Page 1

FONTES E LAVADOIROS NO CONCELLO DE SADA

SADA, 18 DE XANEIRO DE 2013


Esquecer as fontes, os seus nomes, as historias que aconteceron ao seu redor, e deixalas morrer é como perder a memoria histórica; é renunciar ao noso pasado. A recuperación da memoria colectiva, da humilde beleza do noso é un dos obxectivos que pretendemos conseguir con este primeiro documental realizado ao abeiro de “Gallaecia Filmes” e “Espazo DCine”, dous proxectos que conforman un dos programas de excelencia educativa do IES Isaac Díaz Pardo. Este documento audiovisual “bebe”, nunca mellor dito, do traballo de campo iniciado por min o pasado curso cos alumnos e alumnas do IES O Mosteirón.

2


A auga das fontes, a auga pura, cristalina, cantareira e milagreira convértese en parte integrante do noso vivir cotiá e convídanos ao descanso, ao sosego, á tranquilidade do corpo e do espírito. As fontes incítannos a facer un alto no noso camiño. A súa auga fresca calma a nosa sede e o seu abeiro permítenos contemplar a fermosa paisaxe que encadra. Non somos quen de concibir unha aldea, vila ou cidade sen fontes. Ai daquel camiño que non conduza cando menos a unha fontela! A auga foi dende sempre fonte de curación e salvación das doenzas das persoas. Galicia está chea de fontes milagreiras, fontes das que mana auga que ofrece remedios para todos os males posibles. Cando fracasa a medicina, a auga limpa as verrugas e tempera a alma. As fontes eran o punto central das aldeas, dos barrios. Eran espazos de encontro. Os lugares coñécense tamén polas súas fontes. Sada, como calquera outra vila, está chea delas. Moitas pasan desapercibidas para os cidadáns. Soamente as máis grandes son recoñecidas. Pero hai moitas máis. Hai fontes moi humildes, fontelas descoñecidas das que flúe unha auga pura e moitas veces milagreira que só os máis vellos coñecen. Nestes espazos de grande valor sociolóxico e etnográfico xurdiron manifestacións populares como cantigas, refráns, ditos… Tamén moitas conversas e discusións que foron configurando a idiosincrasia do noso pobo. Estes lugares son testemuña fiel da nosa historia e dalgúns refráns que encerraban algunhas ensinanzas froito da experiencia acumulada durante anos; outros convertíanse en auténticos documentos de propiedade: Vento nas pontes, auga nas fontes. Non hai río sen ponte, nin aldea sen fonte. Fonte que está no camiño é dos veciños. A fonte onde vive unha moura, moito atesoura. A auga corre sempre para o máis baixo. A auga de correr e a xente de falar non se pode privar. A auga deuna Deus de balde. Auga que corre non mata home.

3


Unha das poucas fontes públicas do casco urbano de Sada é a que está pegada á capela de San Roque. Antigamente ocupaba a parte central da praza de España, posteriormente foi trasladada para a súa situación actual. Restaurada en granito, presenta dous chafarices e dous pousadoiros para os caldeiros, ou as sellas. Está encadrada debaixo da placa que fai referencia a un dos persoeiros máis ilustres da vila, Manuel Lugrís Freire. A fonte “Labarrosa”, de 1800, é a máis antiga da vila de Sada. Aínda que nestes momentos non sae con regularidade auga do seu cano, non hai moitos anos servía a todo o barrio da Tenencia e ás lanchas que varaban no Cargadoiro, antes de ter porto. No Curruncho tamén había unha fonte. Auga fresca para a ledicia dos bañistas e tamén para as parellas que paseaban o seu amor polos seus arredores. Como tantas veces ten acontecido, a especulación urbanística acabou con este manancial. Algo semellante aconteceu coa fonte de Riovao, aínda que neste caso a antiga foi substituída –sen moita fortuna, na miña opinión- por outra moderna que non conserva o encanto da vella. Ademais desloce moito o lugar a excesiva edificabilidade e as estruturas de formigón durmidas pola crise e a especulación.

4

No lugar de Vilar, parroquia de Meirás, atopamos unha pequena fonte datada de 1910. Foi amañada hai poucos anos baixo un plan municipal de recuperación de fontes e lavadoiros. Distínguese perfectamente polas cores da pintura utilizada e pola forma característica das fontes dese tempo, semellante por exemplo á da fonte antiga de Riovao.


A fonte máis artística de todo o concello está situada no complexo de Cerámicas do Castro. Reproducimos o texto que contén e que nos explica a súa historia e o seu valor. “Esta fonte está dedicada a Castelao. Cando este edificio, obra do arquitecto Fernández Albalat, se rematou cumpríanse 100 anos do nacemento de Castelao, isto acontecía pois en 1986 e este museo do castro, que garda obra e documentación do movemento renovador da arte galega a partir de Castelao, estaba obrigado a lle facer algo que relembrase esta encrucillada no tempo. Mais sábese que cando Castelao vía a alguén moverse para chegar a ser importante dicía: ‘ese vai para estatua. Fixádevos: xa está tentando subir ao pedestal’. Non se lle podía pois facer unha estatua a Castelao e pensamos que o mellor era dedicarlle unha fonte que estivera sempre manando auga, como segue manando de Castelao o seu amor e a súa ciencia para reconstruír Galicia. Dixémoslle isto ao noso colaborador e ceramista Francisco Pérez Porto e saíu correndo para Sargadelos onde cunha arte de maxia fixo medrar en poucas semanas esta fonte que estades vendo, que ten tamén moito de árbore, de cruceiro e de resignada esperanza, e que se propón desafiar o tempo, non só polos distintos xeitos de vela senón tamén polo material no que está feita: unha cerámica non tradicional vitrificada a 1.450 ºC, practicamente exenta de álcalis e cunha alta condutividade térmica que, teoricamente, deberá deixar moi atrás a mellor pedra granítica no seu comportamento no tempo. Que así sexa.” Hai fontes moi sinxelas, ocultas no terreo, descoñecidas. Unha destas é a que atopamos en Muíño do Vento. Un manancial cun sinxelo cano que canaliza a auga. Conta cun pequeno estanque natural e unhas pedras que axudan no traballo de recoller a auga. Situada nun lugar baixo ao que se accede por unhas rústicas escaleiras de bloque, cunha varanda tubular que desloce o medio natural no que se atopa. No camiño que nos conduce á praia de Lourido, en Carnoedo, atopamos a fonte “do sarxento”, un manancial de auga pura, fresca, lixeira, ben decantada polos penedos e que corre lixeira cara ao mar. Antes moi apreciada por todos, agora esquecida e case imposible de localizar. No Castro hai unha fonte sinxela situada a carón da estrada que vén dende Osedo. Aínda conserva a placa que fai referencia ao ano de construción, co símbolo da falanxe e os restos do nome de Franco. Un cartel da Xunta de Galicia recórdanos que a auga desta fonte non ten garantía sanitaria.

5


Semellante a esta hai unha en Fontán. Recibía a auga proveniente do lavadoiro e fonte situados na Costa de Pazos.Como di con graza o noso informante, tamén conserva o “cangrexo”. Hai uns meses esa placa que fai referencia ao ano de construción (1956) e a quen mandaba en España naquel tempo estaba “tuneada”. Hoxe aparece convenientemente “maqueada” ao perder as cores vermella e negra dos grafites. Non sabemos as razóns, pero nestes momentos non deita auga regularmente. Hai máis fontes, algunha delas como a que se atopaba no lugar do Machado, en Mosteirón, hoxe desaparecidas, ocultas pola maleza, aínda que a auga, a pouco que nos acheguemos, aínda se sente correr. Por último quero referenciar dúas fontes que existen, pero que están gardadas baixo reixas de ferro e de ambición. Son dúas fermosas fontes barrocas que se atopan no Pazo de Meirás. Sei delas polas fotos do blog “Praza de Pescadería”, e non pola visita ao Pazo.

6 E a carón das fontes, os lavadoiros, lugares onde non só se lavaban as roupas, senón tamén as conciencias. Con eles naceron mil e unha historias, de amor, de desamor, de traizón, de soidade e ausencias... Hoxe en día abrimos unha billa e sae auga para beber, cociñar, asearnos… Enchemos a lavadora coa roupa sucia e por arte de maxia sae limpa. Pero non sempre foi así. Había que ir á fonte a por auga, había que transportala en sellas, por exemplo. Íase ao lavadoiro a lavar a roupa e despois había que poñela a clareo. Logo a pasala de novo por auga limpa e despois torcela e poñela a secar nas silveiras. Xa seca, de volta para a casa e despois a pasarlle o ferro. En cada parroquia había un lavadoiro. Antigamente os lavadoiros aproveitaban un lugar onde a auga era abundante e se podía estancar con terróns e pedras onde se apoiaban os “lavadoiros”. Co paso do tempo estes lugares fóronse mellorando, sobre todo a partir dos anos 50 do pasado século. Logo, a medida que a auga da “traída” chegaba ás casas, alá ben cumpridos os anos 60, fóronse abandonando. Hoxe en día restáuranse e déixanse de novo esmorecer. O lavadoiro situado a carón da igrexa de Santa María de Sada e o de Carnoedo gozan das mellores vistas sobre a Ría de Prata.


O situado no lugar de Castelo, na parroquia de Osedo, foi construído en 1956, tal e como figura na placa que conserva e na que se pode observar claramente, ademais da data, os símbolos da falanxe española – xugo e frechas- e da deputación provincial da Coruña –Torre de Hércules-, a palabra Franco en dúas ocasións, a palabra FECIT e o “Víctor”, o símbolo da vitoria usado polo franquismo. Orixinariamente este lavadoiro era de terróns sobre os que se colocaban lousas para lavar. O manancial aínda existe, se ben o lavadoiro está en desuso dende hai moitos anos. No lugar de Seixeda, a auga corre, pero tanto a fonte como o lavadoiro están abandonados. No frontispicio da fonte figura a data de 1926. O lavadoiro ten as mesmas características dos que foron construídos en todo o concello arredor dos anos 50. Un pouco antes de chegar a esa fonte que antes mencionamos que ten “auga sen garantía sanitaria”, no Castro, atopamos outro lavadoiro. É probable que fora construído no mesmo ano que a fonte, é dicir en 1951, xa que presenta a mesma feitura que a fonte e o resto de lavadoiros do concello. Hai varios exemplos de lavadoiros restaurados –con maior ou menor fortuna- e tamén doutros abandonados. Os restaurados hai ben pouco tempo corren tamén o risco de seren abandonados en breve. O do Tumbadoiro, en Meirás; o de Mandín, en Soñeiro; o da Pedreira, en Carnoedo, ou o desaparecido do Mosteirón son exemplos de perda, de abandono… de renuncia ao pasado, de esquecemento das historias de amor, desamor, éxitos e frustracións que xurdiron ao seu redor e que aínda resoan para quen as queira escoitar. Que vida de traballos: levar a sella ou un cubo de zinc no alto da cabeza, facendo milagrosos equilibrios.

7


Na desembocadura do río Maior, en pleno centro da vila, as mulleres ían lavar a roupa, a louza e tamén o peixe e as tripas dos porcos logo da matanza. Un pouco antes, logo da confluencia da actual rúa Venezuela coa rúa Linares Rivas, na marxe esquerda do río, o gran lavadoiro de Sada, trinta metros de postos, cheos de mulleres lavando, falando, cantando… Ás veces, inevitablemente tamén pelexando. Aquela muller que non respectaba a quenda, ou que tardaba demasiado tempo, ou… Hoxe estes lugares perdéronse, ocultáronse, tapáronse con alcatrán… Exemplos de como non soubemos integrar o necesario desenvolvemento urbanístico coa paisaxe, harmonizándoa, humanizándoa con espazos públicos, abertos, cómodos, que conviden ao descanso, á conversa… á convivencia. Auga das fontes, auga pura, cristalina, cantareira e milagreira. Auga que convida ao descanso, ao sosego, á tranquilidade do corpo e do espírito. Lavadoiros, parladoiros, gabinetes psicolóxicos dos devanceiros para temperar a alma, para calmar o desespero. Historias de amor, de desamor, de encontro e desencontro… risas, prantos, contos… vida intensa. Fontes e lavadoiros, espazos de esperanza para recuperar a humilde beleza do noso.

Xosé Anxo Seoane Cao

8

FONTES E LAVADOIROS NO CONCELLO DE SADA  

É un documento que acompaña o documental que nos ofrece un sinxelo percorrido polas fontes e lavadoiros máis importantes do concello de Sada...

Advertisement