Issuu on Google+


Unicamente, a palabra liberdade ten a capacidade de exaltarme e seducirme. Esta foi a conclusión para ver de esguello todos os dicionarios que se mostraban. Recibín en min a honra e camiñei. Viñen falar do mar en Compostela, onde todo ten unha dimensión engadida, a cidade que elixín para desenvolver este proxecto que hai anos veu medrando con ritmo propio noutras cidades como Pontevedra, O Porto, Turín e Barcelona. Un proxecto chamado GV, por cuestión de alteridade propia, que está baseado principalmente no deseño e creación de vestiario e co que quero facer a miña achega nun contexto artístico que indubitablemente está en proceso de cambio cara o descoñecido. Creo na moda como unha forma de expresión feita para os sentidos e para a sensibilidade, afastándome firmemente de calquera banalización do proceso creativo que non me interesa. En todo isto, a literatura é, para min, o paradigma de invención de novas realidades, incluso até o punto dun simulacro consciente ao modo de Baudrillard, como aquela realización do mapa polos cartógrafos do novo imperio que narrou Borges.É tempo de abrillantar as aldrabas, convidar á chamada e gozar, porque o pracer é o sumo ao que se pode aspirar, non só na arte, senón tamén na vida.

Gonzalo Vázquez

Un escote, un frunce, se ‘se dicen’, tórnanse indumentaria con estatuto pleno, co mesmo valor de toda unha capa. Aplicado ao indumento, a orde da lingua divide o esencial do accesorio; pero é unha orde espartana: rexeita o accesorio na nada do innominado

Roland Barthes


GV,

unha nova forma de mirar

Arte, moda e vangarda. Esta é a síntese que define GV, o proxecto artístico do deseñador Gonzalo Vázquez a través do cal nos presenta unha arriscada proposta de vestiario e co que se consolida no actual paradigma da moda galega como un novo valor emerxente. GV é música e teatro. Ubicado no eido das artes escénicas e avalado polas figuras máis destacadas do panorama artístico galego, o traballo deste creador multidisciplinar xa foi protagonista nos momentos máis importantes da cultura galega, deseñando e creando o atrezo e vestiario das producións máis relevantes dos últimos tempos. Ugia Pedreira, Davide Salvado, Uxía Senlle, Nordestin@s, Guadi Galego e Marful son algúns dos nomes máis coñecidos desta nova xeración musical e teatral que está vivindo Galicia na actualidade, grazas a coidados traballos que mostran novas formas de entender a arte baseadas na experimentación, a modernidade e os novos sons. GV reinvéntase agora como un traballo único e artesán dirixido ao gran público, un colectivo que poderá vivir en primeira persoa a experiencia da confección destes deseños para home e muller como un proceso creativo e integral que vai desde a escolla dos tecidos até as probas finais.


Desexo intransitivo, obra de Gonzalo Vรกzquez Seleccionada no certame de Novos Valores 2010 do Museo de Pontevedra.


Un “flâneur” galego Existe unha lingua da pintura, da poesía, das cousas mesmas: un conxunto que existe na relación entre as varias expresións humanas, artísticas e non artísticas. As cales, non obstante, se proxectan como un todo indivisible no interior dunha única figura. Hai, polo tanto, unha afinidade material das cousas na súa aparición. Con todo, sorprende que nunha personalidade tan nova coma a de Gonzalo Vázquez, instruída en materia da arte, da literatura e da filoloxía (galego-portuguesa, así como italiana ou castelá), se puideran recoller todas arredor desta característica principal as bandeiras da performance, da fotografía, do deseño de vestiario. Claramente, ao reino florido do decorativo e ao encanto das imaxes e da escrita (ou mellor dito, no caso de Gonzalo, da “ciberliteratura”), se xuntan os magasins de nouveauté. Pero sempre ao xeito dun Walter Benjamin, o noso podería ser un arbiter rerum novarum cuxo obxectivo principal está, senón na arte, ao menos na creatividade. O que, en suma, foi o produto dunha necesidade (por exemplo, improvisar un taller para financiar os seus primeiros estudos), foi no tempo materia de reflexión e dunha práctica no contexto das actividades actuais, xunto con aquelas intelectuais. Unha arte da moda e do vestir, despois de ter dubidado sobre a súa relación coa utilidade e poñela en crise, en relación aos seus propios valores que, se non supremos, seguen a ser considerables.

Finalmente, o arbiter benjaminiano é para a creación o que o dandy para a moda. No seu camiño, sen nunca renegar das súas propias orixes e da súa propia natureza, Gonzalo Vázquez é un non-conformista que se rebela contra a arte suxeita ao mercado. As súas realizacións e producións parecen comentar o entretemento intelectual, a transgresión e un exceso soft. Dan a impresión de abstraerse da realidade inmediata. Obviamente, hai unha parte de Gonzalo que sucumbe ás maxias da contemporaneidade, aínda que só sexa nunha dimensión provocativa (aparente, non obstante, no sentido que só aparece na superficie: por exemplo, un vestido feito con coitelas, tenras e non crueis). Pero outra parte da súa personalidade, correspondendo á necesidade de confeccionar vestiarios, quérese en relación coas cousas, os tecidos, cunha materialidade do obxecto que supón, por outra parte, unha espiritualidade do produto, nun sentido evidentemente laico. O feito é que as obras de Gonzalo Vázquez son sempre independentes do valor de uso dos bens. Non esmagan ou quebran o ideal, a fantasía, non rexeitan a procedencia, as raíces ou o acento local en nome dunha internacionalidade que lle encaixa á perfección. Vagando intelectualmente dunha a outra cultura, dunha a outra instrumentación e expresión, Gonzalo Vázquez, eva ao mercado e ao mundo a súa creatividade No seu intérieur permanece obviamente Galicia, coa súa lingua, os seus autores (aquela


Rosalía de Castro que me deu a coñecer e a ler, o García Lorca que escribe en galego). O lado externo é, en cambio, o seu atelier, que mantén ademais unha continuidade coa natureza e co mundo circunstante. Ao fin e ao cabo, tamén no adorno, na invención do vestiario (cando será que “imaxines” un belo traxe violeta para un ensaísta serio e profesoral coma min?), el esforzase por reconquistar as formas auténticas de comunicar a través dos signos e do simbólico.

Gualtiero De Santi

Critico de arte e profesor de Literatura Comparada da Univ. de Urbino (Italia)


Segunda Pele Gonzalo Vázquez é o meu amigo, aquele que fia literatura com vestiário. O que hilvana teias com palavras e chouta na história da humanidade com ou sem medo. Outro “nenoflor” de alfinetes com imam. O estudo da arte é o estudo dos mistérios da evoluçom. GV tem assegurada a evoluçom animal graças à escrita, à leitura e à criaçom manual, porque os estímulos desinteressados e utilitários som para ele agentes iguais. A capacidade inventiva de GV às vezes nom está no mesmo plano que a capacidade interpretativa da “espectatriz” ou espectador. Antes é a esponja do indivíduo que a esponja da massa. O público está submetido às formas de consumo e isto nom tem por que tratar-se nem em temas racionais nem conceptuais, simplesmente é a arte do ser pequeno, de quando sentimos ao pequeno. Minha mai levava umha máquina de coser na cabeça e andava polas aldeias de casa em casa aprendendo-ajudando na/da comunidade. Minha mai levava-me à costureira, ao espaço das mulheres em comunidade. Um consumo comunitário e artesanal, por tanto linguagem e arte inocentemente foram para mim ligadas ao mito. GV nem é iniciador de novas correntes artísticas nem inventor de novas linguagens autónomas. Juntemos nele técnica e talento e temos o midcult, embutido de carga genial.

Com Marcelina (a minha primeira costureira) e com GV aprendim que a moda é muito efémera, está feita de potentes dicotomias e contradiçons. É inútil. Porém, o vestiário e a confiança que GV pode dar num mesmo/a é o segredo da distinçom e, por que nom, da elegância. GV é tacto híper-desenvolvido. Obrigado por desenhar segundas e terceiras peles. A pele fala por ti.

Ugia Pedreira Cantante e escritora


Todo remata repetendo-se a si mesmo. Todo intato salvo o barro nas roupas. A música inunda o quarto como um cheiro, como a essência dumha flor

Patti Smith. Babel.


A revolta ocorre despois...


Máis ninguén coñece o pánico, Sam, de entrar pola porta traseira na taberna do arxelino. Doce toques de tallón que anuncian o comezo do ciclo da brasa e o seu cheiro a dous días de traballo. Mírame desde esa beira cos ollos grandes, Sam, disponme na postura en que sabes que obedezo. Pois neste recanto do mundo o amor é unha sorte de teatro da crueldade e o papel de vítima séntame ben, fai que me vexa máis guapo. Vén colocarme o disfrace de neno bonito, Sam, ensíname a amar un negro das barriadas. Que sexa, como unha presada de sal no sitio da bocha, o rotundo arrepío ao despertar, enterrado na miseria.

Gonzalo Hermo


Ultramar


Cando deixo de ser flor, molesto. Pero o duro era ser, o infatigablemente aciago. Pero teño sido agre e pretenciosa, teño sorrido por interese propia, a axetreada capitalista sexy; compensei polos meus días de impotencia. Ser é o difícil. Cando falei só contemplaron os meus labios. Unha profusa navalla é o proxecto da identidade, un reiseñor mecánico a tarde. Tanto souvenir acabará con Notre Dame Onde estabas cando te necesitei?

Yolanda Castaño


AGRADECEMENTOS: A todas as persoas que até agora me acompañaron neste proxecto e que depositaron a súa fe e esperanza noutra idea de ‘cultura’. A Sonia Pereira, polo seu entusiasmo e a súa complicidade propia dos irmáns. A Ugia Pedreira, por ser convocada entre as musas con toda a súa forza e o seu amor. A Davide Salvado, por ter compartido con el os primeiros pasos deste proxecto. A Vítor Belho, pola acollida e confianza que depositou en min. A Xurxo Ponce, Alba Vázquez, Pol Fernández, Xabier Belho, Óscar Martínez, Lara Bacelo, Alexandra García, Aitana Cuétara, Bea Bugalho e Ruth Beltrán pola súa implicación no proxecto de presentación de GV. Aos meus queridos modelos desta etapa: Andrea Azzarita, André Messias, Marina Oural, Miguel Caamaño e Pipo Rosón. A Pablo Buján, Manuel Fernández, Patricia Iglesias e Juan Silva, por intuír soños máis alá dos soños. Á Casa das Crechas, Martín Codax, ACentral Folque, Floristería Lilas e O Dezaseis, por ter colaborado neste proxecto. Á Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, por ceder o espazo da biblioteca para as sesións de fotografía. A Gonzalo Hermo, Gualtiero De Santi, Yolanda Castaño e Ugia Pedreira por ter dedicado os seus textos á produción deste catálogo. A Iván Reguera e Olga Nogueira, os meus colaboradores máis especiais. A Begoña, Tania, Miguel, Susana, Nacho, Jose, Nerea, Vivian, Marco, Federica, Ana, Fran e Iginio, pola súa axuda e amizade.

CRÉDITOS: Comunicación: Xurxo Ponce Maquetación: Xavier Belho Fotografía: Xavier Belho e Óscar Martínez Textos: Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Gualtiero De Santi, Yolanda Castaño e Ugia Pedreira. Modelos: André Messias, Marina Oural, Miguel Caamaño e Pipo Rosón. Peluquería e maquillaxe: Miguel Caamaño. Impresión: Sacauntos publicidade.


www. gonzalo-vazquez.com


Gonzalo Vazquez