Page 1

Ola, amiguiñas e amiguiños das Neves. Alégrome moito de que vos gusten os meus contos. Tratarei de contestar ás vosas interesantes preguntas. 1º Onde vives? Vivo ao pé dun bosque, nunha casa de pedra, que non cae por moito que sopre o lobo. Está en Liméns, nunha aldea pequeniña, en Cangas de Morrazo. Desde a miña casa vese o mar. 2º Cantos libros escribiches? Escribín moitos contos, aínda que algúns están publicados con pseudónimo, que é como un nome “secreto”, que só saben os amigos e amigas. Pode que coñezades algún co nome de “Patacrúa”. Con este nome tamén escribín contos que eran moi antigos e incluso algúns estaban case perdidos ou esquecidos. Eu recupereinos, amañeinos un pouco á miña maneira. Iso chámase “facer unha versión”. É como reconstruír unha casa vella: Algunhas veces, só conservas as pedras! Algunhas versións que fixen son: O segredo do Rei Curro, Valentino, O Pito Cairo, O gato lambón, Loboferoz, A pota que trota, Zalgoum, A princesa do Caurel, Rato Tom e Rata Tomasa…e algún máis. Ademais, escribín Chocolata, A cebra Camila, Lucinda e o Inspector Vinagre, Cocorico, Celestino Tarambainas, Ovos Duros… Podedes ir botando a conta! 3º Cal é a túa cor favorita? Na primavera a cor verde dos prados; no inverno, o branco da neve; no verán, o azul do mar, no outono a luz do sol pola tardiña e as cores das nubes cando se pon o sol… aínda que tamén me gusta moito o violeta! 4º De que cor é o teu cuarto? A parede é branca, pero teño cadros de artistas que me gustan. A cama era da miña bisavoa; ten máis de cen anos! Vivo nunha casa divertida. 5º Como inventaches a Chocolata, porque elexiches a Chocolata e gústache o conto de Chocolata? O hipopótamo é un animal que vive na auga, foza na terra e durme debaixo das estrelas. Cando se reboza na lama parece de chocolate! Chocolata é tenra, tranquila, divertida e un pouco aventureira. Inventeino pensando en aventuras que me sucederon nas miñas viaxes, cando de repente queremos comprar, ou facer algo diferente. Iso está ben, pero é importante tamén decatarnos do marabilloso que pode ser o lugar onde vivimos, como lle acontece a Chocolate co baño na súa lagoa. Ela ten máis estrelas no ceo que as estrelas de todos os hoteis do mundo, non si? 6º Cantos anos tiñas cando inventaches o libro de Chocolata? Algúns menos dos que teño agora, aínda que, como vos dixen, o que me inspirou para escribir ese conto foron viaxes que fixen hai xa moitos anos e sobre todo a primeira vez que entrei nun baño turco. As cousas van quedando na memoria e un día ármanse coma se fosen as pezas dun crebacabezas e… nace un conto!


7º Gústanche as flores? Moito, sobre todo as flores silvestres que nacen na primavera. 8º Cantos anos tes? Cando teña outros tantos como os que teño agora, cumprirei 100. Parécenvos moitos? Tamén teño a memoria de todos os meus anos. 9º Que che gusta facer na túa casa? Escoitar os paxaros, ler contos, colocar pedriñas, apañar flores silvestres, recibir amigos, durmir e soñar polas noites…e, no verán, asar sardiñas. 10º Que fas cando hai ruido? Como? Se facedes ruído non oio nada e non podo contestar! Desde a miña casa síntese o mar. Iso parece música! O ruído forte non me gusta nada, gústame moito o silencio e os sons da natureza. 11º En que te inspiras para escribir? Na vida, nas cousas que pasan, nas persoas que me parecen curiosas…; debaixo dalgúns dos meus personaxes agáchanse seres de carne e óso! 12º Cal é o libro que cres que che quedou mellor? Creo que o máis recoñecido polo mundo adiante foi Chocolata, porque levou un premio en Suíza e está traducido a moitos idiomas. Fun a Suíza a recoller o premio e sabedes que me deron? Unha hipopótama enorme de chocolate! Tamén penso que me quedaron moi ben Cocorico e A cebra Camila. Pero iso teriades que dicilo vós, que sodes quen sabedes…! 13º Estás escribindo algún libro agora mesmo? Agora estou traballando con outros autores. Non me queda moito tempo para escribir, aínda que teño xa novas ideas na cabeza. 14º Axúdache alguén ao inventar e escribir o conto? Si, traballo na editorial OQO e parte do meu traballo en edición é ese: revisar os textos cos autores e autoras e tratar de melloralos se é posible. O traballo en equipo é estupendo. 15º Fas ximnasia? Un pouquiño. Gústame moito estirarme e colgarme dunha barra fixa; de pequena gustábame moito subir as árbores e aínda me gusta andar polas alturas. Tamén me gusta nadar, andar en bicicleta e pasear pola praia. 16º De que equipo es? Pois… a verdade é que non son de ningún equipo. Cando era nova xoguei ao béisbol, pero agora aquí non hai equipos de béisbol. 17º Tes fillos? Se os tes, como se chaman? Non teño ningún fillo, aínda que levo moitos anos rodeada de cativos.


18º Cal é o animal que che gusta máis? Esta pregunta non sabería contestala porque me gustan moitos animais; algúns pequeniños como as xoaniñas e os paporrubios; outros medianos como os coellos e os años; e outros grandes como as vacas e os elefantes. As vacas gústanme moito, sobre todo mirarlles aos ollos. 19º Tes unha mascota? Non teño, non; no meu eido viven moitas lagartiñas e gústame velas. Tamén hai un sapo que agarda na miña porta cando chove, pero todos elixen onde queren estar; prefiro non ter mascotas. 20º Porque te interesaches en ser mestra? Paréceme un traballo bonito porque cos nenos e as nenas podo facer moitas cousas que me gustan: pintar, facer traballos de arte, ler contos, descubrir o mundo. Ademais, os pequenos sempre teñen ganas de aprender, están alegres e teñen moitas enerxías e iso é estupendo! 21º Cal é o libro que máis che gusta de todos os que escribiches? O último que escribo sempre é o que máis me gusta, porque son distintos momentos da vida; aínda que creo que os que máis disfrutei foron Camila, Chocolata, Cocorico e Rato Tom e rata Tomasa. 22º Cando cumples os anos? O 19 de setembro, cando empeza o curso e maduran as uvas. 23º Vai frío onde vives? Algúns días, cando pega o Norte; pero vai máis frío en Sarria, no sitio onde nacín. Alí, ás veces, neva; algún inverno conxelouse o río e podíase pasar por riba. 24º Por que escribes para os pequenos? Porque traballo con eles, coñézoos e gústame contarlles os contos que queren oír. Paréceme moi interesante intentar escribir os primeiros libros que van ler os cativos. É moi importante porque, de que lles gusten ou non, vai depender algo do seu futuro e o seu xeito de ver o mundo. 25º Por que che gustan os nenos pequenos? Creo que é unha etapa moi bonita da vida, porque hai que entender moitas cousas da realidade; a imaxinación tamén axuda. Os nenos e as nenas saben escoitar contos como ninguén. Teñen a orella moi fina! Gústame moito cando despois de contarlles un conto din: Outra vez! 26º Cando decidiches ser escritora? Decidín ser escritora porque tiña cousas que contar e gustábame facelo dunha maneira diferente. Ás veces, as ideas fanme cóchegas por dentro porque queren saír. Cando saen en forma de conto, síntome feliz; e máis aínda se hai nenos e nenas coma vós que gozan coas miñas historias!


27º É fácil escribir para nenos? Eu sempre estou rodeada de pequenos coma vós, así que me interesa saber o que vos gusta, o que vos emociona, o que vos dá medo… Para escribir hai que esforzarse un pouco e deixar voar a imaxinación. 28º Cantos alumnos tes? Este ano, 17. 29º En que curso estás dando clases? En cinco anos, aínda que tamén paso algún tempo nas clases de tres anos e de catro. Espero que as miñas respostas vos fagan saber un pouco máis de min e tamén que poidades sentir que son a vosa amiga. Mándovos unha aperta moi grande para todos e tamén para as profes, que seguro que son estupendas. Marisa Núñez

Entrevista a Marina Nuñez  

Entrevista que lle fixemos a autora Marixa Nuñez

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you