Revista do Craega 26

Page 3

Boa acollida das Xornadas sobre Terapias Alternativas en Gandería Clausura das xornadas

A Facultade de Veterinaria e a consultora Xestión Agrogandeira e Natureza organizaron os pasados 15 e 16 de marzo, en Lugo, unhas xornadas ao redor das técnicas alternativas para o coidado do gando. Asistiron unhas 120 persoas, entre veterinarios, peritos, estudantes e gandeiros.

J

uan Luis Amor, veterinario en Ribadeo, iniciou as xornadas cunha exposición sobre a enerxía dentro do mundo. Levou a súa charla ata mostrar que non existen en realidade as enfermidades: o que si existen son organismos enfermos. En consecuencia, afirmou que hai que repensar a ciencia veterinaria, dado que debemos curar enfermos, e non acabar coa enfermidade. O persoal veterinario e gandeiro debe considerar o enfermo no seu conxunto, e non só atender a un virus ou bacteria. Nesta dirección profundou Coral Mateo, veterinaria en Xixón e especialista en homeopatía. Segundo Coral, as enfermidades non son o problema, senón que son síntomas dos problemas reais. Polo tanto, ao seu entender, quitar os síntomas dunha enfermidade dun animal (a febre, por exemplo) non acabará con ela, que fatalmente presentará máis problemas no futuro. Explicou en que consiste a homeopatía, uns tratamentos baratos e sen período de supresión.

Bruno Giboudeau, un dos relatores

Pola tarde, Manuel Ramos, gandeiro de leite ecolóxico en Melide, contou como está a coidar dos seus animais con homeopatía. Na mesma liña que os relatores anteriores, mostrou como agora observa moito máis o comportamento dos animais e como este tipo de observacións son imprescindibles para facer fronte a problemas de reprodución ou de mamites. Á pregunta de que usaba para resolver os problemas de fertilidade, respondeu que non existe un remedio xenérico, senón que cada animal que presenta problemas de fertilidade o fai por unha razón distinta, polo que cada tratamento vai ser distinto. O primeiro día rematou cunha presentación moi dinámica de Nuria Otero, responsable de acupuntura, terapia física e quiropráctica de Integralvet, na Coruña. Nuria demostrou o seu coñecemento en tratamento de animais mediante

a acupuntura e fixo tamén unha introdución á quiropráctica, unha técnica para sanear os animais baseada no desbloqueo de zonas da columna vertebral; os exemplos e vídeos que puxo mostraron claramente a eficacia destas técnicas. A segunda quenda das xornadas deu comezo cunha conferencia de Marta López, profesora da Facultade de Veterinaria de Lugo, que ensinou resultados das súas investigacións recentes, nas que apreciou carencias en determinados microminerais nas vacas de leite e carne de Galicia. Carmelo García, veterinario en Castela e académico e experto en gandería ecolóxica e terapias naturais, foi o encargado de presentar as técnicas da fitoterapia e ofreceu múltiples exemplos de remedios elaborados en base a plantas que poden ser útiles para o tratamento das enfermidades do gando. Procedente de Francia, Bruno Giboudeau sorprendeu ao público coas súas prácticas como osteópata. Con técnicas semellantes ás que presentou Nuria Otero, pero sen agullas, con medición de fluxos de enerxía no animal, Bruno é quen de atopar tamén bloqueos na columna que impiden a boa saúde do animal. Ademais, presentou un novo e revolucionario sistema de avaliación da ración dos animais, baseado na observación de determinados síntomas no animal (ollos, pezuños, pelo...) que permiten establecer un diagnóstico sobre a eficacia da ración, e así mellorala ou reducir o seu custo. Xose Regueiro foi o último en intervir. Mostrou o seu coñecemento de etnoveterinario, cunha recompilación de técnicas tradicionalmente usadas en Galicia para o coidado dos animais, e comentou como existían e aínda existen en Galicia unhas técnicas propias e eficaces para tratar os animais con base en remedios procedentes de plantas da nosa contorna. Os organizadores concluíron as xornadas subliñando o seu éxito de asistencia. Xan Pouliquen recalcou que lles permitiron lexitimar as terapias alternativas, xa que quedou evidente que “non son cousas de meigas”. Insistiu tamén en que os distintos profesores deixaron patente que estas técnicas funcionan e que con elas se poden obter melloras significativas en saúde e en resultados económicos. CRAEGA

>

3


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.