CERNA 83

Page 13

www.adega.gal/revistacerna

ENERXÍA E CAMBIO CLIMÁTICO

AS TÉRMICAS DE CARBÓN APÁGANSE

Xosé Veiras García*

© Úrsula Prego Regueiro

O carbón foi, despois do petróleo, a principal fonte de enerxía primaria de Galiza durante os últimos 40 anos. As centrais termoeléctricas das Pontes e Meirama transformaron carbón autóctono (lignito) e importado en electricidade que contribuíu a cubrir o crecemento do consumo interno e a manter o saldo exportador de enerxía final. Sempre cun elevado prezo socioambiental, aquén e alén das nosas fronteiras. Hoxe, a emerxencia climática impón o seu peche.

A central térmica de Meirama (Cerceda) na actualidade.

A FIN DO CARBÓN EN GALIZA A utilización do carbón para a obtención de electricidade ten os días contados no noso país. Após o esgotamento das minas de lignito de Meirama e As Pontes en 2007, chegou o momento do peche das centrais construídas ao seu pé na década de 1970. A vida das centrais superou amplamente a das minas porque, xa desde mediados dos anos 90, queimaron carbón importado de diversos países (Indonesia, Colombia, EEUU,...), primeiro xunto co lignito galego e despois de forma exclusiva. A central de carbón de Meirama, propiedade de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa), deixou de operar o 30 de xuño de 2020. A causa inmediata foi a decisión de Naturgy de non investir nunha nova reforma da central para diminuír a súa contaminación tóxica e poder así cumprir a Directiva de Emisións Industriais (DEI), que se lle aplicaría a partir do 1 de xullo. Aínda que Gas Natural Fenosa decidise en 2015 alongar a vida da central máis alá de 2020, acabou por solicitar o seu peche en decembro de 2018, xa como Naturgy. O peche da central térmica de Meirama, con 550 MW de potencia, reduciu nun 30% a capacidade galega de produción eléctrica con carbón. A restante corresponde aos 1.400 MW da central de carbón das Pontes, en mans de Endesa, outrora empresa pública estatal e hoxe baixo control da multinacional italiana Enel. Esta si optou por acometer os investimentos precisos para adaptar os catro grupos da central á DEI, coa intención de alongar a súa vida até 2045. Unha pretensión que, ademais

de ecocida, axiña se revelou ilusa. A caída abrupta da produción da central de carbón das Pontes a partir do segundo trimestre de 2019, debida principalmente á forte suba do prezo de CO2, fixo que Endesa solicitase formalmente o seu peche antes do remate dese ano, interrompendo a reforma da central, finalmente limitada a dous dos grupos. As institucións galegas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e os sindicatos non se resignaron perante o peche decidido por Endesa. Forzaron á eléctrica para que explorase a viabilidade dunha opción para a central que xulgaban podía mellorar a súa competitividade: a combus-

Resulta evidente que a co-combustión na central de As Pontes é unha opción insustentábel, que alongaría o uso do carbón e ampliaría a incineración de residuos tión de mesturas de carbón e diferentes tipos de residuos orgánicos, presentados como “biocombustíbeis”. Os mesmos que antes cualificaban a central como “eficiente e de baixas emisións” e “estratéxica para o país”, pasaron a considerar a queima de carbón e residuos como un prodixio da “economía circular”. Coa intención de vender tempo, Endesa efectuou dúas quendas de probas de co-combustión. Nas primeiras empregáronse carbón, biomasa forestal, “orujillo” de olivas e lamas de depuradoras. Nas segundas utilizáronse mesturas ao 50% de carbón con lamas de depuradoras e xurros. Despois destas últimas, en xaneiro de 2021, Endesa anunciou nº 83 · 2020 · 13