Page 1

CARTAFOL DE LECTURAS

NARRATIVA                          

Aneiros, R. Resistencia Blanco Amor, E. A Esmorga Casares, C. Vento ferido Dostoievski, F. Crime e castigo Fernández Ferreiro, X. Agosto 36 Fernández Paz, A. Noite de voraces sombras Ferrín, X.L. O crepúsculo e as formigas Hesse, H. Siddartha Lourenzo González, M. O xardín das pedras flotantes Novo, I. Un escuro rumor tralo silencio Orwell, G. A revolta dos animais (N) Paasilinna, A. O bosque dos raposos aforcados Raña, R. O crime da rúa da moeda vella Reimóndez, M. O club da calceta Rivas, M. O lapis do carpinteiro Riveiro Coello, A. As rulas de Bakunin (N) Sende, S. Made in Galiza Schmith, E. O señor Ibrahim e as flores do Corán (N) Stein, G. Tres vidas Süskind, P. O perfume Tolkien, J.R.R. O señor dos aneis I, II, III Toro, S. Polaroid Vázquez Freire, Anxos en tempo de chuvia Vila Sexto, C. Gárgola Villar, D. Ollos de auga Wolf, V. As ondas


POESÍA      

Alonso, F. Poetízate Castaño, Y. O libro da egoísta (N) Castro, R. Follas Novas Pereiro, L. Poesía última de amor e enfermidade Reimóndez, M. Moda galega (N) Torres, X. Poesía reunida

TEATRO      

Cunqueiro,A. O incerto señor don Hamlet príncipe de Dinamarca Shakespeare, W. Macbeth Shakespeare, W. O rei Lear Núñez Singala, M. Comedia Bífida (N) Pazó, C. A piragua (N) Ruibal, R.Limpeza de sangue (N)

BANDA DESEÑADA   

Hernández Cava, f. e Seguí, B. As serpes cegas (N) Prat, H. Corto Maltés. Balada do mar salgado (N) Spiegelman, A. Maus

ENSAIO    

Costas, X.H. 55 mentiras sobre a lingua galega Neira Cruz, X. Así viviu Rosalía Núñez Singala, M. En galego, por que non? Moure, T. A palabra das fillas de Eva


ANEIROS, ROSA

Resistencia é unha novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer, fermosa e memorable. - toda unha singradura a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio. Para os protagonistas, militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia. Dinís, un obreiro da fábrica de vidro Irmâos Stephen, e Filipa, filla dun rico comerciante de Coímbra, namoraron perdidamente sen calibrar as consecuencias. O Pinhal do Rei, no oeste portugués, converteuse no testemuño da vida. Pero ninguén pode escapar ós designios do tempo e a vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis. ALONSO, FRAN

Poetízate A POESÍA non morde. E, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, romanticona nin difícil. Esta divertida antoloxía poética demostra o contrario. De Rosalía de Castro ás poetas novas, propoñémosche unha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega. Poetízate é un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía Este é un libro para sentir, gozar e intuír a poesía. O corpus de «Poetízate» percorre toda a poesía galega desde Rosalía de Castro até a actualidade e consta de arredor de 200 poemas seleccionados de perto de 80 autoras e autores.

BLANCO AMOR, E.

A Esmorga A esmorga é a novela máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal.

CASARES, C.


Vento ferido Este é o primeiro libro de Carlos Casares, que desde a súa aparición en 1967, cando o seu autor era estudiante na universidade de Compostela, se convirtiu nunha das obras máis veces editadas da chamada "nova narrativa" galega. Nel están, como unha apretada síntese, os valores de Carlos Casares que iría desenvolvendo posteriormente ao longo dos anos. É, pois, un libro fundamental no conxunto da narrativa deste escritor.

CASTAÑO, YOLANDA

O libro da egoísta

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) é unha das autoras que personifica a renovación da poesía galega dos últimos anos. 'O libro da egoísta' marca un cambio de rumbo na súa traxectoria: proposta radical, desde a que se reformula a voz da muller coma suxeito múltiple, mesmo contradictorio. Un eu auténtico, implacable, que profunda dentro de si con autocrítica, mordacidade e desespero, coa violencia da nudez máis esgazante.

COSTAS, X.H.

55 mentiras Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

CUNQUEIRO, A.


Don Hamlet Unha reflexión seria e fonda sobre o mito hamletiano, algunhas escuridades do cal ilumina nesta obra Álvaro Cunqueiro. O Usurpador convertido no verdadeiro pai do Príncipe, que non vinga a ninguén, senón que elimina ó rival que se interpón entre él e a súa nai. Unha fermosa peza teatral que recrea brillantemente o vello problema de Edipo

DOSTOIEVSKI, F.

Crime e castigo Considerado un dos fundadores da novela moderna, Fiódor Dostoievski é coñecido como creador de personaxes inesquecibles, nos que se encarna a loita do ser humano en busca do sentido da existencia. Unha das súas obras fundamentais é ''Crime e castigo'': terrible e fascinante pregunta sobre o ben o mal, sobre os límites do individuo. Nun escenario urbano de ruelas sombrizas, pensións desoladas e figuras fantasmagóricas, dominado pola presencia subxugante do protagonista Raskólnikov, esta intensa e absorvente novela mergulla o lector nunha personalidade criminal, obsesiva e atormentada polo remordemento.

FERNÁNDEZ FERREIRO, X.

Agosto do 36, baseada nun feito real sucedido nunha aldea ourensá, é a crónica dun "paseo" levado a cabo por catro falanxistas nos primeiros días da guerra civil.

FERNÁNDEZ PAZ, A.


Noite de voraces sombras Sara, unha moza de dezaseis anos, narra os acontecementos que durante unhas vacacións na casa da avoa lle axudarán a enfrontar a vida dun xeito distinto. No cuarto que ocupa sentirá o desacougo dunha presencia fantasmal. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apretada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra. Unha emocionante novela sobre a memoria de tantos soños rotos pola guerra, polo exilio e pola distancia.

FERRÍN, X.L.

O crepúsculo e as formigas "É un intre do crepúsculo. Agora é cando morre a lus e os perfiles das cousas deixan de ser concretos. Achego a maiña cara á fiestra, oas vidrios da fiestra, e vexo a rúa longa, ateigada de xente informe, coma un carreiro de formigas que fervera estreitamente, escuramente. Os homes son coma formigas, na vial sen nome." HERNÁNDEZ CAVA, F. e SEGUÍ, B.

As serpes cegas A Ben Koch búscao un home estraño que viste de vermello, mais el aínda non o sabe porque ten a cabeza noutro lado. O propio Ben anda á súa vez na procura de alguén. Estamos en Nova York en 1939, a Guerra Civil está rematando e antes da tormenta mundial que se aproxima, algunhas contas deben ser saldadas. Esta serie publícase na revista BD Banda, nova época.


HESSE, H.

Siddhartha fillo dunha famila nobre da casta dos brahmáns, distínguese dos mozos da súa idade pola súa intelixencia e sensibilidade. Pero os consellos dos maiores e as receitas da tradición do seu pobo non o satisfán. Incapaz de atopar acougo para súa alma na sociedade convencional, únese, xunto co se amigo Govinda, a un grupo de ascetas que viven no bosque. Esta decisión cambia radicalmente a súa vida e inicia un longo e aventurado proceso de aprendizaxe. Siddhartha é un intenso canto ó camiño individual cara á felicidade. Escrita cunha linguaxe poética e expresiva, preséntasenos unha novela excepcional que fala da busca, do amor, da morte, da redención: do incomprensible rumbo da vida dos seres humanos.

LOURENZO GONZÁLEZ, M.

O xardín das pedras flotantes é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel, marcado por unha historia xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade. Unha historia fermosa gobernada por unha gran imaxinación e ateigada de riquísimas crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo.

MOURE, T. Un texto radical, un conxunto de argumentos críticos sobre o adestramento que a linguaxe exerce nas nosas mentes e que pretende desenmascarar as forzas sociais que, coma a escola e os seus modelos de corrección ortográfica, nos condicionan. Un contra-ensaio que demanda atención para os movementos de pensamento libertario, coma o feminismo, tantas veces reducidos a tópicos. Escrito contra a linguaxe establecida e convencional, é un ensaio sobre a muller e a linguaxe. A súa autora xoga a desafiar o xénero esquecendo as fórmulas do discurso académico para elaborar un relato poliédrico no que, mentres expón as súas ideas, vai intercalando contos: renovar a linguaxe para construír un mundo novo; liberar a palabra para liberar non só ás mulleres, senón a todo os seres humanos.


NEIRA CRUZ, X.

Así viviu Rosalía Sorrimos e calamos, como a falar unha linguaxe secreta que só un grupo reducido (ó que os dous pertenciamos) coñecía. Rosalía aproveitou eses momentos para esculcar a miña cara, e eu fixen o mesmo. Foi un diálogo de olladas que cabalgou máis alá do significado contado das palabras concretas. Sentín que Rosalía estaba intrigada pola miña personalidade e que , á vez, a conversa que mantiveramos producira nela unha evidente alegría.

NOVO, I.

Un escuro rumor tralo sinlencio Novela de ciencia ficción de corte futurista na que se narra unha catástrofe ecolóxica desencadeada pola ambición humana nunha bisbarra do noroeste da Península Ibérica (Clunia vella) a finais do século XXI. A carón de prácticas xenéticas aberrantes e das novas tecnoloxías e adiantos científicos nos que se ilustra o retrato dun mundo deshumanizado e hipertecnificado, no relato teñen cabida os problemas máis habituais na nosa sociedade: a alienación das clases populares, a marxinación e o clasismo derivados dun capitalismo feroz, a conivencia política e a desmedida cobiza empresarial, aos que tamén se engaden os riscos derivados dun pseudoprogreso que pon en perigo o equilibrio cienciaconciencia. No medio deste panorama apocalíptico, un científico axudado por un grupo de amigos e seguidores terá que loitar contra o caos que ameaza con destruír o planeta. NÚÑEZ SINGALA, M.

En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte da lingua. A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin rural, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social.


Comedia bífida Velaquí un xuízo á lingua. Ou ao emprego que dela facemos os galegos. Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin san Pedro.

ORWELL, G.

A revolta dos animais Os animais dos Jones sublévanse contra os seus amos e véncenos. Pero a revolución fracasará axiña ó asomaren entre algúns dos sublevados ansias de poder. A corrupción, as rivalidades, a mentira..., os valores dos amos derrocados, anularán o primeiro soño. É esta novela unha diatriba contra o totalitarismo e unha defensa das diferencias. E é que a "liberdade -dixo Orwell- significa o dereito a dicirlle á xente o que non quere oír". Unha obra con mensaxe aberta, universal.

PAASILINNA, A.

O bosque dos raposos aforcados Oiva Juntunen é un delincuente de pouca monta que consegue roubarlle varios quilos de ouro ao goberno de Noruega. A vida sorrille a este novo rico mentres os seus cómplices están no cárcere, pero cando estes saen e lle van reclamar a súa parte do botín, Oiva prefire fuxir ás recónditas paraxes da Laponia finlandesa antes de entregarlles un só gramo do seu prezado metal amarelo a aqueles maleantes sen estilo. Naquelas frías terras do norte coñece ao comandante Remes, militar alcólico co que acaba vivindo unha serie de estrafalarias aventuras no límite entre a realidade e o absurdo.


PAZÓ, C.

A piragua Se cadaquén usa a praza de garaxe para deixar nela o que lle saia dos... complementos directos, xa me dirás. Empezamos por aí e por onde acabamos, eh? Por onde acabamos? Pensa un pouco Nito. En 1998, no edificio en que vivía daquela, suscitouse unha viva polémica sobre se un propietario podía ter unha piragua na súa praza de garaxe.

PEREIRO, LOIS

Poesía última de amor e enfermidade Despois do seu primeiro e anterior libro, Poemas 1981. -1991 con Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, Lois Pereiro reafírmase na voz independente, vital, distinta, que xa coñeciamos, pero incrementando ritmo, axilidade. Unha poesía para a experiencia, para a emoción.

PRAT, H.

Corto maltés. Balada do mar salgado Xeracións de lectores atoparon en Corto Maltés o heroe, o alter ego, a voz digna da integridade humana e mesmo o amor que tamén se pode sentir polos personaxes literarios. Velaquí a gran novela protagonizada por un personaxe de cómic que xa forma parte da cultura do século XX. Con Corto Maltés revivimos a literatura de aventuras na súa máis auténtica dimensión. RAÑA, R.

O crime da rúa da moeda vella "Só levaba unha tacaña cantidade de heroína. O resto, incriblemente, perdérao. Acaso podería trocar iso por un feixe de billetes que sempre serían poucos para as urxencias inmediatas. Vinte mil pesetas poderían paliar, debilmente, o ánimo colérico de Landra."


REIMÓNDEZ, M.

O club da calceta Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora.

Moda galega Un catálogo de dúas estacións (primavera e verán). Un paseo polas rúas e os escaparates. Fíos. Teas. Tendas. Corpos. Fendas. Unha cidade, que lle bicou nos pés. Un percorrido polas mil imaxes e as mil vidas. Entre o consumo e o consumirse. Entre a obriga compulsiva e a alternativa de soñar. Ironías crúas. Moda galega: pasen e vexan.

RIVAS, M.

O lapis do carpinteiro É unha historia de amor, melancolía e liberdade. Un grande amor en tempo de guerra e posquerra que chega ós nosos días entre Marisa Mallo, unha fermosa moza de Fronteira, filla dunha familia reaccionaria e o médico republicano Daniel Da Barca, posuidor da beleza tísica e seguidor da teoría da realidade intelixente do doutor Nóvoa Santos. O lapis do carpinteiro é testemuño dunha traxedia curativa, unha metáfora de tódolas guerras, unha loita contra o esquecemento que demostra o poder salvífico do amor.


RIVEIRO COELLO, A.

As rulas de Bakunin Nesta extraordinaria novela, Riveiro Coello percorre o noso século -o agrarismo, a República, a Guerra, a represión, a emigración, a democracia- da man dun militante anarquista que funde a súa historia particular coa colectiva. Intensa e emotiva, As rulas de Bakunin é unha chamada á recuperación dunha memoria histórica que é amarga e gozosa, nobre e tráxica.

RUIBAL, R.

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, procedentes de mundos aparentemente opostos coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Igualados pola situación e obrigados a facerse mutua compañía, coñecen outros aspectos da vida aos que a rutina diaria non lles permitiu que lles prestasen atención. Ven nacer así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento, no que nin sequera unha inocente proposta roubada de Príncipe e mendigo de Mark Twain abrirá unha nova porta.

SALINGER, J.D.

O vixía no centeo Holden Caulfiel, coñecendo que vai ser expulsado da escola, decide deixala antes. Pasa dous días na cidade de Nova York e conta a historia do que fixo e sufriu. O vixía no ceo, publicada no ano 1951 por J. D. Saliger, é unha das novelas máis lidas e valoradas polos adolescentes dede entón, de todo o mundo.

SENDE, S.

Made in Galiza Un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.


SCHMITH, E.

O señor Ibrahim e as flores do Corán Momo é un adolescente xudeu, desorientado e orfo do agarimo dos seus pais. Ibrahim é un tendeiro musulmán, de carácter reflexivo e pausado, cunha visión da vida marcada pola perspectiva e a experiencia dos anos. Dous habitantes solitarios da rúa Azul, no París dos anos 60, que traban unha entrañable amizade que trascende as súas respectivas crenzas. Un aporta vitalidade, o outro sabedoría...

SHAKESPEARE, W. O rei Lear Esta é unha versión de O Rei Lear de William Shakespeare, o dramaturgo máis interpretado, versionado, adaptado, modulado, recreado... de todos os autores do teatro universal. Esta peza, a súa vez, estaba inspirada nunha lenda celta da que mesmo na literatura temos unha boa mostra: O Pedro Cortizoilo. En Rei Lear procurouse xogar con todas as potencialidades formais e estilísticas do orixinal, para facer que Shakespeare soase hoxe aquí en galego, sen perder o sabor evocador do onte e alá.

Macbeth escrita probablemente en 1606, a loita contra o destino, o intento de dominar a vida, ese "conto contado por un idiota, cheo de ruído e furia, que nada significa", tradúcese na incapacidade para chegar a entendela.

SPIEGELMAN, A.

Maus é unha autobiografía na que Art Spiegelman relata a historia do seu pai Vladek, un sobrevivente de Auschwitz. Realiza tamén un retrato do seu pai na actualidade, no momento en que o entrevista para que lle transmita as súas lembranzas da guerra, e da súa tensa relación con el. Vai máis alá do Holocausto, internándose na psicoloxía do pai, na sombra dunha nai suicida e na pantasma dun irmán ao que nunca coñeceu. Como característica formal cómpre salientar que as personaxes amosan trazos faciais de animais, recurso que Spiegelman emprega con fins narrativos.


STEIN, G.

Tres vidas "Esta novela é ante todo a descuberta dunha nova linguaxe, dun "tempo" fantástico do relato que tende a se converter no argumento mesmo do relato, límite espiritual dunha máxica e inmóbil realidade cotiá". Así descrebe o escritor Cesare Pavese, o seu tradutor e editor en Italia a obra de Gertrude Stein. A escritora norteámericana é unha das grandes innovadoras da narrativa do século XX e precursora da literatura escrita por mulleres. En "Tres vidas" achégase á realidade de tres mulleres traballadoras a través dun estilo insistente, un vocabulario voluntariamente limitado e unha dicción envolvente, que reduce ao mínimo a distancia entre autora, personaxes e lectores.

SÜSKIND, P.

O perfume No século XVIII, durante o reinado do Rei Sol, nace en París JeanBaptiste Grenouille, o nariz máis prodixioso da historia. Grenouille non descansará ata converterse, en primeiro lugar, no mellor perfumista da súa época; e máis adiante, na procura do Gran Perfume, do Perfume Absoluto, non dubidará en recorrer ao asasinato en serie das máis fermosas rapazas para tirarlles o segredo do seu atractivo, aquilo que as volve irresistibles: o seu recendo persoal.

TOLKIEN, J.R.R.


TORRES, XOHANA

Poesía reunida Quen navegou por case todos os mares normal é que nos queira falar da longa e profunda experiencia coa que a navegación arrequeceu o espírito do viaxeiro. Se a vida é unha viaxe, aquí están algunhas cartas de navegación que Xohana Torres foi sementando no extenso ronsel dos días: ''Do sulco'' (1957), ''Estacións ao mar'' (1980), ''Tempo de ría'' (1992) e outros poemas recollidos noutros diversos lugares.

TORO, S.

Polaroid é un libro de narracións que enlaza tanto coa cultura underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, do tempo dos medios de comunicación audiovisuais e da cultura da música pop anglosaxona. Mais tamén é un libro que trata das linguaxes, da lingua e os seus diversos niveis e usos; que xoga e experimenta coa linguaxe narrativa; que ironiza sobre a literatura e as súas retóricas; que utiliza, a partir da oralidade, todo tipo de materiais atopados, creados, manipulados para facer literatura…

VÁZQUEZ FREIRE, M.

Anxos en tempos de chuvia Unha rapaza e tres rapaces morren na madrugada dun sábado nun accidente de automóbil. Moncho, irmán da rapaza falecida, non quere acepta-las explicacións oficiais sobre a causa do accidente. Tralas pegadas da inocencia da súa irmá, Moncho atopa un diario que descoñecía. Velaquí a peza que buscaba para inicia-la súa investigación.


VILA SEXTO, C.

Gárgola Gárgola é unha novela de terror na que o realismo da ambientación convive coa presencia do sobrenatural e o inexplicable.

VILLAR, D.

Ollos de auga Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policia que compaxina o seu traballo na comisaria cun consultorio radiofónico. O caso desenvólvese entre o ambiente cálido e nocturno do clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada dos círculos da alta burguesía viguesa. Unha novela policial na que suspense, personaxes e mundo urbano están salferidos cun humor agudo e intelixente.

WOOLF, V. Publicada en 1931, ''As ondas'' converteuse na obra maior de Virginia Woolf (London, 1882 - Rodmell, 1941). A vida dun grupo de amigos, dende a infancia ata a mocidade e a idade adulta, queda recollida nunha narración que destaca pola riqueza e singularidade da súa linguaxe. Cunha prosa chea de matices, tonalidades e unha intensidade sensitiva fóra do común, esta extraordinaria novela afonda na nacencia das ilusións, séguelle o rastro aos logros nunca alcanzados e remata nun inescusable agoiro de morte. Obra mestra da narrativa, a experiencia humana condénsase e flúe nas ''intensas avenidad do xardín interior'' ás que Otero Pedrayo alude en ''Devalar''.


cartafol de lecturas  

lecturas, libros

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you