Page 15

Porén, os estudos relacionados co plurilingüismo indican que si é posible a adquisición de máis de dúas linguas e que non presenta problemas no desenvolvemento cognitivo. Hai estudos (Jessner, 1999; Baker, 2001) que afirman que o pluriligüismo pode desenvolver non só a conciencia metalingüística, senón tamén a creatividade. A maioría dos estudos sobre a influencia do bilingüismo na adquisición de linguas adicionais indican que o bilingüismo ten unha influencia positiva na adquisición de terceiras linguas (Muñoz, 2000), influencia que pode explicarse en base á interdependencia lingüística, ao maior desenvolvemento da conciencia metalingüística e ás estratexias de aprendizaxe de linguas. Por outra banda, canto á influencia que a terceira lingua pode ter nas linguas ambientais, existen estudos (Cenoz, 1997) que conclúen que, cando o número de horas de exposición en inglés non supera as dúas horas e media por semana, a súa introdución temperá non supón ningún tipo de obstáculo para o desenvolvemento natural das linguas ambientais. O modelo de anticipación galego engade o inglés ás dúas linguas ambientais en tres períodos semanais de vinte minutos e supón unha exposición inicial á terceira lingua, que progresivamente será maior nas seguintes etapas educativas. Esta exposición inicial debe basearse no principio do que é a aprendizaxe en educación infantil: o enfoque globalizado e integrador das aprendizaxes. Debemos lembrar que o alumnado de educación infantil atópase nun período pre-operacional, é dicir, a súa capacidade de abstracción é nula, o que quere dicir que o seu mundo constrúese en función da súa realidade inmediata no tempo e no espazo. Xa que logo, a percepción e a experimentación coa realidade presente e tanxible serán o referente fundamental para deseñar as actividades. A terceira lingua integrarase, dende un punto de vista lúdico e partindo do traballo en grupo, non só na área de comunicación e representación como as linguas ambientais, senón a través de todas as áreas, traballando e desenvolvendo as competencias básicas a través dun enfoque globalizado baseado en tarefas e proxectos no que as TIC deben estar presentes, xa que o neno ou a nena constrúe as bases das súas futuras aprendizaxes. Deste xeito, a variedade e riqueza das experiencias que lle pode achegar a escola permitiranlle prepararse para a súa inserción na sociedade plural na que todas e todos estamos inmersos na actualidade. A linguaxe ha de ser entendida como unha capacidade que o alumnado debe desenvolver e que debe estar dirixida á comunicación. Por isto, entendemos que, na liña do tratamento integrado das linguas ou do meu primeiro portfolio, tanto a lingua adicional/estranxeira como as linguas ambientais, deben desenvolverse paralelamente nesta etapa, xa que a primeira, segunda e terceira linguas conviven, nútrense e retroaliméntanse nun contexto de completa normalidade. Evidentemente, isto non pode levarse a cabo sen o labor conxunto do profesorado titor e o profesorado de inglés. Cómpre que o profesorado de inglés coñeza como é o alumnado na etapa de infantil, como traballa o profesorado nesa etapa e como debe ser a colaboración do profesorado nese labor conxunto. Conscientes das dificultades que supón a adaptación do profesorado especialista de inglés á etapa de infantil, deseñamos esta publicación co obxectivo principal de axudar ao profesorado especialista de inglés en educación infantil no seu labor de adaptación á devandita etapa así como fornecelo de propostas de traballo concretas. Para contribuír a mellorar a calidade do ensino nesta etapa educativa, o traballo que aquí presentamos pretende dar resposta a esas dificultades mediante o tratamento de tres aspectos fundamentais: 1) A adquisición da linguaxe e as características do desenvolvemento psicoevolutivo do alumnado de educación infantil, a nivel cognitivo, motor e afectivo. 2) O traballo na etapa de infantil e pautas de colaboración entre o profesorado titor e o profesorado especialista de inglés. 3) Exemplificacións dese traballo conxunto a través de propostas didácticas de aula no marco dun enfoque globalizado. En definitiva, a anticipación dunha primeira lingua adicional ou dunha terceira lingua debe ser entendida como unha chave para abrir a porta ao plurilingüismo aos meniños e meniñas.

13

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement