Page 13

APRENDIZAXE TEMPERÁ DA TERCEIRA LINGUA: UNHA PORTA AO PLURILINGÜISMO Fco. Xabier San Isidro Agrelo Asesor de Linguas Estranxeiras da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Para abordar a aprendizaxe da primeira lingua estranxeira ou adicional1 en educación infantil cómpre entender primeiro a dimensión europea canto ao desenvolvemento da política educativa no que respecta ás linguas. O 21 de novembro de 2008 a Comisión Europea presentou os datos do estudo de Eurydice, rede de información sobre a educación en Europa, sobre o ensino de idiomas nos centros educativos europeos. O estudo, a través de corenta indicadores, amosa o crecente apoio por parte dos Estados Membros da Unión Europea á aprendizaxe de linguas e á aprendizaxe delas a unha idade cada vez máis temperá. Este estudo evidencia a cada vez maior implicación por parte dos Estados Membros no que respecta ao ensino e aprendizaxe de linguas, que, no caso de linguas adicionais, non é máis que o resultado da política lingüística levada a cabo nos últimos anos, centrada no fomento do plurilingüismo e a interculturalidade a través de varias liñas de actuación: aprendizaxe temperá de linguas estranxeiras ou adicionais, o ensino e aprendizaxe de contidos a través de linguas adicionais (CLIL), o desenvolvemento de estratexias de motivación cara á aprendizaxe de linguas (formación do profesorado, programas de inmersión, intercambios, creación de redes, etc.) e o apoio ás linguas denominadas “minoritarias”. Cando se trata o tema da política educativa referente ás linguas no marco da Unión Europea, acostúmase mencionar o Libro Branco da Comisión Europea sobre a Educación e Formación do ano 1995 como referente principal para o que está a acontecer na actualidade, xa que sentaba as bases do que constituiría o ensino de linguas nos anos seguintes. O devandito documento explicita a necesidade de coñecer outras culturas e linguas europeas e propón desenvolver o ensino de, cando menos, dúas linguas comunitarias entre os mozos e mozas, promover técnicas innovadoras de ensino de idiomas, dar a coñecer nos centros educativos as boas prácticas docentes e favorecer a sensibilización cara ás linguas e culturas dos países membros xa dende idades temperás. Pero, sen dúbida, o acontecemento máis importante nos últimos anos, que está a transformar os modos de aprender e ensinar linguas, e que foi consecuencia do interese renovado pola aprendizaxe e o ensino de idiomas, foi a publicación do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación (2001) e o nacemento do Portfolio Europeo das Linguas, concibidos para promover o plurilingüismo, aumentando a motivación e o apoio dunha aprendizaxe máis eficiente das linguas ao longo de toda a vida. Máis especificamente, canto á aprendizaxe de linguas en idades temperás, xa o Consello de Europa, na súa resolución do 16 de decembro de 1997 consonte a aprendizaxe temperá de linguas adicionais establece que este tipo de aprendizaxe pode ser un factor significativo cara á consecución de dous obxectivos básicos: a) manter a diversidade cultural e lingüística; b) e promover o multilingüismo (no sentido do actual plurilingüismo) europeo. Posteriormente, a Comisión Europea, no seu documento Promover a aprendizaxe de linguas e a diversidade lingüística: plan de acción 2004-2006 (2003) expresou a súa intención de estender, consolidar e desenvolver a aprendizaxe temperá de unha ou máis linguas estranxeiras ou adicionais 1 Termo cada vez máis estendido entre expertos na Unión Europea, que xa utilizaron Judd, Tan e Walberb, na publicación da UNESCO Teaching Additional Languages (2001) traducida por Raquel Amaya Martínez: “Por múltiples razones hemos escogido las dos últimas palabras del título de esta guía Enseñanza de idiomas adicionales en vez de los términos más comúnmente utilizados Segundo Idioma o Idioma Extranjero, ya que es posible que los estudiantes estén aprendiendo más de uno o dos idiomas. La palabra adicional los abarca a todos excepto, por supuesto, la lengua materna. Un idioma adicional, además, podría no ser extranjero ya que mucha gente en su país puede hablarlo cotidianamente. Por otro lado, el término extranjero puede sugerir la idea de extraño, exótico o, incluso, intruso, todas ellas con connotaciones no deseables. La elección del término adicional está basada en nuestra creencia de que los idiomas adicionales no son necesariamente inferiores, superiores o un sustituto de la primera lengua del estudiante.”

11

Ingles en E. Infantil  
Ingles en E. Infantil  

O inglés en Infantil: unha porta ao plurilingüismo

Advertisement