Page 1

MIRA GALICIA ESTACA DE BARES – CABO ORTEGAL – SERRA DA CAPELADA


Provincias polas que transcorre a viaxe: A Coruña – Lugo.

Comarcas importantes polas que pasaremos: Terra Chá, Eume, Ortegal.

Concellos importantes do itinerario: Vilalba – As Pontes de García Rodríguez, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira.

Relevo: Serra da Faladoira – Serra da Capelada.

Ríos: Sor – Eume.


As Pontes de García Rodríguez ■

A economía deste concello coruñés baséase na industria, salientando a central térmica na que chama a atención a súa cheminea de 356 m de altura. Esta central estase reconvertendo para queimar carbón de importación, xunto co establecemento do ciclo combinado que permita producir 800 megavatios.

Anteriormente, a central queimaba lignito extraído dunha mina a ceo aberto que se encontraba preto da mesma. Actualmente, a mina deixouse de explotar e a enorme escavación converteuse no maior lago artificial de España, coa auga achegada principalmente polo río Eume. As súas dimensións máis destacables son: 18 quilómetros de perímetro, a súa superficie é de 865 hectáreas e a súa máxima profundidade 200 metros.

Vista do lago coa central térmica ao fondo

Despois de saír das Pontes, comezamos a subida cara á Serra da Faladoira e pasamos polo parque eólico situado ao pé do pico Caxado, na parte máis alta. Desde alí xa podemos albiscar o mar e a punta de Estaca de Bares.

Logo, iniciamos a baixada cara ao Barqueiro, no concello de Mañón. Na parte final da baixada, levamos o río Sor á dereita, marcando o límite coa provincia de Lugo.

O Barqueiro é unha vila mariñeira chamada así porque antigamente, para cruzar o río, había que facelo en barca xa que non existían ningunha das pontes que podemos ver hoxe.


Estaca de Bares

Estaca de Bares é a punta máis setentrional de España. Marca o límite entre o mar Cantábrico e o océano Atlántico.

Pola súa posición estratéxica é un lugar moi importante no paso de barcos e tamén de aves. Por esa razón, aquí establecéronse instalacións de axuda á navegación: semáforo, faro... (1) e mesmo un observatorio de aves (3). A poucos metros deste hai varios muíños en serie que son unha boa mostra do aproveitamento dos recursos – neste caso, un pequeno regato cando escasean.

Na Segunda Guerra Mundial, nesta zona producíronse enfrontamentos navais e aéreos entre as forzas de Alemaña e os aliados. Máis tarde, os Estados Unidos situaron neste lugar (2) unha base militar, da que quedan os restos das instalacións.


Serra da Capelada ■

A Serra da Capelada corre ao longo da costa desde Cedeira a Cabo Ortegal.

Unha das características máis interesantes desta zona é que a serra chega ata o mar orixinando cantís de 500 m de caída, que pasan por ser dos máis altos de Europa. O punto culminante está na Garita do Vixía de Herbeira

Santo André de Teixido ■

Neste lugar está un dos santuarios máis famosos de Galicia. Todos os anos chegan a el miles de romeiros para pedir favores ao santo ou darlle as grazas mediante oracións, esmolas, ofrendas.... Existen varias lendas sobre o santuario e a súa fama. Unha delas conta que cando Deus mandou a santo André para estas terras, este queixouse porque era un lugar remoto e non ía ter ningunha visita. Pero Deus tranquilizouno e díxolle: “non te preocupes porque virá moita xente xa que virá de morto o que non veña de vivo”. Tamén conta a lenda que as ánimas dos defuntos van a Teixido baixo a forma de animais como os réptiles polo que os camiñantes non deben maltratar ningún destes animais camiño do santuario; tamén poden ir na compaña doutros peregrinos. As xentes que acoden ao lugar realizan unha serie de rituais, ademais de escoitar misa: baixan á fonte que ten propiedades fertilizantes e mesmo pode ser utilizada para predicir o futuro tirando unha miga de pan na auga: se aboia, a petición cumprirase; se vai ao fondo, non se cumprirá. Tamén podemos atopar a herba namoradeira coa que podemos namorar á persoa que nós desexemos. Dentro da igrexa poderemos ver as ofrendas máis diversas: cadaleitos, figuras de cera, xoguetes, barcos... depositados en agradecemento pola axuda prestada polo santo.


Mira Galicia Ortegal- Estaca de Bares- Serra da Capelada  

Material didáctico que se entrega ao alumnado antes de iniciar a viaxe

Advertisement
Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you