Page 1

SATURNALIA Traducido ao galego dende un texto de Amparo Moreno no blog Hortus Hesperidum.

Festas en honra de Saturno, instituídas no 497 a.C., a.d. XVI Kalendas Ianuarias (17 de decembro) para conmemorar a inaguración do seu templo. Nun principio só duraban un día. Pero César deulle dous días máis, Augusto e Calígula aumentaron cada un un día e Domiciano dous máis, co que chegaron ata o 23 de decembro. Comezaban cun sacrificio no templo de Saturno no foro, onde estaba depositado o erario ou tesouro público gardado polos cuestores. Alí liberábase á estatua do deus da cinta que rodeaba o seu pedestal para impedirlle que abandonase Roma. Neses días na cidade había unha gran ledicia xa que non había clase, nin sesións do Senado, nin xuízos, nin se executaban as sentenzas de morte, en cambio concedíase a liberdade aos prisioneiros, quen deixaban as súas cadeas no templo de Saturno como agradecemento, invertíanse as clases sociais e os escravos que levaban o pileus (gorro cónico) como símbolo de liberdade (vide. infra) ían vestidos coas roupas dos seus amos e eran servidos por eles, aos que podían criticar sen medo. Saturno (1636), Rubens (Wikipedia) Estaba permitido facer sorteos de lotería e levantábase a prohibición dos xogos de azar, celebrábanse banquetes públicos, facíanse agasallos, velas e sigillaria (bonecos de terracota) e había espectáculos de gladiadores. Nos banquetes sorteábase o cargo de princeps Saturnalicius que daba mandatos irónicos e burlescos aos seus temporais súbditos, impondo a súa vontade.

1


«Unha vez que os dados deciden que sexas o rei, tes dereito a que ninguén che impoña ningunha orde ridícula e, con todo, ti podes ordenar a quen se che antolle que diga algo vergonzante acerca de si mesmo, podes ordenar a outro que cargue aos ombreiros á frautista e que a pasee pola casa» (Luciano, Saturnalia IV). A representación gráfica do mes de Decembro no calendario de Philocalus (ver imaxe infra, ano 354 d.C.) evoca a festa das Saturnais xa que nos mostra, entre outros motivos, unha mesa de xogo con dados e gobelete e na marxe lateral di: "Agora, escravo doméstico, podes botar unha partidiña co teu dono". Isto podía entenderse en sentido estritamente literal. Sabemos que nas Saturnais o escravo tiña licenza para "dar a volta á tortilla" e dicir ao seu dono verdades incómodas. O mundo quedaba patas arriba e podía ocorrer que os señores servisen aos seus propios escravos.

2


Así nos conta Marcial as Saturnais, Libro XI Epigr. VI Unctis falciferi senis diebus, regnator quibus imperat fritillus, versu ludere non laborioso permittis, puto, pilleata Roma. 5 Risisti; licet ergo, non vetamur. Pallentes procul hinc abite curae; quidquid venerit obvium loquamur morosa sine cogitatione. Misce dimidios, puer, trientes, 10 quales Pythagoras dabat Neroni, misce, Dindyme, sed frequentiores: possum nil ego sobrius; bibenti succurrent mihi quindecim poetae. Da nunc basia, sed Catulliana: 15 quae si tot fuerint quot ille dixit, donabo tibi Passerem Catulli. Nos días xubilosos do ancián armado de fouce (1), nos que domina como rei o gobelete dos dados (2), permites, eu creo, Roma cuberta co gorro dos libertos (3), chancear con verso non laborioso. Riches; está permitido, xa que logo, non se nos prohibe. Marchade lonxe de aquí, pálidas preocupacións; vou falar de todo o que se me ocorra, sen fatigosa meditación. Serve, raparigo, viño ata a metade nunhas copas como as que Pitágoras (4) ofrecía a Nerón, serve, Díndimo, pero en máis número: eu sen beber non son capaz de nada; cando bebo, veñen na miña axuda quince poetas. Dáme agora bicos, pero como os de Catulo (5): se fosen tantos como os que el dixo, eu regalareiche o paxaro de Catulo. (1) Saturno. (2) Porque nos días ordinarios os xogos de azar estaban prohibidos. (3) Usábase durante as Saturnais en sinal da liberdade de que se disfrutaba (4) Copeiro de Nerón (5) Cfr Catulo V (6) De sentido ambiguo. Pode tratarse dun gorrión ou ben do libro de Catulo ao que se lle daba este nome. 3


E agora, o final das Saturnais: Libro V, Epigr. LXXXIV Iam tristis nucibus puer relictis clamoso revocatur a magistro, et blando male proditus fritillo, arcana modo raptus e popina, 5 aedilem rogat udus aleator. Saturnalia transiere tota, nec munuscula parva nec minora misisti mihi, Galla, quam solebas. Sane sic abeat meus December: 10 scis certe, puto, vestra iam venire Saturnalia, Martias Kalendas; tunc reddam tibi, Galla, quod dedisti. Xa o neno, entristecido por abandonar as noces (1), é chamado de novo polo mestre berrón e o tafur, traizoado violentamente polo gobelete sedutor, sacado inmediatamente do garito clandestino, bébedo pide clemencia ao edil. As Saturnais terminaron totalmente e non me enviaches pequenos agasallos nin menores do que afacías. Vaiase en boa hora o meu Decembro: sabes certamente, creo, que se achegan xa as vosas saturnais, as calendas de Marzo (2). Entón devolvereiche, Gala, o que me regalaches. (1) as noces eran o xogo propio dos nenos. Con elas entretense durante as vacacións (2) o 1 de marzo era costume facer regalos ás mulleres. PILEUS: Aquí atoparás unha descrición do gorro frixio e unha plantilla para facer un. E aquí verás o seu uso como símbolo de liberdade tras o asasinato de César nos idus de Marzo do 44 a.C. Esta identificación do gorro frixio cónico coa liberdade chegounos ata hoxe como podemos ver nas alegorías da República.

Exemplo de Pilleus nas estatuas colosais dos Dioscuros da praza do Campidoglio en Roma (fonte: Wikipedia)

4


Saturnais (17-23 de decembro): contra a represión, libertinaxe (Fonte: O olmo dos falsos soños. Por Xosé Manuel Otero).

Escribía Hesíodo en Os Traballos e os Días que durante a Idade Dourada a terra producía a man chea, non había guerras, so concordia, ninguén se afanaba por facerse rico, polo que todo o mundo vivía feliz e contento. A escravitude e a propiedade privada eran conceptos descoñecidos, todos os homes dispoñían en común do que a natureza regalaba.

Lucas Cranach (1472-1553). A idade de Ouro. Imaxes Google.

Saturno, deus da agricultura e a sementeira, viviu na terra como un rei da Italia agreste dos primeiros tempos e conseguíu coa súa bondade que aquelas xentes rudas e disgregadas se agrupasen, e como isto non era pouco, del aprenderon os segredos da agricultura e a lei como garantía de convivencia. Saturno foi o portador da felicidade da Idade Dourada para as terras ítalas. Pero chegou o día en que este bo deus desapareceu de forma inesperada, pero non a súa memoria, pois os homes agradecidos contruíron templos, e moitos outeiros e sitios elevados de Italia levaron o seu nome e na súa honra celebráronse a festas Saturnais, que tiñan lugar no último mes do ano, ligadas á temporada agrícola: sementeira ou colleita.

5


Polos testemuños que nos deixaron os escritores antigos, enchentes, borracheiras, libertinaxe, calquera maneira de dar co pracer son as trazas que definen esta celebración. Durante sete días, desde o 17 de decembro ata ó 23, en todas as casas, rúas e prazas de Roma lémbrabase a liberdade que reinaba nos tempos de Saturno concedendo aos escravos a licencia de sentar á mesa dos amos, inxurialos, emborracharse con eles, sen que o amo puidese facerlles o máis mínimo reproche. Por un tempo quedaba abolida a discriminación social: non hai escravos, todos se comportan como os homes libres. En todo caso eran os señores os que servían aos escravos. Esta inversión de papeis chegaba a tal extremo que cada familia era un escenario burlesco no que lei e moral quedaban agochadas nun recuncho, para non perturbar aquel gozo de efímera liberdade. Normalmente o estoupido de forzas reprimidas dexenera en orxía ou en rebumbio extravagante, xa que as paixóns máis escuras atopan a saída que se lle nega na tranquila e xuizosa vida ordinaria.

Les Saturnales ou l´Hiver. Callet Antoine-François (1741-1823)- Fot. R.M.N.

6

Saturnalia  

Documento sobre as Saturnalia, tomando como fontes o blog Hortus Hesperidum e O Olmo dos falsos soños

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you