Page 1

Por Saxamonde

posibilidades dunha saĂ­da didĂĄctica


Por Saxamonde. Posibilidades dunha saída didáctica Autores:

Modesto Campos Castro Adrián Barreiro Viñas Florentino Míguez Durán Jerónimo Jablonski García Paulo Jablonski Garcia

Deseño e maquetación: Elena Muíños Martínez Revisión Lingüística: Dolores Míguez Montes Colaboradores: David Ricoy Lago Alberte Román Losada Mónica González Miguéns Florentino Míguez Rodríguez

Iniciativa da Asemblea Veciñal contra o Polígono Industrial Mos-Redondela Colabora Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Saxamonde “Por Saxamonde” está publicado baixo unha licenza Creative Commons. Recoñecemento – Non Comercial – Sen obra derivada 3.0. Permítese copiar, distribuír e comunicar publicamente o texto por calquera medio, sempre que sexa de forma literal, citando a fonte e sen fins comerciais.

Texto accesible en “issuu.com/saxamonde”


Si dixese que sí, que todo está moi ben, que o mundo está moi bon, que cada quén é quén... Conformidá. Ademiración. Calar, calar, calar, e moita precaución. Si dixese que acaso as cousas son esí, porque sí, veleí, e non lle demos voltas. (Si aquíl está enriba i aquil outro debaixo é por culpa da vida. Si algunhos van de porta en porta cun saco de cinza ás costas é porque son unhos docas). Si dixera que sí... Entón sería o intre de falar seriamente da batalla de froles nas festas do patrón. Pero non.

“Non”, Celso Emilio Ferreiro (1962): Longa noite de pedra


A finais do verán de 2008 publicouse no DOG o proxecto do Polígono Industrial Mos-Redondela. Unha zona industrial de 760.000 m² que pretende ocupar terreos das parroquias de Saxamonde, Vilar de Infesta (Redondela) e Louredo (Mos). Ante esta pretensión, na parroquia de Saxamonde organizáronse varias xuntanzas informativas das que xurdiu a Asemblea Veciñal contra o Polígono Industrial Mos-Redondela. Un grupo de habitantes que non se conformou en aceptar que todo está moi ben, que considerou que loitar polo seu entorno merecía a pena, que as cousas non se aceptan porque sí. A Asemblea decidiu non calar, reflexionar e actuar ante o despropósito proposto. Decidiu non dar conformidá a un proxecto non debatido; non admirar un proxecto imposto; non conformase coa mala xestión que algúns queren facer dos bens comúns; non calar nin ser precavidos porque se perdemos o noso entorno e deixamos que a vida pase por nós sen deixar que se escoite a nosa voz, seríamos cómplices da súa destrución. O noso non está lonxe do non porque sí. É un non reflexivo, discutido, contrastado e, finalmente, loitado. Estamos convencidos de que existen modelos de progreso máis válidos. Consideramos que a imposición non é o modelo a seguir nunha suposta democracia. Pensar no benestar das persoas é ser conscientes das consecuencias das nosas accións para o futuro. A execución dun polígono non pode ser froito do descoñecemento da contorna no que se pretende implantar. Se desexamos a construción dun futuro baseado no benestar, o primeiro que temos que ter presente é a parte máis importante de todo país, as persoas que han habitar ese futuro.

Nós dicimos que non e a nosa batalla de froles é unha batalla

de argumentos, de valorización do entorno no que vivimos; unha batalla de traballo para un nós colectivo; unha batalla que xa dera o patrón de Saxamonde, o mártir do século IV San Román, ao que lle cortaron a lingua e torturaron ata a morte por defender o que cría en tempos da persecución do emperador Diocleciano. Unha defensa que está relacionada cunha das explicacións da propia etimoloxía do topónimo que dá nome á parroquia. De orixe xermánica, Saxamonde poida que sexa xenitivo do nome xermánico latinizado *Sunja-mundus, equivalente a ‘protector da verdade’.


Agardando non ter que emular a San Román pero desde a protección da verdade en forma de loita de argumentos, a Asemblea Veciñal contra o Polígono Industrial Mos-Redondela presenta este material didáctico como un paso máis na defensa do territorio e do benestar colectivo. Por Saxamonde é unha proposta de saídas didácticas pola parroquia de Saxamonde dirixidas a centros escolares. Realizada desde a rigorosidade, está dividida en oito capítulos correspondentes a oito materias escolares. Cada un dos capítulos está divido en dúas partes. A primeira dedicada á exposición dos contidos teóricos sempre en relación coa contorna da parroquia e, a segunda, con propostas de actividades para traballar tanto na aula como no campo. Todos os capítulos incorporan un apartado de glosario para facilitar a comprensión dos seus contidos. Xunto coas materias, ofrecemos a posibilidade de percorrer catro rutas con destino ao Chan das Pipas, en Saxamonde. Cada ruta está acompañada dunha guía cos elementos máis salientables a observar e traballar co alumnado.

Con esta publicación pretendemos axudar á comunidade escolar e ao conxunto da poboación a coñecer a realidade de Saxamonde e a súa contorna con maior detalle. Consideramos que toda decisión sobre proxectos das dimensións e consecuencias do Polígono Industrial Mos-Redondela ten que estar acompañada do coñecemento do lugar que se pretende ocupar. Esta é unha ferramenta que nos permite elaborar criterios, coñecer e valorar o entorno de Saxamonde, primeiro paso para construír un futuro de benestar.


Índice I.

Mapas e rutas.......................................................................... 11

II.

Apartados: 1. Historia:........................................................................... 17 2. Xeografía.........................................................................29 3. Ciencias Naturais............................................................. 39 4. Educación Física .............................................................. 53 5. Tecnoloxía........................................................................ 65 6. Os camiños de ferro......................................................... 79 7. Plástica............................................................................ 87 8. Educación para a cidadanía.............................................. 93

Fontes e recursos internet.............................................................. 103


Mapas e rutas Ruta da auga 1: Seguindo a senda da auga desde Cedeira ( uns 7 Km). Saída desde a estrada que sobe de Cedeira ata o monte Penide (pouco máis arriba da igrexa e do pazo de Cedeira). Ata esta saída temos que subir desde Redondela (chegar a 180 m sobre o nivel do mar) e logo todo o camiño será sen desnivel e seguindo sempre a antiga canalización de auga que vai do Oitavén ata Vigo. A maior parte do camiño será sobre terra, aínda que hai anacos asfaltados. É unha ruta recentemente restaurada. Destacado desta ruta: 4Muíños no inicio 4Canalización en pedra para traer auga a estes muíños 4Varios cortalumes 4Depósito da traída de augas de Cedeira 4Panorámica de Redondela e contorna 4Liñas de alta tensión 4Cruza a N-555 4Pasa pola parte baixa do aeroporto (despegues e aterraxes, ruídos) 4Vexetación variada (carballos, piñeiros, eucaliptos, acacias,...) 4Zonas de monte e labranza. 4Igrexas de Cedeira e Vilar 4Vistas sobre os desterros do Eixo Atlántico de Alta Velocidade

11


Ruta da auga 2: Seguindo a senda da auga desde Reboreda ( uns 8 Km ). Subimos pola estrada que vai a Amoedo e despois de Reboreda chegamos baixo unha ponte pola que transcorre a senda da auga. Pasados 100 m viramos á esquerda e comezamos a ruta. Acadamos aquí os 180 m de altitude que manteremos durante o percorrido. Cando chegamos ao Alto dos Valos, parece finalizar o camiño xa que hai un gran vaso comunicante (sifón) na traída para salvar o inicio do val. Deberemos coller a estrada que vai cara Vilar de Infesta para chegarmos ao Chan das Pipas. Destacado desta ruta: 4Boas vistas sobre a ría e sobre Redondela 4Muíños no percorrido 4Pozas para regadío 4Colexio Público de Quintela 4Zonas deforestadas 4Vistas sobre as obras do túnel do Eixo Atlántico de Alta Velocidade 4Boas panorámicas sobre o val do Mañó 4Seguimento panorámico sobre o trazado da vía férrea 4Perspectiva sobre o aeroporto 4Contacto visual coa N-550 4Zonas de monte, labradío e casas. 4Vexetación variada (carballos, piñeiros, eucaliptos, mimosas, acacias...)

12


Ruta do Camiño de Santiago: Seguimos o Camiño Portugués a Compostela (uns 5 Km). Só será preciso seguir as frechas amarelas do Camiño no sentido contrario, arredándonos de Santiago. É unha ruta que vai case toda sobre asfalto pola N-550 no barrio de O Muro e logo por estradas secundarias (hai que circular con certa precaución) e cun considerable desnivel no barrio de Padrón. Destacado desta ruta: 4Cambio de zona urbana a rural e a monte. 4Percorrido pola zona fonda do val 4Camiño paralelo ao río Maceiras 4Obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade de perto 4Cultivos: fincas (tradicionais) e invernadoiros (produción de plantas) 4Zonas de ruídos (estrada, obras Eixo Atlántico de Alta Velocidade, aeroporto,...) 4Vista panorámica do val desde o Coto do Gran, con Redondela ao fondo 4Antenas de telefonía

13


Ruta do camiño de ferro: Seguindo a antiga vía do tren ( aproximadamente 4 Km ). Polo antigo viaduto de Redondela confluían os trens que circulaban desde Porriño pola ladeira leste do val do Maceiras (val de Mañó), pero coa modificación do trazado pasouse a vía para a ladeira oeste. A antiga vía actualmente serve como vial, unha vez asfaltada. Aínda son ben visibles as pontes, muros en pedra e canalizacións de auga que nos lembran o seu antigo uso. Desde Redondela a ruta é chan ata o barrio do Casal do Monte, onde salva un desnivel de 100 m. ata chegar ao Chan das Pipas. Destacado desta ruta: 4Vista de Redondela desde o alto (ordenación urbana...) 4Desterros do Eixo Atlántico de Alta Velocidade e vistas sobre as obras do túnel 4Obras que se fixeron para esta vía (pontes, canalizacións, muros, vertedoiros...) 4Zonas de ruídos (estrada, obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, aeroporto,...) 4Liñas de alta tensión 4Antenas de telefonía (sobre a Opel) 4Zonas de cultivo e invernadoiros 4Nova vía do tren

Altitude Chan das Pipas 180 m. Redondela está ao nivel do mar

14


PREHISTORIA E HISTORIA ANTIGA

Non é doado establecer o momento exacto en que se asentaron os primeiros seres humanos na parroquia de Saxamonde e arredores, pero si podemos asegurar que se trata, cando menos dende finais do Neolítico (hai 5.000 ou 6.000 anos), dunha zona de intenso e continuo poboamento prehistórico. A pesares de que aínda está pendente un estudo arqueolóxico completo, os numerosos restos materiais confirman esta ocupación. A isto hai que sumarlle a importancia das vías de desprazamento xa dende época romana, o que converte a Saxamonde nunha parroquia cunha importancia histórica notable no contexto da rexión.

PREHISTORIA: Cando falamos de prehistoria referímonos á longa etapa que vai dende o orixe do ser humano, hai uns cinco millóns de anos, ata a ­invención da escritura, hai uns 6.000 anos. Este período sóese dividir así mesmo en 3 etapas: • Paleolítico: dende a aparición dos nosos antepasados (os Australopitecus no continente africano) ata fai aproximadamente uns 10.000 anos. • Neolítico: comezou co descubrimento da agricultura e da gandaría hai uns 10.000 anos. • Idade dos Metais: deu comezo hai uns 7.000 anos, no momento en que os seres humanos aprenderon a utilizar os metais para fabricaren obxectos. Estas datas poden variar en función da rexión que se estude, xa que as

17


transformacións non se deron dunha vez en todo o planeta. Partiremos aquí do caso concreto de Galicia e do norte de Portugal, destacando os restos prehistóricos que hoxe en día podemos atopar na parroquia de Saxamonde e nos seus arredores.

O Paleolítico: O comezo do paleolítico en Galicia iníciase coa chegada dos humanos á nosa terra: hai uns 30.000 anos. Trátase de pequenos grupos humanos establecidos en campamentos ou en abrigos rochosos. Adicábanse á recolleita de alimentos e a caza de animais, para o que contaban con ferramentas feitas con pedras ou ósos moi rudimentarias, de entre as que destacan bifaces, burís, perforadores, raspadeiras e puntas de frecha. Para elaboraren estes materiais empregaban a técnica do lascado, que consiste en golpear un núcleo de rocha dura nos seus bordos para conseguir un gume cortante. Trátase de grupos nómades, xa que non se establecían definitivamente nun lugar, senón unicamente durante o tempo no que o contorno lles proporcionase alimento suficiente para vivir. É neste período cando se produce o descubrimento do lume, o que traería multitude de vantaxes para estes grupos. Dende o punto de vista social é probable que se organizasen en clans, grupos organizados nos que uns individuos exercían a xefatura. Esta organización en pequenos grupos e a división do traballo entre os membros do mesmo permitiulles mellorar as técnicas de recolección, pesca e caza. Por último, é necesario destacar que é nesta etapa paleolítica cando aparecen as primeiras pinturas e relevos no interior das covas que, ademais dun valor artístico, posiblemente tiveron outras significacións que os prehistoriadores tratan de descubrir. No que se refire á nosa parroquia non apareceron de momento restos deste período, aínda que si temos vestixios en zonas próximas como as Gándaras de Budiño.

O Neolítico: Como sinalamos anteriormente, o Neolítico caracterízase polos profundos cambios que ocasionou na humanidade a aparición da

18


Esquema dunha mámoa con anta (E. Ramil Rego)

agricultura e da gandaría. O ser humano deixou entón de ser depredador e converteuse en produtor, intervindo na natureza e transformándoa no seu propio beneficio. Dende o punto de vista material, observamos unha nova técnica na fabricación das ferramentas, a do pulido, coa que se consegue un gume continuo e aparecen novos utensilios máis apropiados para as novas necesidades: aixadas, fouces, mazas, muíños... Estes importantes cambios orixinaron unha serie de profundas transformacións na humanidade: o notable aumento na produción de alimentos trouxo como consecuencia directa un considerable crecemento demográfico. A isto hai que sumarlle o proceso de sedentarización asociado ao descubrimento da agricultura e da gandaría. A cerámica será testemuña de todas estas transformacións das que o noso territorio non vai ser alleo. Aínda que o Neolítico en Galicia deu comezo arredor do oitavo milenio antes de Cristo, hai que esperar ata o cuarto milenio antes da nosa Era (a. n. E.) para observar o seu pleno desenvolvemento, coincidindo coa aparición da cultura megalítica. Esta cultura caracterízase polas construcións funerarias feitas con grandes pedras. Os monumentos megalíticos máis frecuentes son os sepulcros, formados por un túmulo ou mámoa (elevación artificial do terreo) e un dolmen ou anta no interior. A anta é unha cámara funeraria de forma poligonal construída con pedras verticais moi grandes, cubertas por outras dispostas horizontalmente. Diante da cámara pode abrirse un corredor mediante o cal se accedía ao interior da mesma. Neste interior acubillaban os sepulcros onde se efectuaban os enterramentos colectivos acompañados de enxovais, onde abundaban máis ben os útiles de finalidade produtiva cós obxectos de enfeite. Estes enxovais eran máis ou menos uniformes

19


en todos os sepulcros, o que denota a existencia dunha sociedade relativamente igualitaria. Trátase tamén dunha sociedade pouco belicosa, composta de pequenas unidades, asentada de forma dispersa sobre o territorio e extremadamente relixiosa, como manifesta a gran cantidade de sepulcros erguidos, as ofrendas que realizaban aos mortos e as pinturas e gravados atopados nas mámoas, que aluden a unha mitoloxía centrada na morte e na fecundidade. Á hora de analizar estas manifestacións relixiosas poderíamos centrarnos en dous elementos. Por un lado, o animismo. Trátase do culto aos espíritos que habitan nas cousas ou nas forzas da natureza. O ser humano do Neolítico pensa que detrás dos fenómenos naturais hai uns espíritos que habitan en determinados lugares ou vagan libremente, aínda que tamén poden habitar nos fetiches ou obxectos que se fabrican para o culto: estatuiñas, amuletos, máscaras... O segundo elemento destacado das prácticas relixiosas neolíticas é o culto aos mortos. Este culto ten a súa orixe na crenza de que os mortos viven a través dos seus espíritos ou ánimas, e que seguen habitando nos lugares onde viviron. Os que aínda viven honran aos mortos, enterrándoos xunto coas súas cousas máis queridas, levándolles alimentos e outras ofrendas ou incluso consultando con eles antes de tomar decisións. Neste sentido, as antas son monumentos funerarios que dan testemuño da crenza dos poboadores do período neolítico nunha vida ultraterrea. Nestes monumentos funerarios atopamos en moitos casos os enseres persoais e de caza, enseres que o morto precisaría para a súa seguinte vida. Consérvanse hoxe en día en Galicia gran cantidade de construcións megalíticas. Neste sentido, o concello de Redondela, entre as parroquias de Trasmañó e Cabeiro, posúe unha das maiores necrópoles megalíticas do noso país, contabilizándose neste conxunto arqueolóxico arredor de

20


40 mámoas. Tamén na parroquia de Saxamonde temos contabilizados varios túmulos desta época, concentrados todos eles, como podemos observar no mapa topográfico, na zona de Chan das Pipas, que denotan unha ocupación real do territorio. Segundo este mesmo mapa, observamos outro conxunto tumular no barrio de Santiaguiño, na veciña parroquia de Vilar de Infestas. O mesmo tempo, no lugar de Arrufana, xa no concello de Mos, atopáronse restos dun asentamento datado neste período. Trátase concretamente de 27 pezas: 2 fragmentos cerámicos, 4 fragmentos de tégula, un metal e 20 líticos realizados con material da zona. A todo isto hai que engadirlle os restos dunha fogueira circular de case 2 metros de diámetro e 30 cm. de profundidade que os nosos antepasados acenderon hai máis de 5.500 anos. Este último asentamento aparece sinalado no mapa coa etiqueta de Porto dos Valos.

A Idade do Bronce: Esta etapa desenvolveríase dende comezos do segundo milenio a.n.E. ata aproximadamente o ano 700 a.n.E. e recibe este nome pola xeneralización do uso deste metal resultado da aliaxe de cobre e estaño. A implantación e consolidación da metalurxia supuxo unha serie de cambios tecnolóxicos e sociais. Dende o punto de vista tecnolóxico, a aparición do bronce permitiu a fabricación de materiais máis complexos e de maior calidade o que repercutiu claramente nos rendementos agrícolas. Trátase dunha agricultura baseada nos cereais de inverno como o trigo e o orxo. Ao mesmo tempo, neste período reforzouse a especialización de tarefas e a xerarquización iniciada nas etapas anteriores. As relacións comerciais se intensificaron e o noroeste da península Ibérica vai xogar un papel clave nestes fluxos comerciais, debido non só aos seus recursos naturais, senón tamén á súa localización estratéxica dentro da Europa atlántica. Unha das manifestacións artísticas máis singulares deste período en Galicia foron os debuxos gravados sobre pedras de granito feitos ao aire libre, que se coñecen como petroglifos. Aínda que non se atoparon mostras deste tipo de gravados en Saxamonde, si se pode constatar a presenza humana na parroquia durante este período grazas ao achado

21


de 34 fragmentos de cerámica feita a man, cor escura parda, lasca de sílex e un canto de cuarcita tallado.

HISTORIA ANTIGA: Mentres ao longo do primeiro milenio a. n. E. fenicios, gregos, cartaxineses e romanos sucedíanse e, nalgúns casos, disputábanse o control do Mediterráneo, desenvolveuse no Noroeste da Península Ibérica dende comezos do século VIII a. n. E. unha peculiar cultura que recibe o nome de castrexa, por selo seu elemento máis característico o tipo de poboado que posúe, denominado “castro”. Trátase dun poboado fortificado de planta redondeada xeralmente situado en lugares de fácil defensa. No seu interior distribúense as vivendas, de planta circular ou ovalada, en aparente desorde, pois non se dispoñen seguindo rúas nin arredor de prazas. Podemos afirmar que os poboadores destes castros non formaron nunca unha unidade política, aínda que establecían relacións entre eles. Polos restos atopados (murallas, armas, esculturas de guerreiros...) tamén parece claro que se trataba dunha sociedade guerreira. No tocante á actividade económica, os castrexos seguiron practicando a agricultura, a gandaría, a pesca e a minaría coa principal novidade da introdución do ferro. A fase máis florecente desta cultura castrexa coincidiu cos séculos en que se produciu o contacto coa cultura romana, dende as primeiras

Miliarios de Saxamonde e Vilar de Infesta

22


incursións de Décimo X. Bruto (alá polo II a. n. E.) ata a definitiva incorporación do territorio galego ao Imperio romano. Non se teñen evidencias da existencia dalgún castro na nosa parroquia, aínda que si as temos acerca dese período de romanización mencionado anteriormente. Estas evidencias chegaron ata nos grazas a dous tipos de fontes: fontes escritas e fontes arqueolóxicas. Ao falar de fontes escritas referímonos ao Itinerario de Antonino. Trátase dunha recompilación de rutas do Imperio romano redactada en torno ao século III despois da nosa Era (d. n. E.). Nesta recompilación aparece a vía XIX cuxa construción iniciouse probablemente no ano 19 a. n E. e foi inaugurada no 11 d. n. E. É esta unha das vías máis importantes da época, xa que, coas súas 299 millas (cerca de 500 quilómetros), unía as capitais dos tres conventos xurídicos da Gallaecia romana: Brácara Augusta (Braga), Lucus Augusta (Lugo) e Astúrica Augusta (Astorga). Esta calzada, que resultaba transcendental para asegurar o control administrativo e militar da nova conquista, atravesaba, como se pode

23


apreciar no mapa, a parroquia de Saxamonde. No que se refire ás fontes arqueolóxicas, atopouse na parroquia un miliario (columnas que se situaban ao borde das calzadas romanas para sinalar as distancias cada mil passus, é dicir, cada milla romana, o que equivale a aproximadamente 1.481 metros). Trátase dunha columna de case que 3 metros de alto cunha inscrición en latín, pero que na actualidade consérvase dividida en catro partes, cortadas de arriba a abaixo, que foron empregadas como postes para as parras. Este miliario reconstruído consérvase hoxe no Museo Provincial de Pontevedra. Na veciña parroquia de Vilar de Infestas podemos observar un na súa localización orixinal, aínda que en bastante mal estado de conservación. Xa na Idade Media, esta calzada de orixe romana vai ser empregada polos peregrinos no seu camiño cara Santiago de Compostela: forma parte, polo tanto, do Camiño Portugués a Santiago.

24


ACTIVIDADES 1. Fai unha liña do tempo e ordena nela as seguintes etapas históricas: Idade de Bronce, Historia Antiga, Neolítico, Paleolítico. 2. Sitúa cada elemento na parte do cadro que lle corresponda: Vía XIX, petroglifos, mámoas, miliario, castros, caza e recolección, Itinerario de Antonino, cultura megalítica, Décimo X. Bruto, técnica do lascado, técnica do pulido, caza e recolección, agricultura e gandaría, nómades, cerámica, ferro. PALEOLÍTICO

NEOLÍTICO

IDADE DE BRONCE

HISTORIA ANTIGA

3. Que clase de vantaxes pensas que puido traer o dominio do lume para os homes e mulleres do Paleolítico?

4. Ademais do valor artístico, que outras significacións pensas que puideron ter as pinturas paleolíticas?

25


5. Que é un megalito? Por que pensas que se facían construcións dese tamaño para enterrar aos mortos? Que diferenzas observas entre os enterramentos de agora e os de entón?

7. Imaxina que es un habitante da zona de Saxamonde alá polo século II a. n. E. Fai unha pequena redacción na que expliques como viviches o día en que os romanos chegaron a esta rexión (que sentiches, que pensaches, con que intencións viñan, como foron recibidos...) 8. Pensas que é importante que conservemos en bo estado os restos materiais do pasado? Por que?

26


Glosario Arqueoloxía: Ciencia que estuda os tempos pasados a través dos restos materiais que deixou o home. Australopitecus: Xénero extinto de primates homínidos aparecido na África tropical hai algo máis de 4 millóns de anos. A maior novidade que aportan é que se desprazaban de xeito bípedo. O tamaño do seu cerebro é similar ao dos grandes simios actuais. Metalurxia: Técnica que estuda os procedementos para a obtención, transformación e elaboración dos metais. Sedentarización: Proceso iniciado polo ser humano durante o Neolítico consistente no paso a un modo de vida caracterizado polo asentamento permanente, ou durante longas tempadas, dos grupos humanos nun lugar fixo de residencia. Xerarquización: Proceso que establece unha relación de primacía e subordinación que liga a quen compón unha organización ou grupo pechado.

27


Xeografía

A xeografía é a ciencia que estuda a superficie terrestre, a distribución espacial e as relacións entre os fenómenos físicos, biolóxicos e sociais que nela se manifestan. Veremos como todos estes aspectos se manifestas no caso concreto de Saxamonde.

Clima O clima é o estado medio da atmosfera nun lugar concreto. Determinar que unha rexión ten un ou outro clima obriga a observar varias variables metereolóxicas ao longo dun período de tempo: temperatura, precipitacións, presión e vento. Cada un destes factores varía segundo a altura, latitude, proximidade á costa ou altitude. Así, poderemos comprobar como no caso de Saxamonde, aínda que o clima sexa igual para toda a parroquia, hai zonas nas que as temperaturas son máis frías ou a presenza de néboas maior. As temperaturas mídense cun termómetro en estacións meteorolóxicas. A máis próxima é a Estación de Peinador. A temperatura media anual alí é de 13,2 º C. No inverno é de 9º C e no verán de 18ºC. Saxamonde presenta unhas temperaturas semellantes, pero tamén diferenzas entre os diferentes barrios. No inverno, as partes baixas da parroquia, sobre todo o barrio do Souto, ten xeadas menos intensas que nas partes altas, como no Alto de Os Valos ou na zona alta do Casal do Monte. Este desfase está relacionado coa diferenza de altitude. Canta máis altitude, menos temperatura. As precipitacións medias anuais son de 1.904 mm. O gran nivel de precipitacións que recibe Saxamonde enténdese pola proximidade á

29


costa. Os ventos cargan de auga o aire formándose nubes. Ao chegaren á costa atópanse cun obstáculo, as formacións montañosas, e provoca as precipitacións. De feito, o lugar no que máis chove en Galicia é Fornelos de Montes polo efecto barreira que ten a Serra do Suído. A presións é a forza que exerce o aire da atmosfera sobre a superficie terrestre. En Saxamonde, a presión soe ser baixa durante o inverno e alta no verán. Isto provoca a presenza de borrascas no primeiro dos casos e ceos despexados no segundo. O vento é a masa de aire que se despraza por causa das diferentes presións entre distintas áreas. O vento ten efecto no clima e tamén é un indicador sobre o tempo que ha facer. Se venta do sur, anuncia choivas. Se o vento vén do norte provoca un efecto de limpeza de nubes. Cando o vento procede directamente do mar, do oeste, a borrasca é segura. Hai un fenómeno meteorolóxico en Saxamonde que afecta de forma diferente aos distintos barrios, a néboa. A brétema é un fenómeno consistente en nubes moi baixas, a nivel do solo e formadas por partículas de auga moi pequenas en suspensión. A maior parte das néboas prodúcense ao evaporarse a humidade do solo, o que provoca o ascenso de aire húmido que, ao se arrefriar, condensa dando lugar á formación destas nubes baixas. A néboa é frecuente nos cursos dos ríos e nas zonas húmidas. No caso de Saxamonde, o Alto dos Valos vese afectado polas

Perspectiva de Saxamonde a mediados do século XX (Fondo de Florentino Míguez Rodríguez)

30


néboas provocadas polo val do río Louro, no concello de Mos e O Porriño. No outono e no inverno é frecuente ver a zona alta de Saxamonde cuberta de néboas mentres que as zonas baixas presentan ceos despexados. Da mesma forma, ao longo do río Maceiras é normal ver pequenos cúmulos neboentos. As néboas son comúns en Galicia e isto ten un reflexo no idioma. En galego hai ducias de palabras para designar diferentes tipos de néboas. Brétema, mera, barolo, boiro, borralleiro, bruma, bufarra, nebra, parruma, calixe ou fuscallo son só algúns exemplos. Vistas as características que definen o clima de Saxamonde, podemos afirmar que nesta zona existen precipitacións permanentes e máis abondosas no inverno. As temperaturas son suaves durante todo o ano. Estas características correspóndense cun clima tépedo atlántico.

O relevo Dende o punto de vista xeomorfolóxico, é dicir, tendo en conta as formas do relevo, Saxamonde está definida polo val do río Maceiras, os seus principais afluentes, o río Preira ou Cadeláns e o Escornabois e os sistemas montañosos que se erguen a leste e oeste, monte Penide e o monte Mendo. Os dous puntos elevados delimitan perfectamente a pequena gran fosa que dende o sur - no val do río Louro- continúa cara ao norte por Redondela e Pontevedra. Na parte norte da parroquia localízase o Chan das Pipas, unha chaira elevada en forma de atalaia. Esta formación explícase, entre outras razóns, porque estamos sobre materiais máis brandos e por tanto de erosión máis acelerada, mentres que nos montes mencionados anteriormente atopamos polo xeral rochas graníticas, máis duras e resistentes á

31

Barrio de Padrón


erosión. Con todo, as rochas tamén se fracturan e existen numerosas e complexas fallas que permitiron que unhas zonas se levanten por encima doutras e viceversa. Así, hoxe atopamos unha paisaxe determinada pola dureza e fracturación das rochas e modelada recentemente por unha rede fluvial que, en moitos casos, aproveita algunhas destas traxectorias fracturadas para alcanzar o mar. No transcurso do río Pereira ou Cadeláns, situado ao oeste do Chan da Pipas, podemos apreciar varios saltos de auga que evidencian a presenza de fallas na zona. A zona baixa da parroquia, onde o río Maceiras transcorre suave polo val, observamos amplas zonas chairas froito do depósito dos materiais transportados polo río. Estes terreos son os máis fértiles da parroquia xa que o proceso de erosión practicamente non lle afecta.

32


Demografía A demografía é a ciencia que estuda a dimensión, evolución, estrutura e características da poboación dun territorio. A variación do número de persoas que viven nun determinado lugar, como pode ser o caso de Saxamonde, depende de varios factores. A ecuación máis sinxela é aquela que calcula a poboación en base ao resultado da suma do movemento natural da poboación e do saldo migratorio. O movemento natural é o resultado da diferenza das mortes e nacementos producidos. O saldo migratorio é a diferenza entre as persoas que marchan e chegan a ese mesmo lugar. Poboación = saldo natural + saldo migratorio A poboación é un elemento dinámico. Normalmente, varía cada ano atendendo aos factores antes expostos. Con todo, hai momentos nos que esta variación é máis aguda. As guerras, como a Guerra Civil (1936-1939), teñen efectos sobre a poboación. As mortes producidas e a ausencia, sobre todo de homes, fai que diminúan os nacementos. O resultado final é o freo do crecemento da poboación cando non o seu descenso. Na historia recente galega, a emigración é un fenómeno frecuente. Hai dous momentos no s. XX nos que a emigración foi máis elevada. Cada un dos momentos resposta, do mesmo xeito, a dous destinos diferentes. En primeiro lugar, a comezos de século, o fluxo migratorio mira cara a América. En segundo, entre os anos 1950 e 1970. Neste caso, o destino será Europa. Estes dous momentos non pasan desapercibidos no caso de Saxamonde onde, observando a táboa de poboación, se poden apreciar variacións negativas ou estabilización da poboación nos períodos apuntados. Poboación de Saxamonde (1887-2007) Ano

1887 1900 1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1999 2007

Poboación 576

503

582

594

720

715

736

709

754

778

808

Fonte: www.ipdca.com/internovas/historias/poblacion/poblacion.htm, IGE.

33

794


Asentamento da poboación Para unha análise da ocupación do territorio na parroquia de Saxamonde é preciso valorar dúas variables principalmente, unha de carácter físico como é a orografía e unha outra de carácter socioeconómico, a realidade metropolitana da cidade de Vigo. Estes factores determinan tempos históricos diferentes. No contexto da sociedade agraria tradicional foi a orografía, explicada no apartado anterior, quen exerceu o papel reitor na configuración da parroquia. No contexto actual, as dinámicas metropolitanas son as que explican a evolución da morfoestrutura parroquial. Os procesos de urbanización acentúanse e a estrutura socioeconómica deriva para unha caracterización do modelo rururbano. O modelo de poboamento presenta unha estrutura en enxame con entidades de pouca importancia. Na estrutura da parroquia identifícanse catro barrios: Casal do Monte, Padrón, O Souto e Os Valos. Ningún dos núcleos acada entidade suficiente para se erixir como núcleo parroquial. Historicamente, nas dinámicas de ocupación, xogou un papel preponderante o carácter agrario da sociedade. Como resposta a un relevo de acentuada pendente, desenvólvense prácticas de ocupación a partir de socalcos que teñen facilitado tanto a produción agraria como o asentamento de poboación. De xeito xeneralizado, as construcións localízanse a media ladeira presentando como orientacións principais norte, oeste. Pola contra, as zonas baixas do val das Maceiras ocupan un espazo para a produción agraria. No caso das zonas altas, como o Chan das Pipas ou o monte Mendo son destinadas á produción forestal, de mato ou de pradería para o gando. No contexto actual a agricultura ten un menor peso, cando non é nulo, na economía dos habitantes de Saxamonde. Este feito dá paso a outros factores á hora de explicar as formas de ocupación. Falamos, entón, do factor da mobilidade; isto é, o movemento de poboación entre núcleos de poboación. As dinámicas de ocupación caracterízanse por un incremento da poboación, tanto de orixe urbana que se traslada ao ámbito rural como aquela procedente doutros ámbitos que chega por causa da capacidade de atracción da área metropolitana. Este fenómeno provoca un aumento da presión urbanizadora sobre o espazo, en

34


detrimento do uso agrario. As dinámicas de ocupación contemporáneas hai que inxerilas, pois, nos procesos de urbanización difusa presentes nas áreas periurbanas das cidades galegas. No caso de Saxamonde, a súa proximidade a núcleos urbanos como o de Redondela ou Vigo exercen unha presión no modelo de asentamento xerado dentro da propia parroquia durante anos. Xunto con esta proximidade, non podemos esquecer o protagonismo que adquiren as vías de comunicación, destacando a presenza da N-550, que atravesa a parroquia de norte a sur. En resumo, no caso de Saxamonde, como noutras parroquias de semellante natureza, podemos observar dous modelos de asentamento superpostos. O primeiro atende a variables orográficas e un esquema de economía agraria, respectando as zonas de cultivo, pradería e forestal. O segundo está desvencellado da actividade agrícola e ocupa o espazo sen atender á súa función produtiva.

Glosario Altitude: Altura dun punto con relación ao nivel do mar. Área metropolitana: É unha rexión que engloba unha cidade central que dá nome á área e unha serie de concellos satélites que poden funcionar como lugares dormitorio, industriais, comerciais e servizos. Áreas periurbanas: Áreas que rodean a unha grande urbe. Fallas: É unha descontinuidade que se forma nas rochas superficiais da Terra causada por unha fractura. Orografía: Parte da xeografía física que ten por obxecto o estudo descritivo do relevo terrestre. Relevo: Conxunto de formas que ten a cortiza terrestre Rururbano: É o territorio que combina unha estrutura rural, pero con elementos, prácticas e usos urbanos. Urbanización difusa: Crecemento e desenvolvemento de conxuntos urbanos de xeito pouco controlado, normalmente de baixa densidade en áreas de orixe rural.

35


ACTIVIDADES 1. O estudo dunha paisaxe A paisaxe que nos rodea di moito do lugar. Detectar os elementos característicos, os trazos comúns, os lugares das casas e dos cultivos pódennos axudar a comprender a forma de vida das persoas que alí habiten. Analizar a paisaxe é analizar a vida cotiá das persoas, pero tamén o seu pasado. A actividade humana deixa rastros na paisaxe facilmente observables. Para esta saída xeográfica é necesario un caderno de campo para ir recollendo notas sobre os aspectos estudados na aula. Con ese caderno na man, procura contestar as seguintes cuestións. Lembra que toda saída ao campo ten que ser respectuosa coa flora e fauna do lugar así como coas persoas alí habiten. 1. Localización: Localiza o lugar nun mapa topográfico É unha zona de interior ou de costa? De montaña ou de chaira? 2. Elementos físicos Que trazos ten o clima desta zona? É seco ou húmido? Como o sabes? Observas algún río que percorra a paisaxe? E algún regato? Hai moita vexetación? De que tipo é? De que está formado o bosque? Ves zonas de repoboación? Que animais pensas que poderías encontrar nesta paisaxe? Por que o sabes? 3. Elementos humanos É unha paisaxe rural ou urbana? Hai algún núcleo de poboación? Onde están situados? Pode ser unha paisaxe rururbana? Fai un bosquexo da paisaxe que observas. Pinta de diferentes cores as terras cultivadas, as non cultivadas, as habitadas e os bosques. Como é o tamaño das explotacións? Hai explotacións abandonadas? Que actividade económica pensas que é a máis importante nesta zona? Que vías de comunicación observas? Hai algunha que estea abandonada?

2. Comparando pasado e presente Explica e compara estas dúas fotografías seguindo o mesmo esquema da anterior actividade. Mediados século XX Ano 2009

Fondo de Florentino Míguez Rodríguez

36


3. Temperaturas e precipitacións Observa os datos da seguinte táboa e realiza un climograma. Explica o réxime de temperaturas e precipitacións e argumenta unha posible localización para os datos.

Que tipo de vexetación pensas que se pode dar baixo estas condicións climáticas?

Temperatura e precipitacións medias Mes Temperatura (ºC) Precipitacións (mm)

Xan 9 180

Feb 10 140

Mar 13 160

Abr 14 40

Mai 15 40

Xuñ 19 30

Xul 20 25

Ago 18 40

Set 15 80

Out 13 120

Nov 10 180

Dec 9 200

4. Demografía Observa os datos da seguinte táboa e realiza unha gráfica. Procura explicar con argumentos a evolución da poboación en Saxamonde ao longo do s. XX.

Poboación de Saxamonde (1887-2007) Ano Poboación

1887 576

1900 503

1910 582

1920 594

1930 720

1940 715

1950 736

1960 709

1970 754

Fonte: www.ipdca.com/internovas/historias/poblacion/poblacion.htm, IGE.

37

1981 778

1999 808

2007 794


Ciencias Naturais XEOLOXÍA A xeoloxía estuda os materiais que configuran a cortiza terrestre, a súa orixe e os cambios que foron sufrindo ao longo da historia da terra. Coñecer os aspectos relacionados coa xeoloxía de Saxamonde e o Chan das Pipas permitiranos entender mellor, e dunha maneira máis completa, cuestións relativas á paisaxe e á súa evolución ou á afinidade das plantas por determinados tipos de solos. Para entendermos os trazos xeolóxicos é necesario ter en conta unha escala de tempo moito maior á que estamos afeitos a manexar diariamente. As rochas que hoxe podemos descubrir neste lugar formáronse hai máis de 300 millóns de anos. Son rochas que os xeólogos denominan gneises e distínguense grazas ao seu aspecto bandeado ou aliñado, de cores verdes, marróns ou grises dispostas en bandas alternas escuras e claras. Trátase de rochas formadas por minerais moi comúns como o seixo, as micas ou os feldespatos que, en xeral, debido á súa antigüidade e ao clima galego, están moi descompostos na superficie. Ás veces, os gneises teñen irregularidades de moitos tipos. Unha desas alteracións na composición ten dado lugar ás anfibolitas, que son rochas xeralmente de cor verde escura e con tons amarelados moi característicos cando se desgastan e deterioran. Aparecen en filóns intercalados entre os gneises. O granito, malia ser moi común en Galicia, non está presente en toda a parroquia. No Chan das Pipas case non hai, pero nos montes ao seu redor hai penedos e bolos graníticos de cores grises e escuros. O granito está formado polos mesmos minerais que o gneis, mais a diferenza deste, o granito é unha rocha magmática e o gneis, metamórfica. Xusto despois da formación dos gneises, debido a unha compresión da cortiza terrestre como consecuencia da colisión de varios continentes, apareceron os granitos que pouco a pouco foron arrefriándose e ascendendo

39


Arriba: anfibolita Abaixo: seixo

ata comezaren a sufrir a erosión do clima. Esta erosión ten desfeito os grandes relevos daqueles tempos grazas á acción erosiva da choiva, vento e da vexetación. As rochas formadas polo depósito destes materiais chámanse sedimentarias. Os materiais froito da erosión non teñen porque se converteren en rochas. A formación dunha rocha precisa dunhas condicións de presión e temperatura que non sempre se dan. No caso de Saxamonde, as partes baixas da parroquia están conformadas por sedimentos da erosión dos montes próximos. O val do Maceiras está formado por estes depósitos. No Chan das Pipas abondan os solos arxilosos. Os gneises son facilmente erosionables e deron lugar a estes solos de cores pardas e amareladas. Co efecto da choiva, os solos arxilosos convértense en lameiras, o que é frecuente nos camiños deste lugar. As beiras do val das Maceiras están compostas por rochas graníticas. Na parte alta do monte do Mendo pódense apreciar penedos e bolos destas rochas entre a vexetación. No outro lado, xa nas parroquias de Negros e Cabeiro, existen as mesmas concentracións de granito. Ao ser unha rocha máis dura que o gneis, a súa erosión é máis lenta ficando nas partes altas da parroquia. Seixo: O seixo é un dos minerais máis comúns na terra. Malia a súa abundancia, non hai dous seixos iguais. Este mineral é un dos máis duros. Segundo a escala de Mohs (de 1 a 10), a dureza do seixo é de 6, só por baixo de minerais como o diamante, o corindón ou o topacio. Para comprobalo tenta raiar un vidro cun seixo ou algunha peza de metal e verás que fácil. A súa dureza vénlle pola súa composición de sílice (SiO2). O seixo utilízase para fabricar multitude de aparellos que utilizamos todos os días. O vidro das nosas portas e xanelas, vasos ou xerras están feitos con area de seixo, así como algúns compoñentes dos nosos reloxos e mesmo dos microprocesadores do noso computador.

40


VEXETACIÓN: Árbores e arbustos: Chan das Pipas, no alto de Saxamonde, é un lugar singular para descubrir varios tipos de árbores e arbustos. A árbore predominante é o piñeiro (Pinus pinaster). Isto é froito das repoboacións realizadas nos anos 1950. Trátase dunha árbore perenne da familia das coníferas de altura considerable e cortiza rugosa e marrón escura. As follas dobres son finas e alargadas e reciben o nome de acículas. Cando caen ao chan, son coñecidas como fasco e son utilizadas para acender o lume. O piñeiro, como o resto das coníferas, ten un froito que se chama piña. Aínda que esta conífera madeireira é a máis habitual, no Chan das Pipas hai unha gran diversidade de árbores.

Árbores autóctonas: Carballo (Quercus robur): É unha árbore caducifolia con folla lobulada e ondulada. O froito do carballo é a landra. Ollo, non a confundas coas cocas, tamén coñecidas como bugallos. Estas últimas son protuberancias que o carballo fabrica para defenderse da agresión de pequenos insectos que depositan os seus ovos nas pólas máis finas. Castiñeiro (Castanea sativa): É unha árbore caducifolia con folla elíptica e dentada. Non supera os 20 metros de alto e ten un porte redondeado. O seu froito é a castaña e nace rodeado do ourizo, que o protexe dos

41

Abaixo (de esquerda a dereita): piñeiro; cocas dun carballo; detalle de follas e landras dun carballo.


animais. Ata a introdución da pataca na alimentación galega no s.XVII, as castañas eran parte fundamental da dieta. Bidueiro (Betula pubescens): É unha árbore caducifolia de follas en forma de corazón e dentadas. A súa cortiza é branca e ten un porte alongado. Espiño albar (Crataegus monogyna): É arbusto espiñento de folla caducifolia e dentada. Durante a época de floración vístese de branco e o froito é de cor vermella. Medra en lugares inaccesibles e preferentemente xunto a regatos, ríos ou bloques de pedra.

Árbores alóctonas: Na área recreativa de Chan das Pipas hai árbores que non son propias dos montes galegos. A razón atopámola na plantación de varias especies na súa maioría caducifolias con fins ornamentais e de recuperación e protección de masa forestal. Carballo americano (Quercus rubra): Trátase dunha especie moi similar ao carballo autóctono aínda que coas follas máis grandes. Plátano de sombra (Platanus orientalis): Árbore caducifolia con follas palmeadas de gran tamaño. É frecuente en parques, xardíns e estradas de toda Galicia. De arriba a abaixo: castiñeiro, bidueira e carballo americano.

Liquidambar (Liquidambar styraciflua): Árbore caducifolia de folla palmeada parecida á do plátano.

42


Ciprés (xénero cupressus): Árbore perenne da familia das coníferas, ten un porte alongado. Entre as árbores alóctonas, hai dúas que son especialmente prexudiciais para a biodiversidade da zona. Acacia (Acacia melanoxylon): Árbore perenne de folla en forma de plátano. Florece de marzo a abril. O xénero acacia tamén está representado pola mimosa de floración amarela a comezos de ano. Eucalipto (Eucaliptus globulus): O seu porte é estirado. Esta árbore pode alcanzar alturas de 40-50 m. O eucalipto é unha especie de árbore traída a finais do s.XIX dende Australia. O seu rápido crecemento alentou o interese da industria de fabricación de papel que propiciou repoboacións desta especie por toda Galicia. Ärea recreativa de Chan das Pipas.

43


Plantas: Entre as plantas máis comúns no Chan das Pipas destacan os breixos, carrascos ou urces (Calluna vulgaris, Erica tetralis e Daboecia cantabrica), as xestas ou codesos dos xéneros Genista, e Cytisus e os toxos (Ulex europaeus). Todos eles están tipificados como arbustos pero consideramos incluílas neste capítulo por asociación con outros vexetais non arbustivas. Os breixos son moi abundantes nos montes desarborados, leiras abandonadas e beiras dos camiños. Teñen as follas e as flores moi pequenas e xeralmente están agrupadas. Na súa época de floración (entre febreiro e outubro) estes pequenos arbustos perennes deixan estampas no Chan das Pipas de cores violáceas e rosadas. Xestas ou codesos: Son arbustos moi típicos en Galicia. A súa floración confire á paisaxe cores amarelas. Antigamente, os ramallos empregábanse para facer vasoiras e cubrir alboios. Toxo (Ulex europaeus): É un arbusto espiñento. As flores son amarelas e teñen o nome de alecrín. Esta planta mesturada con outras recibe o nome de batume, e é utilizada polos labregos para facer cama para o gando nas cortes e produciren esterco. Fentos: No Chan das Pipas hai varias especies moi representativas. Son o dentabrú (Osmunda regalis), o fento común (Pteridium aquilinum), o fento das pedras (Polypodium vulgare) e a fenta (Blechnum spicant). Todos eles representantes dun conxunto de especies que dominaron a terra no carbonífero (hai máis de 300 millón de anos) e que hoxe aínda sobreviven. Os fentos son habituais no

De arriba a abaixo: toxo, xestas.

44


sotobosques, beiras de camiños e lugares con solos fundamentalmente acedos. O dentabrú medra en lugares húmidos todo ou ano xunto coa fenta, mentres que o fento das pedras se atopa, como o seu nome indica, nos muros e balados dos terreos cultivados. Alén de todas esta plantas, existen moitas outras aínda que neste traballo non podemos nomealas todas. Destacaremos á lingua de vaca (Plantago major), herba dos dentes (Capsella bursa-pastoris) a digitalis purpurea chamada tamén seoanes ou dedaleira, a abrótega ou brotia (Asphodelus lusitanicus), o fiuncho (Foeniculum vulgare), as estrugas (Urtica dioica), a menta (Mentha sp.) e unha infinidade de gramíneas e plantas herbáceas.

FAUNA:

De arriba a abaixo: dentabrú, fenta.

No apartado da fauna temos que falar das aves, mamíferos, anfibios e réptiles.

Aves As aves máis facilmente observables en Saxamonde son o paporrubio común (Erithacus rubecula), sempre preocupado en defender o seu territorio fronte o noso paso co seu peito de cor vermella alaranxada. Xunto a el pódense ver nas pólas das árbores máis baixas o ferreiriño negro (Parus ater) ou o ferreiriño real (Parus major). Outras aves frecuentes neste lugar son o ferreiriño azul (Parus caeruleus) e o cristado (Parus cristatus). Estes paxaros de reducido tamaño voan na ramaxe na procura de gomos e pequenos insectos. No chan e preto das leiras e coutadas anda o merlo (Turdus merula)

45


de cor negro co bico alaranxado, o pimpín (Fringilla coelebs), o verderolo (Carduelis chloris) e nas áreas recreativas máis preto dos coches e edificacións o pardal (Passer domesticus). Nas pólas máis altas e facendo moito ruído coas ás sairán voando os pombos torcaces (Columba palumbus). Distínguense das pombas da cidade porque son máis grandes e teñen unha mancha branca nas ás e na cola. Na primavera e no verán, o cuco (Cuculus canorus) canta ao lonxe e é difícil de ver. Nos cabos da luz e teléfono canta forte o xirín (Serinus Serinus). Con sorte, pódense escoitar aos paxaros carpinteiros, o pito verde (Picus viridis) ou o peto real (Dendrocopos major). A principio da primavera pódense escoitar peteirar nas pólas ocas, para cortexar ás femias. Os córvidos como o corvo pequeno (Corvus coroe) son facilmente visibles voando en pequenos grupos a gran altura mentres que, enredando nas pólas das árbores e facendo moito ruído, habita a pega (Pica pica) e o gaio (Garrulus glandarius). A ave rapaz máis frecuente é o miñato (Buteo buteo) que voa en círculos, case sempre en parella. A poupa é menos frecuente, pero sempre está á procura insectos no solo durante o verán, xa que no outono e inverno viaxa a África. Son facilmente recoñecibles pola súa crista e o pico tan longo e curvo que teñen. Na noite tamén hai paxaros. Durante o pór do sol nas noites de verán pódese escoitar á avenoiteira cinsenta (Caprimulgus europaeus). No inverno e a comezos da primavera é doado escoitar á avelaiona Merlo Miñato Paporrubio (Fotos: http://flickr.com/ photos/jvverde)

Ferreiriño real Poupa Gaio (Fotos: http://flickr.com/ photos/jvverde)

46


(Estrics aluco) ou á curuxa (Tyto alba) e nas noites de verán son habituais os cantos repetidos do moucho de orellas (Otus scops). As aves rapaces nocturnas son difíciles de observar, pero deixan un rastro propio, egagrópilas. Son os pelos, plumas e pequenos ósos que as rapaces polo xeral expulsan pola boca antes de dixeriren á súa presa. Esquío (Foto: http://flickr.com/ photos/jvverde)

Mamíferos: Os mamíferos son animais difíciles de observar e con hábitos case sempre nocturnos. Nos montes de Saxamonde son frecuentes os esquíos. Como os mamíferos son fuxidíos, o mellor é aprender a buscar os rastros que van deixando por onde pasan. Poden ser rastros de teren comido ou buscado comida, rastros do seu pelo, da súa toba, dos seus lugares de descanso ou mesmo das súas pegadas. Así, o esquío pódese recoñecer polas piñas comidas. No Chan das Pipas e no Monte Mendo son moi comúns xa que hai moitos piñeiros. A piña comida polo esquío caracterízase por non ter máis que o seu corazón, como unha mazaroca de millo. Os coellos son polo xeral moi tímidos. Sempre están á espreita de posibles depredadores, incluídos os cazadores. Os coellos non teñen problemas en deixar os seus excrementos, que son facilmente recoñecibles por seren redondos, escuros e amoreados nas praderías e bermas dos camiños. O porco bravo soe deixar marcas no chan cando anda á procura de raíces e vermes. As súas pegadas pódense ver nos bordos dos camiños. En Saxamonde atopamos tamén ourizos, raposos e donicelas. Se ben é difícil observalos, atopar os seus excrementos nas rochas sobresaíntes e nos tocóns dos piñeiros cortados recentemente é doado. Estudando ditos restos, podemos saber de que se alimentan. Por iso, para aprender dos mamíferos, hai que fixarse ben nos rastros que van deixando polo monte.

47


Réptiles e anfibios: Saxamonde ten partes máis secas, como o Chan das Pipas, ou húmidas, como pozas e beiras de ríos. Esta diversidade é propicia para os anfibios e réptiles que habitan estes lugares. Son comúns as ras e sapos pero tamén píntegas (Salamandra salamandra), liscrán (Anguis fragilis), víboras (Vipera seoanei) ou varios tipos de lagartos. Todos estes anfibios e réptiles pasan o inverno baixo terra agardando mellor tempo xa que o seu sangue é frío e non lles permite soportar baixas temperaturas. Polo tanto, a mellor época para a súa observación é na primavera e o verán. As ras e sapos aparecen nas beiras dos camiños. Son animais difíciles de ver xa que sempre están pendentes dos depredadores. O mellor é ter paciencia e agudizar a vista e, sobre todo, o ouvido xa que poderás escoitar os seus reclamos para atraer ás femias. A liscrán é un lagarto con forma de serpe que pode chegar aos 50 cm. A píntega é un anfibio negro con pintas amarelas. A víbora é unha cobra velenosa que gusta dos lugares de matogueira. Normalmente descansa baixo as pedras. Se observamos unha víbora temos que gardar unha distancia de seguridade. Nas beiras dos ríos pódese atopar a cobra de río (Natrix natrix) un pouco máis grande que a anterior pero non velenosa. Na auga tamén aparecen os tritóns, lagartos acuáticos de pequeno tamaño que habitan pozas e ríos. A diversidade de anfibios e réptiles é un indicador do bo estado do ecosistema.

Insectos: Os insectos son un grupo de animais moi abundante, complexo e variado. Tan só queremos recordar a presenza da procesionaria, que pode chegar a ser un problema grave para a saúde dos piñeiros. Hai unha bolboreta que pon os seus ovos na folla do piñeiro. Aos 30-40 días nacen as eirugas que, antes de descenderen á terra, constrúen un niño de seda para se protexeren do frío e o vento Chegada a primavera, as eirugas baixan en procesión pola cortiza da árbore para convertérense en bolboretas. O verme ten uns pelos que provocan urticaria se se lles toca.

48


ACTIVIDADES PROPOSTAS

1. Cortiza das árbores: Trátase dunha actividade dirixida a coñecer a textura e forma das cortizas das árbores. Cun papel vexetal ou mesmo cun papel normal e un lapis brando pódese calcar a cortiza da árbore e facer unha colección entre todas as árbores atopadas. Para facilitar o desenvolvemento desta actividade presentamos unhas fotografías de cada unha das cortizas máis comúns. ALGUNHAS CORTIZAS DO CHAN DAS PIPAS

CERDEIRA

ABETO

PIÑEIRO

PLÁTANO

CARBALLO AMERICANO ACACIA

CARBALLO

LIQUIDAMBAR

49


2. Árbore amiga: É un xogo de percepción sensorial que permite coñecer de cerca e a través do tacto as árbores que nos rodean. Para iso é necesario colocarse por parellas e que un membro desta conduza alternativamente á súa parella dende un punto inicial e cos ollos vendados para coñecer unha árbore. Este último deberá tocar e memorizar como é esa árbore e descubrila anteriormente dende un lugar afastado ou punto de partida sen os ollos vendados. Deberá ir tocando cada unha das árbores ata que descubra cal coñeceu cos ollos vendados. 3. Foto-herbario: O foto-herbario permite aprender a fotografar a natureza e obter unha boa representación visual de cada unha das plantas e árbores do bosque sen danar ou matar vexetais. Posteriormente poderase traballar sobre as fotos realizadas, imprimilas e expolas no centro escolar. 4. Na procura da anfibolita: A procura e descubrimento persoal de obxectos e elementos naturais é unha das actividades máis gratificantes para o pequeno naturalista. Por iso suxerimos buscar e atopar as escasas pero fascinantes anfibolitas intercaladas nos gneises de biotita de Chan das Pipas. Recomendamos levar algún martelo de xeólogo para pescudar como son os cortes frescos das mesmas e pararse a pensar na súa idade. 5. Comida para os paxaros: Cun fino arame e uns cantos cacahuetes,cada un dos visitantes poderá construír un pequeno comedeiro para paxaros. As cascas dos cacahuetes son un perfecto recurso alimenticio para os páridos e paxaros carpinteiros. 6. Descobre os rastros do esquío: O esquío, aínda que moi tímido e esquivo, está presente. O seu rastro, do mesmo xeito que no caso doutros mamíferos habituais, é a mellor maneira de descubrir datos sobre a súa alimentación, distribución e hábitos en xeral. Os visitantes poderán buscar e atopar piñas comidas polos esquíos tiradas entre os piñeiros. Tamén haberá rastros de piñas comidas por outros pequenos roedores. A comparación entre as piñas comidas e intactas permitirá así mesmo aprender algo sobre a morfoloxía das piñas e, en xeral, das coníferas. 7. Mapa de sons: Os sons forman parte igualmente das paisaxes. Neste caso as paisaxes sonoras fálanos de posibles virtudes e defectos que ofrece ao visitante a paisaxe de Saxamonde. Cun caderno e un lapis pódese construír unha paisaxe sonora tan só reflectindo mediante onomatopeas ou debuxos todos os sons que se produzan durante un determinado espazo de tempo. Iso servirá para debater sobre determinados sons e analizar a súa orixe e pertinencia. Esta actividade tamén contribúe á mellora da expresión lingüística e artística dos visitantes.


Glosario Porte: Forma do tronco e a copa constituída por todo o conxunto de ramas dunha árbore Rocha: Unha masa formadas por diversos minerais agregados que constitúen a parte sólida do globo terráqueo. Mineral: Corpo natural, sólido ou líquido, de composición química definida e de propiedades físicas características Fosa: Depresión alongada profunda na codia terrestre. Autóctonas: Que ten a súa orixe no lugar onde vive. Alóctonas: Que ten a súa orixe nun lugar diferente do que vive. Caducifolia: Árbore cuxa folla cae, cando menos, unha vez ao ano e toda de vez. Perenne: Árbore cuxa folla dura máis dun ano, que vai caendo pouco a pouco e non toda de vez. Rastro: Sinal, marca ou vestixio que deixa algo ou alguén ao pasar por un sitio.


Educación Física

Nos últimos anos dentro do currículo de Educación Física aparecen as actividades no medio natural e os xogos tradicionais como dous contidos interesantes para traballar, pero que conlevan a dificultade de atopar espazos e medios para realizar estas actividades correctamente. Dentro deste apartado propoñemos actividades para traballar estes contidos e medios para as mesmas:

1. Actividades no medio natural: Sendeirismo (coa proposta de catro rutas para elixir) e orientación (cunha explicación breve, unha proposta de actividade para realizar no Chan das Pipas e outra para realizar durante a ruta).

Carreiras de orientación Consisten en percorrer un itinerario a pé pola natureza nun tempo menor que o dos rivais. Hai que pasar por todos os puntos clave do percorrido empregando para orientarse, soamente un mapa, un compás e unhas indicacións. Mapa- É a representación gráfica do terreo. Indícanos o que imos atopar, as distancias entre puntos, as alturas, os camiños,... Os principais elementos son:  a escala- Cifra que nos indica como é de extenso o terreo na realidade. Exprésase con datos como 1:25000, que significa que 1 cm no mapa equivale a 25000 na realidade (250 metros).  as curvas de nivel- Unen todos os puntos que se atopan á mesma altura e serven para representar o perfil do terreo. Se están moi

53


xuntas hai un desnivel pronunciado e se están separadas é que o terreo é chan ou pouco inclinado. Compás- Instrumento que ten unha agulla imantada que xira libremente sinalando o norte magnético. Para usalo correctamente debemos colocalo en plano, e coa axuda dun mapa (facendo coincidir o norte do compás e o do mapa) poderemos establecer as direccións ou os rumbos a seguir en graos. A ficha de información- Recolle os datos precisos para realizar a actividade: rumbos en graos, distancias, puntos aos que debemos ir,... Son as claves para empregar correctamente os dous elementos anteriores.

Triangulación Triangulación: Técnica empregada para orientarse coa axuda dun mapa e tomando da realidade dous puntos de referencia que localicemos no mapa. Como se fai? Busco no entorno dous elementos ben visibles e que se distingan claramente: naturais (pico, río, ...) ou artificiais (antenas, estradas, pontes, liñas de tensión,...). Unha vez que os teño situados no mapa, trato de situar o punto desde onde se verían estes elementos como os estou vendo eu, e así xa teño unha referencia aproximada de onde me atopo. Pódese facer novamente para confirmar a situación tomando outras referencias ou tratar de afinar máis a localización tomando elementos de referencia máis próximos.

54


Actividades  Para traballar durante a ruta: Facer un seguimento da ruta co mapa na man. Saber onde nos atopamos en cada momento. Sería preciso fotocopiar mapas.

 Para traballar a orientación no Chan das Pipas: 1º Realización por parte do alumnado nun folio un plano no que debe incluir: o o o o o

Campo de fútbol e vestiarios Pista deportiva (porterías futbito e canastas) Parque infantil Casa cultural Espazos intermedios (fonte, camiños, árborado...)

Aspectos que debe considerar: • Manter a colocación dos espazos tal como están na realidade • Tratar de manter as proporcións • Unha escala axeitada para que todo entre no folio 2º Recollemos os planos e intercambiamos para que outro compañeiro ou compañeira comente o noso plano e vexa se pode orientarse con el. 3º Entregamos un plano elaborado a partir dunha foto de satélite e comparamos cos elaborados. 4º Co novo plano facemos unha actividade de orientación atopando distintos puntos a partir dunhas coordenadas e dunha distancia. Proceso:  Colocar mapa e compás norte con norte  Marcar o rumbo  Marcar distancia  Chegar e verificar

55


PUNTO DE PARTIDA será o poste que hai na chaira diante da casa do Centro Cultural. Rumbo en graos

Distancia

117º

131m

?

Esquina campo de fútbol

220º

35m

?

Porta casa Centro Cultural

130º

101m

?

Banquillo campo de fútbol (2º)

360º

32m

?

Asadores

182º

67m

?

Pedras de granito

153º

135m

?

Portería campo de futbito (2ª)

270º

27m

?

Mesa de pedra

56

RESPOSTAS


2. Xogos tradicionais: Mención dalgúns xogos e regras básicas daqueles que se poden practicar co material que hai da Casa da Cultura do Chan das Pipas, e que se poden solicitar (bolos celtas, billarda, chave, aro, e carreiras de sacos).

Definición Os xogos defínense como a actividade física ou mental que ten a finalidade de divertirse e entreterse. Os xogos tradicionais forman parte do patrimonio de cada vila, cidade ou comarca. Son actividades que xorden para dar resposta á necesidade lúdica das persoas. A maioría destes xogos extendéronse polas comarcas e polos paises veciños do lugar de orixe e foron adoptando localmente uns trazos particulares en función da situación socioeconómica e da creatividade dos novos participantes. Os xogos que chegan ata nós fixérono por unha transmisión de pais a fillos e formando parte da cultura popular. Como características cabe destacar:  Soen ser moi participativos  Regras e normas sinxelas  Divertidos  Varían regras ou nomes dependendo das poboacións  Transmitíronse de xeración en xeración  Corren risco de desaparecer  Empregan materiais non convencionais  Requiren habilidades ou capacidades sinxelas Os xogos, como outros elementos culturais, conteñen diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo. Posúen un gran valor socio-cultural que sobrepasa os aspectos lúdicos.

57


En Galicia podemos atopar, entre outros, os seguintes xogos: • Chapas • Billarda, Estornela ou Peteiro • A chave • Mariola • Ovo, pico, araña • A pita cega • Leito • Acocho • Aro

• • • • • • • • • •

Pano Alturas Zoadeiras Porca Buxaina Tabas Bolas Pai fillo nai Petanca Bolos

• • • • • • • •

Trécolas Sevillana Tiracroios Palabras encadeadas Cadeira da raíña Aforcado ladrón e o policía ...

boloS celtas Historia Os Bolos ou Birlos Celta é un xogo moi popular en Galicia. A súa orixe provén dos celtas, grandes afeccionados aos xogos, e foi introducido na Península Ibérica pola costa norte. É un xogo que tamén se practica nalgúns núcleos de poboación do País Vasco, Cantabria e Asturias. As modalidades de birlos mudan dun lugar a outro. Así, por exemplo, en Galicia, os birlos e bólas teñen un determinado tamaño e forma que os diferenza, mais no fondo todos eles teñen en común a base do xogo: lanzar co impulso dunha bóla os birlos a unha distancia determinada. En Galicia existen diferentes modalidades de Bolos dependendo das comarcas. Entre as zonas onde se practican este xogo cómpre destacar Santa Uxía de Ribeira (A Coruña), algúns núcleos de Lugo (Lourez, Ribeira Sacra) e Ourense (Viana do Bolo, A Veiga, A Gonza, Quintela, Punxeiro, A Chaira e Baños). Con todo, onde se practica con maior intensidade é no Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) disputándose entre os meses de marzo e outubro, os distintos campionatos oficiais (Liga Galega, Campionatos Galegos e Campionatos de España).

58


Regras O esencial do Xogo dos Birlos Celta son os birlos e as bólas.  Birlos- con forma de cono cunha altura de 13 centímetros e un grosor na súa base de 5 centímetros, colocados nas marcas da pedra.  Bóla- é totalmente redonda cun diámetro que oscila entre os 13 e 15 centímetros. O material empregado para a confección de birlos e bólas é habitualmente de madeira de buxo. Dispútanse en tres modalidades: por equipos de tres xogadores, por parellas e individualmente. Practícase nun campo de terra dunhas dimensións de 30 metros de longo e un ancho de 10 metros. Neste colócase unha lousa de pedra na que se arman 9 birlos en tres ringleiras equidistantes entre si e case pegados. A uns 21 metros trázase unha liña. A unha distancia duns 3 metros, colócase outra pedra ou base dende onde o xogador lanza polo aire (non a rentes do chan) a bóla contra os birlos, co fin de lanzalos tras da liña trazada no chan. Entre a base e os birlos hai unha foxa circular de +/- 1 metro de profundidade. Cada xogador dispón de 3 quendas para lanzar, mais nunca de xeito consecutivo. Cada birlo caído supón 1 punto; os que traspasen a liña de 21 metros, 10 puntos. Gaña o equipo ou xogador que máis puntos contabiliza.

Liña de 21 m. Saída

foxo

birlos

59


Billarda Baixo diferentes denominacións, a billarda -chamada pateiro na parroquia de Saxamonde- é un dos xogos máis coñecidos e populares dos practicados en toda Galicia. As regras deste xogo son comarcais ou locais, polo que a diversidade é grande en canto a regras e modalidades. Esencialmente consite en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita) para impulsalo de forma vertical e, posteriormente, baterlle para lanzalo o máis lonxe posible.

Regras O que se precisa para xogar á billarda  O pao máis grande adoita ser duns 50 centímetros de longo e duns 3 cm de ancho aproximadamente, dunha madeira boa e resistente no que se precisa dun dos extremos afiado (na imaxe, en cor laranxa).  O pao máis pequeno duns 15 ou 20 centímetros de longo (na imaxe, en cor marrón), afiado nos dous extremos que se chama billarda, que dá o nome ao xogo. Poden xogar dous ou máis xogadores que se reparten en equipos. Para comezar a xogar sortéase cal dos xogadores ou equipos sae primeiro. Dende unha circunferencia feita no chan (reinado ou meta; ou cadrado na Limia), deben golpear a billarda co palán nunha das puntas para levantala e, cando estea no aire, darlle outro golpe para lanzala o máis lonxe posible do lugar no que se atopen. O que fique coa billarda máis lonxe comezará o xogo do mesmo xeito. Isto repetirase tres veces, dependendo se se xoga a un intento ou a tres, e ao remate das tiradas terá que calcular a distancia, en paláns ou paos, que hai dende o punto de inicio ata onde está a billarda caída. Se acerta nas medidas (nalgunhas versións, sen exceder) segue xogando e, se non, eses puntos pasarán ao outro equipo, quen comezará unha nova tirada. Ao final gaña o equipo que máis paláns, paos ou puntos teña.

60


Como se dixo anteriormente, neste xogo entraban máis variantes dependendo da zona. A recomendación para iniciar neste xogo é facer equipos de dous e con tres tiradas por persoa intentar recorrer a maior distancia posible.

A chave A Chave é un xogo propriamente galego, aínda que semellante a outras práticas de lanzamento e precisión peninsulares. Para xogar, sempre nos ha cumprir unha Chave (de diferentes tipos ao longo do país) e uns pesos (ou mallas de ferro), denominados pellos na zona de Saxamonde, para lanzar desde unha distancia predeterminada. É un xogo/deporte individual, por parellas ou equipos que se pode praticar en cualquer espazo aberto. Existen varias formas de chave, sendo tres as máis características: A de Ferrol (aspa en vertical), a de Santiago (primeira imaxe) e a de Ourense-Portugal (de varias aspas horizontais) .

Regras Terreo- con superficie dura rectángular, libre de obstáculos e cun desnivel non superior ao 10%. A distancia entre a base da Chave e a liña de lanzamento será de 14 a 20 metros, debéndose situar o xogador que lanza os pellos por tras da liña sen a pisar.  A Chave será unha peza de ferro en forma de punta de lanza rústica ou lingua, que remata estreitándose na súa base.  Os Pellos serán redondos e planos, alisados polas dúas caras, debendo ter de 500 a 550 gramos de peso e serán os catro iguais.

61


A base na que se sostén a Chave (o Cepo), preferiblemente, non será de ferro, co obxecto de non confundir os sons. Xogadores- En cada partida han participar obrigatoriamente catro xogadores, emparellados dous a dous. Turnos- Tirarán os pellos un xogador de cada parella, mentres os seus compañeiros permanecerán a carón da Chave para que no caso de caer esta a causa dun lanzamento, sexa colocada polo compañeiro do xogador que tire a continuación. Cada xogador lanzará dous pellos por tiraxe. Puntuación- Os pellos que non atinen na Chave hanse contabilizar por tantos (cada peso un tanto) por proximidade coa chave. A puntuación oficial de cada partida é de 100 tantos. Cada peso que golpee na Chave, terá gañado un valor de 8 tantos tendo que ser o lanzamento directo, sen rebotes nen ter petado antes no chan ou no cepo. No caso da chave de varias aspas varía a puntuación dependendo da dificultade maior de darlle ás aspas máis pequenas. No caso dos dous xogadores obter as dúas máximas puntuacións tirarán novamente e pola mesma orde.

O aro O xogo consiste en facer rolar, en equilibrio o maior tempo e distancia posibles, un aro (para fabricalo usábase un caldeiro vello ou as veces, a roda dunha bicicleta). Hai que termar do aro coa guía que é un arame con forma de gancho na punta. Pódense facer carreiras cos aros . Materiais: Aro e guía metálicos. Numero de xogadores: 1 ou máis.

62


Carreiras de sacos Probas de habilidade de saltos manténdose dentro do saco e tratando de ser o máis rápido en facer unha distancia determinada.

Glosario Compás. Un compás é un instrumento de navegación para atopar direccións na Terra. O compás está composto por unha agulla magnética na horizontal, suspensa polo centro de gravidade, que se aliña de maneira precisa co campo magnético da Terra. Rumbos. A esfera dun compás está dividida en grados, correspondendo o 0º e o 360º ao norte, 90º ao leste, 180º ao sur e 270º ao oeste (tamén ”W”). O rumbo é a dirección que queremos seguir e exprésase en grados orientando correctamente o compás ao norte. Mapa. É a representación gráfica do terreo. Indícanos o que imos a atopar, as distancias entre puntos, as alturas, os camiños,... empregando unhas curvas de nivel e unha escala determinada. Triangulación Técnica. empregada para orientarse coa axuda dun mapa e tomando da realidade dous puntos de referencia que localicemos no mapa. Birlos. Cada un dos paos que se empregan no xogo dos bolos celtas. Grupo de paos, postos de pé en varias ringleiras, para derribalos no menor número de tiradas posible.

63


TEcnoloxía

DAS INFRAESTRUTURAS DE TRANSPORTE. Hoxe en día, en Galicia, fálase moito de infraestruturas, tanto nos medios de comunicación como na rúa, pero... a que se refiren? Infraestrutura é a obra civil que soporta todos os equipos necesarios para a prestación de servizo. Un exemplo: o ferrocarril é un servizo que transporta persoas e mercadorías entre distintos puntos do territorio. Caracterízase porque os vehículos circulan sobre uns raís metálicos; como as súas rodas tamén son metálicas, apenas se frean ao rodar, permitindo un grande aforro de enerxía nese transporte fronte, por exemplo, as rodas pneumáticas de camións e turismos. Eses raís metálicos apóianse sobre uns elementos chamados “travesas” que lles impiden afundirse no “balasto”, un leito de pedras que sustenta a vía. Ademais, moitos trens móvense grazas á enerxía eléctrica que recollen dun tendido situado sobre os raís e guíanse por sinais e semáforos que regulan a súa circulación. Todo iso se sitúa sobre unha franxa de terreo acondicionada artificialmente para acollelo; ás veces sobre a superficie da terra, ás veces por debaixo, tanto en túneles como en trincheiras e, ás veces, máis alto, sobre pontes ou sobre terras aportadas con maquinaria formando terrapléns. Esa franxa de terreo acondicionada é a infraestrutura. O transporte consiste en levar algo dun lugar a outro. Basicamente, pódense transportar catro entidades: persoas, mercadorías, enerxía e información. Empecemos polo final: A información é algo moi difícil de definir, porque é a esencia do pensamento humano. Verbas, sons, imaxes, datos... case todo aquilo que ten algún significado para a nosa intelixencia viaxa transmitindo mensaxes entre as persoas.

65


1º Antigamente, a información só podía viaxar coas persoas; un mensaxeiro viaxaba por unha vía terrestre coa mensaxe escrita nun papel ou memorizada. No ano 490 a. de C., o soldado grego Filípides morreu de fatiga logo de correr uns 40 km desde Maratón ata Atenas para anunciar a vitoria sobre o exército persa, e chegando esgotado só pronunciou “Niké” (deusa da vitoria). En honor á fazaña de Filípides creouse unha competición co nome de “maratón”, que foi incluída nos xogos de 1896 de Atenas inaugurados polo Barón Pierre de Coubertin. 2º Despois, coa electricidade, apareceu a posibilidade de transmitir información mediante fíos de cobre; primeiro co telégrafo e despois co teléfono. 3º Finalmente, logrouse que os sinais viaxasen a través do espazo en forma de ondas electromagnéticas (“telegrafía sen fíos” de Gugliemo Marconi), que se transmiten grazas a unhas estruturas chamadas antenas. No entorno do Chan das Pipas existen tendidos telefónicos e antenas (Coto do Gran e Os Valos) que serven para transmitir sinais de telefonía móbil. Se miramos cara ao nordeste, no entorno de Cepeda, vemos outras antenas; a máis próxima tamén serve para a telefonía e a máis arredada transmite o sinal da Televisión de Galicia. Ao leste, sobre o monte Galleiro, tamén vemos varias antenas que serven para sinais de radio e outros usos. Existe certa controversia sobre os efectos que as antenas poden ter sobre a saúde humana, sen que exista, a día de hoxe, una conclusión segura ao respecto. A enerxía permite obrar cambios sobre a materia; a enerxía do combustible que lle introducimos a un vehículo permítelle a este moverse, ou a enerxía eléctrica que consume un calefactor eleva a temperatura do aire, por exemplo. 1 Ata hai tres séculos, a enerxía obtíñase principalmente da madeira dos bosques (queimándoa), da forza que leva a auga dos ríos nos muíños, batáns, serras, etc., do vento (nas velas dos barcos), e do sol (coa súa calor). 2 Entre os séculos XVIII e XX, foise impoñendo a posibilidade de obter enerxía dos combustibles fósiles: restos de animais e plantas

66


sepultados baixo terra hai milleiros de anos. Entre estes combustibles están o carbón, o petróleo (e os seus derivados, coma o gasóleo e a gasolina) e o gas natural. Normalmente, atópanse lonxe das cidades e puntos onde se consomen, e transpórtanse en grandes barcos, camións, trens ou bombeándoos a presión ao longo de canalizacións. Estas soen ir soterradas por motivos de seguridade; cando conducen gases chámanse “gasodutos” e cando levan líquidos “oleodutos”. Entre Os Valos e Vilar, transcorren un de cada; un gasoduto que está balizado de amarelo e un oleoduto sinalizado en vermello, que cruzan Galicia de norte a sur. Na contorna do Chan das Pipas tamén atopamos unha instalación semellante, agora en desuso, consistente nunha canalización soterrada, pero que non transporta unha fonte de enerxía, senón auga, dende a presa de Eiras, en Fornelos de Montes,ata a cidade de Vigo, pasando polos concellos de Pazos de Borbén e Redondela. 3 Outra forma de enerxía moi estendida é a electricidade. A electricidade obtense forzando o desprazamento dos electróns da materia grazas ao movemento de máquinas xeradoras impulsadas por combustibles, enerxía nuclear, o vento ou a auga dos ríos; pero tamén grazas ao impacto dos raios solares sobre placas especiais. Con esta enerxía, podemos accionar motores eléctricos ou producir calor. A electricidade móvese moi ben polos metais, así que se conduce dende onde se produce ata onde se consome mediante fíos metálicos tendidos entre postes. Este tipo de enerxía caracterízase por dúas magnitudes: a “intensidade”, que é a cantidade de electricidade que pasa cada segundo, e a “tensión”, que representa a facilidade que ten a electricidade para moverse; canto maior tensión, mellor se move. Isto pode ser bo ou malo; unha tensión alta facilita o seu transporte pero tamén fai que salte máis facilmente contra as persoas, co correspondente perigo. Afortunadamente, a electricidade pode transformase segundo nos conveña. Así, cando queremos que percorra grandes distancias, poñémola a “Alta Tensión” (arredor de 200.000 ou 300.000 voltios), e penduramos os cables de torres moi altas para evitar riscos. Temos dúas liñas de alta tensión de oeste a leste, pasando polas parroquias de Cedeira e Quintela e outra de norte a sur, que chega

67


Poste telefónico, Tendido de baixa tensión, Poste de media tensión (primeiro plano), Torreta de alta tensión.

dende o Concello de Mos e pasa polo monte de Saxamonde. Todas concorren en Pazos de Borbén, nunha “subestación transformadora” onde a súa tensión se modifica para a súa distribución. Cando a electricidade se achega ás casas, faino a “media tensión” (15.000 ou 20.000 V); as torres son máis baixiñas e os cables van máis xuntos. Finalmente, uns trebellos coñecidos como “transformadores”, con forma de caixa, que atopamos suspendidos dos postes ou en casetas da compañía eléctrica, reducen a tensión a “baixa tensión” (380/220 Voltios) que, como xa non se move con tanta facilidade, pode meterse nas casas, malia que segue sendo perigosa.

As mercadorías e as persoas soen transportarse igual, pero antes de profundar nelas, cómpre aclararmos algo. O planeta Terra ten tres medios diferenciados: o mar, o aire e a terra. O medio natural do ser humano é a terra pero, ao longo da historia, foi capaz de construír máquinas que lle permitiron desprazarse polo mar e o aire. Non é preciso dicir por onde viaxan os barcos e por onde os avións, pero debemos prestarlle atención a un feito: tanto uns como outros precisan dunha infraestrutura que lles permita o contacto co medio terrestre. No caso dos barcos son os portos e, no caso dos avións, os aeroportos, como o veciño aeroporto de Peinador, que ocupa territorio nos concellos de Vigo, Mos e Redondela. É certo que hai barcos capaces de tocar terra fóra dos portos, e aeronaves capaces de aterrar en calquera lugar, incluso

68


no mar, pero esas infraestruturas son necesarias para organizar o tráfico de persoas e mercadorías e permitir o seu paso ás vías de comunicación terrestre, das que falaremos a continuación. Como dixemos, o medio terrestre é o medio natural do ser humano: 1º- Coas súas pernas pode percorrer incluso grandes distancias sobre a terra; e así o fixemos dende as nosas orixes. 2º- Co tempo, fomos conseguindo que animais máis fortes e resistentes ca nós portasen no seu lombo, ou arrastro, as cargas ou a nós mesmos. A roda deulle orixe aos carros, que lles facilitaban ás bestas esa tarefa. Para imaxinarnos a importancia deste invento, debemos pensar que os carros tirados por animais foron imprescindibles para o ser humano dende (aproximadamente) o ano 2000 a.n.E. deica mediado o s. XX; é dicir, ata hai apenas cincuenta anos. Segundo se foron conformando os primeiros asentamentos humanos da antigüidade, persoas e carros foron creando rutas estables entres eses asentamentos, abrindo camiños polos sitios de máis fácil tránsito que eran usados por todos. Os romanos foron os primeiros en darse conta da importancia destes camiños para a sociedade, e traballaron arreo para o seu fomento, construíndo calzadas de pedra que lles evitaban aos carros afundirse na lama e pontes para salvaren os ríos e outros desniveis pronunciados. Un exemplo destas infraestruturas é a XIX Vía Romana,, que ía dende Braccara Augusta (Braga, Portugal) deica Lucus Augusti (Lugo, Galicia), prolongándose despois ata Astúrica (Astorga, León). Entre Vilar e Guizán (Mos) atopamos un “miliario” desa XIX Vía. Un miliario é un fito de pedra co que os romanos marcaban as súas rutas para identificalas e coñecer as distancias percorridas ou por percorrer. Coa nova do achádeo dos restos do Apóstolo Santiago en Compostela, abríronse ou, mellor dito, consolidouse en toda Europa unha nova rede de vías polas que os devotos peregrinaban cara ás reliquias: O Camiño de Santiago, que serviu para un movemento masivo de persoas que, á súa vez, trouxeron novos coñecementos e cultura (información) a estas terras. A ruta que unía Portugal e o sur da Península Ibérica con Compostela,

69


o chamado “Camiño Portugués”, tamén discorre por estes lares, aproveitando a infraestrutura romana. 3º- Non houbo grandes cambios nas vías de comunicación terrestres ata o século XIX, coa invención do ferrocarril. Como dixemos antes, a rodadura de ferro sobre ferro ten moi poucas perdas de enerxía, facilitando o desprazamento de grandes pesos. Ese desprazamento obtívose grazas á expansión do vapor de auga nun émbolo, que movía as rodas motrices dun vehículo chamado “locomotora” que tiraba doutros vehículos chamados vagóns; o vapor obtíñase quentando a auga nunha caldeira mediante a combustión de carbón ou leña. Un tren é unha agrupación de vehículos tractores (unha ou varias locomotoras) e os seus respectivos vagóns, unidos en ringleira para o arrastre.

As infraestruturas No século XIX apenas existían medios para a construción das infraestruturas (túneles, pontes...) precisas para o ferrocarril, alén do esforzo humano e os carros tirados por animais, así que se procuraba ao máximo que o trazado se mantivese en contacto coa superficie do terreo. Malia iso, o ferrocarril non permite curvas moi pechadas nin pendentes pronunciadas, polo que, dada a orografía da nosa terra, foi inevitable a construción dunha importante infraestrutura, da que aínda hoxe podemos contemplar importantes exemplos, coma a ponte internacional de Tui. As pontes son instalacións que permiten franquear accidentes xeográficos, como son ríos e vales moi fondos, e compóñense de dúas partes: 1 a plataforma, por onde transitan as persoas ou vehículos, e 2 os piares, que se apoian no chan e sosteñen o peso; a distancia entre piares contiguos chámase “luz”. Existen tres tipos fundamentais de pontes. 4 as pontes colgantes, como é a Ponte de Rande, no que a plataforma se colga dos piares por medio de tirantes, 4 as pontes de arco, (coma a do ferrocarril que une Negros con

70


Saxamonde) onde o peso se reparte gradualmente sobre a sección dos piares, 4 e as pontes de viga, en que os piares son rectos e a plataforma unha viga recta que os une, como son os famosos viadutos de Redondela. O que atopamos máis ao sur, o “Viaduto de Madrid” foi, no seu día, a ponte de viga con maior luz do mundo. Camiñando dende o viaduto cara ao sur pola antiga vía do tren, agora convertida en camiño local, comprobamos a escala na que se construían as infraestruturas na época, observando pequenas trincheiras e terrapléns sostidos con muriños de sillería e pontes de arco simple para pasos inferiores e superiores, que permeabilizaban o territorio. Ao final da senda, atopamos a infraestrutura máis simbólica e ao mesmo tempo máis discreta daquela obra: o túnel de Os Valos, aínda en uso, ronda o quilómetro e foi construído enteiramente con medios manuais. As proximidades deste túnel permítenos atopar dúas alteracións da contorna que provocou esa obra, e que hoxe permanecen case invisibles: 1 A primeira é que parece nacer un regato dentro do túnel, que verte cara o río Maceiras; a orixe dese regato son os acuíferos subterráneos que se romperon durante a obra, que verten agora dentro do túnel. 2 A segunda son os vertedoiros, onde se verteron a terra e as pedras extraídas durante a obra; son uns pequenos montículos de terra, de extensións menores a campos de fútbol que agora disimula a vexetación que os cobre. Ao sur do túnel dos Valos, atopamos o apeadoiro de Louredo-Os Valos, xa no Concello de Mos, lugar moi significativo, porque era o punto no que os veciños de Saxamonde, Vilar, Louredo, Guizán, Nespereira e Cepeda collían o tren para iren a Vigo, Pontevedra ou incluso ata Portugal. Actualmente ese apeadoiro está case en desuso e a xente ten que acudir ás estacións de Vigo, Pontevedra ou Redondela para tomar o tren.

71


Os trens modernos funcionan con electricidade ou con motores de combustión interna, unha tecnoloxía xurdida a finais do s.XIX, que na vez de queimar combustibles sólidos para producir vapor de auga, movían os émbolos motrices con gases quentes, producidos por líquidos queimados dentro do propio émbolo. Estes motores supuxeron unha nova revolución, xa que eran moito máis pequenos que as caldeiras empregadas nas locomotoras ferroviarias, permitindo o desenvolvemento dunha nova máquina, o automóbil, que inclúe turismos, furgóns, autobuses e camións. Aínda que estes eran moito menos potentes que as máquinas do tren, tiñan a vantaxe de que podían circular polos mesmos camiños que os carros de tracción animal e o seu prezo, relativamente alcanzable para as empresas e algúns particulares, fixo que pronto mercadorías e pasaxeiros alternasen o ferrocarril co automóbil.

Estradas Co tempo, o automóbil foise volvendo imprescindible para a actividade de moitas persoas e empresas, e as antigas vías de comunicación, os antigos camiños foron modificándose para adaptárense mellor ás esixencias dos novos vehículos. Así, empezouse por cubrilos cunha capa uniforme que eliminaba as irregularidades dos camiños para carros, chamada “asfalto”, unha mestura de áridos de diferente tamaño aglomerados con betumes derivados do petróleo. Despois, na procura de maiores velocidades e seguridade, foise modificando o trazado dos camiños, tentando eliminar as curvas e as pendentes coas que seguían o terreo mediante novas infraestruturas. As estradas N-550, que vai dende a Coruña aTui e atravesa o concello de Redondela de norte a sur, e a N-555, que une Redondela con Peinador, son dous exemplos de estradas construídas sobre antigos camiños de carros, paulatinamente evolucionadas.

72


Autoestradas Na década dos anos trinta, xurdiu na Alemaña Nazi un novo tipo de infraestruturas, pensadas exclusivamente para o automóbil: as autoestradas, feitas coa intención viaxar con grande velocidade entre cidades importantes. Despois da Segunda Guerra Mundial, a fabricación de automóbiles aumentou considerablemente e fixéronse necesarios na maioría das actividades humanas das sociedades occidentais, ao mesmo tempo que o ferrocarril ía perdendo relevancia. Co aumento dos automóbiles, aumentaron as infraestruturas pensadas para eles, e toda Europa e os EEUU se encheron de autoestradas. Exemplos próximos son a AP-9, que une Ferrol con Tui, pasando sobre a ría de Vigo na Ponte de Rande, ou a autovía A-52, que une Vigo con Madrid. A diferenza entre autoestrada e autovía está en que na primeira só poden circular automóbiles e na segunda, en casos excepcionais, tamén poden circular outros vehículos.

Aeroportos Curiosamente, cabe sinalar aquí que a Segunda Guerra Mundial tamén supuxo un grande pulo para a aviación, e foi despois desta cando se

Alto dos Valos 2009 - Mediados do século XX (Fondo de Florentino Míguez Rodríguez)

73


abriron as grandes liñas aéreas e se construíron a maioría dos aeroportos. Por exemplo, tras vinte anos de tentativas infrutuosas, o aeroporto de Peinador foi construído entre os anos 1947 e 1952.

PROBLEMAS Na actualidade, temos que os países máis ricos contan cun densísimo parque móbil e unha tupida rede de infraestruturas que derivou en dous grandes problemas. 1 Por unha parte, está o inminente esgotamento das reservas de petróleo existentes no mundo, queimadas en apenas unhas décadas, despois de tardaren milleiros de anos en formarse. 2 Por outra banda, produto desa combustión son unha serie de sustancias contaminantes que se verten sen control na atmosfera, dando como resultado, por exemplo, o efecto invernadoiro, orixe do cambio climático.

Obras do túnel do Eixo Atlántico de Alta Velocidade (Negros, 2009)

74


O impacto ambiental É o efecto que unha actividade humana ten sobre a contorna na que se realiza. As infraestruturas acondicionan o terreo para facilitaren o transporte. Nese acondicionamento, o terreo sofre modificacións como as descritas (a rotura de acuíferos ou a ocupación de solo), que obrigan a considerar se non estaremos a estragar uns recursos que podemos necesitar para outra cousa, como é a auga. Ademais, a proliferación de infraestruturas para o transporte supón un importante impacto sobre a contorna e altera a paisaxe para sempre; razón pola que van acumulando un certo grao de rexeitamento social, xustificado tamén polo elevado custe económico que supón a súa construción.

Ao longo do século XX, novas máquinas multiplicaron a capacidade que os humanos temos para modificarmos o territorio ao noso gusto, o cal supón obras moito maiores e, xa que logo, moito maior impacto ambiental. Isto podémolo ver nas obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, unha nova infraestrutura ferroviaria que quere unir as principais cidades galegas con trens de altas prestacións, que precisan novas vías con menos curvas e menos pendentes. Para facérmonos unha idea comparativa, o equivalente actual ao túnel dos Valos, o túnel do Val do Maceiras, que se está a construír actualmente na parroquia de Negros, vai precisar para os seus vertedoiros un terreo equivalente a máis de vinte campos de fútbol, aproximadamente.

75


Actividades propostas IDENTIFICACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS E AS SÚAS PARTES. Proponse aproveitar unha saída de campo, seguindo unha das rutas presentadas, para tentarmos identificar as infraestruturas de transporte presentes na contorna. Na guía das respectivas rutas, indícanse algunhas das principais que se poden apreciar. Ademais desas, pódense buscar outras, prestando atención ás de carácter máis local, como son os tendidos telefónicos ou a rede eléctrica. Alén diso, propoñemos tratar de identificar os diferentes elementos de dúas das infraestruturas descritas neste capítulo: as vías férreas e as liñas eléctricas. Para iso, servirémonos das imaxes que ilustraron o texto.

76


Glosario Trincheiras: É unha zanxa escavada no terreo para evitar as pendentes da orografía. Diferénciase do túnel en que a parte superior está descuberta. Terraplén: Acumulación de terras e rochas para elevar a cota dun terreo. Peralte: Inclinación dunha vía ou calzada nunha curva, obtida elevando a parte exterior, coa que se compensa parcialmente o efecto da forza centrífuga co peso do propio vehículo. Batáns: Instalacións deseñadas para converter os tecidos abertos noutros máis tupidos mediante a acción de grandes mazos que os golpean repetidamente. Os batáns normalmente estaban accionados pola forza da auga. Baliza: Sinal colocado na terra ou sobre a auga para indicar a posición dunha cousa. Transformadores: Máquinas eléctricas que permiten variar a tensión e a intensidade dunha corrente eléctrica alterna. Nos transformadores, a proporción de variación experimentada pola intensidade é a inversa da experimentada pola intensidade; logo, unha redución da intensidade supón un aumento da tensión e viceversa. Custe social: É aquilo que perde unha sociedade coa execución dun determinado proxecto. Custe ambiental: Refírese ao valor perdido na contorna coa execución dun proxecto. Pode tratarse do valor daqueles recursos que xa non se van poder aproveitar, ou pode tratarse das consecuencias negativas na relación do ser humano coa contorna. Por exemplo, custes ambientais poden ser a perda dun manancial de auga, ou o aumento do ruído, provocados por unha obra.

77


O camiño de ferro

As vías de comunicación van experimentar un cambio radical ao longo do s. XIX. As grandes rutas utilizadas polos romanos, despois na Idade Media e máis tarde por comerciantes e traballadores que se desprazaban dentro e fóra de Galicia veranse substituídas por novas infraestruturas que revolucionarán os tempos de desprazamento. O s. XIX será o século da ordenación do territorio, as provincias e concellos que hoxe coñecemos son delimitados nesta época, as principais vías de comunicación que hoxe aínda utilizamos serán, tamén, deseñadas ao longo de todo o século. No caso de Redondela e, en particular o de Saxamonde, os camiños de ferro cobran protagonismo. O tren, que nace na Inglaterra a principios do S. XIX, non chegará a Galicia ata setembro de 1873. Esta tardanza explícase polo escaso peso industrial galego no conxunto do Estado, a reducida capacidade económica das elites económicas autóctonas e a falta de peso político de Galicia nas Cortes españolas. Xunto con esta tardanza, a orografía galega e os continuos problemas financeiros das empresas adxudicatarias das obras atrasou, se cabe, aínda máis a finalización da rede ferroviaria. O caso dos 132 km da liña Vigo-Ourense, que pasa por Saxamonde, é paradigmático. Comezouse a construír en 1863 e non se rematará ata 1881. O tren, pensado como medio de transporte entre grandes cidades, contribuíu a mellorar o comercio entre Galicia e outras partes da Península, pero tamén a acercar a vilas e aldeas polas que pasaba. Cando foi inaugurado o tren Redondela-Vigo, unía ás dúas poboación en 28 minutos, o que recortaba en horas o traxecto a pé.

79


Construción do tramo Redondela-Os Valos Redondela é un punto de interconexión de trens. Cara ao norte, van os trens a Pontevedra e Compostela; cara ao sur, a Ourense e á Meseta. Este cruce de camiños de ferro obrigou á construción de dous viadutos. O primeiro foi o chamado de “Madrid” ou de “Ourense”. O viaduto construído ao estilo Gustave Eiffel ten unha lonxitude de 255 m. e consta de catro piares de pedra de 50 m. de altura sobre os que aguantan unha estrutura de ferro na que se sitúan as vías. O viaduto foi proxectado pola casa francesa Compagnie des Fives Lilles no ano 1872. As obras foron dirixidas polo enxeñeiro Augusto Cazaux. O primeiro tren que o atravesa farao en xuño de 1876. En Redondela está estendida a tradición que conta que Pedro Floriani foi o enxeñeiro que construíu a ponte e, por pensar que o viaduto non cumpría coas mínimas medidas de seguridade quitou a vida tirándose del. Existe outra versión na que se dí que o fixo porque non cobrou polo traballo realizado. Naquela época eran comúns as subcontratas, polo


que a compañía construtora ben puido contar cos servizos de Floriani, en todo caso, a prensa da época non recolle o incidente mencionado. O outro viaduto, chamado de “Pontevedra” é posterior. Construído para unir as cidades de Vigo e Compostela, será construído en 1883 nunha estrutura totalmente metálica. Entra en servizo en 1884 e aínda hoxe permanece en activo. Retomando o camiño cara á Meseta, a maior dificultade do tramo Vigo-Ourense, foi o túnel de Os Valos. A súa construción demorou a inauguración do tramo ata o 17 de marzo de 1878. De feito, en abril e xullo de 1876 o túnel sufriu derrubes na súa bóveda. A expectación por pasar polo túnel era maior que a de atravesar o viaduto. A crónica da época conta como había pasaxeiros que só compraban billetes ata Redondela e preferían pasar o porto de Os Valos en carros. “El Temor era natural pues tanto se había dicho del túnel de los Valos, que aun los más animosos solo tomaban el billete hasta Redondela, según pude informarme cuando embarqué al despacho para tomar el mío (...) Diez minutos de descanso [en Redondela] fueron suficientes para tomar billetes los que como nosotros querían apreciar lo que suponía las hablillas del vulgo con respecto al túnel de los Valos (...) pero ya se preparaban los relojes, se acerca el ansiado instante y todos queremos saber el tiempo que hemos de estar en tinieblas hallándonos en pleno día. ¡El túnel!¡El túnel! repiten ya cien voces, y cual el tiempo que no se detiene en su carrera, seguía la suya la locomotora arratrándonos en su vértigo (...) al túnel de los Valos no hay que temerlo teniendo la empresa vigiladas las trincheras”

(El Diario de Santiago, 21.03.1878)

Unha vez inaugurada a liña, non foi modificada ata comezos de 1970. Na altura de mediados de 1960 as infraestruturas do tren atópanse nun estado precario. Así, iníciase un proceso de mellora das infraestruturas. No caso redondelán, o viaduto vello precisa de reforzos do mesmo xeito que a estación. Esta obras obrigan a construír unha variante no tramo Redondela-Os Valos que vén provocar o abandono definitivo do viaduto. Así, en 1970 inaugúrase a nova estación de tren e, o 23 de maio do ano

81


seguinte, o tramo Redondela-Os Valos. Neste novo trazado constrúese un novo viaduto, que une as parroquias de Cabeiro e Saxamonde e un túnel nesta última. O antigo trazado queda abandonado converténdose nun camiño veciñal. Na actualidade estase a construír o novo trazado do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, que une A Coruña e Vigo. Este novo tren atravesa o municipio de Redondela polas parroquias de O Viso, Ventosela, Reboreda, Quintela, Negros para atravesar o Monte Penide e saír na actual estación de tren de Vigo. O novo trazado prevé a construción dun apeadeiro na zona dos Eidos o que significa a práctica desaparición da actual estación. As obras teñen un grande impacto sobre o municipio de Redondela e, en especial, o val do Maceiras.

Consecuencias do camiño de ferro O camiño de ferro e o túnel de Os Valos non só acurtaron os tempos entre a parroquia con Redondela, Vigo e Ourense, senón que tamén influíu nas vidas do seus habitantes. Podemos distinguir efectos no territorio, na poboación e na vida cotiá. Territorio A parroquia ficou partida en dúas partes. A vía dividía os barrios de Os Valos dos do Casal do Monte, Souto e Padrón. No tramo orixinal construíron dúas pontes e un paso subterráneo para comunicar os diferentes lugares. No novo trazado de 1971 construíron un paso elevado. Con todo, a parroquia viuse dividida por unha nova infraestrutura. A construción das vías e, en especial do túnel de Os Valos, provocou o depósito de cascallo nas súas inmediacións aínda hoxe visibles. Os depósitos de sedimentos ficaron no lugar onde foron deitados. O túnel afectou a parte da capa freática da parroquia. Antes da construción do camiño de ferro había unha zona de brañas ao pé do porto de Os Valos. As obras desviaron as augas e cortaron as vías de rega. Como medida correctora, construíuse un sifón para que a auga de rega puidese pasar dun lado a outro da vía. Este sifón aínda funciona no día de hoxe.

82


Poboación A composición da poboación tamén se viu afectada. A construción do túnel provocou a chegada de persoas doutros lugares para traballaren nas obras. Persoas doutras provincias galegas e, tamén, de Portugal, País Vasco, Cataluña ou Castela instaláronse nas proximidades da parroquia. A convivencia cos habitantes de Saxamonde conduciu a namoramentos e, algúns deles, a vodas. Así, apelidos hoxe comúns na parroquia e Redondela como Zabaleta ou Ramonet proceden de persoas que traballaban nas obras do túnel. Esta influencia podémola apreciar na toponimia. A Fonte do lugués ten o nome dun home que chegou a Saxamonde para traballar no túnel. A chegada do tren supuxo, tamén, un perigo para a poboación. Ao longo dos anos, son varios os accidentes ocorridos na vía. Vida cotiá O tren, malia ser un ente completamente novo, chegou a formar parte do cotián. Non só era utilizado para achegarse ao traballo ou ir vender produtos do campo ás feiras máis próximas. Do mesmo xeito, en época de carencia, os nenos “collían” o carbón dos vagóns de almacenaxe do tren para queceren as súas casas. O tren pasou a formar parte das tradicións populares. Contan como as nais levaban aos nenos enfermos á boca do túnel para bañaren aos cativos no vapor dos trens pensando que os curaba de catarros e outras enfermidades. O camiño de ferro chegou a fixar parte da toponimia da parroquia. O tramo abandonado en 1970 é coñecido como o camiño da “Vía vella”.

83


Actividades: 1. Os impactos do tren Sinala nun mapa os trazados dos camiños de ferro que pasan pola zona así como as medidas correctoras que se introduciron na súa construción. Utiliza diferentes cores para os diferentes trazados. Pensas que as medidas correctoras son suficientes? En que axudan? Consideras que pode haber modelos de construción que minimicen o impacto das infraestruturas? De que depende o seu impacto? A construción dun túnel que supón en termos de impacto sobre a poboación? 2. Observa o camiño Fíxate nos carteis dos camiños. Hai algún que se poida relacionar coa construción do tren? As casas que están máis preto da “Vía vella” son anteriores ou posteriores ao abandono da vía? Por que pensas que agora se constrúen máis casas ao longo desta estrada? Ves a algún veciño na estrada? Para que pensas que se utiliza agora que xa non pasa o tren por ela? 3. Imaxina Pensa en Saxamonde no ano 1860, antes da chega do tren. Cal sería o medio de transporte máis frecuente entre a poboación? Como pensas que sería o lugar do camiño da Vía vella? Imaxina agora o momento da construción do camiño de ferro e da chegada da primeira locomotora, que era de vapor. Pensas que os habitantes daquel tempo sabían o que era un tren? Como pensas que deberon sentir ao ver o primeiro tren pasar pola parroquia? Consideras xustificado o medo que nos conta o xornalista no recorte de prensa do momento? 4. O tren hoxe e en 1878 O camiño de ferro que atravesa a parroquia de Saxamonde ten unha parada na estación Louredo-Os Valos no municipio de Mos. Busca na internet os horarios dos trens que un habitante da zona pode utilizar para se desprazar ás localidades máis próximas. Compara estes cos horarios do tren cando entrou en servizo en 1878 e contesta as seguintes preguntas. a. Debuxa unha táboa coas frecuencias do tren en 1878 e en 2009. b. Cando resultaba máis útil o tren para un habitante da zona? c. Na actualidade, que utilizarán máis os habitantes, o coche particular

84


ou o tren? f. Que farías para que aumentasen os usuarios do tren? g. As grandes infraestruturas deberían dar servizo polos lugares que pasan? e. Que diferenzas hai entre un tren de alta velocidade e un de proximidade? Que vantaxes e inconvenientes ten un e outro? h. En que mellorou ou empeorou o servizo ferroviario en 131 anos? Horarios do tramo Vigo-Guillarei cando entrou en funcionamento

Glosario Brañas: Terreo moi húmido que pode ser prado ou monte baixo Capa freática: É o acuífero subterráneo que se atopa a pouca profundidade relativa e que tradicionalmente abastece pozos de auga potable Camiños de ferro: Vía de comunicación formada por dúas barras paralelas de ferro ou carrís sobre as cales circulan os trens. Ordenación do territorio: A expresión espacial da política económica, social, cultural e ecolóxica de toda sociedade. Subcontrato: Contrato que una empresa fai a outra para que realice determinados servizos, asignados orixinalmente á primeira. Toponimia: Conxunto dos nomes de lugar dun país, rexión, etc.

85


Plástica Teoría Formas tridimensionais As formas tridimensionais ou volumétricas son as que teñen tres dimensións: lonxitude, anchura e altura. Cando queremos representar formas tridimensionais, debemos considerar tres aspectos básicos: 4 A percepción do espazo e do volume, que é un proceso de comprensión do entorno a través dos sentidos; básicamente os sentidos da vista e do tacto. 4 A representación ou debuxo e as formas que teñen tres dimensións nun papel ou noutro soporte bidimensional. A representación do espazo sobre unha superficie plana foi unha das inquietudes máis antigas do ser humano e no renacemento tivo un pulo importante.. 4 A realización ou construción destes obxectos tridimensionais, por medio de modelaxe (materiais brandos), talla (materiais ríxidos), fundición (con metais) e volumes encaixados ou ensamblaxes (unións entre distintos obxectos).

A representación do espazo Indicadores de profundidade: A partir do estudo da percepción visual, descubríronse os mecanismos que temos que utilizar para organizar o que vemos. Estes elementos, que nos axudan a entender o espazo que vemos denomínanse indicadores de profundidade. O coñecemento dos indicadores de profundidade axúdanos á hora de representar o espazo nun soporte plano, como unha folla de papel. Poderíamos dividir os indicadores de profundidade en dous grupos: os que se basean na organización das formas dentro do soporte e os que se fundamentan na utilización de técnicas e procedementos.

87


Indicadores que se basean na organización das formas 4 Diferenza de tamaño Debuxamos máis pequeno o obxecto máis afastado e máis grandes os próximos. 4 Posición no soporte de papel Os obxectos máis altos e situados preto da liña do horizonte están máis afastados. As formas situadas na parte inferior do cadro interprétanse como formas máis próximas. 4 Superposición de figuras Cando se representan formas que tapan parcialmente as que están situadas detrás, prodúcese un efecto de profundidade. 4 Perspectiva lineal Se se representan liñas paralelas de maneira que, a medida que se afastan do espectador se ven cada vez máis xuntas, producirase un efecto de profundidade. Indicadores que se basean na utilización de técnicas e procedementos 4 Perspectiva aérea Consiste en pintar os elementos máis próximos con cores máis vivas que os elementos afastados. 4 Textura Pódese producir un efecto de profundidade debuxando a textura dos obxectos próximos con moito máis detalle. 4 Sombras e luces A presenza de luz ilumina determinadas partes da contorna e crea zonas de sombra. Estas luces e sombras informan sobre o volume dos obxectos e axuda a representar a tridimensionalidade. Sistema de Proxección representación

Planos de referencia

Aplicación máis Representación habitual

Plano horizontal

Debuxo topográfico

Acoutado

Cilíndrica ortogonal Espectador móbil

Diédrico

Cilíndrica ortogonal Espectador móbil

Plano horizontal, plano vertical, plano perfil

Debuxo industrial e arquitectónico

Axonométrico

Cilíndrica ortogonal Espectador móbil

Plano horizontal e dous verticais

Debuxo industrial e arquitectónico

Cónico

Cilíndrica ortogonal Espectador fixo

Plano xeometral e plano de proxección

Debuxo arquitectónico

88


Sistemas de representación Axudan a representar o espazo e os obxectos tridimensionais, e permítennos relacionar cada punto proxectado cun só punto do espazo. Estes sistemas son: sistema acoutado, sistema diédrico, sistema axonométrico e sistema cónico. Perspectiva cónica Permite unha representación do espazo tridimensional con gran realismo, apreciando a diminución de tamaño dos obxectos que se afastan e a perspectiva lineal. 4 Perspectiva cónica central. Sistema descuberto polo arquitecto Filippo Brunelleschi a mediados do século XV e foi o único tipo de perspectiva empregado ata mediados do século XVII. É a mellor para representar interiores e corredores, e só precisa dun punto de fuga situado no centro. 4 Perspectiva cónica oblicua. Emprégase cando a maioría dos lados ou rectas son oblicuos respecto do cadro. Precisa de máis dun punto de fuga. Ideal para representar corpos e todo tipo de obxectos.

Glosario Punto de vista (PV) É a posición na que se atopa o observador ou o lugar desde onde imaxina o debuxo. A liña do horizonte (LH) Altura desde a que se mira, que coincide coa situación dos ollos do observador, determina unha recta, denominada liña do horizonte. A liña de terra (LT) É a liña que coincide co chan sobre o que se atopa situado o observador ou a persoa que debuxa. Plano xeometral (PX) É un plano horizontal de referencia sobre o que se supón que se atopan os obxectos que hai que representar e o observador.

89


Actividades 1. Vista aérea: Elaboración dun plano do lugar no que nos atopamos imaxinando que somos un paxaro e estamos vendo ese espazo desde 50 metros de altura. Logo podemos acceder a través de internet a fotos de satélite (www. xunta.es/visor ou earth.google.es ) para comparar co noso traballo. 2. Completar a foto: Trátase de completar os bordes dalgunhas fotos. Serán fotos de lugares polos que van pasar durante as rutas, polo que deben estar atentos para poderen realizar a actividade. Tamén se pode parar concretamente no lugar. Un exemplo:

90


3. As árbores e os arbustos: Distribuír antes da saída unha árbore ou un arbusto a cada alumno/a e, durante a saída, ten que facer un debuxo cando o atope (carballos, castaños, pinos, eucaliptos, acacias, plátanos de sombra, liquidambar, bidueiros, xestas, toxos, fentos,...). Trátase de simular os antigos exploradores que se valían dos seus debuxos para daren a coñecer os seus descubrimentos.

4. Profundidade: Hai moitas posibilidades para fotografar e debuxar con profundidade (sobre as mesmas rutas, sobre a antiga vía do tren, sobre o val), trátase de facer algunha fotografía en profundidade para logo traballar con ela na clase. (Ver foto na parte superior da páxina)

91


EDucación para a cidadanía DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE: Existe unha definición oficial do “desenvolvemento sustentable”, asumida internacionalmente a través das Nacións Unidas: Satisface-las necesidades das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das do futuro para atender as súas propias necesidades. Para entendermos isto, debemos empezar por definir un concepto: o de recursos naturais. Recursos naturais son todo aquilo que existe na natureza susceptible de ser aproveitado polas persoas para algún fin. Por exemplo, a auga é un recurso que nos pode servir para beber, regar, lavarnos... pero tamén nos pode servir para mover un muíño ou un xerador eléctrico se construímos unha instalación capaz de aproveitar a enerxía que acumula baixando polos ríos. Na natureza existen dúas clases diferentes de recursos naturais: Os recursos renovables son aqueles que non se gastan cando se aproveitan racionalmente. Por exemplo, o aire que respiramos é un recurso necesario para a nosa vida que, na atmosfera, é renovado continuamente polas árbores ou as algas. Se cortamos demasiadas árbores ou contaminamos tanto o aire que estas non chegan para renovalo, podería chegar un momento no que o aire non teña a calidade necesaria para o noso organismo. Tamén a pesca é un recurso renovable; os peixes reprodúcense por eles mesmos de xeito que, mentres uns son capturados, outros nacen para ocuparen o seu sitio. Porén, sacando peixes do mar máis rápido do que estes se reproducen pode chegar un momento no que xa non queden peixes para seguir criando novos peixes, e o recurso da pesca quedará esgotado. Pola contra, os recursos non renovables son aqueles cuxa cantidade diminúe inevitablemente cada vez que os usamos.

93


O paradigma de recurso non renovable é o petróleo. O petróleo é un mineral líquido que está acumulado nas capas internas da cortiza terrestre. Del extráense varios materiais como plásticos ou o asfaltos, pero tamén produtos como a gasolina e o gasóleo; unha vez queiman estes produtos, xa non podemos volver a obtelos se non é de máis petróleo extraído nos xacementos subterráneos. A diferenza do aire, o petróleo non se renova por acción da natureza e, unha vez teñamos queimado todo canto está acumulado baixo a terra, nunca máis haberá petróleo. Os humanos, igual que as demais especies da natureza, temos unha serie de necesidades que cubrir e só dispoñemos dos recursos que esa mesma natureza nos dá para cubrilas. Tal e como se indica na definición dada ao principio, existe o risco de que, se consumimos agora todos os recursos non renovables, ou destruímos os renovables, os nosos fillos ou os nosos netos poderían ter máis difícil, satisfacer as súas necesidades. De feito, a cousa é peor do que parece. Segundo algúns expertos, o petróleo podería esgotarse nun prazo de trinta ou cincuenta anos; dito de outro xeito, é posible que debades inventar outro xeito de conseguir materiais como os plásticos, os disolventes ou a sacarina polo feito de que as xeracións anteriores o gastaron todo. Para evitar o esgotamento dos recursos naturais, recoméndase en todo o mundo seguir a Regra dos 3R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

94


Reducir o consumo que facemos dos recursos naturais é o primeiro paso para evitar que se gasten. Apagando as luces cando saímos dunha habitación ou percorrendo a pé as distancias pequenas, en lugar de coller o coche para todo, por exemplo, reduciremos a cantidade de enerxía consumida, e evitaremos queimar tanto carbón ou tanto petróleo. Reutilizar os bens producidos a partir dun recurso é una forma indirecta de reducir tamén o consumo dos recursos. Moitas das árbores que se cortan no mundo empréganse para facer pasta de papel. Á súa vez, moito dese papel emprégase para fabricar paniños que tiramos unha vez empregados. Utilizando panos de tela, que se lavan e se poden usar de novo, reduciremos a cantidade de árbores talladas cada ano, e aforraremos a enerxía e os produtos químicos empregados na produción da pasta de papel. Reciclar consiste en procesar un produto ao final da súa vida útil para volver aproveitar as materias primas coas que se fabricou, empregándoas nun novo produto. Con isto, evítase extraer da natureza outro recurso para ese novo produto. Os metais son uns dos materiais máis fáciles de reciclar e que se reciclan dende hai máis tempo. O mesmo aluminio dunha lata de refrescos, fundido e procesdo novamente, pode servir para construír unha peza dun avión ou dun coche de carreiras. Para garantir tal, debemos asegurar que, unha vez rematado o refresco, a lata vai parar ao colector axeitado para o seu correcto tratamento. Ademais da regra doms 3R, existe outro principio importante na procura dun desenvolvemento sostible. Pensa global, actúa local. O problema de garantir a conservación dos recursos ao longo do tempo é un problema que lle afecta a todo o mundo, e unha acción irresponsable nun lugar calquera pode repercutir negativamente noutro lugar do mundo afastado milleiros de quilómetros. Desafortunadamente, ninguén pode viaxar por todo o mundo solucionando todos os problemas, pero todos podemos aportar a nosa parte da solución nas nosas nosas vilas, nas nosas casas ou en nós mesmos.

95


É case imposible que calquera de nós poida viaxar ao Amazonas e logre evitar que se siga a destruír a selva tropical. Porén, mercando mobles que garantan non estar feitos de madeiras protexidas, si estaremos a poñerlle un freo á corta desas árbores. Por último, debemos sinalar o aspecto social do desenvolvemento sostible. O problema do consumo irracional dos recursos naturais a escala global é relativamente recente, pero sabemos pola historia que o ser humano existe dende hai milleiros de anos, e sobreviviu todo ese tempo sen poñer en perigo os recursos dos que vivirían os seus descendentes. Como o fixo? Durante séculos, as comunidades humanas subsistiron aproveitando do xeito máis racional posible os recursos dos lugares onde estaban asentadas. Así, pobos máis próximos ao mar desenvolveron a pesca ou pobos que viviron en lugares de frondosos bosques desenvolveron importantes técnicas de carpintería para construíren as súas casas de madeira. Algunhas das igrexas máis antigas que se conservan en Europa foron construídas no S.XII nos países escandinavos. Eses países teñen aínda hoxe unhas importantes industrias madeireiras, que seguen a coidar dos bosques para que estes sigan a ser un recurso. Desgraciadamente, a necesidade cada vez maior de recursos leva ás empresas e os gobernos a acudir a novos lugares do mundo na procura de novos recursos para abastecer a súa demanda. Cando chegan a explotar un recurso a un lugar onde xa existe unha comunidade humana asentada, que é na maioría dos casos, esa explotación rompe o equilibrio

96


entre a sociedade local, que se ve privada do aproveitamento feito ata ese momento dos seus recursos e, normalmente, non lle queda máis remedio que converterse en man de obra nesa nova actividade para poder subsistir. O peor de todo é que esa man de obra traballa, case sempre, sen cobrar uns salarios dignos ou sen os máis elementais dereitos laborais, como son o descanso, a atención médica ou a non utilización dos nenos e nenas en idade escolar para as tarefas. Deste xeito, o desenvolvemento sostible; é dicir, o aproveitamento racional e cauto dos recursos naturais, tamén se converte nunha necesidade da humanidade dende o punto de vista social, da protección dos dereitos e o benestar das persoas.

Glosario Recurso natural: todo aquilo que existe na natureza susceptible de ser aproveitado polas persoas para algún fin. Recurso renovable: aquel que se podería aproveitar indefinidamente de xestionalo correctamente. Recurso non renovable: aquel cuxa cantidade diminúe inevitablemente polo mero feito de empregalo. Sustentabilidade: actitude de xestionar os recursos para garantir o seu aproveitamento no futuro. Reciclaxe: actividade coa que se recuperan os materiais dos produtos de refugallo para a elaboración de novos produtos.

97


Actividades propostas VALORA OS RECURSOS QUE TE RODEAN. O obxectivo desta actividade é adquirir sensibilidade sobre a utilidade das cousas que nos rodean á hora de cubrir as necesidades humanas, e estimular a capacidade de asociar os recursos naturais coas oportunidades que nos ofrecen. 1º Durante unha saída de campo, débese anotar todo aquilo que se atope e se considere un recurso, tal e como o definimos aquí. 2º Posteriormente, débense identificar as necesidades que eses recursos poden satisfacer, e considerar ideas de aproveitamento posibles para lograr ese fin. 3º Clasificar os recursos renovables e os non renovables. 4º Estudar que actividades poden poñer en perigo os recursos que se consideraron renovables, valorar que acontecería se perdemos cada un de eses recursos e dar ideas para evitar ese risco. APRENDE A RECICLAR Nesta actividade procúrase adquirir un fondo coñecemento sobre a maneira correcta de tratar os residuos domésticos, tanto por parte dos consumidores como pola parte que lle toca aos xestores dos mesmos. A actividade pode realizarse completa ou só algunha das fases. 1º A primeira fase desta actividade consiste en clasificar os residuos que se poden producir nunha casa, segundo as súas características comúns. As categorías poden ser: Residuos orgánicos (restos de comida). Papel e cartón. Envases de vidro. Envases de plástico ou metal. Pilas eléctricas. Residuos tecnolóxicos (electrodomésticos, CD´s...) Roupas vellas. Aceites de cociña. Mobles vellos. 2º Todos en conxunto, ou repartidos en grupos, débese estudar que materiais están presentes nestes grupos de residuos (ou polo menos nalgúns) e pescudar que utilidades pode ter cada un (basicamente,

98


a compostaxe, os diferentes procesos de reciclaxe de vidro, papel, plástico, metal... e a elaboración de xabóns ou biocombustibles a partir de aceites usados). 3º Como se xestionan actualmente esas clases de residuos? Tomando como referencia, por exemplo, os tipos de colectores que existen para recollida selectiva, identificar se seguen sempre os pasos necesarios para recuperar as materias primas ou se nalgún caso se desaproveitan os recursos. 4º Propoñer medidas que puidera adoptar a administración para animar á xente a separar os seus residuos e reciclar. Debate sobre os polígonos O 21 de agosto de 2008 saía publicado no Diario Oficial de Galicia o proxecto do Plano Sectorial do Parque Empresarial Mos-Redondela. O proxecto prevé a construción dun Polígono industrial de 76 ha. nos límites dos dous concellos. O anuncio suscitou unha intensa resposta por parte da veciñanza das parroquias onde se pretende construír a zona industrial. Nos meses posteriores á publicación do proxecto organizáronse manifestacións, recollida de sinaturas, asembleas informativas, cartas á prensa e múltiples reunións con diferentes organismos oficiais. Na outra banda, as institucións autonómicas e municipais consideran o proxecto positivo para a sociedade. A polémica está servida. Calquera debate sobre a construción dun Polígono Industrial ten que atender a tres elementos diferentes, pero complementarios e necesarios na toma da decisión final. 1. Necesidade de solo industrial: Os polígonos industriais constrúense porque existe unha necesidade na sociedade de solo industrial que non pode ser suplida por outros medios. 2. Localización da zona industrial: Unha zona industrial provoca uns efectos sobre o medio inmediato no que se constrúe polo que é necesario elixir con criterio a súa localización. 3. Proxecto de construción do polígono industrial: O modo no que é construído o polígono e o tipo de industria que alberga son cuestións que se establecen no proxecto de construción. A continuación, reproducimos os argumentos esgrimidos polos colectivos veciñais e, a continuación, parte do proxecto publicado pola Consellaría de Vivenda e Solo, promotora do Polígono, no que defende

99


a súa actuación. En base ao esquema ofrecido e cos argumentos a favor e en contra, a aula dividirase en dous grupos para establecer un debate sobre o asunto. Un dos grupos defenderá a construción do polígono e o outro o contrario. Unha vez expostas as argumentacións das dúas partes, chegarase a unha conclusión sobre a idoneidade ou non da construción do Polígono debatido. Texto I: Argumentos da Consellaría de Vivenda e Solo “O Parque Empresarial de Mos-Redondela pretende concentrar e potenciar a actividade empresarial e industrial da zona, ao crearse un espazo dotado de todos os elementos necesarios para desenvolver unha actividade desa índole (...). O Parque pretende satisfacer as demandas tanto ás empresas de ámbito local como ás que acoden ao municipio de Mos debido á actividade empresarial de Vigo e a súa área metropolitana (...). O PEM-R é un complexo ordenado a partir dunha área próxima a todo o armazón viario de Vigo e a súa área metropolitana, coa conseguinte oportunidade de crear un espazo de concentración de actividade industrial nunhas condicións óptimas, tanto para a propia actividade a desenvolver, como para o contorno onde se sitúa (...). Dada a configuración dos municipios sobre os que se asenta, xa que tanto Redondela como sobre todo Mos presentan unha dispersión poboación moi acusada, localízanse unha serie de núcleos de poboación nas inmediacións do PEM-R. Polo que se refire ao interior do ámbito, non se localiza ningunha vivenda (...). Polo que se refire aos tráficos xerados polo tráfico e a súa relación sobre os núcleos de poboación, hase de sinalar que a súa incidencia ha de ser mínima (...). O Parque Empresarial terá unha función estruturante no territorio xa que servirá para ordenar e racionalizar os asentamentos industriais. Ademais favorecerá a recolocación dos asentamentos xa existentes noutros emprazamentos nun espazo máis acorde coas súas expectativas de crecemento e implantación.” Texto II: Argumentos da veciñanza “O proxecto de Polígono Industrial non contempla na súa memoria xustificativa a existencia das captacións e depósitos das Comunidades de Augas de Padrón e Barcova que abastecen a máis da metade da parroquia de Saxamonde (...). As parroquias de Vilar de Infesta e Saxamonde, no concello de Redondela, e Louredo e Guizán, no de Mos, son as directamente

100


afectadas. Entre as catro parroquias suman un total de 4.250 persoas que realizan a súa vida diaria nas inmediacións do proxectado polígono(...). O tráfico que o proxecto prevé xerar, 548 camións e 2058 coches diarios, suporía un incremento da inseguridade vial de consecuencias mortais (...). O proxecto de Polígono Industrial afecta á zona que constitúe o maior e máis utilizado espazo de recreo da parroquia de Saxamonde (...). Este mesmo lugar de Chan das Pipas, de propiedade da Comunidade de Montes de Saxamonde, constitúe o territorio de mellores condicións para a explotación forestal da parroquia (...). En segundo lugar, as propias cifras da Consellaría de Vivenda e Solo son contraditorias. Se por un lado aseguran que son necesarios 12 millóns de m2 na área de influencia de Vigo, están previstos a construción de 17 millóns.”

Imaxe 1 Zona sen polígono

Imaxe 2 Proxección do polígono

101


102


Bibliografía Aguilar, Juan et al. (2006): O ferrocarril Ourense-Vigo. Edicións do Cumio, Vilaboa. Asensi Cabirta, Moisés (2006): Guía dos anfibios e réptiles de Galicia. Bahía, A Coruña. Cartelle, Yosy et Díaz d’a Silva, Juan Ignacio (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. Bahía, A Coruña. Casqueiro Placer, Carlos (2008): Apuntes de ferrocarriles e automóviles. Etsei. Universidade de Vigo. García, Xosé Ramón (2008): Guía das plantas de Galicia. Xerais, Vigo. Niño Ricoi, Henrique (2008): Guía dos fentos de Galicia. Bahía, A Coruña. Ricart, J (2007): Educación plástica e visual. Editorial Teide, Barcelona. Villares, Ramón (2004): Historia de Galicia . Editorial Galaxia VVAA (2007): A Gran Historia de Galicia. Vol. I- VI. La Voz da Galicia. Edicións Galegas S. L. Arrecife. VVAA (1996): Galicia-Xeografía. Tomo XVII do Proxecto Hércules, A Coruña.

Recursos web: http://www.usc.es/gl/servizos/museohn (Museo de Historia Natural “Luis Iglesias”) http://gl.wikipedia.org (Enciclopedia libre) http://www.xunta.es/visor (Consellaría de Medio Ambiente) http://earth.google.es (Imaxes da terra desde satélite) http://ovaral.blogspot.com (Blog da Liga Nacional de Billarda) http://www.xogospopulares.com http://nonopoligono.blogspot.com (páxina sobre o proceso seguido polos veciños de Saxamonde na loita en contra do Polígono Industrial Mos-Redondela)

103


Por Saxamonde é unha proposta de saídas didácticas pola parroquia de Saxamonde dirixidas a Centros Escolares. Esta publicación pretende axudar á comunidade escolar e ao conxunto da poboación a coñecer a realidade da parroquia e a súa contorna con maior detalle. Consideramos que toda decisión sobre proxectos das dimensións e consecuencias do Polígono Industrial Mos-Redondela ten que estar acompañada do coñecemento do lugar que se pretende ocupar. Esta é unha ferramenta que nos permite elaborar criterios, coñecer e valorar o entorno de Saxamonde, primeiro paso para construír un futuro de benestar.

Por Saxamonde. Posibilidades dunha saída didáctica  

Proposta didáctica para a ESO e Bacharelato centrada na parroquia de Saxamonde, Redondela (Galiza). Contén oito capítulos con diferentes ma...

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you