teu traballo é o máis marabilloso.


Todas as noites iluminas con esa luz o teu máis vello amigo, o mar. Igual que aqueles que viven en Brigantia, séntese protexido pola túa colosal estructura e deslumbrado por ese teu histórico e mecánico ollar.

Todas as noites, ese teu amigo, que a través de séculos esculpiu con furia e paixón ao teu redor, para facelo máis fermoso e salvaxe, coma ti, golpea teimosamente incesante na túa porta. Golpes que labran un idioma que só ti, que es feita de pedra, pode entender.


Agora, eses golpes son golpes de protesta. O mar tan grande e invencible, patria de piratas, lar de pescadores. perfecto e infinito, sofre.

E agora, aquel movemento que é lexendario, cando o teu amigo baila co vento, dun lado para outro, cunha melodía máxica, feita por ese movemento; é agora o movemento dun mar retorcéndose de dor e de incomprensión.


O mar afógase en si mesmo, chora bágoas negras porque, ao contrario de crear vida, trae a morte e fai de fúnebre, levando os cadáveres da súa fauna ás costas, tentando tal vez nun último esforzo, levalos lonxe de tanto horror.

O mar confuso e cheo de incomprensión, pregúntache: ¿Como pode o home destruír tanta beleza? ¿Como pode unha raza que presume ser a máis civilizada facerme tanto dano, cando o único que mostra ser é todo o contrario? ¡Nin a máis bárbara o faría peor!


Ti, torre de Hércules, protectora de Brigantia e por existencia do mar, ves a través do teu espello máxico como o teu amigo sofre e agoniza, igual que aqueles que o aman e dependen del.

Ti, torre de Hércules, que coa túa forza defendeches Brigantia de moitos ataques… mil asedios sufriches, mil victorias conseguiches; mil son aqueles que te admiran, mil veces te maldis a ti mesma, por non poder axudar ao teu amigo, o mar.

DOUGLAS ADALBERTO DE OLIVEIRA


GALICIA: Patrimonio da Humanidade. O título Patrimonio da Humanidade é conferido pola UNESCO a todos aqueles lugares do planeta de excepcional importancia cultural ou natural para a herdanza común da humanidade. Instaurado o 16 de novembro de 1972. Na actualidade o catálogo consta dun total de 911 sitios, dos cales 704 son culturais, 180 naturais e 27 mixtos. En Galicia contamos con catro:

1. Cidade de Santiago de Compostela,

declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade por considerar que a súa beleza urbana e a súa integridade monumental se engaden aos profundos ecos da súa significación espiritual como santuario apostólico e destino do máis importante movemento relixioso e cultural da Idade Media: a peregrinación polo Camiño de Santiago.


2.- Camiño de Santiago (todo o camiño, non soamente a parte galega), é Patrimonio da Humanidade dende o 10 de decembro de 1993. Dende a descuberta da tumba do Apóstolo Santiago en Compostela, no século IX, o Camiño de Santiago converteuse na máis importante ruta de peregrinación da Europa medieval. O paso dos innumerables peregrinos que se dirixían a Compostela dende toda Europa, serviu como punto de partida dun gran desenvolvemento artístico, social e económico que deixou as súas pegadas ao longo de todo o seu percorrido.


3- Muralla romana de Lugo, o 30 de novembro do 2000 foi declarada Patrimonio da Humanidade. É unha das murallas mellor conservadas e rodea a totalidade do casco histórico de Lugo. Comezouse a construír máis ou menos sobre o ano 260, durando a súa construción ata a época de Constantino no 310, cando Lucus Augusti era a capital do Convento Xurídico Lucense. O seu perímetro é de 2.118 metros e a súa altura está entre os 8 e 12 m. Sobre as murallas existe un camiño perfectamente transitable. Orixinalmente tiña 85 torres, das cales se conservan na actualidade 71- Tiña 5 portas ( Porta Miña, Porta de Santiago, Porta de San Pedro -a principal-, Porta Nova e Porta Falsa) aínda que posteriormente se lle engadiron cinco máis.


4. Torre de Hércules, A Coruña, o faro romano máis antigo aínda en funcionamento, foi declarado Patrimonio da Humanidade o 5 de xuño de 2009.

Outras zonas e monumentos de Galicia están na espera de figurar tamén na lista da Unesco de Patrimonio da Humanidade. Entre eles, A Ribeira Sacra,

Os Ancares e Ferrol da Ilustración.


FOTOLIBRO EXPOSICIÓN A TORRE E O XARDÍN DE HÉRCULES