Issuu on Google+

Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com

iNFORMA

febreiro 2009

Resposta da CIG á campaña difamatoria contra as traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Diante da campaña de difamación permanente de La Voz de Galicia na que se pon en cuestión a transparencia do acceso e profesionalidade dos traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a CIG-Administración e a CIG-Ensino queren manifestar o seguinte: 1º Non deixa de ser sorprendente que, para dar apoio a esta campaña, o devandito xornal faga referencia a fontes sindicais, cando nunca se puxeron en contacto coa CIG, sindicato maioritario no sector (70% de representación), nin coas presidentas dos Comités de Empresa. Isto deixa en evidencia a falta de interese por coñecer a verdade. A manipulación é tal que se amparan no anonimato dos informantes ou dándolle unha representatividade que non ten a quen está disposto a dicir o que lle interesa ao diario, por moi falso que sexa. 2º A opinión pública ten que saber que a condición de traballadoras/ traballadores, agora vilipendiados como enchufados, foi adquirida a través de acceso público, mediante un sistema de oposición no que se tivo que demostrar coñecementos e capacidade. O feito de que se teñan que volver a presentar non é un “privilexio” senón un prexuízo, por teren que aprobar dúas veces as oposicións para obter a condi-

ción de persoal laboral fixo, pois, do contrario, quedarían sen traballo. 3º Resulta curioso que CCOO denuncie de “fraude e engano”, cando a única proposta que eles fixeron durante toda a negociación foi a dun acceso á condición de laboral fixo, mediante exclusivamente un concurso de méritos. Isto si que é moito menos aberto e non reúne todas as garantías legais. La Voz de Galicia insiste en amplificar esa acusación infundada de CCOO, cando esta central é moi minoritaria, en cambio censura a postura favorable a este proceso de todos os Comités de Empresa da CIG e UGT. 4º O que resulta tendencioso é relacionar as eleccións políticas co feito de que haxa oposicións, cando case todos os anos hai procesos electorais e ofertas públicas de emprego. Soamente desde unha intencionalidade, claramente electoral, chama a atención este caso como se fora algo insólito e o habitual fose que a administración se parase diante dunhas eleccións. En todo caso, hai que saber que se a oferta se fai nestas datas é porque se agardou a celebrar as eleccións sindicais, co obxecto de negociar cos representantes dos traballadores as bases do acceso, o que é para nós correcto.

5º.- O sistema de acceso de concurso-oposición que se vai levar a cabo ten todas as garantías de igualdade, mérito e capacidade, pois, é aberto a todo o mundo e o recoñecemento de méritos é análogo ao recollido noutros concursos-oposición da administración para converterse en laborais fixos. Por iso, non se entende a infamia e a denigración á que son sometidas/os as traballadoras e os traballadores, a non ser que sexa en función de intereses espurios que nada teñen que ver coa realidade dos feitos e co traballo que desenvolven. 6.- CCOO, PP e La Voz de Galicia están a acusar, sen ningún fundamento, de que a contratación destas traballadoras e traballadores foi “a dedo” e que non responde ao resultado de selección dun sistema público, senón a intereses clientelares. Esta falsidade está a causar un dano irreparábel na valoración das/dos profesionais, prexudicando un servizo público fundamental á nosa sociedade como é o que presta o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

En consecuencia, exiximos unha inmediata rectificación pública para restaurar a verdade e informar con rigor sobre a realidade deste proceso selectivo.


Resposta da CIG á campaña difamatoria contraas traballadoras e traballadores do Consorcio