Page 1

FOLLAS NOVAS DÍA DE ROSALÍA 2014 BIBLIOTECA E EDLG DO CPI DE SAN SADURNIÑO


En 1880 Rosalía de Castro publicou Follas novas, o seu segundo e derradeiro libro de poemas en galego. ¡Follas novas! risa dame Ese nome que levás, Cal s'a un­ha moura ben moura, Branca ll'oise chamar. — Non Follas novas, ramallo De toos e silvas sôs, Hirtas, com'as miñas penas, Feras, com'á miña dor. — Sin olido nin frescura, Bravas magoás e ferís... ¡Se n'a gándara brotades, Como non serés así!

ROSALÍA DE CASTRO, Follas novas


Acontecementos do ano 1880 •1 de xaneiro: comeza a construción da Canle de Panama. •27 de xaneiro: Thomas Alva Edison recibe a patente pola súa lámpada incandescente. •31 de marzo: Wabash en Indiana convértese na primeira cidade do mundo con rúas ilumindas pola luz eléctrica. •8 de maio: falece o escritor francés Gustave Flaubert (n. 1821) •5 de setembro: o tranvía é usado por primeira vez no mundo nunha viaxe de proba na cidade rusa de San Petesburgo. •22 de decembro: falece a escritora británica Mary Anne Evans, máis coñecida polo seudónimo George Eliot (n. 1819). •26 de agosto: nace o escritor francés Guillaume Apollinaire. •6 de novembro: nace o escritor austríaco Robert Musil. •28 de novembro: nace o poeta ruso Aleksandr Blok.


En 1880 publicáronse, entre outros, os seguintes libros: •As aventuras de Pinocho de Carlo Collodi. •Ben­Hur de Lewis Wallace. •Bóla de sebo e outros relatos de Guy de Maupassant. •De tal palo, tal astilla de José María Pereda. •O dereito á pereza de Paul Lafargue. •O mandarín de Eça de Queirós. •Heidi de Johanna Spyri. •Os irmáns Karamázov de Fiódor Dostoievski. •Nana de Émile Zola. Tamén neste ano se publican os seguintes libros en lingua galega: •Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez. •Maxina, ou a filla espúrea de Marcial Valladares, a primeira novela escrita en lingua galega. •Saudades galegas de Valentín Lamas Carvajal.


Follas novas “Follas novas é un libro no que Rosalía se esforza en vencellar o persoal co social, en evoluír dende o subxectivo ó colectivo”. Dolores Vilavedra

Estrutura Os 136 poemas que compoñen a obra aparecen organizados en cinco apartados: “Vaguedás”, “Do íntimo”, “Da terra”, “Varia” e “As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos”. Nos dous primeiros desenvólvense temas de carácter intimista. Nos dous últimos os temas desenvolvidos son sociais. En “Varia” trátanse temas de natureza intimista e social.

Temática Poesía intimista. Son poemas breves cun marcado ton pesimista e amargo nos que a poeta se somerxe na interioridades da existencia humana: a dor existencial, a saudade, o paso do tempo, a morte... Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, ó pé dos meus cabezales tornas facéndome mofa. Cando maxino que es ida, no mesmo sol te me amostras, i eres a estrela que brila, i eres o vento que zoa. Si cantan, es ti que cantas, si choran, es ti que choras, i es o marmurio do río i es a noite i es a aurora.


En todo estás e ti es todo, pra min i en min mesma moras, nin me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras.

Poesía social. Estes poemas continúan a liña reivindicativa que iniciara en Cantares gallegos denunciando a pobreza, a emigración, a soidade das mulleres abandonadas... Este vaise y aquel vaise e todos, todos se van, Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tes en cambio orfos e orfas e campos de soledad, e nais que non teñen fillos e fillos que non tên pais. E tês corazons que sufren longas ausencias mortás, viudas de vivos e mortos que ninguen consolará. ROSALÍA DE CASTRO, Follas novas Especialmente conmovedora resulta a visión que ofrece dos sufrimentos das mulleres galegas que ven como os seus homes teñen que emigrar: “Cando nas súas confianzas estas pobres mártires se astreven a decirnos os seus secretos, a chorar os seus amores, sempre vivos; a doerse das súas penas, descóbrese nelas tal delicadeza de sentimentos, tan grandes tesouros de tenrura (que a inteireza do seu carácter n'é bastante a mermar), unha


abnegación tan grande, que sin querer sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos maravillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón. Historias dinas de ser contadas por millores poetas do que eu son, e cuias santas armonías deberan ser expresadas cunha soia nota e nunha soia corda: na corda do subrime e na nota do delor. Anque sin forzas pra tanto, tentéi algo deso, sobre todo no libro "As viudas dos vivos e as viudas dos mortos"; mais eu mesma conoso que non acertéi a decir as cousas que era menester.” Rosalía de Castro, “Dúas palabras da autora” en Follas novas Tecín soia a miña tea, sembrei soia o meu nabal, soia vou por leña ó monte, soia a vexo arder no lar. Nin na fonte nin no prado, así morra coa carrax, el non ha de virm'a erguer, el xa non me pousará. ¡Que tristeza! O vento soa, canta o grilo ó seu compás... Ferve o pote... mais, meu caldo, soíña t'hei de cear. Cala, rula, os teus arrulos ganas de morrer me dan; cala, grilo, que si cantas, sinto negras soïdás. O meu homiño perdeuse, ninguén sabe en onde vai...


Anduriña que pasache con el as ondas do mar; anduriña, voa, voa, ven e dime ond'está. Métrica O libro amosa unha gran orixinalidade métrica posto que Rosalía realizou combinacións moi innovadoras (octosílabo + hendecasílabo, decasílabo + alexandrino, etc). A lingua O galego de Rosalía amosa numerosos desvíos da variante estándar actual: Castelanismos: decir, viudas... Vulgarismos: soia, craridá... Hiperenxebrismos: estrano, cristaiño... En palabras de Ricardo Carballo Calero1: “E, pois, o seu galego, o galego de uso corrente no seu tempo, aínda que peneirado e escollido; pero sen que este peneirar e escoller estean determinados por un proído filolóxico. A enxebreza non é unha preocupación primaria de Rosalía”. Ben sei que non hai nada novo embaixo do ceo, que antes outros pensaron as cousas que hora eu penso. E ben, ¿para qué escribo? E ben, porque así semos, relox que repetimos eternamente o mesmo. _______________________ROSALÍA DE CASTRO, Follas novas 1 CARBALLO CALERO, Ricardo ((1981): Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 1981, px. 228­229


Enlaces de interese: Biblioteca Virtual Galega http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=RosCastr&alias=Rosal% EF%BF%BDa+de+Castro Fundaci贸n Rosal铆a de Castro http://rosaliadecastro.org/ Son de poetas http://sondepoetas.blogspot.com.es/search/label/Rosal%C3%A Da%20de%20Castro


Follas Novas  

Día de Rosalía 2014

Advertisement
Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you