Page 1

O SABIO DO DESERTO Un ancián sabio ía camiñando só polo deserto. Marchaba lentamente contemplando o camiño. De cando en cando detíñase, observando o terreo e movía a cabeza como respondendo a un pensamento. De súpeto, viu que de lonxe viñan dúas figuras e detívose a esperalas. Eran dous mercadores que daban mostras de inquietude. Cando chegaron ao seu lado, o sabio pregúntolles: - Perdestes un camelo? - Si, perdémolo –dixeron eles estrañados. - Non era cego do seu ollo dereito e coxo da súa pata esquerda? –insistiu o sabio. - Era –replicaron os mercadores. - E non levaba unha carga de mel nun lado e de trigo no outro? - Si! Ese é o noso camelo! E xa que o viches, dinos cara onde se dirixía – dixéronlle. - Amigos meus, xamais vin o voso camelo, nin oíra falar del, ata que vós o fixestes. - Vaia conto! –exclamaron os mercadores. –Veña! Dinos inmediatamente onde están as xoias que formaban parte da súa carga. - Non vin o voso camelo nin as vosas xoias –repetiu o sabio. Os mercadores denunciárono e foi detido. Pero por máis que o rexistraron non atoparon nada, e non puideron acusalo de ladrón, aínda que todos o crían así. Antes de deixalo libre preguntáronlle o xuíz e os mercadores: -Como sabías tantas cousas sobre o animal, se dis que nin sequera o viches? O sabio con gran calma, dirixiuse ao tribunal e contestou: -Vivo só desde hai longo tempo e dedícome a observar ben as cousas. Souben que me crucei coa pista dun camelo que ía sen dono porque non vin pegadas humanas na ruta; souben que o animal era cego dun ollo porque só pacera algunhas herbas a un só lado do camiño; que era coxo dunha pata, porque a pegada desa pata na area era máis feble; e concluín que o animal levaba trigo e mel, porque as traballadoras formigas me informaron de que era trigo nun lado, e as amoreadas moscas de que era mel no outro. - Verdadeiramente, es un home sabio –dixo o xuíz –e vexo que dis a verdade. Que pensades vós? –engadiu dirixíndose aos dous mercadores. Os dous homes recoñeceron que o vello era inocente e, tras pedirlle desculpas polas súas sospeitas, marcharon admirados por tanta sabedoría. Lenda africana

Audio Galego 2012  

Audio Galego 2012

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you