Page 47

ASÍ TRABALLAMOS EN INFANTIL 4.1. Consideracións metodolóxicas xerais para a etapa de educación infantil Eva García Sexto Asesora de Educación Infantil da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

A práctica educativa nas aulas de educación infantil pode xustificarse dende diferentes enfoques metodolóxicos, e é susceptible de recibir diferentes tratamentos, pero todos eles deben respectar e fundamentarse nuns principios que orientarán a acción pedagóxica. Estes principios ou alicerces nos que se sustentará o noso labor educativo encontran o seu sentido nas teorías que demostran como son, e como aprenden os nenos e nenas destas idades. Serán, estes principios, os referentes que permiten tomar decisións metodolóxicas fundamentadas para que, en efecto, a intervención pedagóxica teña un sentido inequivocamente educativo. Débense abandonar enfoques que converten a clase nun espazo uniforme e homoxéneo, organizado para dar resposta ao alumnado “tipo”, sendo responsabilidade do equipo de mestres e mestras, mediante o traballo coordinado, o utilizar os métodos de traballo máis axeitados para conseguir que o ensino alcance os seus fins. En calquera caso, e á hora de tomar as decisións débense de ter en conta os seguintes aspectos: 1. Como aprenden os nenos e as nenas. 2. Respectar o principio de globalización. 3. Asegurar aprendizaxes significativas e funcionais. 4. O rol que debe asumir o profesorado. 5. A consideración do xogo como a actividade propia desta etapa. 6. Necesidade da creación dun ambiente cálido e acolledor. 7. Organización do ambiente de aprendizaxe: espazo, materiais, agrupamentos e tempo. 8. Tipo de actividades. 9. A coordinación entre todos os profesionais que interveñen. A coherencia con estes principios metodolóxicos asegura a calidade da resposta, e deben estar presentes cando se organiza e planifica a práctica educativa.

Como aprenden os nenos e as nenas? As nenas e nenos destas idades han de aprender facendo, nun proceso que require observación, manipulación, experimentación, reflexión e poñer en xogo diferentes habilidades de pensamento. Nesta actuación do neno ou a nena sobre a realidade vaise dando un proceso de construción de significados que é a clave do seu desenvolvemento e que realiza co conxunto das súas experiencias e coñecementos previos, e na medida en que se sente motivado/a a implicarse en tal proceso. Isto supón que o mestre ou a mestra deben tratar de coñecer cales son os coñecementos e experiencias previas dos nenos e nenas, os significados que xa construíron –sexan axeitados ou non– para partir deles e facilitar este proceso de construción e reconstrución continua. Como, ademais, a criatura precisa sentirse motivada a participar neste proceso de construción, resultará básica a achega da persoa adulta e a súa intencionalidade de partir dos seus intereses, das súas propias propostas e motivacións, e articular as secuencias susceptibles de axudarlles a aprender construtivamente. De aí que, dende unha perspectiva construtivista, para axudar a un neno ou a unha nena a progresar, a persoa educadora debe coñecer as súas posibilidades madurativas e confiar nas súas capacidades de progreso. Para conseguir que nenas e nenos progresen no coñecemento do mundo, é necesario darlles oportunidades de que realicen actividades de forma autónoma, tomen a iniciativa, planifiquen e secuencien a propia acción. É importante ofrecerlles ás nenas e aos nenos situacións de aprendizaxe nas que poidan facer propostas, tomar decisións, organizar e anticipar as súas accións. Para isto pódense empregar diversas estratexias e recursos: a través de preguntas, follas de planificación, cos seus propios debuxos, opinións e propostas nos tempos de faladoiro, e mesmo a caixa de suxestións.

45

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement