Page 21

O ALUMNADO DE CURTA IDADE E AS LINGUAS ESTRANXEIRAS: EMOCIÓNS E AFECTIVIDADE María Elisa Vázquez González Profesora no CPI Cruz do Sar

A sociedade está pedindo á escola que avance cara a unha escola inclusiva, cara á integración e a cultura da diversidade. Que ensine a vivir as diferenzas como algo enriquecedor e non como un obstáculo. O feito de que se presente “o estranxeiro” a nenos e nenas dende idades moi temperás cumpre un importante papel neste campo de actuación xa que do tipo de actividades que se propoñan ao alumnado dependerá o adecuado ou menos adecuado camiño para educar na diversidade e colaborar na creación de cidadáns e cidadás tolerantes, comprensivos e responsables. Pero teremos que ter moito coidado en non converter a fase de sensibilización cara á lingua estranxeira nunha “escolarización en inglés”. A idade dos nenos e das nenas de Educación Infantil non é axeitada para iso e non merece a pena acelerar os procesos, xa que nese momento están na fase de xogar, de coñecérense a si mesmos e aos compañeiros e compañeiras, de aprender a expresarse corporalmente, de adquirir hábitos de hixiene e rutinas de convivencia, de observar o seu contorno próximo... Aínda están desenvolvendo as súas outras linguaxes (física, musical, plástica...) e as súas outras linguas. En lingua estranxeira podemos axudarlles, facilitarlles ou aprenderlles cousas que teñen que ver co seu mundo e o seu grao de desenvolvemento, afianzar aprendizaxes xerais, pero fundamentais nesta etapa, como por exemplo, competencias básicas relativas ao feito de comunicar: o ritmo conversacional, a comprensión auditiva, como intervir en conversacións, falar, saber se os e as demais nos comprenden ou reaccionar perante estímulos orais. Os mestres e mestras especialistas de inglés poden axudar a que o alumnado aprenda a mirar, a escoitar, a reaccionar perante demandas, suxestións, ordes ou felicitacións. Deste modo, os mestres e mestras están favorecendo de maneira global a construción da identidade de cada nena e de cada neno e a súa predisposición para posteriores aprendizaxes. Sabemos que as nenas e os nenos aprenden a través da actividade que realizan, é dicir, grazas ao que fan e que acompaña á linguaxe. Dita actividade, no caso de linguas estranxeiras en idades temperás, por desenvolverse nunha lingua que o alumno inicialmente non comprende, ten que levar unha carga extra de afectividade. A motivación, a alegría, o agarimo e a emoción chegan a todo o alumnado, sexa cal sexa o seu grao de desenvolvemento ou as súas circunstancias persoais. Coma se fosen contaxiosas, todos e todas as comprenden e as reciben do mesmo modo, é dicir reaccionando positivamente perante elas e mostrando o seu interese por realizar o que se lles pide, cada un/unha ao seu nivel: se a persoa que aprende percibe a mensaxe quererá tomar a iniciativa e intervir de modo persoal na actividade. Para que as nenas e nenos se mostren activos nunha aula de lingua estranxeira terán que entender o que se espera deles/delas; esa mensaxe, nunha lingua que descoñecen, vai ser transmitida polo profesorado dende os primeiros momentos de modo puramente sensorial. Por iso os contactos iniciais do alumnado coa lingua estranxeira son especialmente significativos: o primeiro achegamento dunha nena ou dun neno a unha lingua estranxeira reviste sempre un forte contido emocional posto que supón enfrontar toda unha gama de sons novos e de patróns culturais diferentes. É un encontro co que se denomina “a música da lingua”, todo un mundo de ruídos e de acústica distinto ao das outras linguas que lle son familiares. Trátase dunha experiencia “de carácter sensible” e, como afirma Atienza (1998), cando afrontamos os nosos primeiros contactos cunha lingua descoñecida: ”O que nos interpela en primeiro lugar, constituíndo o primeiro índice da súa maior ou menor “estranxeiridade” é a súa materialidade sonora –non só fónica–, pois xunto cos sons lingüísticos o noso corpo é estimulado tamén polos ruídos ambientais que adoitan acompañar as interaccións comunicativas no seu contexto.”1 ATIENZA MERINO, José Luis, Emoción y aprendizaje de lenguas extranjeras, en Aula de innovación educativa número 76, Páx. 27. (Nov. 1998) Edit. GRAÓ, Barcelona.

1

19

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement