Page 52

• Débese prever que o alumnado dispoña de lugares propios e de uso común para compartir, para estar só ou para xogar e relacionarse cos e coas demais, espazos para actividades que requiren unha certa concentración e espazos amplos que faciliten o movemento. • Para dinamizar os tempos de falar e as conversas en grupo preveremos un espazo onde o alumnado poida ver as expresións faciais e os xestos de todas as persoas mentres se dialoga.

Materiais • A selección dos materiais determina en gran medida a actividade dos nenos e nenas, os seus xogos e as súas aprendizaxes. Os materiais deberán favorecer os aspectos afectivos e relacionais, espertar a curiosidade, o desexo de manipulalos, a iniciativa pola exploración e busca de respostas sobre o seu funcionamento. • O equipo educativo deberá seleccionar todo tipo de materiais para a estimulación das nenas e nenos, dispoñéndoos de maneira que se incentive a súa manipulación e facéndoos partícipes na responsabilidade do seu coidado e organización. Así contarase con materiais que favorecerán o desenvolvemento sensorial e motórico; a manipulación, interacción, observación e experimentación; o pensamento lóxico; a representación ou a comunicación oral. • Considérase moi importante que os materiais teñan fácil acceso e visualización por parte do alumnado para que sexan un respaldo das actividades e promovan a aprendizaxe. • Deberán estar ben organizados e ao alcance dos nenos e nenas. Esta presenza visual suxerirá actividades e favorecerá a autonomía. Condicións a ter en conta cando se dispoña o material: - Debe situarse en lugares que estean ao nivel dos ollos das nenas e nenos. - Os envases que conteñan o material, deben resaltar este ademais de ser amplos e abertos. - As estanterías non deben estar cheas de material, xa que este feito dificulta a visualización do mesmo. - Debe facilitarse o seu traslado. - É conveniente o etiquetado de todo o material. • Os materiais curriculares axeitaranse aos tipos de contidos, ás características e necesidades específicas de cada contexto educativo e, consecuentemente, ás características individuais do alumnado. Estes materiais permitirán distintos graos de lectura ou uso, para iso serán o mais diversos posibles, ofrecerán múltiples posibilidades de utilización en función das necesidades de cada situación e momento. • Estarán presentes nas aulas elementos do medio natural e sociocultural que favorezan o vencello coa identidade do alumnado e creen un ambiente significativo, ademais de espertar o interese por explorar e experimentar cos elementos que as nenas e os nenos teñen ao seu dispor.

Agrupamentos • Ao longo da xornada pódense establecer diferentes tipos de agrupamentos en función das actividades e das intencións educativas. • Para poder atender á diversidade do alumnado e á aprendizaxe de contidos de distinta natureza, organizaranse diversas formas de agrupamento contemplando as potencialidades de cada unha delas: - O gran grupo é apropiado cando se trata de planificar conxuntamente as actividades, exposicións, lectura dalgúns textos, distribución de tarefas, explicacións, presentación de modelos, debates, asemblea, conferencias, etc. - O grupo pequeno é o ideal para favorecer a interacción cooperativa, permite asignar a cada nena ou neno tarefas concretas e estruturadas de tal xeito que a mestra ou mestre poida prestar as axudas axeitadas segundo o grao de realización da tarefa. Deben ser variables, homoxéneos e heteroxéneos. A organización en parellas acostuma a ser moito máis rendible polo grao de implicación que comporta.

50

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement