Page 3

repartilas entre os campesiños. Tras estes acontecementos, o pashá non tardou en falecer e a desgraza do pai tamén caeu sobre o fillo, xa que o estudio de enxeñería que abrira no edificio Yacoubian non tardou en ir a pique e pouco a pouco converteuse nun lugar onde Zaki Bei pasaba o seu tempo libre lendo a prensa, tomando café e reuníndose cos amigos, coas amantes ou observando dende a terraza a xente e os coches que pasaban pola rúa Suleimán Pashá. Porén, o fracaso profesional do enxeñeiro Zaki el Dessouki non foi só culpa da Revolución, senón que o motivo principal era a súa falta de vontade e a súa grande afección aos praceres. A dicir verdade, a súa vida, que xa superaba os sesenta e cinco anos, con todos os seus acontecementos, felices e tristes por igual, xiraba (en gran parte) ao redor dunha soa idea: as mulleres. Era daqueles que sucumben por completo aos encantos femininos, a muller non era para el un simple desexo que se acende e unha vez satisfeito desaparece, senón un mundo de praceres e paixóns que se repetían nunha sucesión de imaxes sen fin: peitos prominentes e rexos, con mamilas firmes coma suculentas uvas; traseiros gorentosos e ondulantes que tremen agardando un ataque sorpresa polas costas; labios carnosos que sorben os bicos e suspiran de pracer; o cabelo en todas as súas manifestacións: longo, solto e liso, ou salvaxe con trenzas enmarañadas, ou media melena, ao clásico estilo familiar, ou eses cortes à la garçonne, que lle inspiraban estrañas fantasías sexuais; os ollos, ah!, esas miradas sinceras ou traizoeiras, descaradas ou tímidas, incluso as de reproche, enfado e rexeitamento! Ata ese punto ou máis amaba Zaki Bei as mulleres, e coñeceu de todo tipo, comezando pola nabila Kamla, filla do tío materno do antigo rei, coa que aprendeu as artes amatorias da familia real e os seus rituais: candeas acendidas toda a noite, copas de viño francés que acorda o desexo e disipa os medos, e un baño quente antes do encontro, no que untaba o

9

Profile for Rinoceronte Editora

Rinoceronte_O edificio Yacoubian_mostra  

Primeiras páxinas da novela 'O edificio Yacoubian', de Alaa Al Aswany, publicado en Rinoceronte Editora. http://www.rinoceronte.es/index.php...

Rinoceronte_O edificio Yacoubian_mostra  

Primeiras páxinas da novela 'O edificio Yacoubian', de Alaa Al Aswany, publicado en Rinoceronte Editora. http://www.rinoceronte.es/index.php...

Advertisement