Page 57

como fonte de información, para fomentar o hábito lector, para crear hábitos de responsabilidade social, de silencio, de respecto do material, de orde, de aprender a compartir... Nesta liña, o profesorado de lingua estranxeira debe favorecer todas aquelas actuacións onde o alumnado teña que practicar tanto a fala como a escoita. O funcionamento e organización da biblioteca á hora de desenvolver as distintas actividades debe ser sempre a mesma, polo que os diferentes mestres e mestras que impartan docencia no ciclo deben consensuar as normas en relación á súa utilización que permitan acadar o mellor rendemento da mesma. Así, é conveniente que o mestre ou a mestra de lingua estranxeira utilice a biblioteca de aula para realizar distintas actividades, pero sempre seguindo as normas establecidas para o seu funcionamento, tamén utilizadas polo profesorado titor do grupo. Haberá que recordar, por exemplo, as normas a cumprir á hora de ler un conto, ben por parte do mestre/a ou de forma libre: estar ben sentado/a, levantar a man cando se queira falar, non interromper, facer preguntas, escoitar con atención, como se deben ordenar os contos, como se deben coidar, etc., pero agora serán recordadas polo profesorado de lingua estranxeira no idioma correspondente.

Competencia matemática Contribuirá á mellora da competencia matemática na educación infantil partir de situacións e problemas reais da contorna do alumnado, que requiran a utilización de elementos de razoamento lóxicos e matemáticos, favorecendo sempre o desenvolvemento daquelas situacións nas que o alumnado teña algo que achegar dende a súa propia experiencia matemática, pois, coa seguridade e confianza que lle dá o feito de partir de algo coñecido, poderá abordar novos contidos relacionados coa mesma. Cómpre mencionar a importancia que adquire o recanto da lóxica matemática como espazo, onde o alumnado, a partir da experimentación inmediata con distinto tipo de material –balanzas, báscula, cintas métricas, termómetros quebracabezas, xogos de asociación, barallas de secuencias temporais, tamaños, seriacións, etc.–, poderá abordar novos contidos relacionados coa competencia matemática, cun enfoque aberto das tarefas, resolvéndoas cada neno e nena en función do seu nivel de competencia. Os recantos adquiren un papel fundamental na organización da aula de educación infantil, polo que é necesario que o profesorado de lingua estranxeira coñeza o seu funcionamento. É conveniente que o profesorado de lingua extranxeira tamén utilice este recanto, seguindo as indicacións do profesorado titor (en relación ao número que pode haber nel, ao uso do material, etc.) pero introducindo a lingua inglesa para explicar o desenvolvemento das distintas actividades. O profesorado de lingua estranxeira pode realizar as mesmas actividades que fai o profesorado titor en relación ao desenvolvemento da competencia matemática cando, por exemplo, unha das sesións correspondentes coincida coa primeira hora da mañá, momento adicado nas aulas de infantil a realizar todas aquelas actividades relacionadas coas rutinas diarias. Así, por exemplo, poderanse facer en lingua inglesa as seguintes actividades: • Reconto dos alumnos e alumnas que están na clase, busca do número correspondente para colocalo despois no lugar adicado para tal fin. • Reconto dos alumnos e alumnas que faltan, selección do número correspondente e colocación posterior no lugar adicado para tal fin. • Contar despois cantos nenos e nenas están hoxe na clase. • Traballo co calendario: o/a encargado/a terá que rodear no calendario o número do día. Aproveitaremos para traballar a serie numérica dende o día un ata o día en cuestión. • Escritura da data.

55

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement