Afriga 95

Page 74

CONVOCATORIAS

XXXII CONCURSO NACIONAL DE CONAFE. XIXÓN, 29 DE SETEMBRO-2 DE OUTUBRO

Fernando Rodríguez Gandoy (Africor Lugo)

MAIORÍA ASTURIANA NO PODIO DO NACIONAL

O concurso reuniu na pista 136 frisonas pertencentes a 49 explotacións

A final do Nacional estivo un ano máis moi disputada entre as ganderías asturianas e cántabras pero os premios máis importantes quedaron finalmente no Principado por decisión do xuíz canadense Donald Dubois, o que desencadeou moitos aplausos na pista xixonesa. Pacho Goldwyn Telva, da gandería diplomada Badiola, proclamouse vaca gran campiona nacional, e Flora Knowledge Inés, da Casa Flora, foi a xovenca gran campiona nacional. Asturias recolleu ademais os títulos de mellor autonomía, mellor criador e mellor rabaño. O Concurso Nacional da Raza Frisona de Conafe, celebrado no recinto feiral Luis Adaro de Xixón, no marco da Agropec, congregou nesta trixésimo segunda convocatoria un total de 136 animais pertencentes a 49 explotacións das comunidades autónomas de Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia e Navarra. Asturias e Cantabria, as dúas autonomías con maior número de reses en competición, volveron copar os primeiros postos das distintas clasificacións; non obstante, tamén houbo representación galega e catalá no palmarés dalgunhas seccións.

O xulgamento estivo nas mans de Donald Dubois, xuíz oficial da Asociación Holstein de Canadá dende 1997. Acudía por primeira vez a España e quedou gratamente sorprendido da calidade das reses levadas a concurso. Dubois xulgou numerosos certames gandeiros tanto no seu país coma no estranxeiro, entre eles o Expomig 2009 no Brasil e o Royal Winter Fair 2007 en Inglaterra, e tamén é un experimentado preparador de animais para concursos, actividade na que traballou durante quince anos para os máis recoñecidos criadores do Canadá, Os Estados Unidos, México, Italia, Bélxica, O Reino Unido, Suíza e Francia.

Consulta os vídeos do concurso na web www.revistaafriga.com AFRIGA ANO XVII - Nº 95

75


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.