Page 1

1. INTRODUCCIÓN A Fundación Araguaney - Puente de Culturas, entidade cultural privada sen ánimo de lucro, naceu en 1984 en Santiago de Compostela. A prioridade fundamental da Fundación Araguaney - Puente de Culturas é promover o intercambio cultural entre España, América Latina e o Mundo Árabe, cunha clara vocación universal. Dende 2008 a Fundación é Membro da Alianza Global para a Diversidade Cultural da UNESCO. Para levar a cabo o seu propósito, a Fundación Araguaney sérvese da organización de exposicións, concertos, conferencias, obradoiros e, sobre todo, do Festival de Cine Euroárabe Amal que, no seu décimo aniversario, é o único festival de cine euroárabe de Europa e conta cunha das máis extensas videotecas de cine de orixe e/ou temática árabe.


2. HISTORIA DO FESTIVAL Dende 2003, Amal ofrece a espectadores e espectadoras de todas as idades a posibilidade de acceder a un cine que non chega ós circuítos comerciais pola falta de distribución. As películas e os coloquios con directores e directoras constitúen unha parte fundamental deste Festival que se converteu nun punto de encontro para impulsar o diálogo entre profesionais do sétimo arte. O Festival no só é cine, é cultura en estado puro: concertos, exposicións de pintura, ciclos de cine experimental e infantil, campañas informativas, xornadas adicadas ás mulleres, talleres de análise da linguaxe cinematográfica, cursos de cociña, danza, caligrafía, música, etc., fan de Amal unha inmersión integral na cultura árabe, tan próxima e afastada ao mesmo tempo. Todas estas actividades paralelas teñen como finalidade propiciar a curiosidade e o espírito conciliador dos nosos espectadores e espectadoras, que, xunto cos participantes das actividades paralelas do festival, sumaron un total de 14.713 na historia do Festival. Os nosos cursos e obradoiros centráronse en distintas áreas da cultura, tanto a nivel de iniciación como avanzado. Estiveron impartidos por profesionais, chefs, coreógrafos, directores de cine, músicos de renome, etc. e están dirixidos a un amplo público: profesionais, nenos e nenas, músicos, universitarios, etc.


3. CICLO AMAL Continuando coa tradición de colaborar e organizar mostras do festival, este ano a Fundación Araguaney quere dar a oportunidade de ver as mellores películas da última edición de Amal a todas aquelas persoas que non puideron asistir ao Festival. Para elo, a Fundación ofrece o Ciclo Amal de forma gratuíta a aqueles centros e institucións que estean interesados en proxectar, tamén de forma gratuita, as películas que o conforman. Para poder participar neste ciclo é precisa a formalización dun convenio entre a entidade ou centro participante e a Fundación Araguaney – Puente de Culturas. O ciclo Amal 2013 consta das seguintes películas:


LE THÉ OU L’ELECTRICITÉ Premio Amal 2012 á mellor longametraxe documental. Dirección: Jérôme le Maire Duración: 93 min País: Bélxica, Marrocos Ano: 2012

“Le thé ou l´électricité” é a historia da modernización dunha pequena vila illada no corazón do Alto Atlas marroquí. No proceso enfróntanse dúas visións de futuro: mentres uns pensan que o progreso pasa pola construción dunha estrada, outros apostan pola chegada da electricidade. Pronto se decatan do complicado que resultará chegar a un acordo. Jérôme le Maire (Liege, 1969) é un guionista e cameraman belga. É tamén o director do longo de ficción Le Grand’Tour (selecconado no Festival International de Rotterdam e en Cannes) e do documental Où est l’amour dans a palmeraie ? nomeado nos European Academy Awards premios ARTE.


RABAT Premio Amal 2012 á mellor longametraxe de ficción. Premio Amal 2012 á mellor dirección. Premio Amal 2012 á mellor interpretación masculina. Dirección: Jim Taihuttu e Victor Ponten Duración: 65 min País: Holanda Ano: 2011

Nadir, Abdel e Zakaria son tres amigos que poñen rumbo a Marrocos desde Holanda para cumprir cun favor aparentemente sinxelo: entregar o taxi do pai de Nadir ó home que o mercou. Durante o camiño vivirán situacións inesperadas e encontros con persoas que marcarán as súas decisións. Rabat non só fala da amizade dos tres mozos, senón tamén do conflito entre os valores de modernidade e tradición que vive a poboación inmigrante nas sociedades occidentais. Víctor Ponten (Arnhem, 1981) e Jim Taihuttu (Veno, 1981) coñecéronse por casualidade no 2000, os dous tiñan a mesma melodía nos seus teléfonos móbiles. Foi o comezo dunha fermosa amizade que os levou a crear a súa propia produtora: Habbekrats. Con ela escriben, dirixen e producen no 2010 a súa primeira longametraxe, RABAT, que se estreou con éxito nos cines holandeses no 2011.


ENSEMBLE Premio Amal 2012 á mellor curtametraxe de ficción Dirección: Mohamed Fekrane Duración: 17 min País: Francia Ano: 2011

París, 1942. Isaac, un neno xudeu, escapa dos nazis e refúxiase na Gran Mesquita de París. O Imán desta, Ahmed, axúdao e acólleo. Esta curta, baseada nunha historia real, amósanos a hospitalidade e cooperación xurdida entre a cultura musulmá e xudía no contexto de intolerancia e racismo do holocausto nazi. Mohamed Fekrane é un director de cine francomarroquí. Licenciouse en Comunicación Audiovisual en París e en Dijon, e desde o 1994 traballou para a Paramount, Sho TV e realizou dous capítulos de “24” para a Fox. Presentouse a distintos festivais de cine internacionais como Toronto, Sundance, Berlín e Dubai e está preparando a primeira longametraxe que realiza en Marrocos: “Injuste”, sobre a vida do líder rifeño Abdelkrim El Khattabi.


EID Premio Amal 2012 á mellor curtametraxe documental Dirección: Saaheb Collective Duración: 9 min País: Palestina Ano: 2011

Eid Suliman é un artesán do plástico que vive en Palestina baixo a ocupación israelí, onde se adica á fabricación de obxectos con pezas que os demais considerarían refugallo. A pesar de non contar coa aprobación da súa comunidade, conságrase con paciencia e paixón á construción de miniaturas, unha tarefa que lle fai ser optimista ante a situación de conflito que se vive nos territorios palestinos. O Colectivo Saaheb está composto por un grupo de amigos que cren no poder da arte e da creatividade como medios de transformación social. O Colectivo Saaheb fundouse no 2011 e “Eid”, que significa festa en árabe, é o seu primeiro proxecto colectivo.


BROMAS APARTE Dirección: Vanessa Rousselot Duración: 54 min País: Francia, Palestina Ano: 2010

Convencida de que o humor non ten fronteiras, unha realizadora lánzase, nun periplo nada habitual, en busca do humor en Cisxordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas do cotián, somérxena nun dos conflitos máis complexos da actualidade, onde ademais de controis e barreiras, tamén existe un espazo para as brincadeiras. Vanessa Rousselot é unha directora francesa moi nova que percorreu Cisxordania en busca do humor palestino. Os produtores apostaron pola promoción online do documental. Tamén realizou unha serie de retratos de debuxantes de cómics de Cartooning for Peace orixinarios do mundo árabe.

Ciclo centros socioculturais  

Ciclo centros socioculturais

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you