Page 65

MEU DITO, MEU FEITO: UN ENFOQUE GLOBALIZADO 5.1. Propostas didácticas para traballar o inglés con nenos e nenas de tres, catro e cinco anos. Andrea Pérez Garabán Mestra especialista en Lingua Inglesa CRA de Santa Comba (Santa Comba)

As seguintes propostas didácticas susténtanse na idea de que os nenos e as nenas aprenden xogando e que son artífices da súa propia aprendizaxe. Así, basearémonos nos seus intereses e coñecementos previos á hora de propoñer tarefas na aula, que, neste caso, e tendo en conta as competencias básicas, irán enfocadas cara a tres direccións principais: • Desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística, non só na lingua estranxeira senón tamén nas propias, co obxectivo de acadar unha competencia plurilingüe. O vocabulario que traballaremos en inglés está relacionado con campos semánticos presentes na contorna do alumnado: os xoguetes, o corpo e os animais. Desta maneira, partiremos do seu coñecemento do mundo para ir construíndo unha aprendizaxe máis significativa. • Desenvolvemento da competencia cultural e artística. Fomentaremos non só o coñecemento da lingua e cultura estranxeiras, senón tamén o da propia dende unha perspectiva de interculturalidade. Por outra parte, animaremos ao alumnado a mellorar a súa competencia artística en moitas das tarefas propostas: creación de murais, modelado de plastilina... • Mediante os valores presentes nestas propostas didácticas os nenos e as nenas desenvolverán a súa competencia social e cidadá. Así, a educación en valores centrarémola aquí en: educación para a saúde (hábitos de hixiene), educación moral e cívica (actitude respectuosa cos seus compañeiros e compañeiras, aceptando as regras dos xogos e valorando as achegas persoais de cada neno/a) e educación para a igualdade de oportunidades entre os xéneros (incidindo na importancia da non-discriminación). Ademais destas tres dimensións principais de aprendizaxe, desenvolveranse tamén as seguintes: • Tratamento da información e competencia dixital, que traballaremos introducindo o alumnado na utilización do encerado dixital interactivo con actividades motivadoras e axeitadas ao seu nivel. • Considerando que os nenos e as nenas son os principais artífices da súa aprendizaxe, é o noso labor fornecerlles estratexias para ser máis autónomos e autónomas, fomentando a súa competencia para aprender a aprender. Un dos recursos dos que dispoñemos é o ELP (European Language Portfolio), onde o alumnado irá rexistrando as novas aprendizaxes. • Fomento da autonomía e iniciativa persoal, valorando a saúde, a hixiene persoal e a autonomía nas tarefas propostas. Utilizaremos o conto para remarcar a importancia de lavar os dentes e, a partir del, proporemos outro tipo de actividades, como unha canción ou algún xogo. • Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico: no proceso de ensinanzaaprendizaxe da lingua partiremos da contorna máis próxima aos nenos e nenas, tendo en conta o seu coñecemento e percepción do mundo que os/as rodea. Trataremos de fomentar o uso da nova lingua en contextos reais, valorándoa como un instrumento útil na exploración e descubrimento da contorna. Deste xeito, os obxectivos que debemos propoñer co fin de desenvolver as capacidades anteriormente descritas serían os seguintes: - Coñecer e valorar os animais máis próximos ao ser humano e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado. (Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico).

63

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement