PRESENTACION “Cóntame contos, cóntame moitos” é un repertorio de sesións de narración oral e creatividade que busca fomentar o uso do galego entre o público infantil e familiar. É unha proposta escénica, creativa e participativa baseada na narración oral de base tradicional que divulga e revaloriza o patrimonio oral galego, fomenta o hábito lector e potencia a creatividade a través das actividades complementarias e obradoiros que se desenvolven en cada unha das sesións para que a experiencia sexa enteiramente significativa e construtiva. Compóñeno unha serie de sesións de contos e creatividade con temáticas ben diversas, nutridas por lecturas coidadosamente seleccionadas pertencentes á tradición oral e a libros editados en lingua galega. Este material pretende recoller unha serie de recomendacións prácticas para a narración de contos no ámbito escolar e familiar. Moitas das orientacións que aquí se amosan son produto da experiencia profesional, mais tamén hai que ter en conta que, ao mesmo tempo, moitas outras nacen da intuición e sentido común froito do contacto directo e continuo con nenos e nenas. Non pretende ser unha ferramenta educativa que busque a profesionalización ou especialización en narración, senón de dotar aos mestres e mestras, pais e nais, avós e avoas... dun recurso didáctico útil no que se aglutinen certos consellos prácticos e, sobre todo, de animar e motivar a docentes e pais a narrarlles aos seus cativos e cativas como parte fundamental da súa formación lingüística e literaria.
A ESCOITA E A LECTURA A escoita é a primeira experiencia literaria que todo neno e nena ten xa desde os seus primeiros meses. Antes de que os nenos e as nenas saiban ler xa contan cunha bagaxe de educación literaria manifestada, sobre todo, na escoita de literatura oral: as cantigas, os xogos... e máis adiante, os contos: canto máis grande, significativa e empática sexa esta experiencia literaria previa á lectura, máis posibilidades hai de que nun futuro se adquiran realmente hábitos lectores. Por esta razón é verdadeiramente importante que a familia e a escola asuman o compromiso coa narración e coa oralidade.
algunhas contos
pistas para como narrar
O primeiro que hai que ter moi claro é que contar contos aos nenos/as non require ter dotes artísticas, nin grandilocuencias, nin escenografías ou postas en escena complexas ou sofisticadas: o máis importante é querer contar e ter quen escoite (e por suposto ter unha historia!). Parece unha obviedade, pero se non se quere contar, nin hai o menor interese polo conto ou historia a narrar, é mellor non facelo, pois toda estas condicións transmítense e o efecto é contrario aos obxectivos que se buscan. Querendo contar e tendo a quen o escoite, é imprescindible coñecer ben o conto, comprendelo, saber o que vai acontecer, coñecer os personaxes... Pero ollo, coñecer un conto, asimilalo, non quere dicir memorizalo! De feito, reproducir un conto tal cal aparece nun libro ou repetilo tal cal foi aprendido (sen ter en conta que a linguaxe escrita dista moito da oral) contradí enormemente ás vontades da oralidade, da espontaneidade, da conexión e complicidade que se busca entre quen conta e quen escoita/imaxina.
Insistimos: narrar unha historia debe ser un acto dinámico, pracenteiro, non académico... polo que hai que evitar as explicacións, descricións ou comentarios innecesarios no medio da contada. Ao remate da narración pódense comentar impresións, compartir opinións, soñar novos finais... pero interromper a narración da historia para explicar certo extremo ou detalle da mesma, racha coa atmosfera de atracción que as palabras contadas propicia e a conexión entre a persoa que narra e a persoa que escoita, porque xera interferencias á imaxinación. Ten que ser un momento significativo e divertido, polo que é interesante crear expectación, un ambiente de atención e motivación. Hai unha serie de elementos non verbais que xogan un papel fundamental na narración de contos. En primeiro lugar, é importante ter constancia desa relevancia e de como inflúen no proceso comunicativo e, posteriormente, experimentar con eles, exprimilos, poñelos en práctica... ata dominalos, mais sempre ao noso xeito. Reiteramos, neste punto, que non se trata de converternos en profesionais da narración oral, pero si ter presentes estes elementos e experimentar con eles para adaptalos e fortalecer as nosas potencialidades. Movemento do corpo: manter o contacto visual cos nenos/as e controlar a mobilidade da mirada para comunicar e apoiar o relato, empregar xestos para representar accións que aparezan na historia e tamén a identificación dos personaxes (non se trata dunha representación teatral nin actoral, polo que os xestos e a expresión dramática sempre tenderán a apoiar ao relato, a evitar a monotonía na narración e a axudar a fomentar a imaxinación e a representación mental da historia no oínte).
Voz: manexar o volume da voz en beneficio do conto, claridade fonética, boa modulación da voz, buscar un ritmo acorde coa acción narrada, imitar os xeitos de falar dos personaxes, empregar onomatopeas, evitar berrar, estar tranquilos e transmitir seguridade (se por exemplo esquecemos parte do conto ou cometemos un erro, é importante non parar a contada nin recoñecelo para non interferir a atención dos nenos/as. Recomendamos experimentar con recursos propios para volver ao fío da narración. Tampouco é positivo parar a contada para regañar: tentaremos engaiolar a quen estea distraído doutro xeito, incluso facéndoo partícipe da historia, interpelándoo directamente con humor...), empregar os silencios como recurso comunicativo cargado de significado (o silencio é moito máis expresivo que a abundancia de palabras para describir algunhas emocións: o medo, a sorpresa... ). Organización do espazo: que sexa cómodo, tranquilo, sen distraccións nin barullo de fondo. Pode axudar non ter mobiliario por medio, que os nenos/as poidan estar tirados no chan con coxíns. Con iluminación axeitada (soe dar moi bo resultado a penumbra). O máis importante é que a persoa que narre estea ben visible, que se vexa perfectamente o seu rostro e que estea o máis próximo posible aos nenos/as. Os contos e historias deben ser acordes coa idade dos oíntes. Na escolla da lectura é moi importante tamén ter en conta os gustos, intereses e demandas dos nenos/as. Pódense usar recursos variados sempre que axuden ao narrador e apoien a narración para gañar a atención e motivación dos nenos: marionetas, obxectos, láminas, os propios libros...
Empregar fórmulas tradicionais para comezar e rematar un conto. Para coñecer algunhas destas fórmulas, podedes visitar a web de “Orella Pendella”: Fórmulas para comezar historias: http://orellapendella.gal/para-comezar-historias/ Fórmulas para rematar historias: http://orellapendella.gal/para-rematar-historias/ Buscar a participación do neno/a animándoo a que repitan certa parte da narración (nos contos acumulativos funciona sempre), con cancións, interpelándoos con humor e sempre dentro do relato que se estea a narrar (deste xeito tamén se observa se están atentos ou distraídos)...
outras RECOMENDACIONS Constancia: a persoa lectora non nace, senón que se constrúe. A lectura debe formar parte da rutina escolar e familiar para que realmente se converta en hábito. Mais, hai que ter moi presente que non se pode converter nunha obriga, senón nun tempo ameno e significativo. Non hai unha idade para deixar de contar contos: moitas veces se pensa que hai que deixar de contar en voz alta cando un neno ou nena xa posúe certa autonomía na lectura, pero non é certo. Reforzar a narración de contos con visitas ás bibliotecas municipais, ás librarías, á biblioteca escolar, feiras de libros... Dispoñer de espazos para a lectura próximos: na aula e na casa. Espazos tranquilos, cómodos e atractivos, e aos que se poidan achegar libremente sempre que o desexen.
Programar actividades complementarias para gañar a motivación e a aprendizaxe significativa dos nenos/as: obradoiros plásticos pertinentes, creación literaria, visitas e excursións, xogos, teatro... Atender aos ciclos festivos do ano para a escolla de contos e historias. Fomentar o diálogo interxeracional animando aos nenos/as a preguntar na casa por xogos, adiviñas, recitados, contos, lendas... que usasen os avós e avoas na súa infancia. Propiciar momentos, tanto na aula como na casa, para os nenos e nenas poidan contar cousas que lle sucedesen, chistes, opinións... para reforzar a súa capacidade de oratoria e de representación e verbalización da realidade.