Issuu on Google+

http://www.marilar.org/

María Pilar Jiménez Aleixandre (Madrid, 1947) Madrileña de nacemento e galega de adopción, Marilar Aleixandre é doutora en Bioloxía e catedrática de Didáctica das Ciencias na USC. Colabora nas revistas Nó, Luzes de Galicia e Festa da palabra silenciada. Conta con obra narrativa dirixida á infancia e á mocidade, así como a adultos. Dos primeiros podemos sinalar títulos como: A expedición do Pacífico (Premio Merlín e Premio da Crítica á creación literaria 1995), O trasno de Alqueidón (Premio Rañolas 1996 ao mellor libro infantil do ano), O chápiro verde e A banda sen futuro (Premio Lazarillo e Lecturas Gálix 2001), Rúa Carbón (finalista do Premio Nacional de LIX 2006). Entre os segundos podemos citar Tránsito dos gramáticos, Lobos nas illas, A Compañía Clandestina da Contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro) e Teoría do caos (Premio Xerais). Boa parte desta produción foi traducida a todas as linguas peninsulares. No eido da poesía, recibiu o Premio Esquío por Catálogo de velenos, o Premio Caixanova por Mudanzas e, conta tamén co volume Desmentindo a primavera. Realizou traducións ao galego de libros como A caza do Carbairán, de Lewis Carroll, Babaiaga, Harry Potter e a pedra filosofal, de J. K. Rowling, ou o poemario Muller ceiba, de Sandra Cisneros.

GUIÓN DO TRABALLO 1. Sintetiza o argumento desta historia. Identifica e explica o tema principal e os temas secundarios da novela. 2. A mitoloxía clásica está moi presente na obra xa dende o propio título así como na portada e en cada unha das partes do libro. Explica a relación existente entre o mito da “Cabeza de Medusa” e a trama principal. 3. Ademais de Sofía e Lupe, describe os personaxes principais facendo fincapé na súa evolución psicolóxica e a súa actitude e comportamento respecto ao que lles acontece ás mozas. 4. Valora a súa actitude ante as múltiples presións ás que se ven sometidas e ante todo o proceso (violación, denuncia, cobertura mediática, a chegada ao instituto, etc.). Imaxina como actuarías ante unha situacion semellante que acontecese no teu contorno. 5. O episodio dramático que viven as rapazas, a posibilidade de denunciar os feitos, o papel das familias e das amizades, o posicionamento do profesorado e do centro escolar como institución, etc. revela, ás veces de modo máis evidente, outras de maneira máis sutil, unhas análises moi controvertidas acerca da culpabilidade do acaecido, da posibilidade de denunciar o caso, do papel da muller na sociedade, etc. Analiza aquelas actitudes que chamaron máis a túa atención. 6. Como se deben vestir as mozas, como se deben comportar en público, como deben vivir o amor e a súa sexualidade, etc. os tabús e as convencións sociais agroman nas páxinas deste libro. Pensas que Sofía e Lupe son discriminadas polo feito de seren mulleres? Reflexiona sobre a existencia da discriminación de xénero na sociedade a partir do relato. 7. Fai unha valoración global da novela. 8. Para rematar, continúa a historia a partir do remate da novela imaxinando o que acontecerá na vida das protagonistas no máis inmediato futuro e pasados uns anos.

Román Cerqueiro Landín

Dpto. de Lingua Galega IES de Porto do Son - Curso 2010/2011


A Cabeza da Medusa (Guión de Traballo)