Page 7

PRESENTACIÓN A maior prerrogativa da inocencia é non ter medo de ningunha mirada e non sospeitar de ninguna lingua. Samuel Johnson

Falar de aprender linguas na primeira década do século XXI é falar de cambio, de renovación. Na Europa de hoxe, inmersa na vertixe da globalización, na mobilidade de cidadáns e cidadás e no continuo desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación, o concepto de comunicación é diferente. De aí que as recomendacións europeas en materia de linguas vaian enfocadas cara ao plurilingüismo, pero un plurilingüismo que non esquece a importancia das linguas rexionais e minoritarias. Falar de competencia en comunicación lingüística é falar do papel das linguas ambientais e estranxeiras na construción dunha identidade europea e da integración de España e Galicia en Europa. En consonancia coas directrices europeas, dentro das medidas recollidas no Plan de Linguas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ten como obxectivo o fomento do feito plurilingüe, atópanse os programas de anticipación da lingua inglesa en educación infantil, un plan experimental para o que, dende hai catro anos, existe un compromiso decidido por parte da Xunta de Galicia a través da creación de materiais para facilitar o labor ao profesorado participante e do deseño de formación específica para o profesorado que imparte inglés nesta etapa, a través non só das actividades contidas nos plans de formación do profesorado senón tamén mediante o Programa de apoio ao ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras, PALE. Este compromiso ten dado como resultado que máis do 90% dos centros que imparten educación infantil en Galicia estean acollidos aos programas de anticipación. A presente publicación nace como elemento facilitador do labor docente do profesorado especialista de inglés que imparte nos tres cursos do segundo ciclo de educación infantil. Nace porque, dada a experiencia acumulada, esta Consellería considera que chegou o momento de xeneralizar o ensino do inglés no segundo ciclo de educación infantil a partir do vindeiro curso escolar 2009-2010. Consideramos que é necesario abordar a iniciación e exposición á lingua inglesa dende o equipo de infantil, tendo en conta os aspectos de organización e de dinámica da aula, respectando os tempos de adaptación á escola, seguindo estratexias metodolóxicas adecuadas á idade dos nenos e das nenas, organizando os propios espazos disponibles, planificando sesións lúdicas curtas con tempos apropiados á etapa, contando coa participación do profesorado titor, utilizando os recursos da propia etapa que, pola súa polivalencia, poden ser facilmente reconvertidos e utilizados nas sesións de aprendizaxe doutras linguas diferentes ás maternas. Outro aspecto importante é a presenza do profesorado especialista. En ningún caso debe ser considerado como un elemento alleo e artificial. Debe formar parte do equipo de Infantil, coordinarse con el e establecer, coa axuda do profesorado titor, un lazo afectivo e de traballo adecuados. O obxectivo principal desta publicación é achegar o mundo da educación infantil ao profesorado especialista de inglés e fornecelo de propostas de traballo que exemplifican como ha de concibirse a exposición ao inglés nesta etapa, unha etapa idónea para comezar a sentar as bases da futura competencia plurilingüe e intercultural do alumnado.

Laura Sánchez Piñón Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement