Page 40

O material tamén é esencial á hora de proporcionar un contexto. A nosa persoa, toda a nosa ilusión e enerxía ás veces non é suficiente para crear, día tras día un contexto noutro idioma, ás veces necesitamos falar con alguén que se exprese correctamente, que nos dea pé para reprendelo, para animalo, agasallalo, movelo, ou que sexa el ou ela quen pida explicacións sobre o que vemos nos ollos dos nosos nenos e nenas9. Estes personaxes son materiais, pero ao mesmo tempo pasaron a ser amigos, amigas e seres animados; por iso, corresponde á profesora ou profesor darlles vida en clase. As nenas e nenos trátanos como seres vivos, alguén máis con quen falar, a quen escoitar ou ofrecer solucións. Pero os bonecos que utilicemos han de ser de fácil manipulación, simples pero con posibilidade de expresión de sentimentos, con autonomía para poder deixalos ao carón, e completos para que nos poidan substituír na realización de actividades físicas que poden provocar o noso cansazo. Outra das funcións do material é a súa posibilidade de manipulación: alimentos de xoguete, cestas, casas e tendas axudarán a que as criaturas se embarquen en xogos simbólicos de tipo social (a realización dunha receita, xogar a comprar e vender). Os materiais axúdanos a centrar a súa atención, conéctanos coa realidade e serviranlles para desenvolver estratexias de asociación. Para rematar están os materiais que utilizan todas e todos á vez, para a representación dos personaxes que eles e elas mesmos animan e sérvenlles para meterse nos personaxes: caretas, marionetas, bonecos de xoguete ou papel e secuencias de historias para organizar e pegar, murais e cards ou tarxetóns10: estes materiais son esenciais para manter o traballo do aula. Caso aparte é o material en vídeo e audio, os xogos e contos deseñados para fomentar a autonomía dos nenos e nenas como aprendices. Estes materiais pódenos manipular individualmente ou en grupos nos computadores, axúdanos a manter a atención, a cambiar de protagonistas sen estar facendo diferentes voces, a xerar contextos máis ricos. Pero con coidado, habemos de atender ao proceso, non podemos pensar que este material tan rico pode verse, xogarse ou oírse sen axuda dunha persoa adulta. Os computadores, a televisión e o vídeo non substitúen ás persoas adultas, os nenos e nenas necesítanos para realizar o proceso de comprensión que cada vez devén máis autónoma. Debemos desenvolver escoitas activas e críticas dende idades temperás, atender ao desenvolvemento de destrezas de audición dentro dun proceso correcto, para evitar posteriores rexeitamentos ou sensacións de inutilidade nas nosas criaturas. Aos poucos poderemos ir deixándoos/as en solitario para realizar as súas actividades de lectura no recuncho de lectura (que temos preparado con libros que levan o seu propio cassette ou CD), poderán tomar prestados vídeos da videoteca, e tamén tras xogar na aula, poderán utilizar en solitario CDs de xogos. Non é difícil, simplemente require deixar saír a súa necesidade de autonomía, algo que realmente desexan. Para rematar, e non menos importante, atopamos os materiais como O meu primeiro Portfolio, que serven ao alumnado para reflexionar sobre o que van aprendendo, identificando estratexias de aprendizaxe e recoñecendo as capacidades que desenvolven. Coa creación dos recunchos das linguas, a creación do seu dossier individual, destinando momentos conxuntos para ver o aprendido ou planificar novas aprendizaxes, tal e como nos suxire a Guía Didáctica do meu primeiro Portfolio irán gañando autonomía e consciencia de cales son e como realizan as súas aprendizaxes.

Este personaxe pode ser un boneco, unha marioneta que fala a lingua a través da nosa boca, pero con vida propia: Yellow Bird, o narrador máis magnífico de Barrio Sésamo; Winnie the Pooh, coa súa glotonería polo mel; ou Bruce, o pobre reno feito cun calcetín pero sen cornamenta. Con calquera outro ser anónimo entraremos no corazón de cada neno e nena da aula, serán os nosos mellores aliados e compañeiros nesta aventura narrativa.

9

10

Que eles identifican coas fotografías dos personaxes.

38

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement