Page 1

HISTORIAS CON SERES DO IMAXINARIO DO ALUMNADO DE 4ยบ ESO (INSPIRADOS NO GATIPEDRO DE รLVARO CUNQUEIRO)


O GALOURIZO

O galourizo é un mamífero creado por dous animais típicos de Galicia: a galiña e o ourizo. O galourizo aliméntase de insectos e vermes principalmente, pero ben agradece unha folla de leituga ou uns grans de trigo. É un animal nocturno que pouco se deixa ver, encóntrase nas hortas galegas onde hai algún galiñeiro pero só onde haxa lobos pola contorna, xa que este estraño mamífero repele o ataque dos lobos. Tense observado que se esconde estre as galiñas, coas que se relaciona ben, e cando ataca o lobo este sae, estírase, xa que ten unhas patas mais longas cás galiñas normais chegando ao medio metro de altura, e levanta as espiñas longas e afiadas, entón o lobo, ao velo, marcha correndo e non volve nunca a atacar. Hai uns anos a Xosé, un home duns corenta anos, que vivía ao pé dun monte do cal baixaban frecuentemente, os lobos atacábanlle as preto de cincuenta galiñas que el tiña ao carón dunha hortiña cunha decena de leitugas, un par de verzas galegas e unhas nabizas. Unha mañá levantouse e viu a preto de doce galiñas mortas e catro


desaparecidas con claros sinais de que atacaran os lobos de noite. Farto dos ataques, o home decidiu poñer trampas de osos para que os lobos non volvesen atacar ou quedasen presos, pero iso non lle deu resultado, polo que decidiu ir visitar a un ancián meigo que vivía no cume do monte trala súa casa. Despois de dúas horas costa arriba chegou onda el e contoulle o que lle ocorría. O meigo díxolle que antes de ir durmir deixase diante do galiñeiro unha folla de leituga cuns grans de trigo e un pouco leite, e que con iso ía aparecer o galourizo e prometeulle que, grazas a el, nunca volverían atacar os lobos. Ao chegar á casa, Xosé ceou e preparou a folla de leituga cos grans de trigo e un pouco leite e deixouno diante do galiñeiro e pouco despois foise á cama. Pola noite achegouse o galourizo e, agradecido pola comida que lle deixaran, en canto se acercou o lobo saíu, estirouse, estirou as espiñas e o lobo fuxiu de contado. Ao día seguinte Xosé viu que a leituga, os grans e o leite non estaban, e que as súas galiñas estaban todas sans e salvas. Así o viu varios días polo que cada noite para agradecerlle ao galourizo o feito, déixalle unhas follas de leituga e grans de trigo cun pouquiño leite.

Déborah Loertscher


O CABALO-BOLBORETA

O Cabalo-Bolboreta é un ser moi difícil de recoñecer xa que a súa imaxe habitual é coma unha berenxena, pero ten a particularidade de ser moi apetitosa, é dunha cor púrpura e moi brillante, o que invita a comela. Non hai moitas polo mundo e dise que tan só aparecen cando hai unha situación límite de guerra ou enfrontamento. Os seus efectos son marabillosos pero o feito de que haxa tan poucas fai que sexa complicada a tarefa. Este fermoso ser chega ao lugar onde está a ocorrer a desgraza, coa súa forma habitual, e comezan a saírlle unhas fermosas ás da mesmo cor cá berenxena pero con anacos prateados, semellan dous ollos que te observan e a verdade é que comprometen bastante. O resto do corpo vai transformándose nun fermoso cabalo branco con cola longa e moi ben peiteada. Os seus ollos azuis parecen botar raios ao lugar que se dirixen e por moi incrible que pareza, as persoas escóitano falar, pero dentro de si. Mentres fala o cabalo con as trota ao redor dos presentes lucindo a súa fermosa pelaxe. O seu discurso nunca é xa que se adapta a cada situación e incluso sabe o nome de todos os presentes. Esa charla é tan boa que fai recapacitar aos combatentes para que deixen de pelexar e se fagan amigos. Ao rematar de falar comeza a bater as dúas as e sobe moi alto, delas sae un po dourado co que as persoas esquecen o que viron. Iso si, sempre serán amigos dos que antes eran inimigos. O que si ven todos é a berenxena pero non lle fan o mínimo caso por ser o que é. Agora estarédesvos preguntando por que aínda existen as guerras no mundo habendo este ser, non?, pois porque o Cabalo-Bolboreta en moitas ocasións decide que non pode ir a moitos conflitos xa que os humanos tamén deben poñer algo da súa parte e tamén porque, como xa dixemos anteriormente, hai moi poucos e, polo visto, cada día van a menos. Tamén se di que durante toda a historia moitas das guerras foron paradas grazas a el, que facía recapacitar a aqueles que estaban de acordo para acordar a paz. Sería xenial que a berenxena aparecese sempre, pero entón non saberían como actuar moitas veces as persoas. Clara Casado


O TIGRESPELLO

Cando miña avoa era cativa contábase que os animais vivían dentro dos espellos. Parece unha parvada, si, mais é certo. E para que me creades vouvos amosar axiña o que me aconteceu hai uns anos... Vedes esta cicatriz no ombreiro? Ben, pois todo sucedeu aquí, nesta mesma vila, nesta mesma casa, teño arrepíos só de recordalo. Era un día bastante tranquilo de verán, eu tan só tiña dezaseis anos e estaba coidando do meu irmán pequeno mentres nosa nai facía algúns recados. Os dous estabamos na bufarda buscando unhas vellas cartas que naqueles tempos, cando non existía o teléfono, os namorados dos nosos pais se escribían co medo de que a miña avoa as vira. Alí, no fondo, divisábase un vulto cadrado un tanto misterioso tapado cunha manta amarela. Nós achegámonos con curiosidade e destapámolo. Era un espello e estaba cheo de po, polo que fun de présa á cociña por un pano para limpalo. Mentres subía as escaleiras escoitei o meu irmán chorar. Botei a correr e ao velo, díxome que escoitara a unha fera ruxir dentro do espello. Eu escachei a rir ó momento. Vaia parvada pensei, como vai escoitar ruxir unha fera alí dentro? Díxenlle cun ton burlesco que as pantasmas non existen e que iso era imposible pero el protestoume canto quixo mentres o limpaba. Tras dicirme moitas veces que escoitaba ruídos de animais, decidín achegarme de novo e demostrarlle que iso non podía ser certo. Fixeime ben, e parecía que ao lonxe, moi moi lonxe, había unha saba chea de animais salvaxes. Fretei os ollos con forza e volvín mirar... Nada, aquilo seguía alí. Dinme media volta para pedirlle perdón ao meu irmán e... “ZAS”! Tiven a sensación de que uns afiados coitelos se deslizaban polo meu ombreiro deixándome aí a marca das unllas dun tigre enlouquecido que non paraba de ruxir. Vireime e non vin nada detrás, tan só as marcas no cristal do espello daquel mesmo tigre.


Fomos pedir axuda pero ninguén nos creu, nin sequera miña nai, que me levou axiña ao médico. Se aínda o queredes comprobar, queridos amigos, ide á bufarda da casa de miña nai, pois eu alí non volvo entrar na vida...

Eva González

O PELASO Desde sempre os nenos sempre fixeron das súas, unha travesura aquí e outra onda un veciño. Nós, na nosa aldea, aínda que non é moi coñecido, xa sabemos o motivo destes comportamentos. A xente adóitalle chamar o pelaso aínda que ten moitos nomes como o demo de pelo ou o malavisado. Eu mesmamente un día ía camiñando e vin este animal, se o podemos chamar así. É moi peludo, semella unha ovella, xa que ten o pelo branco e parece suave e de la, a primeira vista parece moi xoguetón e manso pero cando lle vin a cara impresionoume, vin nos seus ollos esa picardía de todos os nenos cando están facendo unha trasnada. Como xa dixen antes, impresionoume a súa cara pero non só polo seus ollos senón tamén porque tiña cara de lobo, unhas orellas de pico cara arriba e un fociño alargado. Despois, ao estar observando este ser vivo, vin como uns rapaces se achegaban a el e menos de medio segundo despois empezáronse a arrastrar polo chan e a gritar, logo colleron uns paus e foron correndo cara á aldea. Así que xa quedades avisados, nunca os acerquedes a este tipo de ovellas. Kimberly Yunari


O PEIXPOM

O peixpom é unha mestura de peixe e pomba. Ten un corpo moi peculiar: cabeza e patas de pomba, cola de peixe pero sen aletas e, en vez destas, as,. A súa cara é moi estraña, con forma de peixe pero boca de peixe. Este ser mítico, nos días de néboa, dedícase a ir polas aldeas en procura de galletas, e non penses que de calquera marca, que só poden ser ‘’MARÍA’’, se non, non as come e fainas anacos, xa que lle sentan mal no estómago. Se cando está na casa buscando galletas ve un rato, o seu corpo recóbrese dunha estraña la moi branca e brillante e fai que o rato pense que é unha ovella e foxe correndo ata desaparecer. Ao peixpom gústalle moito xogar cos nenos e se lle colle moito agarimo ofrécelle unha berenxena encarnada como símbolo de amizade, que, para el, ten moita importancia. Para que o peixpom non che roube as galletas só tes que reparar nunha cousa: cando se pon fronte a algo que reflicte el queda pasmado coa súa fermosura e decátase de que á xente non le gusta que lle coman as galletas Se te fixas só tes que


gardar as galletas nun recipiente prateado e o peixpom, ao verse reflectido neste, encóntrase coa súa fermosura e dáse conta de que a esa xente non lle gusta que lle coman as súas galletas e marcha.

Ismael Parada

O CANTOLO

Cando tiña nove anos eu xa sabía da existencia dun animal un pouco raro. Dicían que se chamaba cantolo, tiña tres patas, dúas atrás e unha diante. Non facía mal ningún pero, ao ser un pouco raro, facía chorar aos rapaces cando aparecía polo noite. El o único que buscaba era un pouco de comida de vez en cando, xa que el non come de seis meses en seis meses, é dicir, só come dúas veces ao ano. Un día quedei a durmir na casa do meu curmán porque era o seu aniversario. Despois de cear fomos durmir ao salón cando, de súpeto, apareceu o cantolo, entón o meu curmán e eu comezamos a chorar, de alí a un rato apareceron os meus tíos e dixeron que eran troulas nosas, pero a miña avoa díxonos que se trataba do cantolo e o único remedio era poñer na entrada da porta un loureiro xa que ao cantolo non lle gusta o loureiro. Dende entón nunca máis vin o cantolo.

Fatima Aboufaris


O POLOCÁN

Era un dia de verán pola mañaciña cedo cando Raquel decidiu dar unha volta polos prados que había ao redor da súa casa, andou e andou ata que se detivo a contemplar a fermosa paisaxe da fraga do Sil, onde se poden atopar carballos, castiñeiros, acivros e ata un río que discorre polo medio da fraga. Raquel quedou coa mirada perdida mirando cara un niño de paxaros cuns ovos de cor amarela, ata que, de súpeto, un deles caeu ao chan, Raquel, que amaba os animais, intentou devolver o ovo ao niño pero non foi posible debido a que a árbore era demasiado grande. Entón ocorréuselle levalo para o seu cuarto, e escondelo no armario, xa que a súa nai non a deixaba ter animais na casa, xa que era alérxica a eles. E así o fixo, colleu o ovo e arrincou cara á casa co desexo de coidar do ovo como faría calquera nai. Pasados uns meses, o ovo abriuse, e del saíu, ben o que saíu do ovo nin Raquel o sabía, estaba entre un polo e un can. Tiña unhas plumas de cor marrón claro, unhas patas amarelas, semellantes as dun galo, e como non!, unha crista vermella que asomaba pola caluga. Raquel estaba desconcertada non sabía o que facer, se dicirllo á nai ou ocultalo para o resto da súa vida. De repente o polocán dixo: -Fai o que ti creas conveniente, Raquel. Nese instante a súa nai entrou no cuarto para ver o que pasaba, Raquel escondeu no seu escritorio o animal e dixo: -Non pasa nada, mamá. A nai quedou pensativa, e marchou. -Fixeches o correcto, dixo o polocán. Ao día seguinte, e despois de reflexionar toda a noite, decidiu quedarse co animal, xa que segundo ela, podería axudala a tomar as decisións nos momentos máis oportunos, e así foi. Pasados uns dous anos o polocán xa medrara. Medrara tanto que era imposible ocultárllelo aos demais, entón contoulle todo o que pasara a nai.


Despois dunha longa conversa, a nai tomou unha decisión. -Se te encargas ti de coidar o animal podes quedar con el, dixo a nai. Raquel, toda emocionada, levou o seu animal e ensinoullo a todo o mundo. O único problema era que o animal medraba e medraba sen parar ata que non podía estar na vivenda, entón a rapaza decidiu levalo ao lugar de orixe, as fragas do Sil. Alí o polocán atopouse coa súa familia e despois dun reencontro moi agarimoso cos seus, dixo: -Raquel, toma esta pluma como agradecemento, servirache para saber o que tes que facer sempre e en cada momento. Raquel colleu a pluma e marchou. Semellaba triste, pero sabia que no fondo, sempre tería un bo amigo ao que acudir.

Adrián Gándara


O PERICÁN

O pericán é un can cunha cabeza de periquiño. Ten un pico branco que lle ocupa a metade da cara, na cabeza ten plumas azuis e no resto do corpo ten pelo marrón. Non ten patas, ten mans. E pequeniño e só o poden ver os nenos. O pericán vén cando os nenos están sós pero preto dos seus pais para que poidan oír como o pericán rompe os obxectos máis prezados dos pais do neno. Primeiro fai un burato co pico e remata por rompelo coas mans. Pero como os pais non ven o pericán pensan que foi o neno e rífanlle e castígano. E seino ben porque a min pasoume. Meus pais xa estaban cansados de que eu rompera todo o que lles gustaba e eu xa estaba farta de que me rifaran e me castigaran. Ata que un día me levaron ao médico e este receitoume unhas pílulas para que estivera tranquila e non rompera nada. Non funcionaron. Pero un día que miña nai lle estaba contando á veciña o que me pasaba esta díxolle que a culpa non era miña, que era do pericán, que a ela tamén lle pasara coma min cando era pequena e levárona onda o mellor menciñeiro da aldea. Entón miña nai tamén me levou. - Traio a miña filla que me rompe todo o que atopa pola casa. - Non é ela, é o pericán. - E como podemos facer para que marche? - A única solución é que a nena cando o vexa poña estas gafas -sacou unhas gafas negras- porque ao pericán non lle gustan os nenos que levan gafas e menos de cor negra. Así que cando vexa algo roto na casa póñalle as gafas á nena que ela xa sabe que para que non a castiguen ten que mirar para o pericán. Cando chegamos á casa meus pais deixáronme soa. Alí estaba el onda o xarrón preferido da miña nai, entón, antes de que o rompera, puxen as gafas e el marchou pola ventá do salón que tamén rompeu. Meus pais entraron e cando viron a ventá rota e a min coas gafas non me rifaron. Pasou moito tempo ata que miña nai me preguntou se volvera ver o pericán e eu contesteille a verdade, que non o volvera ver máis. Entón


miña nai dixo que xa non me farían falta as gafas nunca máis, porque o pericán é moi listo e á casa da que o botan non volve porque xa saben o seu segredo o como o botar de alí.

Lorena Placer


O HIPOGATO

Vouvos contar a historia do hipogato. Todo comezou cando Xoán cumpriu os 5 anos, foi un día repleto de risas e agasallos, súa tía regaloulle un chándal, seu pai un boneco e súa avoa unhas zapatillas. O que a Xoán non se lle ocorrería pensar é que este último agasallo lle ía traer unha historia para contarlles aos seu fillos e quizás incluso aos seus netos. Ao día seguinte, o rapaz levantouse cunha fame terrible pero xusto cando puxo as zapatillas notou que estas tiñan un burato polo que asomaba o dedo gordo do pé esquerdo. O primeiro que fixo foi ir á cociña e contárllelo a seus pais. Súa nai enfadouse e díxolle: “Pasa a cortar as uñas inmediatamente”. Non lle quedou outra que asentir e así o fixo. Dous pares de zapatillas máis tarde .... Xoán seguía insistindo en que el non era o causante de romper as zapatillas, entón súa nai empezou a investigar en libros, en internet etc, ata que Sergio, un vello libreiro, lle contou que podería ser o hipogato. O hipogato era unha clase de animal moi pequeno e peludo, tiña a boca enorme, comparable á dos hipopótamos, pero, a diferenza destes, a súa dieta compúñase unicamente de zapatillas de casa, sobre todo se eran novas. A única solución posible era cubrir o chan da habitación con cinta adhesiva e cruzar os dedos para que este quedase pegado. Así o fixeron, e cando terminaron de empapelar o chan foron para a cama porque, de tanto traballar, estaban cansos. Cando se ergueron, atoparon un hipogato pegado ao celo e bufaba enfadado, metérono nunha gaiola e levárono á protectora de animais de Vila Utua, dende alí o rumor de que había unha praga deles estendeuse cunha rapidez sorprendente. Algún ata aproveitou a situación para montar un negocio de camisetas, pins, colgantes etc, sobre os hipogatos pois era un animal que se cría extinguido e que retornara non se sabía de onde ou polo menos iso contaba o xornal local da vila que, aínda que non sempre é de fiar porque acostuma a ser bastante subxectivo nalgúns temas, nestes casos non adoita fallar.


Non sei como acabará esta historia, só algúns queren que veña o exército ou alguén que atrape a todos os hipogatos e os leve da vila, non obstante, o resto das persoas da aldea estamos de acordo en facer unha colecta popular para pagar unhas cantas zapatillas e desta forma manter as criaturas, porque cremos que atraerán numerosos turistas de todos os recunchos do mundo. Pode suceder calquera cousa nunha reunión que temos para decidir que facer, mais eu creo que todos estaremos de acordo nunha cousa: esta será unha experiencia que xamais esqueceremos. Teño que irme que xa chego tarde á reunión, adeus, ao saír xa vos contarei.

Daniel González


A GATIRRÁ A Gatirrá e unha especie de animal cunha enorme cabeza negra semellante á dun gato e cun diminuto corpo averdosado con pintas marróns como unha ra. Este animal é imposible de ver polo día, xa que habita nas máis profundas lagoas e mares da costa galega. Dende os tempos máis antigos, pescadores e mariñeiros atopáronse con elas nas máis negras augas e os poucos que regresaron foron os encargados de facer deste ser unha terrorífica lenda que aínda segue a ser nomeada en terras galegas. Non se sabe como foi creado este perigoso ser, pero contan os lobos de mar que a súa presenza anunciábase cuns arrepiantes miañidos seguidos dunha enorme tormenta de fortes ondas. Din algúns vellos que se podía distinguir na negrura do mar o brillo dos seus ollos de gato, brillantes e terroríficos, que cada vez se acercaban máis e máis, ata que, de súpeto, todo entraba nunca profunda calma. Aí era cando comezaba o peor. Enormes cantidades de Gatirrás abordaban o barco saltando pola cuberta e deitando veleno sobre todo aquel que se lle cruzaba por diante, sen contar cos que, amedrentados, se botaban pola borda desaparecendo engulidos polas augas. Só lograron salvarse aqueles que, ao atoparen unha Gatirrá diante, guiándose pola súa intelixencia, decidiron asestarlle sete golpes na cabeza xa que pensaban que, ao teren cabeza de gato e quitárenlle as sete vidas con sete golpes, acabarían con elas. E era o certo. Cando algún deles foi capaz de facelo, a praga desapareceu e os poucos mariñeiros que sobreviviran quedaron asombrados pola repentina fuxida deses seres que marchaban amedrentados e pola aparente normalidade que se respiraba no mar, como se todo fose un soño… Era un soño? Hai persoas que din que todos eses feitos son producidos polo alto contido de alcohol en sangue dos mariñeiros en contacto co cheiro salgado do mar, outros din que de verdade existen, xa que, probablemente, seu avó ou bisavó pasou por iso e tivo a oportunidade de poder contalo, quen sabe.

Rocío Cepeda


UN CAMPAMENTO QUE ENDEXAMAIS ESQUECERÁS

Antes de nada, quérome presentar; eu chámome Xiana, e teño 14 anos acabados de cumprir. Vivo nunha aldea preto de Ourense, na que hai moi poucos habitantes, e a maioría deles son rapaces da miña idade. Este verán o concello da aldea organizou un campamento en Arzúa para fomentar as actividades de campo entre a xuventude. Eu e mais a miña amiga Azucena enseguida nos fomos apuntar, xa que a ambas as dúas nos encanta o campo. Partimos de Ourense o sábado ao rematar de comer e en dúas horas xa chegaramos a Arzúa. A viaxe non se fixera moi longa, xa que fomos cantando e contando historias todo o camiño. Ao chegar puxémonos moi contentos xa que o albergue no que íamos pasar toda a semana tiña un inmenso prado ateigado de margaridas e con moitos recunchos; e unha gran piscina cun tobogán. Desde o prado observábase unha granxa cun cartel no que se podía ler: GRANXAESCOLA DE ARZÚA. Eu supuxen que algunhas das actividades do campamento terían lugar nesa granxaescola e sentín bastante curiosidade por saber que tipo de animais poderíamos encontrarmos alí, así que lle propuxen a Azucena facer unha pequena visita á granxaescola pola noite mentres todos durmían. Despois de mergullarnos na piscina fomos cear. A cociñeira, Marga, preparáranos de cea un marabilloso caldo de verduras. A continuación, os monitores explicáronnos o programa que estaba previsto para o día seguinte e unha vez que remataron, todos nos diriximos ás nosas respectivas habitacións. Azucena e mais eu puxeramos a alarma para espertar ás 3 da mañá e investigar un pouco os arredores. No momento en que aquela horrible melodía comezou a soar pensei en coller o móbil e arroxalo contra a parede pero xusto no momento en que o ía coller escoitei un estraño alarido que parecía proceder da granxaescola, así que enseguida espertei a Azucena, que a pesar da alarma e do estraño alarido continuaba a durmir. En 5 minutos xa nos atopabamos no medio do prado, e mortas de medo, xa que o alarido se repetira, prolongándose desta vez uns segundos máis. Eu estaba


desexando volver pero a miña curiosidade era maior que o meu medo. Azucena, a quen lle tremían as mans, suplicoume que volvésemos, porén agarreina forte e convencina para continuar coa nosa escapada nocturna. Chegamos á gran porta da granxaescola e comezamos a empuxar ata abrila. Ao principio non conseguíamos ver practicamente nada, non obstante, unha vez que os nosos ollos se acostumaron a esa penumbra, conseguimos distinguir un longo corredoiro no que a ambos lados se podían apreciar varias portas con distintos números. Decidimos entrar na sala que marcaba o número 004. Alí non vimos nada ata que ao mirar para o teito eu conseguín diferenciar dous ollos vermellos coma o lume. Ao momento reaccionei dando un paso cara a atrás e agarrando a Azucena, parecía imposíbel pero conseguira reprimir as ganas de berrar que naquel momento me entraran ou quizais me quedara sen voz para facelo. Azucena enseguida mirou para o teito para ver que sucedía e antes de que ela fixese o que eu conseguín evitar, púxenlle unha man na boca. Comezounos a tremer o corpo enteiro e nese momento conseguín distinguir unha tenue luz que recoñecín á perfección, era a que sinalaba onde había unha chave de luz que iluminara toda a sala. Enseguida me abalancei sobre ela e a acendín ... Nin eu nin Azucena esperabamos ver o que estabamos vendo, ERA UN HIPOVAMPIRO!!! Aquel mítico ser co que os nosos pais nos asustaban no “Samaín” e que nós, por suposto, críamos que non existía... Pero alí estaba, e aquilo non era un soño, nin era o Samaín, era a realidade. Aquel monstruoso ser era como un morcego coa cabeza de hipopótamo, e tiña ese algo que che produce un arrepío que che percorre o corpo enteiro Mirábanos con esa mirada que xeaba o sangue. As dúas saímos correndo desa sala sen importarnos o que había no resto das salas, ou quizais si nos interesaba pero desta vez o medo era maior que a curiosidade. Corremos o máis rápido posible sen mirar atrás e entramos no albergue, unha vez dentro procuramos a nosa habitación e alí nos encerramos ata a mañá seguinte.


Cando nos erguemos fomos onda unha das monitoras para darlle a noticia de que queríamos abandonar o campamento, e cando ela moi sorprendida nos preguntou as razóns nós decidimos contarlle toda a historia. Ao rematar de contarlla sen poder reprimilo máis, escachou a rir. E entre gargalladas explicounos que o que nós viramos tan só era un peluche porque esa noite, entre os monitores, decidiran organizarnos unha festa de Samaín de verán na que non podía faltar, por suposto, o hipovampiro. Aínda que ao final todo resultara unha anécdota máis, será unha anécdota que endexamais esquecerei.

Lara Colmenero


O PESADELOS

Esta historia que ides escoitar é unha historia baseada en feitos reais. Polas noites os rapaces teñen moito medo. Todo o mundo di que teñen medo porque imaxinan cousas, pero a verdade é que teñen medo por outra razón. Todas as noites, ás doce en punto, unha especie de trasno con ollos vermellos coma o sangue, bigotes de gato e gadoupas e dentes afiados coma coitelo métese nas habitacións dos rapaces e, mentres dormen inocentemente, achégaselles polo cabezal da cama e, dicíndolles unhas palabras na orella fai que teñan os pesadelos máis horribles. Para Xoán o noso protagonista a historia foi un pouco diferente. Xoán era un rapaz que acosumaba a estar de moi bo humor e iso non lle gustaba moito ao Pesadelos, así que decidiu fastidiarlle a felicidade. Un día mentres Xoán se preparaba para ir durmir, o Pesadelos agochouse debaixo da súa cama e esperou alí ata que Xoán se fose deitar. Pola noite, ás doce, mentres Xoán durmía, o Pesadelos saíu de debaixo da cama, arrimóuselle á orella e dixo as palabras máxicas. Agardou un intre pero non pasou nada. Volveu probar unha e outra vez, pero seguía sen pasar nada. O Pesadelos pasou o resto da noite pensando por que non funcionara a súa maxia, e cando se cansou de pensar, decidiu que volvería cada noite á casa de Xoán para intentar que tivese pesadelos. Así que marchou cabreado á súa cova para esperar a seguinte noite. O Pesadelos debería terse informado ben antes de escoller a Xoán como vítima, porque o que non sabía o Pesadelos era que Xoán era xordo. Así Xoán conseguira librarnos dese horrible bicho durante bastantes anos. Ata que chegou o día en que Xoán morreu sen un pesadelo. E cando o Pesadelos pensaba que podería volver ás andadas, deuse conta de que se quedara sen voz despois de estar tantos anos falándolle a Xoán na orella. E é por iso que agora xa non se escoita falar do Pesadelos.

Iván Ebra


A VAMPIRUXA Era outono e xa de mozo, aos 14 anos, Mario estaba preocupado desde facía bastante tempo porque aínda tiña os dentes de leite, os mesmos que a un rapaz lle terían caído aos oito ou nove anos como moito tardar. El xa intentara de todo, fora ao dentista en numerosas ocasións pero regresaba sen ningunha solución para a casa. Un día cando ía camiñando por unha rúa que non se atopaba moi lonxe de onde vivía, escoitou unhas anciás que estaban a falar dunha tal vampiruxa, segundo dicían era unha mestura de vampiro e de curuxa e facía que lle caesen os dentes aos nenos e nenas cun caramelo moi doce que lles daba cando os ía visitar polas noites mentres durmían. Seguiu atendendo a conversa e escoitou que aínda que tivese algunha que outra semellanza cos vampiros ía ás casas onde había allos, xa que o olor destes fascináballe. Tiña unha pel pálida cuberta por plumas alongadas dunha cor branca como a neve no peito e na parte traseira eran algo máis escuras. As súas patas eran curtas, ríxidas e escuras como unha fría noite de inverno e tiña uns caninos moi afiados e tan brancos que brillaban ata na escuridade. Cando acabaron de falar da vampiruxa, saíu correndo para a súa casa, entrou na cociña e colleu tres grandes allos, subiu de contado as escaleiras e dirixiuse rapidamente cara á súa habitación para colgalos na ventá. Esperou desexoso a que chegase a noite e foi para a cama cedo como todos os días que tiña que ir para o instituto. Estaba moi nervioso e case seguro que tardaría en adormecer, pero isto non foi así, quedou durmido deseguida aínda que espertou de súpeto cando oíu caer algo ao chan, eran os allos, iso significaba que a vampiruxa estaba alí, non tiña ningunha dúbida. De súpeto mirou para a ventá e viuna, era tal e como a describiran as anciás. Pero decidiu pechar os ollos e ficar quieto na cama para que esta pensara que seguía durmindo. Notou como se lle achegaba e lle metía un caramelo na boca. Quedou de novo durmido. Ao día seguinte, ao erguerse da cama non se acordaba de nada do que sucedera pola noite, pero tiña o presentimento de que a vampiruxa o visitara porque os dentes caéranlle.

Noelia Valencia


O DEMOCAN Hai moitos anos a unha familia galega perseguíaa unha maldición, a maldición do democán. Este é un ser infernal, como un can pero enorme, de cor negra e ollos vermellos que parecen que botan lume, e na súa cabeza ten dous cornos . Os Ulloa eran unha familia galega que vivían nos Ancares, en Lugo, nunha zona pouco habitada e na que os veciños estaban espallados. Sobre os Ulloa pesaba unha maldición: todos os membros desta familia que ían vivir a aquela casa dos Ancares acababan morrendo polo ataque do democán. Despois de morrer un dos últimos membros da familia Ulloa, trasladouse a esa casa, sen importarlle a maldición, Pablo, o sobriño de don Anacleto, que fora o que morrera supostamente polo ataque do democán. Todos os veciños o advertían da maldición, e dicíanlle que non atravesase o bosque de noite porque a esas horas intensificábanse as forzas do mal. Pablo, aínda que sabía que había indicios de que esta maldición podía ser certa, xa que o seu tío aparecera morto no bosque con sinais de violencia e con pisadas dun animal moi, moi grande, cerca, negábase a crer que iso podía ser certo. Pero un amigo del non queda tranquilo, porque cre que a maldición pode ser certa e acompáñao a esa aldea. Unha vez instalados alí, deciden dar unha volta polos arredores, e alí no medio do bosque ven unha muller que lles di a Pablo que por favor marche de alí xa que corre perigo debido a que o democán vive naqueles bosques e vai ir por el. Pablo, a pesar de que o seu amigo o intenta convencer, non marcha de alí . Pouco a pouco van coñecendo os veciños e un día un deles invitou a cear e Pablo e o seu amigo, Pablo aceptou sen problemas pero para ir á casa deste veciño tiñan que atravesar o bosque no que supostamente se escondía ese ser infernal que era o democán e non podían acceder en coche polo que tiñan que ir a pé. O seu amigo díxolle que era un tolería, pero Pablo xa decidira ir, só ou acompañado, polo que o seu amigo foi con el para que non fose só . Ao día seguinte era a cea e aínda que o amigo de Pablo lle seguiu insistido para que non fora, ao final acabaron indo. Cando chegaron á casa de Luís, o veciño que os invitara, aínda era de día. Primeiro estiveron falando un pouco e despois puxéronse a cear e de alí a unhas horas decidiron ir para a casa. Era de noite e aínda que Luís e o seu amigo lle dixeron a Pablo que era mellor que quedara a durmir alí, que non debía ir de noite polo monte, el empeñouse en ir para a casa . Pablo non tiña medo pero o seu amigo si. Cando ían polo medio do camiño oíron un terrible ouveo que resoou en todo o bosque e fixo que tanto Pablo e o seu amigo se estremecesen. Pablo intentou disimular pero xa empezara a sentir medo. Os dous seguiron andando e cando pouco máis adiante viron un enorme ser diabólico negro, parecido a un can empezaron a correr. Demasiado tarde, o democán enseguida os pillou matando a Pablo. O seu amigo tamén morreu, pero non polo ataque do democán, senón polo susto que levou. Así unha vez máis cumpríase a maldición do democán na familia dos Ulloa.

Eva Carrasco


O ESQUIOSAURIO

Trátase dun ser que ten o corpo dun esquío e a cabeza e as mans dun dinosauro. Este terrorífico ser adoita actuar de noite, maioritariamente contra nenos e nenas, mentres a súa presa está durmindo, aínda que para meterlle máis medo ás súas vítimas o Esquiosaurio amósaselle de día para que se recorde del e logo provocarlles sucesivos traumas e pesadelos. (ás vítimas: sobra, redundante). Antigamente a xente das aldeas utilizaba diferentes métodos contra el pero eran completamente inútiles xa que grazas ao seu corpo de esquío, que lle proporciona unha gran axilidade, era capaz de fuxir de calquera trampa rapidamente e acceder ás casas que tiñan máis dunha planta. Tamén pola súa cabeza de dinosauro, que posúe as mesmas características que un desta raza, é dicir, non ven, captan as súas presas polo olor e polo son que producen ao se mover, tamén acostuman ser moi agresivos e ruidosos. Contoume unha vez miña avoa que un día, mentres estaba xogando con seu irmán e mais súa curmá no campo da festa, na aldea, a ela parecéralle ver a unha especie de esquío pero só por uns segundiños nada máis e fixo coma se non vise nada, de alí a un rato volveuno ver e xa se comezou a asustar. Non o volveu a ver nunhas dúas horas pero despois volvéuselle aparecer, desta vez conseguiuno ver claramente e apreciou a súa cara de dinosauro e o seu corpo de esquío. Non o volveu a ver máis en todo o día, ou iso pensaba ela, porque ao irse á cama non se paraba de estremecer como se alguén a estivera espiando. Conseguiu dar co sono dunha vez por todas e pouco máis tarde comezou o pesadelo, era o Esquiosaurio que xa comezara o seu acto por asustala. Pouco despois de se durmir miña avoa xa se atopaba suando, era o ataque do terrorífico animal que xa se estaba efectuando. No seu soño, miña avoa apareceu nunha especie de illa desértica, onde só había árbores e area, nin unha soa casa, nin un só habitante. Ela di que se puxo a botar unha ollada pola illa e ver como era aquel estraño lugar, e poderse afacer á idea de como ía vivir alí, xa que ela non sabía que era un soño ou mellor dito un pesadelo, porque niso era no que se ía converter. Cando xa levaba uns trinta minutos camiñando pola illa pareceulle escoitar un estraño ruído co que se alterou un pouco, de alí a un cinco minutos outro, só que este lle parecía que estaba máis cerca. De alía a un rato escoitou o mesmo ruído moito máis cerca e xa se alterou por completo. Comezou a correr cada vez máis rápido e xirando a cabeza cada pouco para ver o que a perseguía, dunha vez que se xirou conseguiuno


ver, era aquel terrible ser que xa vira á tarde mentres xogaba con seu irmán mais con súa curmá no campo da festa, só había unha gran diferenza, o que ela vira á tarde era pequeno, duns 50 centímetros como moito e aquel que a perseguía medía metros. Era xigante e terrorífico, tiña uns dentes afiados e moi grandes cos que a podería esnaquizar se a pillaba. Ela corría aterrorizada cando de pronto se atopou co mar, non tiña saída e quedou paralizada. Vía como o Esquiosaurio cada vez se atopaba máis cerca dela e non era capaz de pensar xa que estaba paralizada polo medo. Non se moveu, o monstro xa se atopaba ao seu lado e ela cada vez respiraba máis forte. El acercouse, uliuna e finalmente cun movemento moi brusco papouna. A miña avoa espertouse cun berro na cama e espertou tamén a todos os veciños. Estaba toda suada e non daba respirado con normalidade. Atopábase horrorizada e paralizada polo medo. Non foi capaz de durmir en toda a noite por medo a volverse atopar con ese terrible ser. Pensou que ao seguinte día todo pasaría e que o Esquiosaurio non volvería máis por onda ela. Equivocouse, á noite seguinte máis do mesmo e outra vez todos espertos. Seus pais xa non sabían que facer con ela e probaron a levala ao médico, ao curandeiro e nada. Falaron cun ancián que se atopaba de paso pola zona e este díxolles que se podía tratar do Esquiosaurio e deulles o único remedio contra el. O remedio consistía en rodear a cama da vítima con auga bendicida xa que este ser era unha criatura do inferno. Seus pais fixeron o que lles dixo o ancián e por sorte tivo efecto. O terrible ser non volveu máis por onda a miña avoa e non lle provocou máis pesadelos, aínda que hoxe en día aínda rodea a súa cama con auga bendita por medo a que lle volva acontecer. Dise que hoxe en día xa poucos ou case ningún Esquiosaurio se ve por aí solto, a maioría deles foron exterminados polos estragos morais que causaban.

Marcos Castro


TOULOBO

O Toulobo, un ser mítico, é metade lobo e metade toupa. É un ser moi grande con corpo de lobo e cara e patas de diante con corpo de toupa. Este ser anda por debaixo da terra grazas aos seus dotes de toupa e tamén pode andar pola superficie pero con máis dificultade debido a que e non ve a ten que guiarse polo cheiro das cousas. O Toulobo aparece todas as noites e cómelles as pitas e os polos aos veciños dos Ancares. Os veciños témenlle moito e por moitas trampas que poñan nunca o atrapan. Un día o Toulobo apareceu nunha aldea por mor dunha maldición que lle botara un vello pobre, pois os Suárez, unha familia burguesa da zona, non lle quixeran dar ao home ningún mísero polo nin ningún ovo. O vello, entón, dixo que as ían pagar. Dende entón o Toulobo viña todas as noites para comerlle as pitas e os polos aos Suárez ata que estes decidiron plantarlle cara e poder librarse por fin del. Os Suárez mandáronlles que ideasen un plan aos veciños e estes puxeron arame por debaixo de toda a aldea e por encima colocáronse os cazadores e os seus cans. As mulleres quedarían na casa coidando de que non entrase onda as galiñas e os polos. O Toulobo foi astuto e deuse de conta de que o querían matar e non foi pola aldea ata pasado un mes. Os veciños da aldea, ao ver que o Toulobo non caía na trampa, confiáronse e decidiron sacala. Os Suárez confiáronse e pasada unha semana o Toulobo volveu a aparecer e acabou con todas as galiñas e polos da aldea. Os Suárez tiveron que marchar da aldea debido a que os veciños lles botaban as culpas de non poder comer ovos nin polos. Agora o Toulobo irá molestar outra familia burguesa.

Noelia Freiría


MORCEGATO

Isto pasou nunhas remotas terras ao sur de Chile. Lémbrome dende moi pequena de que se falaba da existencia dun animal moi raro, que visitaba as familias, que tiñan nenos pequenos, e por iso, a xente estaba aterrada. Ao devandito animal, que era moi macabro, chamábano “MURCEGATO”, xa que se alimentaba do sangue dos nenos que succionaba cando estaban durmindo. Os que crían ver ao animal dicían que era un gato con orellas moi longas, cola peluda e unhas pequenas as. A xente dábase conta que estivera alí porque os nenos aparecían mortos a causa dunha anemia aguda provocada pola mordedela no pescozo. A xente do poboado, farta desta situación, decidiu organizarse para poder capturar o morcegato. Xurdiron moitas ideas, como facer rituais porque dicían que era como un mal espírito, tamén as máis estrañas armas para darlle caza, pero ningunha era suficiente para extinguilo, xa que a este monstro era imposible velo. Dentro das ideas xurdiu unha máis sinxela para darlle sepultura, e foi cubrir o chan de fariña, co cal puideron ver por primeira vez as súas pegadas, e a presenza de el, e así darlle a morte. Así pasou o tempo, había tranquilidade na aldea ata que un día volveron producirse mortes de nenos. Todos pensaron que o morcegato estaba morto pero non era así e este comezou a atacar a todo aquel que se lle cruzase por diante, así volveu a intranquilidade e a angustia a aquela aldea. Era tanto o medo que a xente comezou a marchar a outro lugar. Un día apareceu un ancián, de barba moi longa e moi mal vestido, e viu todo o que sucedía naquela aldea. Un día, cando o morcegato estaba a punto de matar, apareceu o vello cun espello que atanguía cascabeis. Os veciños, estrañados, observábano desde a rúa. O ancián empezou a facer soar os cascabeis e de pronto comezaron os berros nunha familia, o vello acercouse, deixou o espello na porta de entrada e foi alí que viron ao terrible monstro reflectida no espello e que era como se o imaxinaban. O ancián lanzou unha daga xusto no medio do corazón do morcegato rematando con este terrible pesadelo que vivían os veciños desta aldea do sur de Chile.

Camila Arredondo


O DRAGONPITA

O Dragonpita é un animal da fauna galega que se move polas paraxes da Limia. Se escoitas o cacarexos dunha pita e ves unha lapa de dragón é que o Dragonpita anda cerca, esperando para levarse as patacas acabadas de apañar. A nosa historia comeza un bo día de outubro cando Migueliño se levantou cedo para axudarlles ós seus pais recoller as patacas da horta da Alameda. O rapaz ergueuse ás sete da mañá, almorzou, vestiuse e marchou cun sacho para a leira á espera de que os seus pais cando chegasen o visen traballando e quedasen moi contentos. Migueliño chegou á Alameda e pousou o sacho no marco que separaba a súa leira da do pai de Xosé, seu amigo, e decidiu sentar un anaco, pois estaba canso do longo camiño dende a súa casa ata o eido, cando mirou o reloxo eran as 7:30 da mañá e púxose mans á obra. Comezou a sachar as patacas dende o fondo da leira e foinas metendo nun cesto de vimbio que súa nai fixera especialmente para iso. De repente comezou a ir moita calor, demasiada calor, Migueliño suaba e suaba, pasaba o pano pola cabeza e ía recollendo as patacas para o cesto.


Xa levaba media horta cando decidiu descansar un anaquiño á sombra dun carballo que plantara seu pai, sacou a chaqueta e púxoa debaixo da cabeza como almofada. Aínda que continuaba sentindo cada vez máis e máis calor, enseguida quedou durmido e, en soños, escoitou os cacarexos dunha pita. Estaba tan cómodo soñando coa súa namorada que levou un bo susto cando, de repente, sentiu os berros de seus pais. Espertou dun chimpo e viu como o Dragonpita se levaba o seu cesto de patacas e os seus pais o fitaban enfurecidos mentres recollían os desfeitos que o animal fixera na leira. Migueliño non traballou máis na horta sen seus pais e prometeu que xamais volvería quedar durmido nun traballo. Ah, por certo, o neno Migueliño son eu!

María González

Profile for Carmen Gómez

HISTORIAS CON SERES IMAXINARIOS  

HISTORIAS CON SERES IMAXINARIOS 4º ESO IES LAGOA DE ANTELA

HISTORIAS CON SERES IMAXINARIOS  

HISTORIAS CON SERES IMAXINARIOS 4º ESO IES LAGOA DE ANTELA

Profile for x-1065