Issuu on Google+


A comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense, continúa adiante co seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas: o ano pasado iniciamos unha colección de cadernos ofrecendo a mozos e mozas un achegamento -feito a través dunha biografía ilustrada- á figura de Alexandre Bóveda. Nesta ocasión presentamos o segundo título dos Cadernos Xalgarete: Para animar en galego, sen escusas nin atrancos. Nesta entrega abórdase un tema para nós moi importante, pois Xalgarete está inserida nunha asociación dedicada ao tempo libre educativo: Amencer. Gustaríanos que, no transcurso das actividades que organiza, se escoitase máis a nosa lingua. Estamos convencidos de que é nas cidades e vilas onde ha ter lugar a batalla transcendental para a supervivencia do galego, de aí a importancia de levar a cabo con urxencia un labor de normalización da lingua de noso entre a xente moza. Un eido importante onde facelo é o da animación no tempo libre. Temos que recuperar este campo para a nosa lingua; temos que escoitarnos falando galego en contextos informais, nos momentos de diversión, nas actividades de tempo libre, nas nosas relacións cotiáns, no noso lecer persoal e en grupo... Cantas veces non lle damos ao tempo libre a importancia que se merece! Porén, coidamos que debemos restablecer a lingua nestes espazos para que o seu uso habitual contribúa a devolverlle o status e a normalidade perdidos hai séculos. Para dar un paso nesa dirección, consideramos fundamental combater esa serie de escusas ou prexuízos que moitas veces ofrecemos ou lle escoitamos a compañeiros e compañeiras do centro xuvenil, da asociación..., tentando xustificar o escaso ou nulo uso que facemos do galego. Cremos que tales escusas non teñen consistencia perante os argumentos que neste caderno se ofrecen. Que cadaquén decida responsablemente a lingua na que animar, mais sen utilizar desculpas nin atrancos unicamente baseados en prexuízos herdados. Deamos un paso máis: escoitemos as persoas que nos axudarán, dándonos razóns e botando abaixo errados preconceptos, a falar e animar en galego os nosos cativos, mozos e mozas. Anima a animar en galego no lecer educativo! Este pode ser o noso berro de guerra nesta lide e tamén o noso desexo... Sen imposicións nin mentiras, mais con profundas e orgullosas motivacións. E non nos cansaremos de repetir: anímate a animar en galego! Comisión Xalgarete


No verán do 2008, catro compoñentes da Comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense, iniciamos un modesto estudo sobre o idioma empregado normalmente na animación do tempo libre para dirixírmonos aos nosos destinatarios e destinatarias. Queriamos levar a cabo unha pequena análise da realidade lingüística nos nosos centros xuvenís, de aí que fixemos unha única pregunta, aberta, aos animadores e animadoras dos campamentos urbanos organizados por catro das asociacións no seo da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia: Abertal, de Vigo; Abeiro, da Coruña; Don Bosco, de Compostela e Amencer, de Ourense. Esa única pregunta foi enviada por correo electrónico, a finais de xullo, aos coordinadores e coordinadoras dos campamentos urbanos mencionados. Pediámoslles que motivaran a participación dos monitores procurando ademais un momento durante o desenvolvemento do campamento para contestala, sen que viaxasen os papeis ás casas expoñéndonos a sufrir perdas ou baixas nas contestacións. As respostas chegaron a finais do mes de agosto dos centros xuvenís de Compostela, Ourense e Vigo; da Coruña non obtivemos datos ao non ter Abeiro organizado o Campamento Urbano ese verán. Contestaron de Ourense corenta persoas, trinta e dúas de Vigo e dezaseis de Compostela: un total de oitenta e oito mozos e mozas animadores voluntarios nos campamentos urbanos da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia. Durante o primeiro trimestre do curso 2008/09, baleirouse o contido das respostas dadas á seguinte pregunta: “Se non es dos que lles falan aos rapaces e rapazas do Campamento Urbano en galego... por que non o fas? Pensa un pouquiño e dinos o(s) teu(s) motivo (s)”. Loxicamente, os motivos ofrecidos foron de diversa índole. Nun intento de compilación dos mesmos, organizámolos en grupos procurando reunir baixo o mesmo epígrafe respostas que estimabamos dicían en esencia o mesmo, mais achegando matices ou aspectos na mesma liña, segundo o noso criterio. Os campos ou grupos establecidos, así como as respostas obtidas, quedaron así: 1. Hábito. “Por costume falo castelán”, “sáeme o castelán” (28 respostas). “Son castelanfalante”, “educáronme en castelán” (23 respostas). “Falo o que eles me falan”, “falo o idioma que escoito” (25 respostas). “Os rapaces e rapazas falan castelán” (26 respostas).

2. Coñecemento. “Non domino o galego, non teño soltura co galego”, “exprésome mellor en castelán”, “síntome máis cómodo en castelán”, “por comodidade, cústame moito o galego” (26 respostas).

3


3. Ámbitos de uso. “Fálase castelán no meu ambiente (casa, cidade, tempo libre, animación)” (17 respostas). “Só falo galego na casa” (2 respostas). “Só falo galego na universidade” (1 resposta). “Perdín soltura cando saín fóra de Galicia” (1 resposta). 4. Presión do grupo. “Comezo en galego e acabo en castelán” (3 respostas). “Mesturo palabras en galego; cando improviso sáeme o castelán” (1 resposta). “Fálolles en castelán aínda que intúa que entenden o galego” (1 resposta). 5. Tempo libre. “Non hai recursos en galego” (1 resposta). “Custa relacionar unha actividade de tempo libre co galego” (1 resposta).

6. Política. “Continuos cambios na normativa do galego” (1 resposta). “Non hai consenso sobre o galego” (1 resposta). “Como penso en castelán sería hipócrita falar galego” (1 resposta). “Tamén se fala castelán en Galicia” (2 respostas). “Non todos falan galego” (1 resposta). 7. Estereotipos. “Son de fóra de Galicia, pode que non entendan o galego”, “penso que non son galegofalantes” (24 respostas). “Dinme que non me acae falar en galego” (1 resposta). “Póñenme expresión de estrañeza ao falarlles en galego” (1 resposta). “Rinse de min se falo en galego” (1 resposta). “Non me gusta o galego” (1 resposta).

A seguinte fase deste traballo foi conseguir contestacións coas que rebater os impedimentos expresados aos seus donos. Dirixímonos a persoeiros, a amigos e amigas comprometidos coa lingua, convidándoos a combater algún dos prexuízos ou escusas que percibiamos nesas respostas dos animadores e animadoras. Recibidas as razóns a favor do galego, recompilámolas para publicalas e dalas a coñecer facendo que cheguen a todos e todas. O resultado é este novo caderno Xalgarete que tedes nas mans. Como indicamos a través do título elixido, gustaríanos que fose unha nova ferramenta que nos axudase a animar no tempo libre en galego. Sen escusas nin atrancos. Carlos, Pablo, Iago e Xulio


O ser humano é un animal de costumes. Os costumes que un ten adquirido non son mellores nin peores. Simplemente son hábitos que xa temos instalados no noso subconsciente e sempre resulta máis cómodo seguir facendo o que sempre se fixo, que dar un xiro na nosa vida. Eu tamén tiña o hábito de falar en castelán ata os 17 ou 18 anos, só falaba en galego cando me xuntaba con algúns amigos ou compañeiros con sensibilidades similares. Pero un día decidín dar o paso adiante e comezar a falar sempre en galego, por suposto sen perder o dominio do castelán. E ata hoxe, xa levo máis de media vida así; e non perdín a máis mínima capacidade de comunicación con ningún habitante deste planeta, máis ben ganei. Ao comezo non falaba moi ben (é lóxico, non hai que ter medo; cando un comeza a practicar calquera deporte, sempre o fai a un nivel regular) e algúns amigos meus estrañábanse do cambio e intentaban falar comigo en galego, cando normalmente non o facían. Nas primeiras semanas ou meses é cando te sentes máis raro, pero esa sensación supérase con facilidade. Co paso do tempo a xente ve que a túa decisión é firme e respéctaa, porque ve que hai moita dignidade na túa postura e moita convicción, e iso sempre diferenza as persoas que teñen personalidade e teñen claro o seu rumbo nesta vida. Roberto Catoira Coordinador da Comisión de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA


Todos e todas nos sentimos con máis soltura falando na lingua que empregamos habitualmente, sobre todo se esta é a nosa lingua inicial, é dicir, aquela na que aprendemos a falar. Pero reflexiona sobre o seguinte: En Galicia existen dúas linguas oficiais; unha delas é a propia de Galicia -segundo di o Estatuto de Autonomíae é na que a xente nova, sobre todo de ámbitos urbanos, ten menos competencias activas. Pero competencias pasivas ti, castelanfalante residente en Galicia, si tes: o feito de as dúas linguas da comunidade seren da mesma familia lingüística, xunto coa formación que recibiches na escola, e unido todo isto a que o galego é lingua ambiental da nosa comunidade, fai que das catro destrezas básicas (ler, escribir, comprender e falar), domines case perfectamente as tres primeiras. Daquela, se fas o esforzo de falar en galego, a túa acción será positiva en tres aspectos: É positiva para ti. Tes unha oportunidade para facer práctica da oralidade do galego fóra do teu contexto habitual, onde sempre é máis difícil. Exercitas a destreza correspondente á lingua oral e colles soltura non só para usala en Galicia, senón con toda a lusofonía. Que che custa ao principio? Tranquilidade, ninguén pasa de falar habitualmente só unha lingua A, a falar ben unha lingua B sen antes coller práctica falando con algúns erros a lingua B. Hai que comezar por tentalo. Seguro que cando vas ao estranxeiro o teu inglés tampouco é perfecto, mais practícalo. É positiva para a rapazada coa que traballes. Os nenos e nenas urbanos necesitan espazos de lecer onde se use o galego e ti, que es un referente para eles, podes darlle esa oportunidade. É positiva para o galego, lingua que necesita protección por estar nunha situación moi delicada. Ti podes axudala. Valentina Formoso Revista Irimia


Se esa xente nova á que nos diriximos comprende a lingua galega, por que motivo temos que dirixirnos a eles en castelán e non en galego? Acaso o castelán non conta con presenza dabondo no día a día das nosas vidas? Por que reforzar unha situación xa de por si descompensada? Sabemos da influencia que poden exercer os monitores e monitoras de tempo libre na nosa mocidade. Por que seguir reforzando a idea de que o propio deles non é o mellor? Somos conscientes de cantos nenos e nenas nos están ocultando que teñen o galego como lingua materna? Debemos ampliar os espazos de uso para o galego para que aflore ou, pola contra, seguir contribuíndo á subordinación do galego? Desde hai centos de anos vimos facendo cousas como esta, que demostran unha baixa autoestima; traduciuse isto en progreso para a nosa terra e a nosa xente? Iso de considerar que, por educación, debemos evitar falar galego como sinal de cortesía co interlocutor que usa a outra lingua é un prexuízo máis que contribúe a reservar para o galego un papel inferior, de xeito que estariamos condenando a nosa lingua a unha progresiva desaparición. Se queremos protexer o noso idioma, temos que usalo en todas cantas situacións nos for posíbel, e non por iso seremos menos educados nin máis intolerantes. Se non nos desfacemos deste e doutros prexuízos, nunca chegaremos a un estado de normalización plena. Actuando así ante a nosa mocidade, o que facemos é transmitir e perpetuar os prexuízos que nós aprendemos dos nosos maiores, moitos dos cales veñen desde a noite dos tempos, desde a mesma Idade Media, alimentados polo poder centralista e nun longo proceso de substitución lingüística. Paulino Pena Coordinador provincial dos ENDL de Ourense


Non quero parecer un exaltado nin un maleducado: se me falan galego, falarei galego e se me falan castelán, falarei castelán. Nun bar, esperei atento a que o camareiro dixese algo para saber en que idioma ía falarlle eu. El tamén debía ser educado, porque quedou mirándome atento. Dixen: -Ola (con hache ou sen hache, é igual, estaba falando). -Ola -contestou. Amoloume. Dixéralle algo válido nos dous idiomas. -Un cortado (prefería un café con leite, pero como tiña que escoller entre leite e leche... Ante todo educación). Escoitei atento: o camareiro falaba cos colegas galego. Xa estaba, falaríalle galego! -Que lle debo? -Ochenta céntimos -contestou. Desconcertoume. Non falaba galego? Eu quería falar galego con quen falase galego… Decidín consultar: fun ao Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago, e conteilles a Castelao e Rosalía o que me pasara. Riron a cachón. Explicáronme: -En Galicia pensamos que os descoñecidos e os nenos veñen todos co castelán “de serie”. Hai xente que di que en tal sitio ou tal outro non se fala galego, mais nós dicimos que se fala moitísimo galego. Fai a proba. Entra nun sitio falando galego: hache sorprender a cantidade de xente que fala galego. Volvín á cafetería: dous homes discutían co camareiro sobre fútbol, en castelán. Dixen sen dubidar: -Un café con leite, por favor! -Café con leite para o cabaleiro! Mentres bebía, decateime de que os seareiros pasaran a falar galego. Tiñan razón os do Panteón. Xan Guillén Responsable do Premio Frei Martín Sarmiento


Presentación. Unha mentira repetida acábase convertendo nunha verdade. A frase de Goobels, o ministro de propaganda nazi, parece que fora pronunciada pensando na nosa lingua. Ao redor do galego hai construídas unha serie de mentiras que todo o mundo acepta como certas e que conducen sempre a un mesmo punto: o da coartada para non usalo. Unha desas mentiras é a de facernos crer que a xente nova non usa a nosa lingua: segundo os datos, preto do 50% das persoas de 0 a 30 anos fala só ou maioritariamente en galego. Nó. Unha historia real protagonizada por unha nena real (tan real, que é a miña filla). A nena -Sabela- naceu e vive nunha cidade galega. Dende o primeiro día falámoslle en galego; tanto é así, que despois de mamá, papá e “an” (que era 'auga'), a primeira palabra que dixo foi “non”. Ata que fixou os tres anos Sabela moveuse dentro dun círculo galegofalante e Sabela era galegofalante. Todo cambiou cando se “independizou” e comezou a acudir a actividades, ao colexio… Ao saír do contexto familiar todo o mundo deu por suposto que ao ser nena e urbana era castelanfalante. Primeiro foi oírmoslle “no vejo la area”, logo “ajúdame, ajúdame, que me pingué co vaso” e un mes despois… Sabela era total e absolutamente castelanfalante. Iso é o que pasa por pensar que a xente nova non fala galego! Desenlace. Invítovos a que fagades un experimento (pero a que o fagades de verdade). Probade a falar en galego (se non vos atrevedes “para sempre”, marcade un tempo, por exemplo, un mes) e despois analizade o que pasou. Asegúrovos que os resultados han sorprendervos… Rubén Rivas Comisión de Normalización Lingüística de FERE-CECA


Moitas persoas, de todas as idades, pensan que falar e estudar galego nas escolas é unha perda de tempo, ofrecendo moitas escusas: - É moi difícil.

- Non soa ben.

- Non serve de nada.

A todas esas persoas, faríalles as seguintes preguntas: - Desde cando hai que estar doutorado para aprender o galego? - Van aprender o galego os cataláns por nós?

- É de persoas incultas.

- A palabra “morriña” non é fermosa? - Era acaso Rosalía de Castro analfabeta?

Estas cuestións aclaran que a maioría da xente non fala galego por preguiza. Non esixo que se fale galego “de libro”, mais só o intento de achegarse un pouco máis a esta lingua sería un gran paso para a súa conservación. Tamén pido un pouco máis de respecto cara aos que somos galegofalantes, pois moitas veces temos que soportar situacións moi incómodas, nas que empregan connosco un ton desprezativo que, coido, a ninguén lle agradaría. Mais, que podemos facer? Ÿ - Fala galego e goza dos seus privilexios. - Respecta se non o falas. Ÿ - Non te avergoñes cando alguén che pregunte por que falas galego. En resumo,anímate a falar o galego e anima os demais. Ana Romero (13 anos) ENDL do colexio salesiano Mª Auxiliadora de Ourense


Escoitei unha vez a historia dun tal Pexerto que vivía na zona da Raia. Seica era o expoñente da ambigüidade. O Pexerto decidiu un día cruzar a nado o río Miño e como a xente lle dicía que se estaba tolo, que se ía afogar…, encomendouse a Deus e ao diaño, e dixo: “Deus é bo e o demo non é malo!”. E con esta ladaíña nos beizos chegou á beira do Miño. Mirou cara ao ceo e cara ás augas negras do río e rezou: “Deus é bo e o demo non é malo!”. Botouse á auga e afogou. Recordo unha pequerrechiña nunha parroquia da Terra Cha, filla duns amigos. Viña o domingo da misa medio enfurruñada e pregunteille que lle pasaba. Díxome que non entendía que se Deus o sabía todo como é que non sabía a súa fala e tiña que falar distinto de como o facía co avó, coa mamá e a vaca Rosa. No catecismo aprendíanlles en castelán. Ninguén naceu aprendido e para aprender temos que deixar atrás moitos prexuízos e moitos medos: para aprender a andar, a coller a bici, a nadar, a ler, a amar, a bicar… e todo isto o logramos non por comodidade, senón porque queremos, porque temos vontade e sabemos que é bo para nós. Falar galego non é cousa de comodidade, senón de amor. O amor non entende de comodidade, senón de esforzo. O amor non sabe de ambigüidades nin escusas: afogan no río. Rubén Aramburu Revista Irimia


Non é o mesmo mostrarme sensible coa lingua que fala outra persoa que deixar que o outro elixa por min. Eu non elixín o país no que nacín, mais si elixín falar a lingua do meu país. Que eu conviva con persoas que falan outra lingua distinta á miña é unha verdadeira riqueza, porque tras esas linguas hai culturas cheas de vida. Comunicarse con persoas que falan outra lingua non quere dicir que teña que renunciar a falar a miña. Con todo, terei que facerme entender. Por veces, basta con que fale a modiño. Noutros casos, podo empregar a miña lingua materna acompañándoa de sinónimos ou facendo tradución simultánea dalgún termo que sei seguro que un non galegofalante non vai entender. E se ademais me comunico con alguén que fala unha lingua da mesma familia romance, aínda é máis doado. Cando eu viaxo a outro país, non lle esixo aos demais que me falen na miña lingua. Máis ben terei que facer o esforzo por habituar o meu ouvido á lingua do país no que estou e por integrarme nel (como fan moitas persoas estranxeiras que chegan ao noso país). Se cadra, incluso podo aprender moito desa nova lingua e son consciente de que teño que comunicarme con persoas que non falan coma min. E hai moitos xeitos de comunicarse. Juan Soutullo Educador social e animador en Amencer


Vós mesmos dicides que non tedes contacto co galego, nin na casa, nin na cidade, no tempo libre ou na animación. Se a nosa lingua, o galego, vivise unha situación de normalidade, isto non acontecería. Estudos recentes demostran que se está a producir unha importante perda de falantes, sobre todo nas idades máis novas, e isto é debido fundamentalmente á creba do elo da cadea que é a transmisión familiar. Vós mesmos dicides que o contorno onde vos movedes é castelanfalante, que é mínimo o contacto co galego; agora ben,vós tivestes e tedes a sorte de contar coa posibilidade de aprendelo na escola. O que é necesario agora é crear espazos de uso, co fin de reforzar aqueles mozos e mozas que o utilizan habitualmente e permitir que aqueloutros que non teñan contacto con el o poidan ter. Fálase do ensino como un dos piares fundamentais para a normalización da lingua, o ensino formal, mais tamén o informal. A aprendizaxe dunha lingua non pode limitarse ao uso dela na aula, precísanse espazos onde o seu uso sexa o normal e habitual. E aquí estades vós, nese espazo educativo privilexiado, onde a influencia sobre as persoas coas que traballades é enorme, persoas nun momento da súa vida no que se forxa boa parte da identidade do individuo, onde hai unha sensibilidade especial para aprender novas cousas e ter novas experiencias. A opción de lingua que escollades é decisiva. Anímovos a que vos empapedes de cultura galega: música, audiovisual, literatura, banda deseñada, etc., para servirdes de guía a vindeiras xeracións. E non teñades medo de non dominar a lingua, porque como mellor se aprende unha lingua é falándoa.

Mónica Fernández Normalización Lingüística do Concello de Ourense


Non resulta fácil refutar, cambiar, calquera actitude ou prexuízo, e menos os lingüísticos cara ao galego nos tempos que corren. De todos os xeitos, tentarei dicir algo. 1. Os educadores e educadoras no tempo libre que traballan en Galicia deberán formar a nenos, nenas, mozos e mozas en moitos valores, uns universais e outros propios. Un destes últimos é o da cultura da terra na que viven. Se non teñen problema algún para falar e facer actividades arredor do magosto, o carnaval ou os xogos tradicionais (por citar só algúns dos temas), non é moi lóxico que renuncien a falar o idioma propio, o sinal de identidade fundamental da terra na que desempeñan o seu labor. 2. Imaxinemos a seguinte situación: supoñamos que o educador ou educadora dominase perfectamente a lingua inglesa, ata o nivel de poder falala nas súas actividades diarias cos seus grupos; imaxinemos que estes grupos entenden todo, aínda que eles non sexan capaces de falalo tan ben… ¿Non sería de gran utilidade para os grupos nos que se traballa que ese monitor ou monitora lles falase no idioma que coñecen e que non dominan? Se a resposta á pregunta, neste hipotético caso, ten poucas dúbidas, ¿por que ía ser diferente no caso dun monitor galegofalante traballando con potenciais (ou reais) galegofalantes? Os nenos e nenas dos grupos cos que traballan entenden o galego, pero en moitos casos non o dominan o suficiente como para falalo; que o utilicen os monitores, ademais de elevar o status do galego ante os cativos, tamén contribúe a que o dominen mellor. Se animadores e destinatarios da súa acción dominan dous idiomas, é lóxico que todos utilicen ambos; e isto no caso do galego e o castelán, ou do alemán e o inglés. Antonio González Profesor universitario. Membro da ANPA e do ENDL Salesianos-Ourense


Opino que na universidade hai moita máis liberdade para expresarse, pero estou de acordo con que existen situacións nas que se aprecia certa diglosia. O profesorado é libre para utilizar o idioma que queira nas súa exposicións maxistrais; por iso en moitas ocasións sucede que profesores impoñen un idioma e restrinxen outro. O conflito lingüístico vese agudizado por facultades. Nalgunhas como Dereito ou Empresariais predomina o castelán sobre o galego, e noutras como Filoloxía, o galego. E existen situacións nas que o idioma é relegado por medo a que te etiqueten, pois o galego adóitase relacionar coa aldea e cun status inferior, idea que segue a manterse nalgúns centros da universidade. Carlos Hermida (18 anos) Comisión Xalgarete


Pois mira, a miña experiencia éche totalmente a contraria. Cando saín fóra de Galicia, o “efecto morriña” fixo que mirara para o meu idioma con máis agarimo e con maior preocupación. Con catorce anos marchei para León e foi alí, durante catro anos, onde lin máis literatura galega; foi fóra de Galicia onde sentín maior necesidade de saber algo máis da historia e das aventuras do meu país. A familia, o mar e a lingua eran os tres regalos da vida que máis botaba en falta. Moito tempo despois, tendo xa eu os vinte e oito, vivín tres anos en Roma. Aínda lembro aqueles tempos, cando aínda non había Internet: con que ansias agardaba o breve informativo que Radio Exterior de España daba en galego contra as dúas da tarde! Lembro tamén como, a medida que ía aprendendo italiano, cando falaba en grupos do centro xuvenil adoitaba dicir moi frecuentemente “pois na miña lingua esta expresión vosa dise de tal xeito”. E así compartía coas mozas e mozos italianos a súa lingua e tamén a miña. Lembro tamén as ansias coas que agardaba a chegada da revista Irimia e de calquera outra que me trouxera novas do meu país e que o fixera na miña lingua. E compartín estas mesmas ansias con outra xente galega que tamén por aqueles anos estudaba en Roma. Que gozada era para nós ir pola rúas da cidade falando na nosa lingua! E máis gozo aínda se chovía porque soñabamos un pouco que aquelas rúas romanas nos devolvían ás compostelás! Coido que non perdín soltura cando estiven fóra, senón que gañei agarimo, respecto e preocupación pola miña lingua; e uns desexos enormes de contribuír a que non se perda a fala deste país dos mil ríos, desta Terra eternamente verde. Por min non ha ser. Xabier Blanco Federación Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia


Comprendo perfectamente as persoas que deron esta resposta porque este moi ben podería ser o meu caso. O problema xorde cando as persoas que se dirixen a min non o fan en galego, senón en castelán: sen decatarme, contesto neste idioma. Pero quen che di a ti que a elas non lles pasa o mesmo? Por se fose así, os que comezamos a conversa deberiámolo facer en galego. Eu son da opinión de que por algo se comeza, de que temos que pórlle vontade. Seguramente as persoas ás que van dirixidas estas palabras entenden perfectamente a mensaxe, xa que galego e castelán conviviron na nosa sociedade durante moitos anos. É lóxico e natural que mesturemos ambas as dúas. O galego ten un problema engadido: o que falamos e escoitamos na nosa casa e na sociedade en xeral –a lingua no seu rexistro popular, coloquial- non é o mesmo que o que estudamos nos libros, e a nós parécenos que se non utilizamos a norma –a lingua na súa variedade estándar- xa o estamos facendo mal. Dende o meu punto de vista non debería ser así. Pero o camiño faise pasiño a pasiño...! Temos que ir camiñando pouquiño a pouco e falando en galego sen ese sentimento de facérmolo mal. Pablo Barrio (16 anos) ENDL do colexio salesiano Mª Auxiliadora de Ourense. Comisión Xalgarete


As linguas son expresións da diversidade cultural do ser humano. Por que non existe un único idioma? Porque cada cultura ten no seu unha expresión única, o seu principal sinal de identidade. Falando galego activamos a nosa creatividade cultural, recreada día a día por milleiros de persoas a pesar dos obstáculos. Durante séculos os galegos nomearon as ferramentas na súa lingua. A palabra ‘vasoira’, por exemplo –de xestas e madeira- foi desprazada pola española ‘escoba’ cando comezaron a comercializarse as vasoiras de plástico, a mediados do s. XX. A castelanización desprazou o léxico do galego, lingua recluída nos ámbitos familiares e informais. Só nos últimos anos do s. XX o galego entra na escola, na internet... e noutros ámbitos de prestixio. Chegamos ao s. XXI cun déficit de prestixio, cunha lingua en vías de normalización. En calquera ocupación, actualizamos e construímos a lingua: calquera profesional que utiliza o galego no traballo, antes debeu formarse no seu léxico específico, como lle sucede a calquera en calquera outra lingua. Ser conservador é fácil. Transformar supón esforzo, crea conflitos. Por iso, para quen queira mellorar a calidade do seu traballo na animación –outro xeito de construción social-, o galego é fundamental; a lingua achéganos a identidade, unha das principais creacións socioculturais. En galego hai menos recursos, mais cada día aparecen novos materiais, elaborados por profesionais entre os que ti podes estar. Sen esquecermos os irmáns de lingua: Portugal está aí; e Brasil ten unha experiencia de traballo social importantísima! Séchu Sende Profesor e escritor


En realidade, pensar nunha lingua ou noutra é unha cuestión que ten moito que ver co hábito ou a rutina. De feito, as persoas bilingües pensan en cada momento na lingua que están a falar. Non só as bilingües máis ou menos perfectas; mesmo cando unha persoa utiliza unha lingua nunhas actividades determinadas (por exemplo, na súa profesión), distinta da que emprega habitualmente, tamén é corrente que pense naquela lingua cando está realizando as actividades que corresponden a esa profesión. Por tanto, a fase de ‘pensar en castelán’ e despois ‘traducir ao galego, para poder falalo’, acábase superando despois dun período de práctica intensa do galego, aínda que esta só se faga en ambientes determinados. Eu, por exemplo, en moitas ocasións son incapaz de dicir en cal das dúas linguas, galego ou castelán, estou pensando. Aínda máis, como case toda a bibliografía sociolingüística está en inglés, e teño que dar conferencias e escribir artigos académicos en inglés, hai expresións e palabras da sociolingüística que me saen mellor en inglés que en galego ou castelán. E mentres traballaba en California, a miña dona díxome que me oíra soñar en voz alta en inglés. É certo que cando un está afeito a falar unha lingua con determinadas persoas ou en determinados contextos, fáiselle violento usar outra, mesmo pode dar a impresión de que soa un pouco ‘falso’. Pero esa impresión pasa decontado. É como cando aprendes unha palabra nova: as primeiras veces que a oes e a usas se che fai un pouco rara, pero así que a incorporas ao teu falar e outras persoas da túa contorna tamén o fan, convérteseche no máis natural do mundo. Non hai que mitificar a asociación entre lingua e pensamento: este ten un núcleo non verbal, que despois de formulado pode ‘envorcarse’ no molde dunha ou outra lingua. Todos temos a experiencia de pensar nunha cousa e que non che sae a palabra: no pensamento tes a cousa e a palabra vén despois. A competencia lingüística nun idioma depende moito de factores prácticos, e sobre todo dous: o tempo de exposición a ese idioma (canto máis o oes e estás mergullado no seu ambiente, mellor), e a cantidade de tempo que se practica (canto máis o falas, máis fácil resulta falalo). Con iso, e un pouquiño de vontade para ir corrixindo erros e enriquecendo os recursos expresivos no idioma, é de abondo. Ao contrario das máquinas, as linguas non se gastan co uso, senón que, pola contra, fanse mellores e máis novas. Henrique Monteagudo Profesor (de Sociolingüística) da Universidade de Santiago de Compostela


Certo, tamén se fala castelán en Galicia, pero só o galego nos fai galegos. Os seres humanos na procura da felicidade andamos moitos camiños, pero todos haberán de pasar por sermos o que somos, e nós somos galegos. Claro que se pode ser galego falando en castelán ou francés ou bérber… porque cada quen fala o que quere, pero galego só o é o galego. Falalo significa facelo visíbel e comprometerse contra a súa desaparición. Falar galego significa tomar a decisión de nos poñer a favor da lingua máis débil, de cobrar para nós o dereito á diferenza, de estar cos nosos de antes, de agora e de sempre. Hoxe é unha forma de rebeldía fronte aos que desexan impoñernos un mundo uniforme, cun pensamento único e dirixido. Falar galego é ter un signo de identidade propia no mundo, ser, a par de calquera en dignidade e grandeza, nin por enriba nin por embaixo de ninguén, único. Aínda sendo certo que en Galicia tamén se fala castelán, falar galego significa ser quen de escoller o camiño máis claro de ser galego. Ninguén que fale galego descoñece o castelán, mentres que xa hai rapaces e rapazas que falan castelán e non saben falar galego; isto significa empobrecerse. Falar galego enriquece a vida dos galegos e galegas. Falar galego significa pertencer a unha comunidade de falantes de douscentos millóns de persoas. Falar galego engrandece os nosos horizontes. Xabier P. DoCampo ProLingua


Eu contestaríalles con outras preguntas; é dicir, á galega: “Mais logo... para que me pegue falar galego, teño que pór boina e chaqueta de pana... ou preferides que poña unha estrela vermella na lapela?; non vos teriades que estrañar vós de estardes falando sempre en castelán, cando podiades presumir de terdes unha lingua propia coa que comunicarvos? Dáme que o que vos pasa é que tendes vergoña porque non sodes capaces de falar en galego e escondedes a vosa incapacidade debaixo dos vosos risos. Quen é o raro: o que presume do que ten e se gaba de telo, ou o que acode ao de fóra por inseguridade no propio? Que vale máis: o que pode, coma min, elixir en que lingua che quero falar, ou ti que me tés que falar en castelán porque careces das suficientes habilidades para empregar o galego?”. Reme Forneiro Coordinadora ENDL (FERE) na zona de Ourense


 MARTÍNEZ, Xurxo. “Son neofalante”, artigo publicado en http://www.vieiros.com/columnas/opinion/1001/ son-neofalante.

 PEREIRO, Xosé Manuel. “Sobrevivir en gallego”, artigo publicado en El País o 24/09/09.  LEMA, Xosé María. “Caldeiros e lingua”, artigo publicado o 11/10/09 na sección Cartas al director de El Correo Gallego.

 Entrevista a Agustín FERNÁNDEZ PAZ. “Vivir en galego convértese ás veces nun exercicio case heroico”, en       

www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=370809. En http://www.ctnl.org/web/descarga.php?idc=2&pag=0&ids=36, encontraremos recollidas as conclusións e conferencias do V Curso de Verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua: do compromiso individual aos argumentos”, celebrado os días 15, 16 e 17 de xullo de 2009 en Carballo. “Decálogo polo galego” que Callón recolle no seu artigo “Fartos de ceder e ceder” publicado en Galicia hoxe, e recollido na páxina web de Prolingua: http://prolinguagalega.org/?s=fartos+de+ceder+e+ceder (dá consellos para os que queren comezar a falar galego) Alguén que se cansou de argumentar unha e outra vez contra os distintos tópicos sobre a lingua e decidiu recollelos en: http://eltoupoquefuza.blogspot.com/2007/05/tpicos-sobre-lingua-galega-iv.html Os prexuízos lingüísticos: escolma e clasificación (adaptación dun traballo de Freixeiro Mato): http://trafegandoronseis.blogspot.com/2009/04/prexuizos-linguisticos.html www.prolinguagalega.org www.queremosgalego.org www.amesanl.org


 Linguas cruzadas, documental dirixido e guionizado por María Yañez e Mónica Ares, sobre o estado da lingua galega entre a xente nova. Foi emitido pola TVG o 17 de maio do 2007. Podes velo en http://video.google.com/ videoplay?docid=-7399630610169788180#  Por que en galego? Un vídeo do alumnado do IES Leiras Pulpeiro achegando razóns para falar galego. Foi 2º premio da campaña "Entre Nós en Galego" no ano 2005. http://www.youtube.com/watch?v=j7CnItWjoqQ  Comedia bífida, obra representada pola compañía de teatro Nobicarelo; montaxe a cargo de Tero Rodríguez. Obra baseada no libro do mesmo título de NÚNEZ SINGALA, publicado pola editorial Galaxia no 2007.  Bicos con lingua, representada polo grupo Talía Teatro a partir dos contos de Longa lingua. Os contos da Mesa, libro publicado por Xerais.

 FREIXEIRO MATO, Xosé Ramón. Lingua galega: normalidade e conflito, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 1999.

      

GARCÍA NEGRO, Pilar. Direitos lingüísticos e control político, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2000. GARCÍA NEGRO, Pilar. Sempre en galego. Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 1993. IGLESIAS, Ana. Falar galego: “no veo por qué”,. Editorial Xerais, Vigo, 2002. MONTEAGUDO, Henrique. As razóns do galego. Apelo á cidadanía. Editorial Galaxia, Vigo, 2009. PORTAS FERNÁNDEZ. Língua e sociedade na Galiza, Baía Edicións, A Coruña, 1997. REI-DOVAL, Gabriel. A lingua galega na cidade no século XX, Edicións Xerais, Vigo, 2007. RODRÍGUEZ, Francisco. Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 1991.

   

SENDE, Séchu. Made in Galiza, Editorial Galaxia, Vigo, 2007. DE TORO, Suso. Así foi, doutor. Conto publicado por Castromil e Ir Indo Edicións. TUSÓN, Jesús. Mal de linguas, Edicións Positivas, Vigo, 1990. VV.AA. Sobre o racismo lingüístico. Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2009.


Edita: Asociación Xuvenil Amencer Praza D. Bosco, 1 - baixo 32003 - Ourense Tfno. e fax: 988 218 123 Correo-e: amencer@amencer.org Web: www.amencer.org

Para animar en galego, sen escusas nin atrancos Cadeno Xalgarete Nº2 Ano 2009

Director: Xulio César Iglesias Coordinación e corrección Lingüística: Maria Xesús Sanchez García Mesa de Redacción: Carlos Hermida, Pablo Sobrino e Iago Sumavielle da comisión Xalgarete Deseño e maquetación: Adrián R. Cruz Colabora:


Para animar en galego sen escusas nin atrancos