Page 79

• Circuíto de psicomotricidade: a clase será dividida en dous equipos, “toothfairies” e “ratiños Pérez”. Preparemos dous circuítos iguais (un para cada equipo), poñendo ao final de cada un unha almofada con moitos dentes debaixo (os que o alumnado fixo en plastilina). Cando empeza o xogo, un neno ou unha nena de cada equipo empeza o circuíto co obxectivo de coller un dos dentes e depositalo nunha cestiña que se atopa ao principio do circuíto, momento no que o seguinte neno ou nena corre a coller outro dente. Para o desenvolvemento desta tarefa utilizaremos música e cando a paremos rematará o xogo (coidaremos que todos os nenos e nenas integrantes dos equipos completen o circuíto polo menos unha vez) e contaremos entre todos os dentes recollidos (en inglés). Gañará o equipo que teña máis dentes na cesta. Tarefa final: • Dramatización bilingüe: realizarase en colaboración co profesorado titor. O obxectivo é mostrar todo o traballo que os nenos e nenas estiveron realizando ao resto de alumnado e profesorado de educación infantil (poderíase falar tamén da posibilidade de invitar ás familias), ademais de fomentar a responsabilidade e autoavaliación do propio alumnado. A dramatización consistiría na representación do conto ‘Toothfairy, Where Are You?’ engadindo o personaxe de Pérez, ao que tamén se lle caeu un dente e agarda a visita da fada dos dentes. Esta actividade incluiría unha serie de sub-tarefas: - Creación de carteis anunciando a representación, que se distribuirán por todo o centro. - Deseño de invitacións para os compañeiros e compañeiras de educación infantil (e para as familias de ser o caso). - Confección de disfraces para os personaxes: unhas orellas e un rabo para Pérez, unha variña para Toothfairy, bigotes e orellas para o gato... - Creación dos carteis que representarán os soños do/a neno/a e tamén de Pérez (xoguetes). - Reparto dos personaxes: un neno o unha nena ao que se lle cae un dente, unha persoa adulta, un gato, Toothfairy, Pérez, un rato adulto e varios soños con xoguetes (os nenos e nenas máis tímidos poden encargarse das cartolinas dos soños). Dependendo do número do alumnado que teñamos na clase, podemos engadir máis xoguetes ou outra persoa adulta. - Preparación / ensaios. - Dramatización. Ao final da representación cantaremos todos e todas xuntos a canción que aprendemos sobre a hixiene dental. • Debate sobre o resultado final: falaremos do aprendido, do que funcionou ben e mal... Unha posibilidade interesante sería elaborar un libro con todo o aprendido, incluíndo fotos do alumnado representando o conto e tamén as cancións.

5.1.3. AUTUMN FRUIT A seguinte unidade desenvolverase preferentemente no mes de novembro, paralelamente á celebración do Magosto, xa que aproveitaremos esta celebración no centro como contexto para desenvolver a tarefa final. A finalidade principal é que os nenos e nenas coñezan as froitas que se dan no outono e mostren interese por incorporalas á súa dieta. A diferenza das propostas previas, partiremos aquí dun formato non narrativo, como é o momento no que o alumnado toma o pequeno almorzo de media mañá (rutina diaria asociada coa alimentación). Falaremos de alimentos saudables e da importancia de incluír a froita na dieta diaria. Nivel: 5 anos Competencias básicas: • Competencia en comunicación lingüística. • Competencia cultural e artística.

77

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement