Page 99

DOSSIER: MAMITE

Mamite clínica Estamos ante un cadro de mamite clínica cando na exploración do animal atopamos signos visibles típicos deste proceso: A. Alteración do leite producido (formación de coágulos, cambios na cor ou na textura, ou presenza de sangue). B. Inflamación visible da glándula mamaria, que xeralmente afecta a un dos catro cuartos, o cal presenta aumento de tamaño e consistencia (inchazón), calor e, en ocasións, dor á palpación ou ao muxido. C. Afectación do estado xeral da vaca. Obsérvase apatía, ausencia de apetito, febre, deshidratación e, nos casos máis severos, permanecerá tombada, incapaz de pórse en pé. Un caso que presenta unicamente alteración do leite defínese clinicamente como leve (A); cando, ademais, existe inchazón no ubre fálase de mamite clínica moderada (A+B) e, se se ve comprometido o estado de saúde xeral do animal, trátase dunha mamite grave (A+B+C). Mamite subclínica En moitas ocasións, a reacción inflamatoria da glándula non se manifesta con cambios observables mediante a exploración rutineira do ubre, que se realiza de forma máis ou menos minuciosa en cada muxido. Para detectar as mamites subclínicas é preciso recorrer a probas complementarias, as máis habituais son o Test de California (CMT), a medición da condutividade eléctrica do leite (método instalado en moitos sistemas de muxido) e o reconto individual de células somáticas.

99

Táboa 1. Clasificación dos casos de mamite

CLÍNICA

LEVE

Alteración do leite

MODERADA

Alteracións visibles no ubre: tumefacción, calor, dor

GRAVE

Afectación do estado xeral do animal: febre, apatía, prostración

SUBCLÍNICA

Incremento do RCS Diminución da produción

É frecuente que as mamites subclínicas sexan o resultado da cronificación de casos clínicos, nos que se alcanzou unha curación aparente, desaparecendo os signos visibles, pero non se logrou eliminar a infección senón que esta se converteu en persistente. O desenvolvemento de resistencias por parte dos xermes patóxenos provoca que a eficacia dos tratamentos aplicados, con base nos distintos antibióticos indicados para a mamite, se reduza co paso do tempo e co seu emprego continuado. Estas mamites que “non vemos” son, con todo, as responsables de cuantiosos custos económicos en moitas granxas. As perdas débense principalmente á redución na produción que sofren as vacas con recontos celulares elevados.

AFRIGA ANO XXIII - Nº 129

afriga_129_dossier_mamite_custos_galego.indd 99

21/05/2017 09:31

Profile for TRANSMEDIA COMUNICACIÓN

Afriga 129. Edicion en galego  

Afriga 129. Edicion en galego