Issuu on Google+

O BLOG DE ORIENTACIÓN COMO FERRAMENTA PARA A COMUNIDADE

Vanessa Fernández Carballo

O BLOG DE ORIENTACIÓN COMO FERRAMENTA PARA A COMUNIDADE Vanessa Fernández Carballo Departamento de Orientación CEIP Montemogos (Beluso, Pontevedra)

1. Introdución. No presente documento lévase a cabo unha revisión dalgúns dos artigos publicados no blog montemogosorienta co fin de facer unha análise de aspectos relacionados co emprego dos blogs no ámbito da orientación educativa. En primeiro lugar farei mención ás diferencias entre o blog como ferramenta de lectura e o blog como ferramenta de lectura-escritura. En segundo lugar centrareime nos retos do blog como ferramenta de escritura por parte, non so do alumnado, reto en si mesmo, senón por parte da comunidade educativa en xeral, para chegar a cuestionar se realmente é o blog a ferramenta máis axeitada para este reto.

2. O blog: ferramenta para a lectura e/ou a escritura. Non cabe dúbida de que son moitos os motivos que existen para crear un blog no ámbito educativo e, máis concretamente, no da orientación educativa, oito destes motivos foron sinalados por Meritxell Viñas, autora do artigo “Docente: 8 motivos para crear tu blog en 2012” ou por Mª Carmen Delgado Lendínez, no seu artigo “El blog como herramienta de orientación”. E ademais de aparecer sinalado nalgúns dos artigos que se recollen no meu blog, existe na rede moita información sobre o emprego dos blogs como ferramenta ben de lectura, ben de lectura e escritura. Desde a primeira experiencia co mundo dos blogs iniciada no meu centro no ano 2007, no que o blog servía de recurso para que o profesorado puidera deixar información de interese para o alumnado e as familias e para que o alumnado puidera iniciarse na alfabetización dixital escribindo as súas propias experiencias, foron creándose distintos blogs no centro en función de diferentes ámbitos e de diferentes necesidades detectadas polo profesorado. Así, ademais do blog inicial (http://ceipmontemogos.blogia.com), contamos cos blogs de educación infantil (http://educacioninfantilbeluso.blogspot.com) e dos ciclos de primaria, nos que se recollen as actividades que realiza o profesorado co alumnado cun fin principalmente informativo para as familias, cun blog da biblioteca (http://bibliomontemogos.blogspot.com), co blog do equipo de dinamización da lingua galega ou o blog do departamento de orientación (http://montemogosorienta.blogspot.com). Se ben a función principal dos últimos blogs creados é a de transmitir información ás familias e ao resto da comunidade educativa en relación coas actividades do centro, e cada lector pode deixar os seus comentarios no blog, esta función é ben diferente da do blog inicial

1


O BLOG DE ORIENTACIÓN COMO FERRAMENTA PARA A COMUNIDADE

Vanessa Fernández Carballo

na que o alumnado, ou calquera membro da comunidade educativa, pode ser autor, actor, escritor, comunicador, transmisor… de información, experiencias, novas… Aí radica a diferencia entre uns e outros blogs. E esta diferencia tamén se detecta no blog de orientación do meu centro, o cal se sitúa na banda dos blogs que tratan de transmitir información, principalmente ás familias, e agardan recibir información por parte dos posibles lectores, deixando os seus comentarios en cada entrada publicada.

3. A comunidade educativa como escritora no blog de orientación? Tendo en conta os diferentes procesos que se poñen de manifesto cando a persoa actúa como transmisora de coñecementos, experiencias, dúbidas... e a posibilidade de resposta ou de actuación por parte do resto de lectores-escritores, considero fundamental o feito de que calquera membro da comunidade educativa poida participar no blog co fin de xerar un maior índice de interactividade. En cambio, este é un reto nada sinxelo, vendo algunhas das experiencias levadas a cabo no meu centro en relación co primeiro blog creado e no que, cando todavía non contabamos co blog de orientación, tratei de acadar que o alumnado fixera as súas aportacións en relación cun dos ámbitos nos que se centra o meu traballo, a mediación escolar, e que obtiveran algunha resposta por parte do resto da comunidade educativa.

Despois de varias publicacións, detectamos que non se daba a interacción que buscabamos e que so en moi poucas ocasións, case sempre motivadas por min cara ao alumnado, algún destes alumnos ou alumnas facía algún comentario nalgunha entrada publicada polos seus compañeiros no blog. E rara foi a ocasión na que algún outro membro da comunidade educativa fixo a súa aportación comentando as entradas publicadas, tanto polo alumnado como polo profesorado.

2


O BLOG DE ORIENTACIÓN COMO FERRAMENTA PARA A COMUNIDADE

Vanessa Fernández Carballo

Este continúa a ser un reto en relación co blog de orientación, aínda que empañado pola sombra das redes sociais, como facebook ou twitter, onde, polo seu formato, o esforzo para a interactividade semella menor e onde a participación colectiva se pon de manifesto de xeito máis evidente que nos blogs, limitados estes moitas veces á participación a través dos comentarios. Pode que se estea a experimentar un cambio e que os blogs tendan a desaparecer ou a fundirse coas redes sociais. Mentres tentaremos de acadar por calquera medio unha maior participación colectiva dos diferentes membros da comunidade educativa e debemos estar abertos aos diferentes recursos que nos ofrece a web 2.0. para este fin.

4. Webgrafía. CUEVAS BARBADILLO, V. J. (2009): “El blog como herramienta de orientación acdémica y profesional”. En: http://recursostic.educacion.es/blogs/buenaspracticas20/index.php/2009/12/12/orientandon os (07/08/2009). DELGADO LENDÍNEZ, M. C. (2011): “El blog como herramienta de orientación”. En: http://www.clave21.es/files/articulos/F12_BlogOrientacion.pdf (15/12/2011). ISSN 1989-9564 VARIOS (2007): “Monográfico: blogs en la educación”. http://recursostic.educacion.es/observatorio/web/es/internet/recursos-online/528monografico-blogs-en-la-educacion (03/12/2007).

En:

VEIGA MARTÍNEZ, D. (2007): “O blog como ferramenta na orientación educativa”. En: http://es.scribd.com/doc/6854/O-Blog-como-ferramenta-na-Orientacion-Educativa (03/08/2007) VIÑAS, M. (2011): “Docente: 8 motivos para crear tu blog en 2012”. En: http://www.totemguard.com/aulatotem/2011/12/docente-8-motivos-para-crear-tu-blog-en2012 (16/12/2011).

3


O blog de orientación como ferramenta para a comunidade educativa