Page 1


A comunicación ambiental é unha estratexia de grande importancia para calquera organización pública ou privada. A mera xeración de informes xa non é suficiente. Hoxe é fundamental servirse de ferramentas como a publicidade sobre soportes físicos ou dixitais, a etiqueta do produto, as presentacións públicas ou as visitas guiadas a instalacións, entre outras cousas, para lles facer chegar ao cidadán e ao cliente o esforzo da entidade pola sustentabilidade. En Terranova Interpretación y Gestión Ambiental, S.L. somos especialistas en comunicación ambiental.


Colección de pósters e adhesivos sobre a flora e a fauna ameazadas de Galicia Colección de pósters e adhesivos sobre a flora e a fauna ameazadas de Galicia A Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia encargounos unha campaña de difusión destinada a dar a coñecer algunhas das especies de flora e fauna máis ameazadas de Galicia. Realizáronse 20 carteis de gran formato e outros tantos adhesivos. Para as especies de flora contamos coa colaboración do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela. Os carteis, de 59,4 x 42 cm, inclúen unha ilustración en gran formato e extraordinaria calidade da especie tratada, así como un texto de presentación e outro sobre as súas ameazas e os esforzos da Xunta de Galicia para asegurar a súa conservación. Completan esta información varios detalles sobre a súa ecoloxía ou distribución.

Apoio á comunicación ambiental de INDITEX Elaboramos e deseñamos diferentes materiais de apoio para a comunicación ambiental dunha das empresas españolas con maior presenza internacional. A sustentabilidade ambiental é un dos alicerces fundamentais da ambiciosa política de responsabilidade social corporativa de INDITEX. Como apoio ás diferentes accións do seu plan estratéxico ambiental, desenvolvemos materiais para a súa comunicación ambiental interna –destinada á formación dos seus empregados e empregadas– e externa; entre outros, multimedia e material gráfico.

Deseño, contidos e mantemento da páxina web de SOGAMA Unha das páxinas web sobre medio ambiente máis visitadas de Galicia.

SOGAMA.

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) encargounos o deseño e os contidos da súa nova web, así como o seu mantemento e actualización diarios. Esta páxina inclúe grande abundancia de material multimedia, moi útil para trasladarlle á cidadanía o labor que realiza

Este traballo compleméntase coa organización e atención de visitas ás instalacións desta empresa en Cerceda, A Coruña.


Páxina web da Dirección Xeral de Conservación da Consellería de Medio Ambiente O grande espazo web sobre a conservación da natureza en Galicia. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Xunta de Galicia) confiounos a actualización dos contidos e o deseño da súa páxina web. Creamos abundantes textos e materiais gráficos acerca dos espazos naturais protexidos desta comunidade autónoma, as especies de flora e fauna ameazadas, a biodiversidade galega ou a normativa aplicable á protección da nosa natureza.

Deseño e xestión da campaña “O teu papel é importante” - Concello da Coruña Unha mensaxe multimedia sobre o aforro de papel que chega por e-mail. Esta campaña tivo carácter interno, pois estaba destinada aos traballadores e traballadoras do Concello da Coruña. Desenvolveuse en colaboración coa Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (ASPAPEL). O seu obxecto era promover un uso racional do papel nas instalacións do concello. Elaboráronse diferentes materiais multimedia e breves auditorías persoais online.


O noso equipo de Educación Ambiental planifica e desenvolve programas de educación ambiental dirixidos a todos os niveis educativos, que inclúen o deseño de materiais de apoio destinados ao alumnado e persoal docente. O seu obxecto é que os máis novos adquiran conciencia do seu medio a través dunha análise crítica e dispoñan das capacidades necesarias para actuar, individual e colectivamente, na resolución dos problemas ambientais presentes e futuros. Desde 1999 abordamos moi diferentes proxectos enmarcados nas máis diversas áreas de interese ambiental. Estes son algúns dos máis representativos:


Talleres de consumo responsable para a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia encargounos a realización de diferentes talleres sobre consumo responsable, destinados a mulleres do ámbito rural de Galicia. Nestes talleres, que teñen unha duración de catro horas, abórdanse entre outros conceptos o consumo de enerxía e auga, ou a xestión dos residuos no fogar.

Talleres de Educación Ambiental no Xardín Arboretum Caixa Galicia Obradoiros de Educación Ambiental no Xardín Arboretum Caixa Galicia Moi próximo á plaia de Samil, o XARDÍN ARBORETUM CAIXA GALICIA é unha das coleccións botánicas máis interesantes de Galicia, froito da labor do paisaxista Francisco de Sales Covelo. Conta con cerca de 6.000 m2 de xardín, viveiros e arboreto. Durante o curso 2008-2009 desenvolvemos alí, para a Obra Social de Caixa Galicia, un amplo programa de actividades de educación ambiental que ten como protagonistas o paisaxismo, a botánica e a xardinería. Os principais obxectivos do programa céntranse en destacar a importancia dos xardíns urbanos como reservas de biodiversidade, e ao mesmo tempo promover o coñecemento das labores de xardinería, conservación de especies e mellora do medio que se realizan desde a Fundación Sales. As actividades, realizadas no propio xardín, están destinadas a grupos organizados de todas as idades: grupos de escolares, asociacións, etc.

Operación Carballo e Operación Castiñeiro – Obra Social de Caixa Galicia Un completo programa de reforestación e fomento do coñecemento dos nosos bosques autóctonos.

escolares de 80 centros educativos de toda Galicia.

Entre os anos 2004 a 2009 deseñamos e desenvolvemos para a Obra Social de Caixa Galicia estes dous proxectos de Educación Ambiental e fomento da participación na reforestación de áreas degradadas. Ata o momento participaron máis de 5.000

Ambos os dous proxectos contan con abundante material de apoio: fichas de bioloxía, unidades didácticas, e mesmo receitarios.


Programa de Educación Ambiental do Concello da Coruña Miles de escolares coruñeses aprenden cos nosos educadores a ser ambientalmente responsables. Cada curso escolar, e desde o ano 2002, desenvolvemos para o Concello da Coruña os sete bloques do seu Programa de Educación Ambiental:

* Axenda 21 Escolar * O aire que nos rodea * A ruta da auga na nosa cidade * Os residuos sólidos urbanos na Coruña * Visitas guiadas á Planta de Residuos Urbanos de Nostián * A enerxía que move a túa cidade * Vexo, vexo O programa consiste na organización de visitas guiadas de grupos organizados de alumnos/as a diferentes instalacións e espazos verdes municipais, obradoiros realizados nos centros educativos e edición de materiais de apoio para o alumnado e profesorado. Desde a súa posta en marcha participaron máis de 30.000 escolares desta cidade.

Visitas guiadas á planta de residuos de SOGAMA en Cerceda - SOGAMA, S.A. Guiamos as visitas ao destino final dos residuos de Galicia para concienciar os cidadáns e cidadás do seu papel á hora de reducir, reutilizar e reciclar.

Cerceda (A Coruña).

Desde 2007 somos responsables da organización e desenvolvemento das visitas de grupos organizados ás instalacións de xestión de residuos da Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (SOGAMA) en

Durante este tempo coordinamos as visitas de máis de 6.500 participantes de moi diferente composición, desde escolares a amas de casa, e desde universitarios a técnicos municipais ou empresas do sector. Froito deste programa é un crecente compromiso da cidadanía galega na separación dos seus residuos desde o fogar.


O noso equipo de interpretación do patrimonio desenvolve proxectos e programas de comunicación de bens naturais e culturais, destinados a todo tipo de visitantes. O principal esforzo está dirixido a crear mensaxes capaces de lograr unha conexión intelectual e emotiva de cada persoa co espazo visitado. Deste xeito a interpretación cumpre a súa estratéxica función, necesaria para a axeitada xestión dos lugares destinados a ser á vez desfrutados e conservados. Desde 1999 abordamos moi diferentes proxectos de interpretación do patrimonio. Estes son algúns dos máis representativos.


Rutas guiadas pola Serra do Courel, o Parque Natural das Fragas do Eume e a lagoa de Baldaio Acompañamos os visitantes dalgúns dos espazos naturais máis emblemáticos de Galicia. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia encárganos desde 1999 o deseño e a organización de rutas guiadas por estes espazos naturais. O noso equipo de intérpretes ambientais acompaña así os máis diferentes colectivos de cidadás e cidadáns durante os seus percorridos por algúns dos bosques, zonas húmidas e montañas de maior interese de Galicia, adaptando as súas explicacións á formación, experiencia ou idades de cada un deles.

Programa para maiores “A fotografía é o máis natural” - Obra Social Caixa Galicia Grazas a este programa, os maiores de Galicia poden á vez descubrir os nosos parques naturais e aprender a facer fotografías dixitais. En 2007 e 2008 máis de 500 persoas maiores, organizadas desde os centros de maiores da Obra Social de Caixa Galicia, visitaron con nós algúns dos máis valiosos espazos naturais da nosa comunidade. As dunas de Corrubedo, o Monte Aloia, o cabo de Estaca de Bares ou as Fragas do Eume foron algúns dos lugares visitados e fotografados. Porque durante as excursións os participantes aprenderon a facer fotografía dixital. Coas instantáneas obtidas organizáronse despois dúas exposicións itinerantes que percorreron as principais cidades galegas.

Visitas guiadas ao castro de Elviña - Concello da Coruña Todas as semanas percorremos con diferentes grupos un xacemento arqueolóxico cheo de historia e de historias. En 2008 o Concello da Coruña encárganos a xestión das visitas guiadas a un dos máis importantes xacementos arqueolóxicos do norte de Galicia: o castro de Elviña. Máis de 5.000 persoas pasearon con nós por entre as murallas deste espazo, coñecendo de primeira man tanto a vida cotiá dos que o habitaron como as diferentes técnicas que permiten reconstruír ese pasado.


Interpretación do castro de Troña - Concello de Ponteareas Interpretación do castro de Troña Concello de Ponteareas O xacemento arqueolóxico do castro de Troña é un dos máis importantes e populares do sur de Galicia, escenario ademais dunha concorrida romaría anual. No ano 2000 o Concello de Ponteareas ponse en contacto con nós para encargarnos un proxecto de interpretación e instalación de mobiliario integrado para os/as visitantes, co obxecto de facelos partícipes da conservación do lugar. Deséñanse varios paneis, ordénase o uso público e créase unha pequena exposición sobre as escavacións aquí desenvolvidas. Posteriormente, en 2007 actualízase e amplíase esta actuación.

Xestión da Aula da Natureza do Courel Interpretación do castro de Troña Concello de Ponteareas Atención aos visitantes no portal de entrada a un dos bosques máis fermosos de Galicia. Entre os anos 2004 e 2007 encargámonos da xestión e atención aos visitantes da Aula da Natureza do Courel, por pedimento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. A aula está situada na entrada da devesa da Rogueira, un dos bosques máis fermosos e ricos en flora de Galicia. Durante eses anos atendemos máis de 6.000 persoas. Posteriormente a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible encargounos o deseño de rutas e a atención dos grupos organizados que visitan este espazo natural.


A nosa empresa proxecta e crea dotacións para museos e salas de museo, destinadas á difusión e conservación do patrimonio común. Aborda este labor desde unha visión global que vai desde o concepto ata a execución final, e que así integra cada un dos procesos de documentación, ordenación de espazos físicos, creación, comunicación e instalación. Estes son algúns dos nosos proxectos máis representativos desde 1999.


Sala de Prensa e Imprenta do Museo do Pobo Galego A historia de como nos contamos as cousas, no museo de todos. O Museo do Pobo Galego sen dúbida é un dos máis importantes de Galicia. Xestionado por un padroado integrado por boa parte das institucións culturais da comunidade, o seu obxecto é “investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e, concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos”. Cando nos fixemos cargo do deseño e instalación da súa Sala de Prensa e Imprenta eramos moi conscientes da responsabilidade asumida. O noso traballo consistiu tanto en elaborar o proxecto expositivo previo como na instalación definitiva das pezas e os diferentes módulos. O resultado é unha completa e intensa mirada cara ao pasado destes oficios en Galicia.

A Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade O 27 de xuño de 2009 a Torre de Hércules, un dos monumentos máis importantes de Galicia e o faro máis antigo do mundo en funcionamento, foi declarada pola UNESCO “Patrimonio da Humanidade”. O edificio e o seu ámbito adquiren desta forma unha nova función: a de converterse en exemplo de xestión dos bens comúns, tanto para os que os gozan cada día coma para os que o fan durante o seu tempo de ocio, ou aqueles que a recibirán no futuro como herdanza. Os baixos do monumento foron obxecto de escavacións arqueolóxicas de grande interese. A súa visita é fundamental para coñecer de primeira man as súas orixes romanas do faro e a súa evolución ao longo das idades media, moderna e ontemporánea. O Concello de A Coruña, no marco do seu intenso labor de conservación e promoción da Torre de Hércules, encargounos, en colaboración co Museo Histórico e Arqueolóxico de A Coruña e a empresa Past S.L., a musealización e interpretación dese depósito, así como o deseño e realización dunha colección de folletos despregables para os visitantes en seis idiomas, e a realización dun video promocional para a feria internacional de turismo FITUR.


Centro de Interpretación da Natureza do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra A Galicia máis mediterránea recibe aquí os seus visitantes para contarlles historias moi naturais. O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é un dos máis fermosos e á vez menos coñecidos de Galicia. Un lugar de ambientes mediterráneos e altos farallóns calcarios sobre o río Sil. Co fin de darlle a coñecer ao público visitante os valores que aquí se preservan, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia encargounos a exposición permanente do seu Centro de Interpretación da Natureza. Adecuouse a sala, instaláronse paneis, dioramas, vitrinas e modelados, e realizouse un audiovisual.

Museo do Campo - Concello de Frades Unha extraordinaria colección de pezas da Galicia rural para recordar un pasado non tan remoto. Este é un dos máis recentes museos etnográficos de Galicia, destinado a albergar unha colección de apeiros cotiáns que nos falan do pasado do mundo rural galego. Son os seus protagonistas os traballos do campo e o fogar, estreitamente vinculados aos ciclos da natureza, e sobre todo os homes e mulleres que co seu esforzo fixeron posible a superación dunhas duras condicións de vida. O Concello de Frades confiou en nós para a adecuación das salas do museo, a distribución das pezas ou o deseño e instalación da información. O resultado é un apaixonante paseo por un tempo non tan afastado.

Aula Forestal de Areas, en Tui O edificio que acolleu os inicios da moderna xestión forestal en Galicia convértese nun museo sobre o uso sustentable dos nosos bosques. A empresa TRAGSATEC, por encarga da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, puxo nas nosas mans o deseño dos contidos deste museo, a execución dos seus diferentes módulos e a súa instalación definitiva. O espazo a utilizar era unha bonita casona de principios do século XX, situada no Viveiro Forestal de Areas, no concello de Tui (Pontevedra). Parte das seis amplas salas deste museo están dedicadas á memoria do enxeñeiro forestal Rafael Areses, fundador deste viveiro. Aquí consérvanse, entre outros, o despacho de quen foi o principal modernizador da xestión do monte galego, así como as súas coleccións de sementes. Outros espazos están destinados a unha exposición acerca da xestión forestal sustentable e, en xeral, á divulgación dos valores do bosque.


As exposicións deseñadas polo noso equipo de profesionais son tanto itinerantes como temporais. O seu obxectivo é instruír, informar, evocar ou entreter, segundo o tema de que son obxecto e o público ao que están destinadas. O noso traballo é deseñar e desenvolver un produto adaptado ás necesidades específicas de cada caso concreto. Encargámonos de todo: desde a definición inicial á execución, a xestión das itinerancias ou a organización e atención de visitas. Estas son algunhas das máis representativas desde 1999


Exposición “Fauna alada de Galicia” Realizada para a Obra Social de Caixa Galicia, con esta exposición promóvese o coñecemento e interese pola fauna silvestre galega a través dun percorrido por 30 fotografías. As aves, insectos e morcegos que habitan na nosa Comunidade son os protagonistas desta mostra itinerante, que inclúe varios

paneis sobre a súa bioloxía e conservación. Ademais, a exposición complétase coa realización de visitas guiadas e obradoiros para os máis pequenos, co obxectivo principal de facelos reflexionar sobre a necesidade de coñecer e preservar tanto os animais silvestres do noso ámbito coma os medios naturais onde habitan.

Áreas Mariñas Protexidas Urxe protexer áreas de mar para conservar os seus recursos naturais e pesqueiros: esta é a clave dunha exposición que navega por toda Galicia. O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, Caixa Catalunya e a cadea de supermercados Haley, encomendounos a realización dunha completa exposición destinada a divulgar nas poboacións litorais de Galicia a importancia das reservas mariñas para a conservación dos recursos e a biodiversidade do mar. O Grupo de Recursos Mariños e Pesqueiras da Universidade da Coruña asesorounos nos contidos, que se desenvolveron nun conxunto de paneis, módulos interactivos, audiovisuais e xogos de ordenador. A mostra inaugurouse a bordo dun galeón que durante 2007 percorreu a costa galega.

A Galicia máis natural Unha exposición para descubrir a sorprendente diversidade da nosa natureza. A Deputación da Coruña encargounos o deseño e a realización desta mostra itinerante sobre a natureza galega. O seu obxecto era dispoñer dun material fisicamente versátil, que puidese ser instalado en todo tipo de espazos interiores. Para tal fin, creamos un conxunto de paneis en lona, con abundante información acerca da flora e a fauna máis características das diferentes paisaxes de Galicia. A mostra completábase con varios módulos interactivos.


O valor da árbore, o valor do bosque Unha exposición para que os máis novos comprendan a importancia de xestionar axeitadamente os nosos bosques. Esta exposición é unha encarga de TRAGSATEC para a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. O seu obxecto é dispoñer dun material acerca da xestión sustentable das masas forestais galegas, destinado aos centros educativos de Galicia. Elaboramos os contidos e a mascota da mostra, e deseñamos diferentes paneis sobre soporte de lona, así como un completo kit educativo con abundante material para ser utilizado na aula.

Cúpula-Miradoiro do Monte de San Pedro Claves para interpretar unha das paisaxes máis sobresaíntes do norte de Galicia. O Concello da Coruña confiounos en 2007 unha exposición temporal destinada á inauguración da cúpula-miradoiro do Monte de San Pedro, desde onde se contempla unha das vistas máis espectaculares da cidade e do golfo Ártabro. Debiamos deseñar uns contidos e módulos que non interferisen coa panorámica da que se goza desde o amplo espazo desta cúpula e, ao mesmo tempo, lles brindasen aos visitantes a información necesaria para interpretar por si mesmos a paisaxe. Para iso instalamos diferentes módulos retroiluminados e paneis.


A sinalización interpretativa e direccional son dúas das estratexias máis eficaces para a posta en valor e o aproveitamento turístico e cultural dos espazos abertos. O noso equipo define, deseña, imprime e instala todo tipo de sinais perfectamente integrados no contorno ao cal están destinados: paneis de inicio e de ruta, mesas e atrís, monólitos, báculos, marcos, etc. Desde 1999 sinalizamos decenas de rutas, espazos naturais e lugares de interese patrimonial. Estes son algúns exemplos representativos.


Sinalización da lagoa, dunas e praia de Traba O conxunto formado pola lagoa, as dunas e a ampla praia de Traba (Laxe, A Coruña) é un dos espazos naturais máis emblemáticos e mellor conservados da Costa dá Morte. O conxunto formado pola lagoa, as dunas e a ampla praia de Traba (Laxe, A Coruña) é un dos espazos naturais máis emblemáticos e mellor conservados da Costa dá Morte. Forma parte da Rede Natura 2000 tanto como parte do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) “Costa da Morte” como da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Costa da Morte Norte”. O Ministerio de Medio, e Medio Rural e Mariño, a través da Demarcación de Costas de Galicia, desenvolveu este ano unha actuación de recuperación ambiental que incluíu, entre outras accións, a instalación de varias pasarelas e a demolición de edificios e naves que ocupaban o espazo público marítimo-terrestre. Como parte deste labor, Terranova Interpretación y Gestión Ambiental S.L. deseñou e produciu un conxunto de paneis interpretativos que presentan ao visitante os procesos ecolóxicos que teñen lugar neste espazo, así como as especies de flora e fauna máis características de cantas aquí habitan. Tamén asesorou na construción de dous observatorios de aves.

Sinalización turística da Serra do Courel e contorno Máis de 150 paneis, quioscos e sinais ao longo de multitude de rutas por unha das serras máis fermosas de Galicia. A serra do Courel é un dos conxuntos paisaxísticos e etnográficos de maior interese da montaña galega, e un dos destinos turísticos con maior potencial do interior desta comunidade. Son multitude os elementos creados aquí pola natureza ou o home que precisaban dunha aproximación interpretativa para ser apreciados polos visitantes en toda a súa magnitude: ferrarías, batáns, bosques, ríos, cumios, unha arquitectura moi ben conservada... Esta completa sinalización foi unha encarga da Asociación Comarcal Río Lor, integrada polos concellos lugueses de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Samos, Bóveda e O Incio. Financiada con fondos do Plan Leader da Unión Europea, consistiu no deseño e instalación de máis de 150 sinais. Entre eles, paneis e mesas interpretativos, sinais e marcos de ruta, quioscos informativos nos centros dos núcleos urbanos, etc.


Sinalización do Paseo Fluvial e Marítimo de Cereixo A revelación de como a natureza, o urbanismo e a historia se poden conxugar para crear un espazo case único. O Concello de Vimianzo, a través dos fondos da Fundación Arao, encargounos a sinalización interpretativa dun dos conxuntos arquitectónicos máis singulares da Costa da Morte: o núcleo de Cereixo, en Ponte do Porto. Concéntranse aquí, nun espazo relativamente pequeno ás beiras da ría de Camariñas, diferentes edificios de pedra que inclúen desde un impoñente pazo ou unha capela románica a un muíño de marea. A nosa función foi crear diferentes paneis e mesas interpretativas que conxugasen información acerca dos valores naturais, arquitectónicos e paisaxísticos deste lugar, xerando así para os visitantes unha percepción integral da calidade ambiental deste espazo.

Sinalización do Monumento Natural e LIC Costa de Dexo Paneis que saen ao paso para descubrirlles aos visitantes a flora e a fauna de todo un monumento natural. A Costa de Dexo, no coruñés concello de Oleiros, é un amplo espazo litoral caracterizado pola presenza de illas, illotes e altos acantilados, fogar dunha variada e interesante avifauna mariña: corvos mariños, gaivotas, paíños... Foi declarada Monumento Natural pola Xunta de Galicia e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) pola Unión Europea. Por encarga de TRAGSA deseñamos e instalamos para o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Oleiros unha serie de paneis cuxo fin é interpretar os valores naturais deste conxunto. Os paneis sitúanse ao longo dunha ruta que discorre polos lugares máis interesantes desta costa.

Sinalización do paseo marítimo da Coruña Mensaxes da natureza e da historia xunto ao mar. O da Coruña é un dos paseos marítimos de maior lonxitude de España. Percorre preto de 15 quilómetros de variada costa que inclúen amplos areais como as praias de Riazor e Orzán, espazos tan singulares como o contorno da Torre de Hércules e multitude de recantos cargados de historia local e natural. O concello da cidade precisaba dunha sinalización que dese a coñecer estes valores. Deseñamos e instalamos máis de 30 sinais que incluían, ademais, consellos para gozar da praia no verán de forma respectuosa co medio e información acerca da Bandeira Azul.


Libros, guías, carteis, trípticos, despregables, catálogos, contos... O noso equipo de comunicación concibe, redacta, ilustra e maqueta os contidos de todo tipo de publicacións destinadas á divulgación e interpretación do patrimonio natural e cultural ou o turismo. Os nosos clientes só teñen que expresarnos as súas necesidades. Nós encargámonos de todo o demais, incluídas a impresión e a entrega en man. Estes son algúns exemplos:


Guía do Monumento Natural de Dexo – Serantes 76 páxinas a toda cor sobre o Monumento Natural de Dexo - Serantes. A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, o Concello de Oleiros, TRAGSA e o Centro de extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) encargáronnos a realización desta guía destinada aos visitantes de do Monumento Natural de Dexo - Serantes. Este é un dos tramos de costa máis espectaculares da bisbarra coruñesa de Ás Mariñas. Dende os seus altos acantilados, fogar dunha nutrida poboación de aves mariñas, contémplase unha ampla panorámica do golfo Ártabro. Son varias as rutas que permiten percorrer os diferentes ambientes desta espazo natural. Esta publicación é a mellor compañía para o paseo. Recolle abundante información non só acerca da flora e a fauna, senón tamén sobre os castros ou as baterías militares que antano ocupaban varios promontorios, o mundo da pesca, os faros... Todo eles ilustrado con abundantes ilustracións, fotografías e mapas.

A natureza na Coruña Para pasear lendo cos máis pequenos. Esta publicación de 40 páxinas para o Concello da Coruña está concibida como un contoguía para as familias con nenos pequenos. Propóñense varias rutas moi sinxelas por algúns dos espazos verdes da cidade, e invítase os lectores a descubrir paso a paso a flora e fauna que alí vive.fotografías e mapas.

Guía turística do Val do Dubra Todo canto necesita saber o turista neste concello. O Concello de Val do Dubra encargounos a documentación, a redacción e o deseño desta completa guía de servizos turísticos deste municipio coruñés. Inclúe capítulos dedicados ao patrimonio arquitectónico e natural, os oficios artesáns, ritos e lendas ou equipamentos públicos, entre outros.


A Reserva Mariña dos Miñarzos Información sobre o mellor exemplo de pesca sustentable. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura confiounos a realización dos textos e ilustracións, así como a maquetación, desta colección de material gráfico destinado á promoción da primeira reserva mariña de Galicia, Os Miñarzos. Deseñamos despregables, carteis e adhesivos. Situada fronte ao porto de Lira, en Carnota (A Coruña), esta reserva é todo un exemplo de xestión sustentable dos recursos do mar.

A vida salvaxe na area Para protexer entre todos a natureza da costa. A Demarcación de Costas de Galicia (Ministerio de Medio Ambiente) repartiu os anos 2007 e 2008 en varias praias coruñesas miles de exemplares destes folletos informativos. O seu obxecto é darlles a coñecer aos visitantes dos areais salvaxes a importancia destes lugares para unhas variadas flora e fauna, así como brindar consellos para un comportamento sustentable que harmonice o desfrute do baño coa conservación da natureza.

Unha Historia Xeolóxica de 500 millóns de Anos Cando a paisaxe nos fala dun remoto pasado. A Asociación Río Lor, integrada polos concellos lugueses de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Samos, Bóveda e O Incio, encargounos a redacción, ilustracións e maquetación desta publicación divulgativa de 80 páxinas. Nela interprétanse diversos fenómenos xeolóxicos doadamente visibles para os visitantes da serra do Courel, como o espectacular pregamento de Campodola ou o val glaciar da Seara.


O Parque Natural das Fragas do Eume A mellor guía sobre un dos bosques máis importantes de Galicia. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible puxo nas nosas mans a realización desta guía, na que, ao longo de 70 páxinas, se destacan os principais valores naturais e culturais do Parque Natural das Fragas do Eume. Inclúe un gran mapa despregable do espazo, con abundante información para a visita.

Guía das aves do encoro de Abegondo-Cecebre Unha completa información sobre as aves deste espazo natural. O encoro de Abegondo-Cecebre creouse na década dos anos 70 do pasado século para abastecer de auga os municipios da Coruña e o seu contorno. Pouco despois converteuse nun extraordinario espazo natural, tal e como recoñeceu a Unión Europea ao declaralo Lugar de Importancia Comunitaria. Entre os seus valores destacan as poboacións de aves silvestres que o converten no seu fogar ao longo do ano. Esta completa guía, realizada para o Concello de Abegondo, ofrécelle ao visitante as claves para identificar e coñecer os costumes da grande maioría delas.


Esta é unha das ferramentas de comunicación máis eficaces para a sensibilización ambiental. En Terranova, S.L. encargámonos de todos os detalles: imaxe, coordinación xeral, formación e xestión do persoal, materiais de apoio... Deste xeito asegúrase o éxito e a eficacia destas accións. Estes son algúns exemplos representativos.


Semana da mobilidade en A Coruña -2009 O Concello de A Coruña encargounos a organización da Semana da Mobilidade. O Concello de A Coruña encargounos a organización da Semana da Mobilidade. Entre os días 18 e 22 de setembro mantivemos aberta ao pé do céntrico Obelisco unha carpa informativa con abundante información destinada ao fomento do transporte sostible na cidade. Numerosos veciños visitaron este espazo, interesándose, por exemplo, polos novos autobuses da flota de Tranvías de La Coruña, S.A., caracterizados polo seu doado acceso para persoas con mobilidade limitada, os diferentes vehículos híbridos e eléctricos, ou o plan de aluguer de bicicletas “BiciCoruña”.

Día do Medio Ambiente - Concello da Coruña A grande festa do medio ambiente na Coruña. O Concello da Coruña encargounos durante varios anos consecutivos a celebración do Día do Medio Ambiente. O acto central ten lugar na praza de María Pita, fronte ao edificio do concello. Alí teñen lugar diferentes actividades educativas destinadas a grupos escolares, cos que o alcalde da cidade comparte unha xornada destinada a reflexionar sobre a responsabilidade de cada un de nós na construción dun mundo máis limpo. Encargámonos da organización, creación de materiais de apoio e realización das actividades.

Plantacións de árbores no marco da “Operación Carballo” Como plantar todo un bosque en poucas horas. A Obra Social de Caixa Galicia encargounos en 2008 a coordinación integral de dúas plantacións de carballos celebradas en Ribeira (A Coruña) e Vigo (Pontevedra). Os principais protagonistas foron os miles de escolares que previamente participaran no programa educativo “Operación Carballo”.


Campañas sobre reciclaxe de vidro e embalaxes Para aprender a consumir mellor. A empresa de márketing e publicidade Ketchum 6 puxo nas nosas mans as campañas galegas de reciclaxe de vidro e embalaxes promovidas polas entidades ECOVIDRIO e ECOEMBES. Fomos os encargados, durante varios meses, de atender as visitas de grupos organizados a un autobús ecolóxico dotado de toda a información necesaria para aprender a reciclar estes materiais, ou de informar os cidadáns e cidadás nas principais rúas comerciais de Galicia.

Semana da Mobilidade na Coruña Por un transporte sustentable. A Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. confiounos en 2007 a conversión dun autobús urbano e un tranvía en centros de información acerca das vantaxes do transporte público. Ambos os dous vehículos foron cubertos de grandes adhesivos con abundante información ao respecto. Esta campaña, que se enmarca na Semana da Mobilidade promovida pola Unión Europea, realizouse en colaboración co Concello da Coruña, e incluíu a realización de numerosas actividades en centros escolares e centros cívicos.


O noso equipo de biólogos desenvolve diferentes proxectos destinados a unha xestión eficaz dos espazos naturais, a flora e a fauna: redacción de plans e informes, seguimento de especies, proxectos técnicos... Tamén deseña e desenvolve proxectos de restauración ambiental de zonas degradadas. Estes son algúns exemplos representativos.


Colaboramos no primeiro inventario de Áreas Importantes para as Aves en España, de SEO/BirdLife, cofinanciado pola UE e o Ministerio de Medio, Rural e Mariño. Colaboramos no primeiro inventario de Áreas Importantes para as Aves en España, de SEO/BirdLife, cofinanciado pola UE e o Ministerio de Medio, Rural e Mariño. A Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/ BirdLife presentou a finais de 2009 o “Inventario de Áreas Importantes para as aves en España”, froito dun proxecto LIFE da UE cofinanciado polo Ministerio de Medio, Rural e Mariño. Terranova Interpretación e Xestión Ambiental S.L. colaborou achegando informes e diversos datos, que contribuíron a identificar a importancia ornitolóxica de diversos tramos da plataforma continental galega.

Recuperación ambiental das brañas de Valga - Concello de Mesía A natureza regresa a unha antiga explotación de barro destinada á produción de ladrillos e cerámica. O edificio que alberga o Museo Etnográfico y el Aula de Naturaleza de las brañas de Valga enmárcase nun ámbito natural protagonizado por unha ampla lagoa. Por encarga do Concello de Mesía, acondicionamos este ámbito con pasamáns, áreas de descanso, pasarelas e un firme axeitado para o paseo. A lagoa e o museo ocupan unha superficie total de aproximadamente 18.100 m2. Deles, 4.060 m2 corresponden a zona de beira, onde o traballo consistiu en suavizar as pendentes e plantar vexetación acuática autóctona, co fin de brindarlles un fogar a diferentes especies silvestres de fauna. Anfibios, parrulos, garzas ou mergullóns convertéronse de inmediato nos “okupas” deste lugar, para desfrute dos seus visitantes.


Seguimento das poboacións de aves do Parque Natural das dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán Un intenso labor que permitiu descubrir que este espazo é aínda máis importante para as aves do que xa se supoñía. O noso labor neste parque natural, por encarga da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de la Xunta de Galicia, consiste na realización de censos semanais das súas en torno a 190 especies de aves reprodutoras, migradoras e invernantes. Froito deste traballo foi o descubrimento da cría aquí da poliña pinta, da tartaraña das xunqueiras ou da garza vermella. Esta última non fora citada nunca antes como reprodutora en Galicia.

Seguimento do paso de aves mariñas fronte a Estaca de Bares O estudo dun dos espectáculos da natureza máis impresionantes de Galicia: a migración das aves mariñas. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de la Xunta de Galicia encárganos a realización de censos decenais do paso de aves mariñas fronte ao cabo de Estaca de Bares (Mañón, A Coruña), un dos máis importantes do Atlántico oriental para estudar as migracións destes animais. Este labor complétase cun intenso traballo voluntario. Ao longo de 2008 contamos aquí máis de 280.000 exemplares de decenas de especies. As cifras obtidas para algunhas delas equivalen a unha porcentaxe moi elevada da súa poboación global, o que dá idea da importancia ornitolóxica da plataforma continental galega como corredor migratorio ornitolóxico.

Instalación de caixas-niño nos parques e xardíns de A Coruña A Área de Infraestruturas do Concello de A Coruña encargounos a instalación de 150 caixas-niño en oito parques e xardíns da cidade. Ferreiriños negros, azuis e reais son as aves que con maior probabilidade farán uso destas caixas-niño. Protexidas pola lei, estas tres especies son moi frecuentes no ámbito desta cidade, pero non tanto nas zonas axardinadas, onde carecen de ocos naturais nos que instalar o seu niño. Os niños están deseñados de tal forma que, debido á estreiteza dos orificios de entrada, non poidan ser utilizados por estorniños ou pombas. Cada unha destas caixas serán controladas periodicamente por un equipo de biólogos co fin de coñecer cantas delas cumpriron a súa función, é dicir, foron utilizadas polas aves. Unha vez rematada a tempada de cría, serán limpadas co fin de deixalas en perfecto estado para a seguinte tempada.


En ocasións non é doado gozar da proximidade da natureza. Nos núcleos urbanos máis densamente poboados é a miúdo difícil integrar espazos para a biodiversidade. Unha opción é crear instalacións zoolóxicas abertas ou pechadas, fogar de diferentes especies de fauna. O noso equipo encárgase do seu deseño, instalación e posterior mantemento. Estes son algúns exemplos representativos.


Paxareira do parque de San Diego - A Coruña Un ámbito para gozar das aves nun ámbito urbano que precisaba de espazos verdes. O parque de San Diego é un dos máis recentes da cidade da Coruña. Esténdese entre o denso barrio dos Castros e as instalacións industriais do porto da Coruña. O ano 2000 o Concello desta cidade e a empresa Dragados y Construcciones, S.A. encárgannos o proxecto técnico para crear aquí unha paxareira de grandes dimensións destinada a albergar diferentes especies de aves. En 2001 remata a obra, e encárgasenos a súa xestión e mantemento. Desde entón este recanto é un dos máis visitados polos veciños do contorno, sobre todo as familias con nenos.

Lagoa naturalizada de Eirís - A Coruña A orixe artificial do que se converteu no mellor fogar para moitas aves acuáticas salvaxes. O Concello da Coruña confiounos en 2002 a redacción do proxecto técnico para a creación dun estanque naturalizado no parque de Eirís. O seu fin era converter un amplo espazo de 1.420 m2 nunha lagoa capaz de atraer abundante fauna silvestre, co fin de brindarlle á cidadanía un novo ámbito para gozar da biodiversidade. Un ano despois o estanque era xa unha realidade, e encargábasenos a súa xestión e mantemento. No inverno chega a albergar máis de 100 patos salvaxes. Son centos os veciños de todas as idades que cada día se achegan ata a lagoa para observar tanto os patos como as garzas e as outras aves que converteron este lugar no seu fogar. En paralelo, o espazo aprovéitase como escenario para realizar algunhas das actividades do programa de educación ambiental do Concello da Coruña.


Prueba  

una prueba