Page 1

Poemas de Emily Dickinson

Herba abraiada Escolma e traduciรณn de Marta Dahlgren e Manuel Forcadela


Limiar

A autora Emily Dickinson (1830-1886) naceu na pequena cidade de Amherst (Massachusetts, EUA), segunda filla do avogado e político Edward Dickinson. Viviu toda a súa vida en Amherst, case sempre na casa da familia, na Main Street (“the Homestead”), que non abandonou salvo para recibir instrución no Mount Holyoke Higher Seminary, dúas breves viaxes a Washington e Philadelphia, e estadías para recibir tratamento da súa fotofobia en Boston na década de 1860. A familia, de clase media acomodada, era ben coñecida na vida social en Amherst. Na súa xuventude, Emily tomaba parte nesta vida social, e no rexurdimento da relixiosidade que percorría Nova Inglaterra nesa época. Porén, aos poucos íase retirando tanto da asistencia a festas e reunións sociais coma aos servizos relixiosos, e terminou practicamente fechada na casa, e finalmente illada no seu cuarto do segundo andar. Malia a brevidade da súa educación formal, Emily Dickinson tiña grandes coñecementos de ciencias, incluíndo astronomía, química e bioloxía, de literatura clásica (a Biblia, Shakespeare) e da literatura do seu tempo. A súa correspondencia era ampla, e polas cartas gardadas na Universidade de Harward e no Amherst College pódese colixir que mantiña correspondencia con máis de cen persoas, entre elas homes e mulleres importantes na vida literaria e intelectual do seu tempo. 7


Sobre as razóns do seu afastamento da vida social existen moitas teorías: decepcións amorosas, doenzas de tipo nervioso, agorafobia, problemas da vista e unha grave doenza que afectaba aos riles. Sobre a primeira pódese dicir que non existen probas de relacións amorosas, coa excepción da que mantiña co xuíz Otis Lord, na derradeira década da súa vida, documentada na correspondencia entre eles. Capítulo á parte merece a amizade, próxima ao amor lésbico, que mantivo con Susan Gilbert Dickinson, dende 1856 casada co seu irmán, Edward. Susan foi a receptora de gran cantidade de cartas e poemas de Emily, e tamén foi a primeira crítica que tivo. Outra persoa de grande importancia foi Thomas Wentworth Higginson, autor e redactor xefe da revista The Atlantic Monthly. No ano 1862, Emily escríbelle unha carta e prégalle que faga unha crítica de catro poemas que axunta. Foi o comezo dunha correspondencia que duraría toda a súa vida. Higginson visitou a Emily dúas veces en Amherst, e é outra das fontes importantes que temos para o coñecemento da súa personalidade. Nunha carta a Higginson, Emily fala dun “terror” que a asaltou durante o servizo nunha igrexa, posiblemente un ataque de pánico, que algúns interpretan como agorafobia ou epilepsia, e que orixina o seu internamento na casa. Tiña ademais graves problemas de vista, até o punto de ter que levar os ollos vendados polo día. Era coñecida coma poeta sagaz e intelixente, pero negouse a facer públicos os seus escritos. Agás algúns poemas (dez, polo menos) aparecidos en revistas, a maioría da súa produción mantívose en segredo até a súa morte. Deixou en total case 1.800 poemas. A meirande parte deles atopounos a súa irmá Lavinia, reunidos en “fascículos” feitos de follas dobradas e cosidas con agulla e fío. Co tempo foron aparecendo máis poemas, en forma de manuscritos, 8


moitos enviados en cartas ás súas amizades. Lavinia tiña instrucións de queimar as cartas que recibira Emily, pero non se lle indicou que facer cos poemas. Lavinia pediulle axuda primeiro a Susan Dickinson e logo a Mabel Loomis Todd (unha amiga da familia; de feito, a amante do seu irmán), quen, xunto con Higginson, preparou unha escolma para a publicación. Escolleron os poemas de menor complicación, agrupados por temas, e corrixiron a puntuación, a ortografía e a sintaxe. A edición tivo éxito, e foi seguida por moitas outras. A primeira edición cronolóxica, con criterio científico, non apareceu até o ano 1955, feita por Thomas H. Johnson. No ano 1998, R. W. Franklin publicou unha edición de 1.789 poemas en tres tomos, froito do estudo científico dos manuscritos, e que inclúe todas as variantes coñecidas. Esta edición é de grande axuda para a comprensión dos poemas, xa que as variantes facilitan a interpretación nos moitos casos de ambigüidade. A imaxe de Emily Dickinson como unha solteira algo estraña retirada do mundo por mor das decepcións amorosas, autora de sinxelos poemiñas sobre as estacións do ano e os ciclos da vexetación no seu xardín, hai tempo que se superou. As descricións da natureza son metáforas, os ciclos son símiles da vida e da morte. Durante a primeira parte da década de 1860, os poemas revelan a inmensa angustia da experiencia da transición entre a vida e a morte, desexada, pero esquiva. Esta tradución A crítica dickinsoniana ten chegado a semellar unha auténtica industria. Haina de todo tipo: filosófica, marxista, psicanalítica, relixiosa, de xénero, médica, lingüística… Hai millares de traducións e, dende hai algún tempo, tamén gran cantidade de estudos críticos desas traducións. 9


O labor de tradución de Dickinson non é en principio diferente da tradución poética doutros autores de épocas pasadas: trátase de entender o seu tempo, a súa cultura, o seu mundo peculiar e coñecer a súa lingua e a súa técnica de composición. Faise necesaria a consulta de obras como o Oxford English Dictionary on Historical Principles (Clarendon Press), composto segundo principios históricos. Existe dende 1964 unha obra fundamental, A Concordance to Emily Dickinson’s Vocabulary, de S. P. Rosenbaum, que axuda a atopar as palabras nos seus contextos, e que foi a base do proxecto on-line The Emily Dickinson Lexicon, editado pola universidade de Brigham Young. Existe gran cantidade de estudos sobre o xeito peculiar que ten Emily Dickinson de presentar os seus poemas. Estes constan normalmente de estrofas de catro versos de lonxitude variable. O ritmo segue o xeito típico dos himnos relixiosos protestantes, con seis ou oito sílabas, con énfase na segunda, cuarta, sexta e oitava sílaba (verso iámbico). No modelo máis habitual, o segundo e cuarto verso riman. Isto é así nos poemas da primeira parte da vida de Emily Dickinson, pero a súa escrita foi evolucionando cada vez máis cara a rimas non completas e asonancias. Nesta tradución evitamos as rimas –por resultaren case sempre en cambios no sentido dos poemas– e dámoslle máis importancia ao ritmo. De feito, ás veces a preservación do ritmo prevalece sobre a equivalencia do significado. Chama a atención a presenza de maiúsculas no texto, na meirande parte dos nomes. A ausencia de regularidade nisto débese, segundo algúns críticos, a que Dickinson fixo uso das maiúsculas nas palabras que levan máis carga emotiva. Tamén é característico o uso de trazos, que na nosa edición se substitúen por guións. Nos manuscritos os guións semellan comas horizontais e, ás veces, son substi10


tutos doutros signos de puntuación. Supoñemos que a súa función é a de marcar pausas nos poemas. Tomamos a decisión de non reproducirmos nin as maiúsculas nin os trazos. Os primeiros editores dos poemas atopados por Lavinia Dickinson á morte de Emily fixeron cambios na ortografía e na sintaxe. Nas edicións que seguen os manuscritos con fidelidade respéctase a súa ortografía idiosincrática (it’s por its, ’Tis por It is, could’nt e did’nt por couldn’t e didn’t, etc.) e a súa particular sintaxe. Usa nomes non contables coma dew (‘orballo’) e hay (‘feo’, ‘herba seca’) con artigo: a dew, a hay; usa adxectivos coma adverbios (slow por slowly, mechanic por mechanically), é típica a variación entre expresións coloquiais e un idioma arcaizante (o verbo be en todas as persoas, uso das antigas formas thou, thee e thine por you, your). Con todo, a maior dificultade para a interpretación dos poemas reside na sintaxe, que moitas veces raia na agramaticalidade. Hai poemas que resultan case imposibles de comprender, debido ás frecuentes elipses: os versos constan de tantas cláusulas dependentes que a súa relación non está clara. Os referentes ás veces resultan ambiguos, suxeitos e obxectos mudan de lugar, elimínanse verbos e preposicións (a wooden way por in a wooden way, ‘coma se fose de madeira’; a threadless way por in a threadless way, ‘sen coser’). Este é o caso de moitos dos poemas breves dos derradeiros anos da vida da poeta, escritos con lápis en anacos de papel e enviados ás súas amizades, moitos deles a Susan Dickinson. Unha regra para a tradución é pensar que todos os poemas teñen sentido e, se non sae á primeira, o tradutor ten que volver ao punto de partida e dedicarlle máis esforzo. É de especial interese a relación que a poesía de Dickinson ten coa de Rosalía de Castro, en principio casual 11


en termos históricos. Ambas as dúas nacen e morren nas mesmas décadas e, se ben en Dickinson non existe a dimensión popular e social que contén a poesía de Rosalía, manifestan un certo paralelismo temático e visionario que está aínda por estudar. Vigo, novembro de 2012 - decembro de 2018 Marta Dahlgren Manuel Forcadela NOTA: Os seguintes poemas foron publicados na revista Metamorphoses (The journal of the five college faculty seminar on literary translation), Spring 2013, Volume 21, issue 2. Amherst/Northampton, Mass., USA: A brief, but patient illness Water, is taught by thirst To learn the transport by the pain Come slowly – Eden! The drop, that wrestles in the sea Wild nights! Wild nights! After great pain, a formal feeling comes The grass so little has to do He fumbles at your soul Because I could not stop for Death To fill a Gap I started early – Took my Dog Like Eyes that looked on Wastes

12


Herba abraiada Poemas

13


Nobody knows this little rose; It might a pilgrim be, Did I not take it from the ways, And lift it up to thee! Only a bee will miss it; Only a butterfly, Hastening from far journey, On it’s breast to lie. Only a bird will wonder; Only a breeze will sigh; Ah! Little rose, how easy For such as thee to die! (1858)

14


Ninguén sabe desa rosa; Errante vagaría, se eu non a arrincase, ofrecida para ti. Só unha abella ha ter saudade; Só algunha bolboreta, a voar desde moi lonxe, por deitarse no seu peito. Só un paxaro ha preguntar, e unha brisa suspirar. Ai! Rosiña, que doada é a morte pra os teus.

15


The Tulip She slept beneath a tree– Remembered but by me. I touched her Cradle mute– She recognized the foot– Put on her Carmine suit And see! (1858)

16


O Tulipán Baixo a árbore durmiu lembrado só por min. O mudo chan pisei. Recoñeceu o pé. Puxo as galas cor carmín. E velaí!

17


Morns like these – we parted – Noons like these – she rose – Fluttering first – then firmer To her fair repose. Never did she lisp it – It was not for me – She – was mute from transport – I – from agony – Till – the evening nearing One the shutters drew – Quick! A sharper rustling! And this linnet flew! (1858)

18


En mañás iguais a esta separámonos, en tardes coma esta ela ergueuse primeiro insegura, logo máis firme ao descanso merecido. Xamais o musitou. Non era para min. Ela muda de éxtase e eu de agonía. E xa próximo o serán alguén correu as contras. Axiña un bulir máis forte! E a alauda que voou!

19

Profile for Rinoceronte Editora

Herba abraiada. Poemas de Emily Dickinson (mostra)  

Primeiras páxinas da escolma de poemas de Emily Dickinson 'Herba abraiada', traducida ao galego por Marta Dahlgren e Manuel Forcadela, e pub...

Herba abraiada. Poemas de Emily Dickinson (mostra)  

Primeiras páxinas da escolma de poemas de Emily Dickinson 'Herba abraiada', traducida ao galego por Marta Dahlgren e Manuel Forcadela, e pub...

Advertisement