Issuu on Google+

Textos lidos pola actriz M贸nica Cama帽o na TERTULIA do IEM

05-04-2013


Cantar de Reis na Costeira. “... xa me dixo meu pai...” Aroma de madeira e tabaco. Asubía o vento e baten nas tellas as polas das maceiras como meigas na noite pedindo acubillo. Auga. Auga e vento. E máis auga. Augas levadas... Noite de camiños negros. Ai, que os Reis non van dar subido o Freixo! E a lúa chisca un ollo na casa da Mangallona. Tocan as campás: morreu o cura vello. Tocan as campás: morreu o Papa novo. Ladaíña de gatos nos tellados. Tocan as campás: hai un aforcado na freguesía. Barcos na néboa penetran o val. Tocan as campás a arrebato: chaman polo xentío para que suba ao Mato. Sirena de Massó, ula? Ouvear de cans: morreu o cura novo. Tocan as campás: afundiu un barco. Bombas de palenque presentan a un Entroido que nunca quixo morrer e resucitan ao son das gaitas as Letras Galegas no Castrillón. Tocan a arrebato as campás: hai lume no Monte da Pena. Lume! Óese o chifro do capador: un porco responde cun aturuxo de matanza.


E tocan as campás. E entre os fumes da mañá de invernía, arrecendo de caña na do Senén. E óese o disco na Escola, mentres o Sr. Jesús ten os bos días no sorriso. Arrecendo a flor de laranxeira. Ule a primavera na alborada da Festa das Mozas: flores e foguetes, cornetas e pólvora, locen con fachenda no ar. E para acordar o día, afinan gaitas entre a xeada. Adormeceu a roupa branca ao clareo sobre a herba recendente, murmura o regato que ven de moer o millo na de Fausto, e voa Carmiña coa fariña. Bombas de palenque: chega a banda á de Docío. Ducias de bombas de palenque: chegou a banda ao Adro e mulleres bailan con mulleres. Os homes matan a vergoña do baile no frescor dun trago na Cova. E auga de mil fontes peneira os comareiros e o esterco gorenta as terras de labor. E déitome nunha almofada de mazás tecida polas de Cordeiro e agardo pola ladaíña tardía de Manolo Casilda:”Porque xa me dixo meu pai, que eu era o mellor ghaiteiro do mundo!” E aplaudíanlle os cans mentres subía a súa fala pola noite de Coiro. E agora, cando xa non se oen as ondas nin cheira a mar no Campo dos Aparellos, deito estas palabras na fenda da pereira vella , a que viu namorar ao avó, a máis vella da Xanfreira, para que cicatrice da última galerna de abril, e poida seguir cantando os aromas e os sons da aldea. Heille facer un colar de pampillos mentres procuro tromentelo para o cacho en auga de sete fontes, e recibo as ondas na Ponte do Sinal para fecundar a MEMORIA CURTIDA EN COIRO. A Xanfreira, Maio do 2008


Antela Cid - M贸nica Cama帽o


-Romeiro, romeiro, quem es tu? -Ninguem! Almeida Garrett, Frei Luis de Sousa.

Eu só quixera falar na escena... Cando polo outono recibín este convite, aceptei coa seguridade da máscara do traballo recente, porque nós, traballadores/as da interpretación nos acubillamos e medramos ao socairo dunha máscara. Agora na primavera, cunha invernía polo medio sen a usar, collera piolla, dábame reparo, pudor, acenar desde a máscara, incapaz mesmo de a usar... Pero como falar desde o eu en tempos de devastación, desmantelamento, demolición, desbaldimento empurrados ao baleiro por Dédalo? Estes días saltou á escena mediática “Ícaro Feijoo” como escribía Suso de Toro... Quen son eu? E véñenme agora os versos que empregamos na primeira montaxe de Teatro Nu, Coa palabra na lingua, na que traballamos arredor da poesía galega e portuguesa do s.XX:


Non, non son quen de erguer a miña voz e proclamar que podo facer versos, se a penas sei ollar en cada tarde as cores que todos chaman ceo. Teño mans de labrega e só sei certo levantar o legón sobre as palabras, sachalas a destempo, desfacelas, partilas en anacos, derramalas. As metáforas foxen destas liñas que se quebran a cada novo intento. Non, non son quen de erguer a miña voz, o meu sacho contra os vosos versos. Marta Dacosta

O meu sacho era o meu traballo, o meu corpo adestrado nas leiras da escena, o meu sacho é unha máscara. Sen ela, con que eu traballo para vos falar?

a. Eu-aldea? Aldea como terra, nación, quen son, isto é de onde veño como xa escoitastes. b. Eu-muller? Onde fica a muller, onde ficou a nena, mulleres da memoria e da solidariedade, o que son. c. Eu-actriz? A traballadora, o eu do que facer, do proxecto vital, onde quero ir...


Cal é a trabe que sustenta? Roberto Vidal Bolaño deixou dito “Eu son un home... un señor maior con sombreiro, que de xeito irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas e sen embargo por iso máis grandiosas”. Tamén Ionesco nos seus Diarios dicía “ Se é absolutamente necesario que a arte e o teatro sirvan para algo, será para ensinarlle á xente que hai actividades que non serven para nada e que é indispensable que as haxa”.

Desde nena, desde os anos do mimo en Ancoradouro da man de Vázquez Pintor, houbo unha loita no meu maxín entre os azos que de esguello me levaban a voar e fantasiar escenarios posíbeis dunha vida na escena e a outra ilusión que era ser profesora de historia ou de galego: a lingua foi o estudo que triunfou porque parecía máis “realista” para o mundo do que eu viña, que aquela cousa nunca verbalizada por min de querer ser actriz. Botei anos coa vergoña de dicir que vivía de ser actriz porque me parecía soberbia cando eu era dos “levantados do chan”, e máis desde a humildade case humillada da condición muller me deixou marcada Manuela de Cordeiro miña avoa, que me censuraba os brincos dos meus bailes descarados.

Era actriz era certo. E ironías da vida, cando asumo que debo ser actriz, que o son, a penas o exerzo. E a vergoña é maior porque parece que nunca fixen nada, que nunca fun nada... Se no outono tiña azos para asumir este e os compromisos que me botaran enriba, por que agora no agromar da primavera dubido de todo? O eu-muller está sempre sostido na aldea, pero se falta proxecto, se faltan ollares no futuro, pérdese na incerteza. E aquí podemos establecer un paralelismo perverso: ese “vivir por riba das posibilidades” co que nos envelenan, e o dereito a vivir no teatro galego, na cultura galega. E xa temos a tríade dos tres eu-aldea-muller-actriz engulida de vez: se á cidadanía se nos


culpa da desfeita, do saqueo, do roubo... disto fica a mala conciencia de termos sido unha cidadanía que “democraticamente” confiaba cada catro anos nun sistema que a xeito de renovación de contrato a descargaba de responsabilidades, e deixaba a encomenda nuns “profesionais” que resultaron ser nunha grande parte unha fraude. Do mesmo xeito, a mecánica da culpa estigma da Igrexa ou do Kapital Killer (roubado do verso de Chus Pato) reflíctense no noso cativo sistema cultural: como eu, muller, da aldea, sen saga familiar coñecida alén dos carpinteiros e costureiras curiosas, e labregas, ousei pretender vivir nun mundo no que se persiste con moito esforzo, no que axuda a confianza da “boa familia” para resistir...? Isto escoiteillo a un director de teatro, español. Unha mágoa que non llo dixera ao director “periférico” Vidal Bolaño, dígoo así coa licenza de usar o cinismo querendo ser aprendiz de bruxo. Reparastes no seu uso desa ferramenta?

Hai personaxes de Roberto perfectamente definidos pola súa fala, na fina retórica, nos discursos e conflitos construídos en numerosas ocasións con grandes doses de cinismo, como recoñece o personaxe de Moncho en Rastros: “ Se o dis con mentes de me ofender, lamento decepcionarte. Alágasme. Os cínicos eran membros dunha importante escola filosófica coa que, aínda que seña inmerecidamente, éncheme de orgullo que se me compare.”

Os personaxes que xorden da escrita dramática de RVB dan boa conta do posicionamento do autor no mundo e dos obxectivos do seu teatro: “Coido que escribín por demasiadas razóns diferentes. Ás veces incluso contrapostas. Porque si, por hixiene mental, para cambiar o mundo, para contribuír á liberación nacional popular das clases traballadoras e das camadas populares galegas,


por encargo ás veces, por vaidade case sempre, por aburrimento, para gañar algún premio, por despeito... ...Ou porque este ano á túa compañía tócalle producir unha de risa para cubrir perdas, xa que o ano anterior vos descolgastes cunha de chorar a xeito de reflexión pretendidamente profunda sobre o noso presente con ínfulas de traxedia moderna, e malia que tivo unha apreciación crítica excelente, esta non se reflectiu nas vendas. Escribín incluso para televisión, pecado este contra o que non se me preveu en ningunha catequese e ao que, hei de o confesar humildemente, houbo un tempo no que me entreguei con desenfreo, aínda sabendo que só agradecerían do meu traballo as estupideces... ...Estaba convencido que pese a ser galego, ter aínda un pé no s.XIX, carecer de tradición e pertencer aos arrabaldes do imperio, tiñamos dereito a expresarnos a través das imaxes en movemento, e podiamos, por que non, intentar facelo con dignidade, e quen sabe?, tal vez incluso con éxito.” Roberto Vidal Bolaño: “Si además creo algo de belleza, mejor”. Las actas oscuras, Ed. Hiru, 2003, paxs. 15, 16, 17, 18 e 19.

As criaturas de Roberto abordan e desbordan as problemáticas sociais e políticas do momento que retratan. Personaxes complexos nas súas varias caras, en absoluto planos, cargados de empatía cara o lector-espectador, mesmo co risco de que nos descubramos no debuxo dun personaxe fascista ou racista, personaxes provocadores no debate e discusión.

Están os personaxes que nadan no discurso, grandes manipuladores da palabra, como o cura castrense de Doentes, ou nas voces que resoan na catedral das Actas escuras, mesmo nos seus tellados onde vive Xan de Nartallo, un personaxe marabilloso que transita cara o máxico. Como no mundo máxico e da man da tradición literaria , bebendo directamente de Cunqueiro son os personaxes da Burla do Galo, onde unha vez máis o conflito vital xorde do poder, o da Igrexa. Este punto de confrontación


dialéctica coa Igrexa ten especial relevancia en Roberto, vese claramente no personaxe encarnado por el no Sen ir máis lonxe, na conversa do bufón co apóstolo: ”Esteas ou non esteas aquí, sexas ti ou outro, foron tantos os que creron e o cren aínda hoxe, que que sexa certo ou non é o que menos me importa. O que me trae é que, logo do que din que tés falado antes, esteas tan calado agora. Hai silencios que atronan. Que amedoñan polo baleiro que deixan, máis que polo que ecoan entre estas bóvedas. Sobre todo tal e como están hoxe as cousas aí fóra.”

Os seus personaxes dan conta da idea de xustiza social, confrontados cunha realidade hostil como é a Ester de Rastros, ou abafados por ela en roles lumpe-proletarios. E mesmo os atopamos nunha directa loita de clases, como exemplo disto as vidas que habitan a praciña de Saxo Tenor, en choque directo coa realidade e coa inxerencia burguesa que chega de fóra facendo abanar a pouca estabilidade social dos moradores.

E velaí o paradoxo: igualdade de oportunidades / igualdade de condicións. RVB devece por debuxar aos sen voz con retratos inzados de humanidade: coas súas bondades e miserias, conscientes e inconscientes de seren retratos da súa época. Roberto escribiu personaxes desde un teatro de recuperación dos tipos da cultura popular de tradición parateatral xa desde os primeiros textos, até reflectir os tipos do seu tempo como é a nova realidade social que naceu do urbanismo baseado nas vivendas xeminadas de Animaliños. Nesta obra, xunto con Criaturas, penso que é onde Roberto mellor nos retratou á sociedade contemporánea, explorando os rastros das relacións humanas, exquisito dialogar coa morte, coa terra, retratos non só desde o punto de vista social e político, porque tamén ironiza sobre o xeito en como a profesión


encara a arte.

Nestes días deume por imaxinar as posíbeis arroutadas lúcidas de Bolaño sobre a artista performer Marina Abramovic, por exemplo. En Roberto pensei de primeiras cando soubemos do roubo do Códice Calixtino, e nin que dicir das voltas e revoltas do caso con bombas de palenque finais de Vázquez Taín. E sempre e cada vez que os responsábeis políticos avergoñan a realidade democrática coas súas miserias e incompetencias. Coido que somos moitos os que afogamos na saudade da súa voz, na saudade da autoridade intelectual do mestre diante da desfeita da que temos bo exemplo na CULTURA. Expresábao moi ben onte Camilo Franco no artigo “RVB contra o universo mundo”: “Non era un profeta, era un campión da lucidez. Cada vez que o ignoraban e cada vez que lle prestaban atención volvía a erguerse, puña a cabeza por riba da media, pedía a palabra e volvía a explicar enfaticamente que o mundo está mal amañado e que hai que ir impacientándose porque unha cousa é a gobernación e outra cousa é o chuleo. Eu boto de menos que nas viciosamente circulares mesas redondas culturetas volva a pedir a palabra para acabar coas inercias da retórica.” Si, porque lucidez é o que máis falta nos “cráneos privilexiados” dos xestores públicos ao servizo dos mercados que se traduce en inacción, parálise, nas estratexias do esquecemento mentres sumamos forzas no camiño da loita polo dereito ao traballo, polo dereito á vivenda digna, polo dereito á saúde universal, polo dereito a un ensino laico, científico e de calidade, polo dereito á cultura. Si, á CULTURA, porque “coa que está caendo”, podemos lembrar a Maslow e a Pirámide das necesidades básicas na


realización do individuo: a cultura é fundamental para a plena realización da cidadanía, ou como di o verso de Bernardino Graña como hei vivir mañá sen a luz túa. E si, non nos cansaremos de dicilo: as artes escénicas son un servizo público, viven para o público e precisan da res publica como garante de saúde e democracia creativa e receptiva. Na tiranía dos mercados, pretenden confundirnos no desbaldir das súas políticas e no canto de falaren con claridade de que os plans de axudas no noso sector son investimento, que non gasto, que se recupera para as arcas públicas en cotizacións á seguridade social, IRPF, IVE, creación de emprego, e o valor engadido do servizo público que reporta a quen goza da arte, en todas as súas vertentes.

Hai responsabilidades e obrigas dos organismos competentes, recollidos mesmo pola UNESCO, que considera a promoción e defensa do teatro como parte indispensábel para unha educación completa das persoas.

FINS DE AGADIC Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural. Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.


Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Porén, desde hai tres anos vemos como sistematicamente as partidas económicas se resolven coa metade do investimento sobre reducións anteriores, cando non desaparecen de vez: desapareceron mecanismos como a FEIRA DAS ARTES ESCÉNICAS, programas como os Camiños da Cultura, modelo de compañías residentes, festivais que botan o peche, compañías que desaparecen, espazos que deixan de programar, premios de literatura dramática... Agora mesmo, a estas alturas do campionato aínda non sabemos que vai pasar este ano, e estamos en abril. Estamos na neve como di o cantar... Só sabemos de recortes por non dicir machadazos. Hai unha ausencia total de proxecto político cara a CULTURA; hai quen di que si o hai: estratexias de esquecemento para deixar morrer o tecido cultural galego no máis profundo silencio. Nesta conxuntura, desde hai ano e medio diversos colectivos do sector nos organizamos como PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS, na defensa do noso labor e polo dereito á cultura, para visibilizar a desfeita baixo o lema CULTURA CONTRA A MENTIRA e camiñar coas iniciativas cidadás. Nestas horas nas que o CDG reestrea Días sen gloria... nova da que non se daba conta no informativo da Radio Galega pero si do musical Grease que vai estar en xuño no Palacio da Ópera da Coruña, quero traer outra vez as palabras Bolaño de BELEZA, a conferencia arriba referida:


“En realidade escribo polo que está ao meu alcance, de entre canto de verdade me importa; por non estar calado, por amolar, para que non todo sexan musicais americanos ou clásicos, para que non duren tanto certos silencios e non me atorde o barullo dunha única voz resoando día e noite na mesma mesquiña e empobrecedora dirección. Se ademais creo algo de beleza, que o dubido, mellor”. Compostela, 5 de abril 2013 Mónica Camaño


www.minhor.org


TERTULIA do IEM Mónica Camaño