26
panorama internacional
LA VENDÉE, UN MODELO AGRARIO DINÁMICO E DIVERSIFICADO BASEADO NUNHA CULTURA ASOCIATIVA
Os estudantes de Fonteboa e os profesionais que os acompañaban na viaxe co xerente da Finca San José ao final da visita
Todos os anos, desde 1989, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa (Coristanco) organiza unha viaxe técnica á rexión Pays de la Loire, no noroeste francés. Coa edición de 2014 son xa 25 anos de intercambio e en todas as visitas hai novidades, pois a actividade agraria desta zona é moi dinámica.
Luis García Fernández Director do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña)
Nas viaxes participan normalmente alumnos de 1.º curso do Ciclo Formativo de Produción Agropecuaria e profesionais interesados en reciclarse e poñerse ao día. Na presente edición, levada a cabo do 7 ao 14 de marzo, foron 16 alumnos e 14 profesionais. Durante a semana de estancia nas terras galas é fundamental a colaboración do Centre de Formation et Promotion Meslay no que respecta á preparación do programa e ao acompañamento durante as visitas e os encontros. FINCA SAN JOSÉ Igual que nos últimos anos, no seu itinerario cara a La Vendée, o grupo fixo escala en Huesca para visitar a Finca San José, en Tamarite de Litera, concello oscense lindeiro coa provincia de Lleida.
Finca San José é unha das granxas de referencia a nivel nacional na produción de leite. O grupo de estudantes e de profesionais, recibidos por José María e Jaume Pont, tivo a oportunidade de coñecer todos os pormenores da xestión eficiente dunha empresa familiar con 60 anos de historia e proxectada cara ao futuro.
Traballo continuado de tres xeracións
A situación actual de Finca San José é o resultado do traballo de tres xeracións. A familia Pont, orixinaria do centro-leste da provincia de Lleida, desprázase en 1951 cara ao oeste, fuxindo da seca e da baixa produtividade das súas terras. Os terreos irrigados polo río Cinca ofrecían novas oportunidades para seguir vivindo da agricultura. Pensaban dedicarse aos cultivos de cereais, pero a partir de 1962 inician a actividade gandeira, na que continúan hoxe os fillos e netos dos pioneiros, baixo a forma xurídica de sociedade anónima na que traballa case medio cento de persoas.
AFRIGA ANO XX - Nº 111
AFRIGA110_convocatoria_fonteboa_02.indd 26
21/06/2014 13:42