Page 1

XÉNEROS ÉPICOS a) Narración en verso A epopea: é a narración poética dunha acción memorable e extraordinaria, capaz de interesar a un pobo ou á humanidade. Os Eoas de Eduardo Pondal. Poema épico: narración dunha acción de distinto tipo: heroica, amorosa, burlesca, etc. En Na noite estrelecida Ramón Cabanillas recrea o mito do Santo Graal en Galicia. Romance de cego: narración poética popular destinada a ser lida en público. O cartel de cego Paco Pixiñas de Celso Emilio Ferreiro pode servir de exemplo. a) Narración en prosa A novela A novela é un xénero narrativo de longa proxección cultural. Remotamente relacionado coa epopea, a novela aparece na sociedade moderna preenchendo funcións que lle correspondían a esoutro xénero. —As dimensións e profundidade do seu universo diexético (a historia) fan da novela un xénero narrativo distinto ao conto, á novela curta ou ao relato. —Na novela a acción é extensa e os intérpretes (personaxes) da historia aparecen normalmente en cantidade e complexidade máis elevada que nos outros xéneros: os personaxes están caracterizados a través de conflitos íntimos, traumas ou obsesión. —O espazo é outra categoría fundamental da novela, que pola súa ampliación e pormenor de caracterización revela potencialidades de representación económica e social, en conexión cos personaxes e co tempo histórico en que viven, e ao que non é extraño o tempo do discurso, que suscitará tamén encadramentos moi diversificados: tempo histórico, tempo psicolóxico, etc. —A novela tamén se distingue en termos de grao pola utilización da perspectiva narrativa: a utilización sistemática do punto de vista dun personaxe, a confrontación de varios puntos de vista, a proxección de estados de espírito ou concepcións ideolóxicas a partir de diferentes perspectivas individuais, permiten unha pluralidade de rexistros discursivos, a polifonía de que falaba Bakhtin (1989).

Subxéneros novelísticos É no establecemento e definición de subxéneros onde a novela se revela como un xénero narrativo con grande maleabilidade temática e formal. Así, a novela de aventuras (episodios e incidentes axitados en escenarios exóticos: Arnoia, Arnoia de Méndez Ferrín), a novela romántica (son novelas inspiradas en Víctor Hugo, Dumas e Walter Scott e coñecen a vertente histórica, evocación de épocas pasadas —como A tecedeira de Bonaval de López Ferreiro— e a social, de testemuña ou tese —como Maxina ou a fila espúrea de Marcial Valladares—), a novela histórica (colocada non só en épocas históricas senón tamén con reconstrución minuciosa dos compoñentes sociais e culturais desas épocas: O triángulo escrito na circunferencia de Víctor Freixanes), a novela de formación (que insiste no proceso de constitución e consolidación da personalidade do personaxe central: Arredor de si de Otero Pedrayo), a novela epistolar (que rexistra o ton íntimo e confesional das cartas nas que se expresa: Cartas a Lelo de Neira Vilas), a novela policial (que conxugada coa novela de aventuras insiste no papel da intriga, tensamente articulada por un suxeito que descifra a trama: Crime en Compostela de Carlos G. Reigosa), a novela psicolóxica (que se


centra no fluxo da corrente da consciencia e recorre con frecuencia ao monólogo interior: A fraga dos paxaros salvaxes de Fernández Ferreiro), a novela realista (quere ser unha reprodución da vida cotiá coa fusión da linguaxe literaria e a lingua común do pobo e unha novela preocupada polos problemas económicos, sociais e ideolóxicos do momento: Xente ao lonxe de E. Blanco Amor), a novela erótica (caracterizada pola importancia que adquiren os elementos escabrosos e eróticos), a novela social (trata de mostrar o anquilosamento da sociedade ou as inxustizas que existen no seu seo co propósito de criticalas: A muller de ferro de Neira Vilas ), a novela urbana (narración na que o detalle descritivo do espazo ou lugar de acción cumpre un valor simbólico: Arrabaldo do Norde de X. Luís Méndez Ferrín), etc. O conto e a novela curta (ou relato breve) Buscando a orixe etimolóxica vemos que a palabra conto vén do latín computum, que significa cálculo, enumeración. E do cálculo e enumeración pasou a enumeración de feitos, reconto de accións reais e ficticias coa finalidade de entreter. Cando a finais do século XV e na primeira metade do XVI entra o italianismo novela, o conto vaise especializando para narracións orais e a novela para as escritas de carácter máis culto e máis extensas. Os primeiros contos foron populares e eran transmitidos por vía oral. Eran contos curtos e anónimos, facilmente retibles na memoria. Moitos deles tiñan a súa orixe nunha anécdota real; outros desenvolven motivos marabillosos e fantásticos da tradición popular. Máis tarde nacen os contos literarios de creación persoal, conservados por medio da escritura, primeiramente formando parte de coleccións (Calila e Dinna, Os contos de Canterbury, O Decamerón) para despois arrincar con plena orixinalidade na Europa e América do século XIX como fórmula independente (Maupassant, Chekhov, Poe) xa liberados da finalidade didáctico-moral que os caracterizara nos seus comezos. A caracterización do conto como xénero narrativo específico, diferente da novela, debe partir da limitación da extensión que arrastra outras limitacións estruturais que deben ser observadas: o reducido elenco de personaxes, un esquema temporal restritivo, unha acción simple ou poucas accións separadas e unha unidade de técnica e ton. O conto, en definitiva, tende á concentración. E será esta concentración a que achega o conto á poesía, tal como se recolle na definición de Edelwis Serra (1978): «estrutura narrativa de condensación poemática.»

c) Fábula ou apólogo Trátase de narracións breves escritas eri verso ou prosa. Hai sempre un transfondo ético. O narrador pode adoptar unha actitude crítica, didáctica ou satírica. A sentencia está explícita ao principio ou ao final da fábula. Podemos pór como exemplo as Fábulas galaico-castellanas de Amador Montenegro Saavedra. (Habería que salientar no eido da narrativa popular os Contos de Asieumedre (1908) de Manuel Lugrís Freire; Cantos vianeses (1958), recollidos por Laureano Prieto; Contos populares da provincia de Lugo, escolmados do arquivo do Centro de estudios Fingoy de Lugo (1963); ou Cantos populares da Caliza (1968), recollidos por Lois Carré Alvarellos).


Xéneros épicos  
Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you